16 outubro, 2014

19 de outubro: Domingo 29 do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 22, 15-21

Comentario

Xa temos falado de que Xesús suscitaba debate, revolvía o pensamento e as vidas das persoas, especialmente das máis relixiosas, as que crían ter controlada a maneira de acceder a Deus e de vivir conforme á súa vontade. O evanxeo de hoxe recórdanos unha vez máis este feito. Por iso o primeiro que teriamos que ver é se Xesús, se o evanxeo de Xesús, nos revolve a nós tamén, se nos sacode, se produce debate nas nosas conciencias, nas nosas comunidades. Sería o normal que isto pasase. Se non así, pódese deber a que temos “amansado” o espírito de Xesús. Máis que estar nós dispoñibles para seguilo, queremos facer que sexa el quen nos obedeza a nós. Sería cousa nada proveitosa. Sería matar o evanxeo de Xesús dentro de nós. Parémonos un pouco a pensar nisto como persoas e como comunidade cristiá.

A parte de isto, o evanxeo de hoxe sitúanos ante tres realidades importantes da nosa vida. A primeira ten que ver con como nos relacionamos, como nos falamos, como nos escoitamos, como procuramos aprender uns dos outros/as, para construír mellor a nosa mesma persoa, a nosa sociedade, a nosa comunidade cristiá, a nosa igrexa. Os fariseos, os discípulos de Herodes non son un exemplo precisamente. Van onde unha persoa que os cuestiona, pero non co ánimo de escoitar, de aprender, senón con malicia, coa intención de facer trampa, para así afirmarse no seu e non cambiar en nada. Iso segue pasando hoxe. Que é o que vemos tantas veces nos debates dos políticos, por exemplo? Non son cousas semellantes? Non é ánimo de integrar ao contrario, de aprender del para un mellor servizo do ben común. Que é o que vemos na mesma Igrexa? Non está pasando isto precisamente con ocasión do Sínodo que se celebra en Roma? Por que, senón, o Papa Francisco, insistiu na súa inauguración na necesidade de escoitarse, escoitarse, escoitarse, para aprender uns dos outros/as e servir mellor á comunidade da Igrexa, ao mundo? Cando nos achegamos ás nosas comunidades cristiás, que atopamos nelas?, que espírito se nos transmite?

Unha segunda cousa moi preciosa que aparece no evanxeo de hoxe é a foto de Xesús que fai aquela xente que se achegaba a el con malicia. Convencidos ou non do que dicían, o que din de Xesús é marabilloso: un mestre, que é sincero, que de verdade ensina o camiño de Deus, que non anda con miramentos porque non repara na aparencia das persoas. É un orgullo para nós vivir á sombra de Xesús; dános confianza absoluta; estamos en boas, en moi boas mans; podémonos aplicar con fidelidade ao seu seguimento, que temos a garantía de que as nosas vidas irán por bo camiño; temos razóns de sobra para achegarnos a el evitando a trampa e a malicia, ao revés, indo co corazón, coa alma espida, con ganas de deixarnos envolver de todo polo seu Espírito. E de paso quizabes aprender del tamén, algo polo menos, a ter ese mesmo xeito de persoa crente: sermos sinceros na vida, na fe, fuxindo de simulacións e aparencias; andar con verdade no camiño de Deus, para tamén axudar a quen ande na súa procura; manifestarnos con humildade e valentía, con liberdade, nos nosos convencementos humanos, crentes, sen lle ter medo a quen, por ter poder –poder de cartos ou de opinión--, pode amedrentarnos. Como vivimos todo isto? Como axudamos a vivir todo isto na comunidade cristiá da que formamos parte?

E, por último, a terceira cousa ten que ver co punto central da cuestión que, con malicia, lle propoñen a Xesús: pagar ou non pagar tributo ao emperador romano. O debate era moi forte para os crentes daqueles tempos, porque pagar significaba, a parte de aceptar un dominio asoballante, recoñecer que o emperador era coma o representante de Deus ao que se lle debía obediencia absoluta. E non pagar significaba rebelarse contra todo iso, no nome do pobo asoballado, no nome da obediencia última e exclusiva a Deus. Que facer? Os entendidos din que a resposta de Xesús (que quizabes máis que a resposta de Xesús é a das primeiras comunidades cristiás que vivían no ambiente romano) hai que entendela como unha postura de resistencia pacífica: paguemos, porque non queda outra, pero manteñamos vivo o espírito de resistencia, que nos leve a loitar por facer que sexa Deus o único que mande nas nosas vidas. Tamén nós, coma persoas, coma comunidades cristiás, nos vemos envoltas moitas veces en tensións semellantes: obediencias a Deus ou a partidos políticos nos que militamos, por exemplo; obediencias a Deus ao á lóxica asoballante dunha economía neoliberal que ata as nosas vidas; obediencia a Deus ou á cultura dominante que nos quere condicionar tanto á hora de comer, de vestir, de divertirnos, de comunicarnos, de vivir a sexualidade, etc. Que facer?

