07 xaneiro, 2015

11 de xaneiro: Domingo do Bautismo do Señor



Evanxeo: Mc 1, 7-11


Comentario:

De golpe, en cousa de moi poucos días, a liturxia pasa de nos ofrecer o nacemento de Xesús para a celebración, a presentarnos xa un Xesús adulto, desvinculado da súa familia de sangue, encarándose aos retos da vida, asentándose na súa vinculación fundamental de ser humano que descubre e experimenta gozosamente a súa condición de fillo de Deus. É esta a celebración do Bautismo do Señor, que nos di moito de Xesús, da súa identidade, da súa tarefa, e que nos di tamén moito de nós mesmos, que no misterio de Xesús atopamos a explicación do noso propio misterio.

“Chegou Xesús desde Nazaré de Galilea...”. Unha frase moi simple, aparentemente pouco importante, pero que revela toda unha traxectoria de Xesús, un proceso de busca, que ten como punto de partida unha desconformidade coas alternativas relixiosas que desde a oficialidade relixiosa do seu tempo se lle estaban dando ao pobo e a cada persoa do mesmo. Desconforme e buscador, Xesús pasa tempo –non sabemos canto, pero parece que moito— poñéndose en contacto con persoas e grupos nos que esperaba atopar luz e camiños. Xoán, xa o temos dito, parece que xogou un papel moi decisivo nesta etapa da vida de Xesús.

Xesús é bautizado por Xoán, e non por cumprir con aparencias, senón porque nun momento estaba convencido de que aquilo o achegaba máis a Deus e á resposta que el lle quería dar. Cantas veces tamén nós temos tenteado, probado isto ou aquilo, coma un paso máis na nosa busca fundamental: ver por onde vai a nosa maior vinculación a Deus, o noso maior servizo a quen o necesite! Pobres de nós, se non tivesemos o corazón inquedo, a vida inqueda!

Os sinópticos fálannos de que, no marco desa proba do de Xoán, nese tempo de busca, Xesús ten unha experiencia desas que se din “fundante”, porque establece os fundamentos do que será logo toda a traxectoria dunha vida. Ceos abertos, pomba que baixa, voz que se escoita, non son máis ca símbolos que describen plasticamente un feito fundamental: saberse fondamente collido polo Espírito, querido por Deus, saberse a debilidade de Deus.

O proceso, a experiencia de Xesús é un regalo para nós. Porque foi un proceso que concluíu nunha vida de servo, que nos envolveu a todos e todas de forma xenerosa. Porque nos ofrece un camiño para un proceso similar nas nosas vidas. O misterio de Xesús desvela o noso propio misterio. O que Deus fixo en Xesús quere tamén facelo en cada un, cada unha das súas seguidoras.

Xesús púxose en busca nun país concreto, nunha etapa concreta da súa historia, no medio dun pobo concreto, cunha situación social concreta, cunhas respostas relixiosas concretas tamén. As buscas nunca se fan –non se deberían facer—desvinculadas da realidade concreta que nos toca vivir. Nós somos cristiáns e cristiás situadas nun país do primeiro mundo envolto nunha grave crise económica –que non nos priva de seguir sendo un país comparativamente privilexiado e dominador--; vivimos en Galicia, cunha realidade histórica e presente moi determinada, cunha cultura propia, cunha lingua propia; estamos na cidade, na vila ou no rural, con realidades e demandas propias en cada caso; cada día vémonos en determinadas situacións, ante persoas moi concretas que imos coñecendo, que nos coñecen. Vivimos nun marco relixioso concreto, vinculados a unha relixión oficial cristiá católica, quizabes con moitas desconformidades –coma Xesús no seu tempo--, quizabes non. Ante todo isto, que para cada un/unha de nós ten unha configuración ben concreta, onde está o noso lugar coma crentes cristiáns/cristiás? Onde situamos a nosa experiencia de sermos amados ata o extremo por Deus? Onde está o noso espazo e modo de servizo para ser fieis a fondo a Deus, e á tarefa que el se propón neste momento concreto da nosa historia? Que cada quen, como fixo Xesús, busque o seu lugar no corazón de Deus, no corazón do mundo.


Preces:

TI ES O MEU FILLO BENQUERIDO / A MIÑA FILLA BENQUERIDA
  • Que saibamos agradecer, Deus, o amor que nos tés. Oremos.
  • Que saibamos ser testemuñas vivas del, mediante o exercicio do noso amor, do noso servizo diario. Oremos.
  • Que saibamos seguir a Xesús na súa busca, na súa vinculación fonda contigo, no seu afán de querer estar ao lado da xente máis débil sobre todo. Oremos.
  • Que saibamos xuntarnos coa xente buscadora nestes tempos de crise, cando tantas estruturas sociais e relixiosas se nos presentan como caducas e inservibles para a conquista do pan e da paz. Oremos.
  • Que saibamos vivir unha experiencia relixiosa firme, ben apegada ao novo de Xesús, ben apegada ás cousas miúdas que cada día gozamos, sufrimos, vivimos. Oremos.


Pregaria:

Admirámoste, Xesús,
no teu nacemento humilde
no medio dunha familia e dun pobo humilde;
na túa infancia leda,
medrando en estatura e en ben
ante Deus e ante a xente.
Grazas por ti, Xesús.

Admirámoste, Xesús,
na túa mocidade inqueda e buscadora,
movéndote, viaxando, vendo,
contactando con persoas diferentes
para atopar a verdade da vida e das cousas.
Grazas por ti, Xesús.

Admirámoste, Xesús,
no teu apego fondo a Deus,
e no teu arrimarte sempre á xente máis débil,
facendo de Deus e dos débiles unha soa cousa,
deixándote levar en todo polo Espírito bo de Deus.
Grazas por ti, Xesús.

Admirámoste, Xesús,
porque non te contentaches coa relixión que había,
porque abriches camiños novos e máis verdadeiros,
loitando ata a morte por aquilo no que ti crías.
Grazas por ti, Xesús.

Admirámoste, Xesús,
porque fuches humilde e franco,
e chamábaslle ao pan, pan, e ao viño, viño,
con tal que nunca perderan pé os dereitos da xente máis pequena,
a xente máis pobre, pecadora e diminuída.
Grazas por ti, Xesús.

Admirámoste, Xesús,
porque vives no medio de nós,
nas nosas vidas e aspiracións humildes,
nas nosas apostas humanitarias,
axudándonos a descubrir dentro de nós
o mesmo Espírito de Deus
que a ti te animaba e defendía sempre.
Grazas por ti, Xesús.


Signo:
  • Un simple signo de interrogación grande, que recolla ese estado de busca en Xesús e en cada unha de nós.
  • Unha aperta entre dúas persoas, que nos recorde a aperta radical, a proba de calquera infidelidade, dada por Deus a cada un, cada unha de nós, e que el gusta de ver prolongada en cada unha das nosas apertas diarias.
  • Unha imaxe de xente en necesidade, que nos deixe claro que as nosas dúbidas ás veces son necidades, porque o que hai que facer salta á vista.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.