Evanxeo: Mc 1, 12-15
Comentario:
Válenos de algo andar ás voltas outra vez coa Coresma? Tal como andan as cousas, coa chea de problemas que envolven a toda a xente, sobre todo á xente máis débil, ten sentido dedicarlle algún tempo a isto da Coresma? A fe, a relixión, Deus, Xesús, o Evanxeo pode significar algo para o home ou a muller que están no paro, ou que están collidos polo medo a que mañá poden perder o traballo, ou que ven como día a día as posibilidades de vivir con dignidade, aínda que sexa na pobreza, son menores? Non podemos desvencellar a Coresma de todo isto que a día de hoxe estamos vivindo. Deus, Xesús, non quere tampouco desvencellar a súa presenza de todo isto que a diario nos preocupa. Ao contrario, nisto que é a nosa vida quere acompañarnos solidariamente.
Os tempos que lle tocou a Xesús non eran máis doados do que os nosos; a xente máis débil non estaba menos desamparada do que o está hoxe entre nós; as crenzas relixiosas, aínda que as había e moi grandes, non eran menos baleiras do que poden ser hoxe as nosas. O panorama non era mellor. O futuro estaba ben pechado para a gran maioría da poboación, o sometemento era grande; os abusos, moitos. E Deus parecía que tamén calaba e consentía. Pero Xesús deulle cara ao que pasaba no seu pobo. Do que fixo e do que viviu, de como o fixo e de como o viviu, podemos aprender nós moito. Na Coresma poñémonos especialmente á espreita de Xesús e dos seus pasos. Queremos aprender del a maneira de se encarar coas dificultades da vida. Cambiando o que necesariamente debamos cambiar, Xesús pódenos valer moito, moitísimo. Diso alomenos estamos convencidos as persoas que o seguimos.

O Espírito daquela levou a Xesús ao deserto. A onde nos quererá levar a nós? Non o sabemos. Será cuestión de que lle deixemos a iniciativa. Quizabes ao deserto? Quizabes. Deserto quere dicir soidade, tentación, tempo de pensar, para que outros non nos pechen os ollos e nos fagan ver branco o que é mouro, e nos queiran colar por progreso e garantía o que non é máis ca esquilmo e volta aos tempos vellos; quere dicir ocasión para a romper coa instalación nas cousas materiais, no pensamento, nos ánimos, nos proxectos; deserto quere dicir tamén, por iso mesmo, pobreza e liberdade a un tempo. O Espírito que leva ao deserto e que nace do deserto é un Espírito moi fecundo.
Pero, a máis diso, o Espírito pódenos levar tamén ao encontro coa xente, a saír das nosas casas, das nosas propias vidas, a falar coa xente, a escoitala, a comprendela nos seus problemas pequenos ou grandes, a coñecer o que outra xente crente ou non crente está facendo para defender a dignidade humana na enxurrada de recortes á que nos están sometendo; a abrir os ollos cara a outros pobos que sempre andaron en crise e nós pouco por eles miramos; a animarse mutuamente, a fortalecerse mutuamente, a enrabiarse mutuamente, a consolarse mutuamente, a celebrar mutuamente as parcelas de vida e de dignidade que aínda posuímos ou que pouco a pouco imos conquistando.
Xesús, di Marcos moi secamente, vivía entre as feras, pero era servido polos anxos. É unha maneira de falar por comparanzas. Certamente Xesús estivo, como estamos nós, en tempos de loita, de dificultades, de tentción; as feras representan esas dificultades e tentacións. O Satanás tamén. Non nos enganemos, Xesús non nos priva de dificultades e malas tentacións. Pero garántenos que quen se deixe levar polo Espírito verá como o consolo de Deus o acompaña cada día. Falar de anxos é falar desa compaña certa dun Deus que nunca nos deixa da man. Por iso a loita da Coresma apunta con seguridade cara ao triunfo da Pascua.
Preces:
QUE O ESPÍRITO SANTO ILUMINE OS NOSOS PASOS
- Para abrir os ollos e non deixarnos embobar por quen nos quere enganar con promesas fofas. Oremos.
- Para fiarnos de Deus, de Xesús, e comprometernos no seu seguimento. Oremos.
- Para escoitar o clamor das persoas e dos pobos que máis sofren os abusos dos poderosos e dispoñernos a axudar. Oremos.
- Para ollar a fondo o noso corazón, a nosa vida, e limpala ben de calquera escravitude do mal. Oremos.
- Para establecer lazos de unión e de solidariedade e facernos así fortes ante os problemas. Oremos.
- Para amar e defender a natureza, o rural, a soberanía alimentaria de todos os pobos. Oremos.
Pregaria:
Que o Espírito, Señor,
que o teu mesmo Espírito,
me traia e me leve para onde ben queira,
e que eu non lle poña traba ningunha.
Se deserto e sequidade,
pois deserto e sequidade, Señor.
pois loita e desamparo tamén.
Se é hora de romper cadeas
para unha maior liberdade,
que eu as vexa, Señor,
e fóra cadeas no teu nome,
e viva a liberdade que ti prometes!
Se son tempos de espera e resistencia,
de confusión e aínda de negrura,
que non me falte a túa luz na noite,
o teu abeiro, o teu amparo, a túa aperta.
Se son tempos de vivir con feras,
de andar coma años entre lobos,
que non nos falte no teu nome
nin a sinxeleza das pombas,
nin a astucia das serpes.
Que os teus anxos me sirvan, Señor,
que me ofrezan o teu consolo,
o consolo de irmáns e irmás,
e así me curta para a tarefa
de ser servidor/a de boas novas
ao teu lado a cada hora.
Que o deserto, Señor, me faga irmán, irmá,
que o deserto, Señor, me faga persoa de comuñón,
que o Espírito que a ti che ensinou os camiños da vida,
da loita e da festa,
me ensine a recrear hoxe os teus camiños
con alegría e firmeza,
con humildade e intelixencia.
No teu nome, Señor,
no nome dos teus fillos máis desherdados,
das túas fillas máis desherdadas que tanto queres.
Signo:
- Unhas cadeas rotas.
- Un deserto.
- Unha persoa sola e ao fondo un grupo grande de xente, o pobo, o noso pobo.
- Unha persoa en oración.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.