Evanxeo: Mt 15, 21-28
Comentario:
O evanxeo de hoxe ten moito que ver con todo o que sexa exclusión. Ten moito que ver, logo, con todos e todas nós, pois no mundo de hoxe abundan as exclusións, e a razón que damos para xustificalas é semellante á que nun primeiro momento daba tamén o mesmo Xesús para xustificar que non atendía, que non podía atender, a aquela muller pertencente á bisbarra de Tiro e Sidón, porque non era xudía, porque non era dos nosos: “Non é ben quitarlles o pan aos fillos para llelo botar aos cadelos”. (Os non xudeus eran insultados con frecuencia polos xudeus co nome de cans.)
O goberno español foi buscar ao Padre Miguel Pajares para atendelo en Madrid, pero non trouxo a outras dúas persoas pertencentes á mesma comunidade relixiosa, porque non eran españois, condenándoos a unha morte segura, morte que, por desgraza, tamén sufríu despois o mesmo Miguel Pajares. E seguro que a case todos nos sobran as razóns para esa exclusión: non eran dos nosos, non é ben quitarlles os recursos sanitarios aos españois para llelos dar aos africanos (os cans, dirían os xudeus). Non se admite ás mulleres ao sacerdocio –din as xerarquías masculinas da Igrexa--, porque non son dos nosos, do xénero masculino, que, disque, Deus privilexiou para presidir as comunidades. Se un cidadán español, inglés, norteamericano, sufrise o xenocidio que están sufrindo os palestinos por parte dos israelitas, todos subiríamos polas paredes; pero, sendo palestinos, non, porque non son dos nosos, non son dos cidadáns de primeira para os que si contan os deberes e os dereitos humanos universais. Se fulano ou fulana non é do noso grupo eclesial ou político, non paga a pena que lle prestemos atención á súa presenza, á súa opinión, á súa maneira de ver as cousas, ao seu dereito de contar coas mesmas oportunidades ca os demais, porque non é dos nosos, e non é ben restarlles tempo e atención aos nosos, para llelo conceder aos alleos (os cans, dirían tamén os xudeus).
Unha das consecuencias máis notorias da crise que estamos vivindo é o aumento dos casos de exclusión: cidadáns, cidadás, que non poden contar co que normalmente deberían contar todos os cidadás: posto de traballo, vivenda asegurada, recursos mínimos para poder manterse e vivir, ... E todo porque non somos, non son, dos privilexiados que por esforzo, sorte ou trampa souberon, soubemos, situarnos no grupo de cabeza. Unha sociedade xusta debería mirar polo pan de todos e todas, pero, claro, non é ben quitarlles o pan aos privilexiados do momento para llelo dar aos cans. En cantas situacións de exclusión participamos? A cantas persoas deixamos de lado pola razón que sexa? Sentímonos nós excluídos? Revirámonos contra quen nos exclúe, no caso de que así sexa?
É ben interesante reparar no proceso que seguiu o mesmo Xesús para incluír nas bendicións de Deus a aquela muller, da que de primeiras pensaba que non tiña dereito a esas bendicións. Xesús, a tal punto, actuaba coma se estivese pechado nunha maneira tradicional de comprender as cousas: só os xudeus podían ser os beneficiarios da presenza, do apoio salvador de Deus; ou, cando menos, só a eles estaba el disposto a lles dedicar a súa actividade de curación, de liberación. Coma se se deixase levar por unha rutina, por unha tradición sen reparar que non respondía á esplendidez de Deus, ao seu amor universal; ou sabe Deus a luz que ardía no seu corazón! Foi a fe, o clamor dunha muller, o clamor dunha persoa marxinal, o achegamento á situación límite dunha filla atormentada polo mal e dunha mai atormentada tamén polo mal da filla, o que o levou a caer na conta de que para o amor non pode haber barreiras nin nas persoas nin nos tempos. E Xesús cambiou de opinión, volveuse cara a aquela muller cananea, palestina, e non a despediu, como lle propoñían os seus discípulos, senón que a tratou con atención e misericordia, como era costume nel tratar a calquera persoa do seu entorno.
Sen título (Sebastião Salgado) |
A celebración eucarística permítenos ter unha experiencia fonda de comunidade fraterna ao redor de Xesús, onde ninguén é nunca excluído.Quédanos que, logo, na vida, vivamos á luz desta experiencia.
Preces:
COMPARTAMOS O PAN COMA IRMÁNS/ÁS
- Que non nos burlemos nunca de ninguén, por ser desta ou daquela maneira, Señor. Oremos.
- Que nunca marxinemos a ninguén por cuestións de sexo, raza, credo ou relixión. Oremos.
- Que nos saibamos achegar á vida das persoas e grupos sociais marxinados, para caer na conta de tantas inxustizas que cometemos. Oremos.
- Que nos dubidemos nunca do agarimo que Deus sente por nós, sexa cal sexa a nosa forma e condición de vida. Oremos.
- Que sexamos agradecidos coa muller cananea, que lle abriu os ollos a Xesús, e nela agradezamos tamén a todas as mulleres, sen excluílas nunca en nada. Oremos.
Coa muller cananea, Señor,
achegámonos a ti,
traemos nas nosas mans trementes
a todos os homes e mulleres excluídas
por calquera razón de cor, raza, sexo ou relixión.
Queremos que o noso corazón se ensanche
á medida mesma de Deus,
que nel colla todo o mundo,
que nel atope un recanto especialmente grato
quen estea sufrindo calquera exclusión.
Que o teu alento nos alente, Señor,
de cerrar os ollos e tapar os oídos
para non ver nin oír
e así poder desprezar e impoñer.
Que nos saibamos abrir ás persoas diferentes,
ás que non pensan coma nós,
ás que non viven coma nós,
para ver nelas o rastro da túa presenza,
a túa visita, o teu regalo.
Que xuntos saibamos construír día a día
ese marabilloso mundo plural na comuñón,
onde brilla sobre maneira o máis limpo e fermoso de ti,
que es un na diferencia,
e na unidade, diferente.
Que saibamos acoller as persoas diferentes,
sempre,
que saibamos ofrecer tamén a nosa particularidade convencida
á túa luz, co teu alento, Señor.
NO ANIVERSARIO DO TEU FUSILAMENTO
(A Alexandre Bóbeda, político e cristián manifesto, fusilado na Caeira, Pontevedra, o 17 de agosto do 1936)
nun 17 traidor.
Alí onde balas selaron
drama amargo de exclusión.
Querían facer calar
o entusiasmo da paixón.
Terra e xente, pobo, Deus
Galicia no corazón.
E o corazón cara ao mundo,
ronsel de liberación.
Novo calvario, novo Cristo,
en bágoas de redención.
Onde a inocencia padece,
padece e salva o Señor.
Lumieira para ver
as cousas desde outra cor.
Víctima que amosa víctimas,
que inzan ao noso redor.
A historia co rito acedo
de quen abusa e trae dor.
Que mata e converte o sangue
en grans de sementador.
Na Caeira de Alexandre
alentos dun soñador.
Signo:
- Imaxe da muller cananea.
- Rostros de persoas excluídas.
- Rostro de Alexandre Bóveda (para os versos que o recordan)
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.