Evanxeo: Mc 13, 33-37
Comentario:
Tempo de Advento, tempo do baleiro e parcialidade do ser humano, da historia, abertos á totalidade e plenitude de Deus. Tempo da verdade radical do ser humano, en camiño, en busca. Outra persoa, outra historia concreta, diaria, é posible no nome de Deus.
Aínda que a liturxia é abundante pedindo que Deus veña, o Evanxeo asegúranos esa chegada e pon o seu acento na urxencia de sermos xente esperta, xente atenta ao Deus que chega. Onde, cando, como menos se espera, chega.
Chamando á porta (Blog Remigio Sol) |
Estar en vela, activos/os, xestionando convenientemente a responsabilidade daquela parte da casa que o Señor nos puxo nas mans. A casa é a comunidade cristiá, a Igrexa. A casa é o pobo, o país onde vivimos. A casa é o mundo.
Estar en vela ante o que está acontecendo en Galicia, en España, no mundo, nestes tempos convulsos, sobre todo no que lle afecta ás persoas máis débiles e marxinais.
Non unha chamada á espera de quen teme que lle sobreveña algo malo. Si unha chamada á espera de quen ama, á espera do amado que chega coas súas gratificacións.
Cristián, cristiá: a persoa que está en vela descubrindo, gozando, anunciando a chegada e presenza de Deus no medio de nós.
Preces:
QUE A NOSA VIDA, DEUS
SE ENCHA DA TÚA PRESENZA.
- Que saibamos descubrirte presente e acollerte na nosa vida diaria, familiar, veciñal. Oremos.
- Que che abramos as portas cando petas vestido de inmigrante ou de xente que está no paro e clama por unha sociedade xusta, democrática, fraterna de verdade. Oremos.
- Que acollamos a túa presenza leda cando o encontro, a festa, a ilusión, a risa conmove as nosas vidas. Oremos.
- Que non te evitemos cando te achegas a nós con críticas nas mans, advertíndonos da nosa pereza e falta de implicación na construción xusta da nosa sociedade. Oremos.
- Que te busquemos con sinxeleza e honestidade, ata atopar en ti a razón fonda da nosa paz, da nosa vida, da nosa morte. Oremos.
Pregaria:
Canto nos fas falla, Señor,
Canto nos fas falla para espertarmos,
para abrir os ollos e o corazón!
Canto nos fas falla, Señor!
Canto nos fas falla, Señor,
para ensinarnos a amar o mundo
e a construílo ao teu xeito e semellanza:
amplo e cordial,
xusto para todos e todas,
privilexiado para as persoas débiles!
Canto nos fai falla, Señor,
o teu sol, a túa luz, a túa ledicia,
alumeando tebras e tristuras,
espertando ánimos, abrindo liberdades,
dando lucidez na hora densa dos compromisos!
o teu alento para a tarefa de cada día,
e atopar nel un oco para o noso cansazo!
Canto nos fai falla, Señor,
a túa calor neste inverno,
a túa aperta de nai,
o teu fogar, a túa mesa, o teu pan.
Canto nos fas falta ti, Señor,
e contigo os irmáns,
todos os irmáns,
todas as irmás!
Signo:
- A imaxe de alguén petando a unha porta.
- Ou alguén en actitude de vixiar, de estar atento, á escoita.
- Ou unha imaxe dunha cidade, dunha rúa con xente, da natureza, co texto: ESTÁS AQUÍ, PETANDO Á MIÑA PORTA
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.