01 abril, 2015

O encontro con Deus nos Salmos


Por ser un libro de oración e por selo coas maneiras que o caracterizan, o Salterio é a narración dunha densa e variada experiencia relixiosa, dun encontro intenso con Deus, que abrangue múltiples vivencias e perspectivas da persoa humana e do pobo do que esta forma parte, e que se expresa cunha enorme riqueza de formatos literarios, case sempre moi vivos, moi sentidos, moi fondos. Resulta abondo ousado pretender ofrecer nestas poucas páxinas sequera sexa un achegamento a ese mundo relixioso que tanto ten condicionado e axudado a pregaria de millóns e millóns de crentes do ámbito xudeu, do ámbito cristián. Polo tanto, unhas suxestións nada máis, á espera de podelas desenvolver con máis amplitude e vagar noutra ocasión.

1.-Deus sempre á vista

Salmo tras salmo, o Salterio vai deseñando a experiencia relixiosa de persoas concretas, dun pobo concreto, á que nos podemos e debemos achegar co sentimento de estarmos tripando terra sagrada (cf. Ex 3,5), descalzos, logo, co corazón tamén espido e aspirando a ver a Deus pasar cando menos cal murmurio ou aireada cativa (cf. 1Sam 19, 12) a través das vivencias relixiosas das que se fan portadores todas e cada unha das persoas que se sitúan coa súa vida, coa súa fe forte ou frouxa, sempre tensa e mesmo vibrante, á fronte de cada pregaria que o salmo describe.

O encontro con Deus, a experiencia relixiosa, é sempre o que enche e dignifica cada salmo. Despois, en cada caso, a vivencia desa experiencia relixiosa lévase a cabo desde estados de ánimo, desde texturas de fe moi diferentes. Predomina a experiencia suplicada (6; 26), acompañada da experiencia anhelada (72; 86); buscada (24), dubidada (10,1-11) ou esperada con confianza, en saudade (42; 43); en números redondos a metade do Salterio móvese nesta clave. Outra metade do salterio, tamén en números redondos, reflicte o engado dunha experiencia relixiosa experimentada, compartida (37; 62), celebrada (29; 40), ofrecida (81), rememorada (78), proclamada (11;19), agradecida (18; 34), gozada (8; 16). A emoción, o apaixonamento, embarga sempre o ánimo de quen ora nos salmos; só en moi poucas ocasións (1; 49...) o salmo colle ton didáctico e rebaixa a carga emotiva, pero aínda nestes casos, a tensión vital de quen ora salta á vista. Está claro que Deus non pode ser vivido, orado, suplicado, celebrado, agradecido, desexado, compartido, agardado desde a frouxidade, desde a apatía; isto é o primeiro que os salmos nos aprenden; o encontro con Deus sempre suscita tensión, emoción; sempre, cando é certa a súa proximidade, implica a persoa, a comunidade, con todas as súas enerxías na flor da pel.

2.-O ser humano espido ante Deus

Invitamos a achegarse aos salmos reparando, de entrada, na situación concreta, no lugar vital, persoal ou comunitario, desde o que ora quen ora nos salmos. Quedará impresionada. O Salterio é mestre na intención fundamental de unir oración e vida no tempo de pregaria.

Podemos ver con frecuencia cómo quen ora no Salterio é unha persoa individual, que en moitos casos se enfronta cunha realidade circundante inxusta, opresiva, ameazante, a niveis moi intensos (22; 55); outras veces encárase coa súa propia condición de pecado, enfermidade, exilio (25; 32; 38); sobre das dúbidas ante a acción de Deus (27, 7-12), prevalece sempre a confianza fonda na súa intervención que adoito celebra agradecida, asombrada, marabillada (92; 116). En momentos volve a ollada cara a si mesma para verse á luz de Deus, da súa condición de persoa agarimada, agraciada polo don e pola presenza de Deus (139).

A persoa orante noutras ocasións desdóbrase en pobo, para con el facer pregaria ante as inxustizas, abusos e opresións das que o pobo é obxecto repetidamente, dada a súa condición de pobo menor, por moito que sexa pobo que se sabe querido e mesmo escollido por Deus (60). Non falta na pregaria a desfeita bélica coas súas consecuencias de arrasamento, incluído o mesmo exilio (74; 80). Tamén como pobo a confianza prevalece sobre a dúbida sobre da actuación defensora de Deus. Gózase repetidamente celebrando o amor e a fidelidade de Deus, que non teñen medida (114; 117), recoñécese en ocasións non estar á altura de tanta fidelidade, e na pregaria vese urxido a fidelidades maiores (78; 106).

A creación é para a persoa orante do salterio espazo de revelación de Deus, onde se transparenta a súa presenza benéfica, a súa forza de vida, a súa capacidade creadora, a medida dos seus coidados para os seres humanos, para todas as criaturas que, con razón, con frecuencia son convocadas tamén para a loanza agradecida (8; 19; 104). Escasamente se cita a súa caducidade.

Por último na oración da orante non poden faltar dimensións que estaban moi vivas no imaxinario humano, espiritual do pobo de Deus: a esperanza mesiánica, e a figura concreta do Mesías, o Unxido (2; 72); a cidade santa como concentración dunha presenza divina que pretende arroupar todo o pobo (48; 84), e a Lei, como palabra cálida de Deus á xente e da xente a Deus, na que unificar gozos e vontades (19; 119).