Na tradición de Igrexa a resposta de Xesús interpretouse con frecuencia como que a fe tiña que ir por un lado e a vida económica, política, polo outro. Foi un error. Grazas a Deus e ao seu Espírito, hoxe vemos con claridade que crer, implicarse na fe, leva consigo implicarse nas realidades todas do mundo, na economía e na política por suposto, porque é aí onde se xogan moitas cousas importantes para a construción dunha sociedade ao estilo fraterno, como a Deus lle gusta. Pero aínda quedan en nós moitas mostras desa mentalidade pasada; por exemplo, con canta desconfianza ollamos para o político, que pouco participamos nese mundo, canto o criticamos desde fóra, que pouco nos metemos dentro con espírito crítico, construtivo, coma cristiáns! Algo fondo, delicado, pero algo que unha persoa, unha comunidade cristiá non pode deixar de lado.

Na Eucaristía encontrámonos con Xesús, coa comunidade cristiá; se o facemos con ánimo e corazón sincero, gozaremos e aproveitaranos moito para a vida.

Preces:

XESÚS, MESTRE, TI ENSÍNASNOS O CAMIÑO DE DEUS

  • Que nos deixemos, logo, acompañar e alentar por ti, en todo, para que a nosa vida cristiá sexa tamén sincera e limpa e como o foi a túa. Oremos.
  • Que os misioneiros e misioneiras, que andan polo mundo adiante servindo a xente máis débil e falándolle de ti co testemuño da súa vida entregada, se sintan confortadas por ti, e valoradas e axudadas por todos nós. Oremos.
  • Que os laicos/as, bispos e Papa que debaten en Roma no Sínodo sobre a familia o fagan con sinceridade, abertos en todo ao teu Espírito. Oremos.
  • Que participemos na vida social desde a política, os sindicatos, ou calquera outro movemento cidadán, para construír entre todos unha sociedade fraterna, coidadora por excelencia das necesidades da xente máis débil. Oremos.
  • Que no noso trato eclesial e social sexamos persoas sinceras, transparentes, sen malicia, humildes, valentes, apaixonadas polo ben, pola verdade, pola defensa de quen sofre. Oremos.

Pregaria:

Para cando, Xesús, para cando,
para cando esa vida limpa de trampas e simulacións,
de aparencias e de comenencias?

Para cando esa busca limpa da verdade,
achegándome a ti,
achegándome á xente, á vida, aos acontecementos, ás cousas todas
con todo o meu ser nas mans,
exposto en todo momento aos aires do teu Espírito?

Para cando aceptarte coma mestre,
sen máis rodeos,
e sentarme ao teu carón
para verte e escoitarte,
para verme e escoitarme
á luz da túa transparencia infinita?

Para cando deixar de lado dunha vez
toda clase de miramentos,
todo respecto humano baleiro,
todo encubrimento de non sei que escuras reviravoltas persoais,
toda consideración medrosa con quen ten poder e influencia,
todo pavor a perder creto e nome ante a xente?

Para cando ser eu espido e transparente ante ti,
para mirarte á cara con ollos limpos, inocentes,
e para ser por ti mirado
coa túa ollada que sanda e que libera?

Para cando, Xesús, vivir así,
simplemente,
e así moverme en todo, con todos e con todas,
na casa, na parroquia, no pobo,
na oración, nas xuntas, no partido,
e así, simplemente tamén,
morrer algún día?

Para cando, Xesús, para cando?

Signo:
  • Un denario, unha moeda.
  • A ollada, o rostro inocente dun neno ou nena.
  • Dous rostros humanos fronte a fronte.
  • Un cano de auga limpa, transparente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.