30 decembro, 2014

1 de xaneiro: Solemnidade de Santa María



Evanxeo: Lc 2,16-21


Comentario:

Lucas ofrécenos un relato sobre o nacemento de Xesús cheo dunha fantasía preciosa e suxestiva, a través da cal nos transmite vivencias básicas, actitudes fundamentais para entender a presenza total de Deus en Xesús, naquel neno fráxil que se amosa en Belén.
Para entrar na alma deste relato é importante irse fixando nos verbos que emprega o autor para narrar o que as diferentes persoas facían ou deixaban de facer: correr, atopar, contar, quedar pasmados, tratar de comprender, conservar as cousas no corazón, volver, glorificar, oír, ver, anunciar. Detrás de cada un deses verbos, de cada unha desas accións agáchase unha actitude vital básica para entender a presenza de Deus en Xesús e noutras circunstancias da nosa vida de cada día.

O centro de todo está ocupado polo cadro sinxelo, desconcertante, dun neno nacido de pouco, deitado nunha manxadoira, ao que lle dan compaña, calor e mimos os seus pais María e Xosé. E anúnciase por todo o alto que aí está a presenza, o poder, a salvación de Deus!

Uns con outros, unhas con outras, quen participa na escena comparten narracións, ditos, admiración, esforzos de comprensión, empeño por gardar todo aquilo no corazón, loanzas a Deus. Unha verdadeira celebración vivente do impacto da presenza de Deus na fraxilidade daquel neno.

A narración do nacemento de Xesús fálanos por adiantado do estilo de Xesús, do estilo de Deus reflectido en Xesús: nada de poder, nada de prepotencia, nada de imposicións, nada de violencias, nada de tristuras, nada de encollementos; abundancia de fraxilidade, abundancia de coidados, abundancia de solidariedade, abundancia de admiración, abundancia de silencio, abundancia de alegría, abundancia de compartir o vivido, abundancia de glorificación do pequeno, do débil, do marxinal.

Cando falamos tanto de nova evanxelización, porque é tan necesaria, estaría ben non esquecer o estilo que Deus se marca en Xesús desde o primeiro momento do seu nacemento, estaría ben non empezar por deixarnos evanxelizar as persoas que pretendemos ser axentes de evanxelización. Vivir entre nós a cultura do asombro agradecido, compartido, ante o Deus do pequeno.

De pouco nos vale admirarnos agradecidos ante o nacemento de Xesús en Belén, se non o facemos tamén ante os mil cadros que a vida de cada día nos ofrece, onde Deus tamén se nos presenta hoxe humanizado en pobreza. As actitudes vitais que Lucas ofrece e demanda para entender o estilo pobre de Deus serannos moi útiles para achegarnos ás pobrezas de cada día, onde Deus nos pide ser descuberto, venerado, agradecido, correspondido: ver esas pobrezas, contalas, descubrir a presenza de Deus nelas, asombrarse, conservalas no corazón, alegrarse, loar a Deus que tanto gusta de andar na sinxeleza do cotián. Daquela o Nadal será Nadal e non fantasía inútil.


Preces:

SANTA MARÍA, NAI DE XESUS CRISTO,
CAMIÑA CONNOSCO

  • Para que saibamos admirarnos ante o misterio de Deus presente nas nosas vidas, gozar con el, e corresponderlle en todo. Oremos.
  • Para que cultivemos nas nosas vidas a cultura da pobreza digna, do agradecemento e da solidariedade. Oremos.
  • Para que nunca utilicemos a Deus nin nada do relixioso como factor de violencia, senón coma o máximo instrumento para a paz. Oremos.
  • Para que fagamos a paz cada día na nosa convivencia doméstica, nas nosas relacións sociais e laborais. Oremos.
  • Para que, en tempos de crise e de reestruturación social, saibamos defender o pan e os dereitos da xente máis pequena e marxinal por riba de todo. Oremos.

Pregaria:

Ano novo, vida nova.

Contigo, Deus, a carón,
contigo, Emmanuel, Deus connosco.
Que gozada!

Iluminados pola presenza marabillosa de Xesús,
que desde o portal da pobreza rompe rutinas, abre camiños.

Arrastrados polo Espírito,
levados da man por esa forza contra toda forza,
que resplandece na debilidade .

Da man dos irmáns e irmás,
da man da comunidade,
que suple carencias e achanza os camiños.

En familia, en pobo,
en fartura comedida ao redor da mesa,
en alegría e en festas populares,
en traballo diario, esixente, persistente.

Nesta preciosa terra galega,
cunha fala tamén preciosa,
que nos legaron coma don de Deus os nosos maiores.

Abertos/as en irmandade mundial
a todos os pobos que suspiran polos dereitos, pola paz,
pola soberanía alimentaria,
polo humanización plena da súa existencia.

Coidadores/as, coma servidores, non coma amos,
da terra, do aire, da auga,
dos animais todos, das plantas,
das enerxías que fan andar e progresar,
para que nada nin ninguén se perda,
para que todos/as sexamos un, unha,
na fermosura insondable da unidade total,
no corazón amante do Deus un.

Ano nova, vida nova,
Emmanuel.


Signo:

  • A bola do mundo ou o mapamundi, sobre del ou arredor del a palabra PAZ.
  • Unha roda de xente dándose as mans, no centro as palabras PAN, PAZ.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.