05 novembro, 2014

9 de novembro: Domingo 32 do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 25,1-13

Comentario:

Esta parábola non foi contada por Xesús para nos meter medo no corpo, senón para alentar esperanzas, desexos, ansias polo encontro con Xesús, con Deus; ansias pola construción de Reino día a día, no que nós vemos e no que Deus ve, que é moito máis fondo e radical, máis fiel ao real tamén. A calquera hora, no momentos e nas circunstancias menos agardadas, aparece o noivo, é dicir, dáse a posibilidade de que algo humanamente fondo suceda en nós, diante de nós, arredor de nós, máis preto ou máis lonxe, e pode ser que nin nos decatemos, nin nos imaxinemos que ese é o momento no que Deus visita a miña vida para abastecela, para abrila a unha maior fidelidade, a unha maior solidariedade, a unha maior limpeza.

E isto pode acontecer, repetímolo, nas circunstancias máis normais da vida de cada día: cando se me vén á cabeza se a maneira de relacionarme co meu fillo ou filla nena ou adolescente, é o máis axeitado, ou se me estou desentendendo da responsabilidade que, como pai ou nai, me corresponde. Pode acontecer tamén, por exemplo, cando caio na conta de que tal veciño ou veciña o está pasando mal, e, dicíndomo ou sen mo dicir, percibo que igual algo podería facer: unha visita, unha conversa, un ofrecemento, unha incorporación do caso á miña vida, á miña oración. Pode acontecer igualmente cando, se cadra, me decato de que falo e falo da realidade social, da política, súmome con facilidade ao coro dos críticos, pero realmente non estou facendo nada para que as cousas cambien, máis ca falar, e me pregunto se non podería entrar a participar nisto ou naquilo, para que o pan e a paz, a xustiza, a legalidade colla corpo na nosa sociedade. E, coma estes tres exemplos, pode haber un montón máis; persoas e acontecementos, pequenos ou grandes, nos que Deus pasa pola miña porta, agardando atención, resposta.

Alerta, vixilancia, mentes espelidas, corazóns frescos, é o que Xesús nos demanda, é o que el mesmo quere axudar a fortalecer nas nosas vidas con esta narración que nos conta. Os tempos son recios, como dicimos frecuentemente. Os tempos son de transcendencia, como o era a voda que narra o evanxeo. Tempos para grandes encontros, para grandes amores, para grandes servizos, para grandes comezos de algo novo, que traia conforto, alegría, que abra futuros novos, distintos, mellores. Somos moitos, moitas, as que falamos ou oímos falar de que hai moitas cousas que afectan ás persoas e á sociedade no seu conxunto, que non poden seguir así, que deben cambiar, que é hora de soñar, de esperar e de crear algo novo, entre todos, con todas as armas que teñamos, tanto as persoas non crentes como as crentes. Imos faltar nós, os seguidores de Xesús, á esa cita á que o mesmo Deus nos convoca a través do clamor da xente máis deixada de lado? Imos deixar de aportar aquilo que nos temos de bo, de precioso, ese aceite santo que non é, nin máis nin menos, que o Espírito de Xesús, a novidade de Xesús, a súa maneira clara, apaixonada de estar e de vivir, de amar e de servir?

Pero pode ser que, por calquera razón, nós mesmos, homes e mulleres cristiás, carezamos dese aceite; sexamos tan toleiráns/ás, nos embobemos en tantas historias superfluas, perdamos o tempo en tantas vaidades, que á hora da verdade teñamos as aceiteiras baleiras, queiramos acender a lámpada e ser luz, para nós mesmos e para a xente que nos rodea nestas horas escuras, e nos descubramos escasos, carentes do elemental que un cristián, que unha cristiá debería ter, que é abundancia do Espírito de Xesús, para dar e compartir. Que triste a persoa cristiá, a comunidade cristiá que en tal situación se atope! Non é algo disto o que precisamente nos está pasando aos membros de moitas parroquias, de moitas comunidades cristiás, que vivimos e ofrecemos vaidades espirituais no canto do humilde, valente e recio Espírito de Xesús, no canto de Xesús mesmo? Que imos facer? Dedicarnos a pedir o Espírito de Xesús a outros, na hora extrema, cando as cousas son irreversibles, ou dispoñernos con urxencia a volver aos amores primeiros e restaurar todo o que en nós temos abandonado, desasistido? A isto nos invita con urxencia Xesús coa parábola que nos conta.

