03 febreiro, 2015

8 de febreiro: Domingo 5 do tempo ordinario (B)



Evanxeo: Mc 1,29-39

Comentario:

Xa diciamos no comentario do domingo anterior que Marcos nos estaba presentando de forma corrida unha xornada completa da vida que Xesús determinara coller despois de romper co grupo de Xoán Bautista, ao que estivera vinculado por un tempo considerable. O texto de hoxe séguenos contando cousas desa xornada evanxelizadora de Xesús.

O relato está cheo de circunstancias sinxelas, ordinarias, cotiás, desas que compoñen tamén moitas veces o conxunto das nosas xornadas: ir de visita á casa duns amigos, consolar e aliviar a unha persoa enferma, preocuparse pola xente que o está pasando mal, falar dela, e facer todo o que se poida por aliviala tamén, comer, durmir, erguerse para rezar, e empezar un novo día con esa idea firme de seguir compartindo a Boa Nova de Deus, o Deus da Boa Nova coas persoas e circunstancias da vida que un vaia atopando ou buscando adrede. O ordinario da nosa vida de cada día podémolo encher, coma Xesús, deste fondo de ilusión e de novidade en Deus pola xente, ou podémolo vivir apagadamente, indo a rastro da vida, sen discernila, sen impulsala nin gozala nun mesmo e nos demais, na sociedade. Se nos apegamos a Xesús, seguro que recuperaremos tamén o seu estilo positivo, a súa maneira sinxela de enchelo todo de vida e de ilusión.

O estilo da vida de Xesús, a súa maneira de levar a cabo a tarefa de Deus entre a xente era así: Xesús ía á sinagoga, algo así como as nosas igrexas; ía tamén ao templo de Xerusalén, pero o seu forte eran as casas, as rúas, os camiños, as comidas, os encontros casuais; calquera espazo se lle facía propicio para transmitir coa palabra e cos feitos aquilo que levaba no corazón, que non era senón a glorificación de Deus mediante o benestar total, completo da xente. Fálase moito na Igrexa da necesidade dunha nova evanxelización das nosas comunidades, da nosa sociedade. Que forma máis sinxela e eficaz de facelo nos ofrece Xesús! Seguro que nos iría a todos moi ben se imitásemos as maneiras evanxelizadoras que tiña Xesús.

Dentro doutros detalles máis ou menos importantes que tamén aparecen neste relato, o que máis se destaca é esa disposición de Xesús a levar saúde ás persoas necesitadas dela que se achegaban a el. Non sabemos ben ata que punto Xesús tiña calidades de “curandeiro”, ata que punto os relatos do Evanxeo esaxeran e multiplican curacións para resaltar a forza, o poderío de ben que tiña Xesús; os estudosos máis serios din que si, que a súa forza de ben e de bondade era tanta que moita xente atribulada, aflixida, enferma, no corpo ou na mente, no corpo ou na alma, se sentía fondamente aliviada nos encontros con el. E non é de estrañar.

O Evanxeo, logo, invítanos a sermos tamén nos beneficiarios do poder curador de Xesús. Sen maxias de ningún tipo, desde a sinxeleza da fe, podemos achegarnos con moito proveito a ese foco de vida, de ilusión, de sanidade que emana da palabra e da vida de Xesús. E tamén doutras persoas que viven e actúan ao seu abeiro, cos seus mesmos método, co seu mesmo espírito, que as hai entre nós, grazas a Deus!

O Evanxeo invítanos tamén a sermos nós mesmos xente de curación, a que desenvolvamos en nós esa capacidade que Deus nos dá, por ternos feito a imaxe e semellanza súa, de xerar vida, saúde, ánimo, resistencia, paz..., que non está nada de máis en tempos coma os que estamos vivindo.

Esta labor podémola facer, coma Xesús, no día a día, no cara a cara de calquera momento. Podémolo facer tamén de forma máis organizada, desde a comunidade cristiá da que formamos parte, desde a asociación, o sindicato ou o partido político no que participamos. Podémolo facer de forma calada, ou de forma estridente, segundo vexamos que o precisa o ben da xente. Sermos hoxe nós, no que poidamos, extensión de Xesús no noso tempo, que cousa máis fermosa!


Preces:

TODOS, XESÚS, TE ANDAMOS A BUSCAR
  • Porque necesitamos da túa forza curadora en moitas horas de dor, de sufrimento, de medo, de pecado, de desesperación. Dicímosche con fe.
  • Porque na nosa comunidade cristiá, na Igrexa toda, queremos aprender as túas maneiras de vivir e de evanxelizar. Dicímosche con fe.
  • Porque queremos fortalecernos ao teu lado para poder ofrecer alivio corporal e espiritual a quen nolo demande. Dicímosche con fe.
  • Porque necesitamos a túa luz e a túa forza para enfrontarnos a quen nos tempos de hoxe quere aproveitarse dos débiles para engordar máis. Dicímosche con fe.
  • Porque es bo e marabilloso, porque es valente e loitador, porque nos abres os ollos e nos devolves as ilusións. Dicímosche con fe.


Pregaria:

Foto: El Correo Gallego
Facer pola saúde no teu nome, Señor,
pola saúde do corpo e da alma,
pola saúde das persoas e dos pobos,
pola saúde da xente nova e da vella.


Facer pola saúde no teu nome, Señor,
defendendo unha sanidade pública gratuíta e universal,
para que a xente máis débil non se vexa marxinada,
sendo peor atendida na nacencia, na enfermidade e na morte.


Facer pola saúde no teu nome, Señor,
urxindo preferencias para os grupos marxinais:
alcohólicos, drogodependentes, feridos pola SIDA, ...
de xeito que tamén aquí os últimos sexan os primeiros.
O Ébola en África / Foto: Difusión


Facer pola saúde no teu nome, Señor,
traballándoa, buscándoa, esixíndoa
dentro e fóra do noso país,
para que ninguén morra en ningún sitio
por males que a ciencia sabe e pode controlar.


Facer pola saúde no teu nome, Señor,
coidándonos no día a día,
comendo sobriamente, para compartir tamén a nosa abundancia,
cambiando os nosos estilos de vida,
facéndoos máis libres e gratuítos.


Facer pola saúde no teu nome, Señor,
velando pola paz, pola serenidade fonda,
pola reconciliación íntima con nós mesmos
pola harmonía veciñal,
pola comunicación, pola conversa,
pola alegría dada e recibida.


Facer pola saúde no teu nome, Señor,
e así, cando veña a enfermidade irremediable,
saber acollela e vivila tamén no teu nome,
coa túa presenza amable e pacificadora ata o fin.
Amén.


Signo:
  • Alguén dándolle a man a outra persoa, axudándoa.
  • Unha manifestación a prol da Sanidade Pública.
  • Xente do Terceiro Mundo enferma.
  • Banquetazo e ao carón un xantar cotián, humilde.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.