Evanxeo: Xn 3, 14-21
Comentario:
O Evanxeo de hoxe forma parte dunha conversa entre Xesús e un fariseo, maxistrado xudeu, chamado Nicodemo. O evanxelista Xoán concibe e presenta o seu evanxeo, en boa medida, coma unhas recreacións de longos “discursos” de Xesús ante determinadas circunstancias, ou de conversas de Xesús con determinadas persoas. Recreacións que poden ter orixe en palabras concretas de Xesús, pero que tamén se deben moito á propia reflexión do evanxelista. No fondo o que sempre pretende o evanxelista é dilucidar para si e para os seus lectores ou lectoras o significado profundo da persoa, da vida e da morte de Xesús.
![]() |
Cristo crucificado (Juan Martínez Montañés) |
Para o evanxelista, o que máis vale para interpretar a morte de Xesús en cruz é o amor. A cruz é un froito do amor, amor radical no que está implicado Deus Pai, e amor ata o extremo no que está implicado Xesús mesmo. Amor e vontade de salvación: que nada nin ninguén se perda. Esa é a disposición básica e permanente e universal de Deus, de Xesús. É ben positivo e animador sabernos a todos e cada un de nós, homes e mulleres de onte e de hoxe, envoltos nesta onda positiva de benquerencia por parte de Deus. E sermos agradecidos/as. E deixarnos envolver por esa onda de amor á que Xesús nos convoca.
![]() |
Máis persoas sen fogar (eldiario.es) |
Por iso a morte de Xesús acaba sendo tamén un elemento conflictivo nas nosas vidas cristiás. Porque nos incita e nos capacita, no Espírito, a que a día de hoxe tomemos posicións tamén contra calquera que no nome de Deus, no nome do Mercado, no nome das propias comenencias ou de comenencias grupais de calquera tipo, produza exclusión, vidas apagadas, fame, bágoas, desalentos, afogamentos, etc.; o contrario, en todo caso, desa “vida eterna” para a xente toda pola que Xesús tanto loitou: vida sólida, consistente, feliz, experimentada no presente e aberta ao imprevisible de Deus.
Podemos asomarnos e entrar nos espazos vivos de Xesús, espazos de luz, de verdade, de solidariedade, e ir gozando a súa promesa; ou podemos asomarnos e recuar, negándonos a experimentar o gozo da irmandade real, histórica, no nome e ao amparo de Xesús morto en cruz. Que pena!
Preces:
CREMOS EN TI, XESÚS, FILLO UNIXÉNITO DE DEUS
- Que o teu Espírito alente diariamente as nosas vidas. Oremos.
- Que nos deixemos envolver agradecidos/as por esa onda de amor na que Deus Pai/Nai nos quere envolver polo ben noso e polo ben de toda a humanidade. Oremos.
- Que traballemos cada día, con pequenos detalles, por unha vida digna e plena, feliz, para nós, para a xente máis débil que nos rodea. Oremos.
- Que teñamos fortaleza para enfrontarnos ás persoas ou grupos sociais e políticos, que no momento presente afogan a vida dos fillos e fillas de Deus. Oremos.
- Que saibamos ser fieis, constantes; que saibamos soportar o sufrimento, a morte incluso, por defender a vida digna das persoas, a vida da natureza, do mundo todo. Oremos.
Pregaria:
Sinto, Xesús,
que me queres aprender a coidar a vida.
Sinto que necesito de ti para esa labor diaria.
Sinto que me queres obreiro/a desa sinxela tarefa.
Grazas.
Aquí estou,
conta comigo.
Así,
coidador, coidadora da vida
ante as herbiñas e plantas todas,
ante os animais que me rodean,
ante as persoas da casa,
ante a xente veciña,
ante aquelas, sobre todo, que por casualidade ou tarefa,
a vida me vai poñendo diante.
aquí estou, conta comigo.
Quéresme coidador/a, Xesús,
e quéresme tamén coidado/a.
Todo o teu,
todo o de Deus
é estar ao meu servizo,
para que nada en min se perda,
nada do máis fermoso que son e teño,
que os máis pais me pasaron
e que a vida me foi aportando.
Quéresme san e feliz, Xesús,
vivo e vigoroso,
serenado e soñador.
Sinto que me queres coidador/a de ollos abertos.
Tenro e coidadoso dos pequenos detalles,
coas persoas máis pequenas tamén,
e atento a iso que chaman as estruturas,
as montaxes sociais e políticas,
onde tanto se xoga a paz, o benestar da xente,
para que non nos estraguen a vida
lobos con pel de ovella.
Conta comigo, Xesús.
humilde e apaixonado,
silencioso/a e protestón/ona,
resistente e fiel,
alegre e libre.
Non sei se poderei, Xesús,
agora son eu o que quero contar contigo,
Xesús, meu Xesús,
miña forza, meu pan, miña luz,
meu todo, Xesús.
Signo:
- Unha cruz, un Cristo crucificado.
- Algunha foto de xente excluída.
- Fotos de persoas ou grupos en protesta.
- Persoas coidando de persoas, da natureza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.