Vivimos comunitariamente, complementámonos en moitas cousas, tanto na sociedade como na comunidade cristiá, os fallos dunhas persoas poden ser suplidos polas calidades doutras, pero tamén é certo –e isto recórdanolo a parábola—que a responsabilidade de cada quen é intransferible. O que cada un, cada unha, de nós pode facer e deixa de facer, de aportar, queda en branco na construción persoal, social, comunitaria, eclesial. Facémonos escuridade e privamos a outras xente do noso don persoal, do noso aceite persoal que podería ser forza, ilusión, empeño, constancia, luz, amor, paixón, fermosura, Deus.

A celebración eucarística pode ser un bo momento para decatarnos quizabes de que andamos coas aceiteiras baleiras e para enchelas na memoria de Xesús de Nazaré, morto e resucitado en sobreabundancia de amor e de servizo.

Preces:

QUE NA TÚA FORZA, SEÑOR,
ATOPEMOS NÓS A NOSA FORZA
  • Andamos cansos/as, desilusionados/as por cousas que pasan nas comunidades cristiás e polo mundo adiante. Por iso rezamos.
  • Fáltanos alegría; esforzámonos, se cadra, pero cun toque de amargura, que non sabe a festa de vodas, a encontro de namorados. Por iso rezamos.
  • Cústanos responsabilizarnos, dar, aportar todo canto nós podemos aportar, para facernos persoas plenas, felices, para contribuír a fonda á felicidade dos demais. Por iso rezamos.
  • Nesta hora de crise e frustración para tantas persoas e familias, sen traballo, desesperadas, indignadas, vendo a prepotencia e o oportunismo de quen manexa o poder e a economía. Rezamos.
  • Para que nos animemos a construír comunidades cristiás en alerta, desprendidas, libres, dispostas, alegres, que sexan testemuño humilde da sólida alegría e xustiza de Deus. Rezamos.


Pregaria:

Unha miguiña de aceite, Señor,
polo teu amor,
unha miguiña do teu aceite,
esvarando sobre este corpo canso,
sobre este espírito esgotado!

Unha miguiña de ilusión, Señor,
polo teu amor,
unha miguiña da túa ilusión,
para calmar amarguras e infidelidades,
para estar alerta na hora das chamadas.

Unha miguiña de paixón, Señor,
polo teu amor,
unha miguiña da túa paixón,
fecundándonos de novo o corazón
para a tarefa humilde do teu Reino.

Unha miguiña de luz, Señor,
polo teu amor,
Manifestación na Coruña contra a represión aos movementos
sociais 15M Monte Alto (eldiario.es/Galicia)
unha miguiña da túa luz,
para alumar trampas e falsidades
--propias e alleas—
e vivir na verdade o don da túa presenza.

Unha miguiña de ti, Señor,
polo teu amor,
unha miguiña de ti mesmo,
que só ti abondas
para os maiores soños,
para as máis limpas realidades.


Signo:
  • Unha aceiteira.
  • Unha lámpada alumando na noite.
  • Algunha escena normal das da vida de cada día: pais/nais falando con fillos/as, dúas persoas adultas falando,…
  • Algunha situación de inxustiza social, na que Deus nos chame.


1 comentario:

  1. Anónimo11:19

    Querido Manolo, grazas pola túa ilusión e valentía.

    Marcial

    ResponderEliminar

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.