O espazo litúrxico é o ámbito normal en que todo isto pode acontecer, pero nun número considerable de casos cítase expresamente como lugar onde poder realizar e gozar o encontro con Deus (24; 81; 95).

Non todo é chan e lineal na experiencia orante; xa apuntamos a dúbidas en ocasións agudas, fondamente feridoras. Non hai que esquecer que a teoloxía existente facía a Deus responsable e causante de todo o que acontecía, e o que acontecía non sempre nin moito menos respectaba a crenza firme, repetida desde o primeiro salmo de que á xente xusta todo lle había de ir ben. Moita dor cruza por iso todo o Salterio, pero nunca o desespero, nunca o desentenderse de Deus, por moito que ás veces se queixe de que Deus se desentende do seu pobo.

Todo o que é e produce vida, benestar, felicidade, paz, confianza, fortaleza, no pasado, no presente e no futuro, é obxecto de pregaria no Salterio.Vivir todo isto, vivilo apaixonadamente, é a terra nutriz que facilita logo que a expresión oral nos salmos acade niveis de verdadeiro paroxismo, que só a repetición rutineira nos impide valorar e gustar.

3.- Acceso ao encontro con Deus

Podémonos preguntar polas condicións que aparecen no Salterio coma imprescindibles para acceder a ese encontro vivo con Deus. E o Salterio non é escaso na resposta. En todo salmo se deixa ver con claridade cal é o punto focal a partir do cal se vai desdobrando a pregaria que expresa a experiencia de Deus na oración. Analizado salmo tras salmo, comprobamos que os alicerces do encontro aséntanse basicamente na iniciativa gratuíta de Deus; Deus é como é, e, por ser como é, posibilita que o ser humano goce da súa experiencia. Neste ser de Deus prevalece a súa moita bondade, o seu benquerer, misericordia e compaixón (23,6; 40,12; 89), a súa fidelidade, a súa verdade (31,6), a súa ilimitada capacidade de perdón (130,4), a súa indulxencia, a súa disposición para escoitar sempre a quen o chame, a súa grandeza envorcada ao servizo do ser humano (29,11), o seu ser bendición sempre, a súa xustiza (146,7). Pero evidentemente sobresae un “ti” provocador de confianzas e asombros, ante o que o ser humano que o gusta non sabe senón renderse e congratularse, sabéndose posuidor da mellor sorte e herdanza posible (16; 139).

O ser de Deus é un ser que, a diferenza dos ídolos, actúa: oe, fala, intervén, media entre os seres humanos, e o salterio é unha constante narración desas intervencións vividas ou suplicadas porque se consideran moi posibles. A solicitude de Deus polo ser humano convértese así en estar ao lado da xente, en defender o humilde (18,28), en acoller aínda que a mesma mai abandone (27,10), en facer xustiza nunha sociedade privada de dereito (35,23), en coidar da humilde e pobre, en estar coa xente, en facerse Deus do pobo, en dar a coñecer a súa salvación (98,2-3), en facerse don e beneficio para todos, en ser gardián e señor da casa (121,5; 122), ata o punto de se constituír na máis fonda e firme razón de felicidades.

Non todo é cousa de Deus, loxicamente, no encontro seu co ser humano. A este o Salterio tamén lle asigna tarefa. A tarefa de confiar, de buscar en Deus agarimo, de esperar na súa misericordia, de fiarse da súa palabra e promesa (3,6; 12,8;61,4). A súplica pode e debe ser entendida como expresión desa apertura e confianza en Deus, máxime cando, como sucede moitas veces nos salmos, vai mesturada con expresións de confianza e mesmo de agradecemento polo ben suplicado e xa adquirido (27). Mais a parte do ser humano non se reduce só á expresión verbal e/ou emocional; tamén debe cavilar na vontade do Señor (1,2), preguntarse por el (53,3), de escoitalo (81,14), servilo no amor e no respecto (2,11), de coñecer o seu nome (91,14), de practicar a xustiza (11,7; 34.12-13), de andar pola senda recta, de aceptar ser a súa herdade, de poñer nel as propias delicias (37,4), de andar en inocencia, de practicar a lealdade, de cumprir minuciosamente co próximo (15,2-5), de arredarse da xente satisfeita (49,14-16), de facer memoria das súas intervencións (66,5-7; 77), de entrar no misterio de Deus (73,17), e meditar a propia historia e a historia do pobo á luz de Deus (78,1-8)), de contemplalo presente na natureza, na lei, de prostrarse ante a súa santidade (99,5-8), de loalo (150). Esforzo que se ve abundantemente compensado pola abundancia do Deus encontrado, algo máis cobizable ca o ouro, máis doce ca o mel (19,11).

4.- Efectos que o encontro con Deus produce

Quen ora nos salmos pide e agradece poder experimentar a compaixón de Deus, o seu amor, a súa fidelidade (31,10; 41,5.11; 89,50). E experiméntao cando se sente sostida, segura, defendida, confiada; o Salterio está repleto de experiencias nesta liña, expresadas con formas literarias diversas, pero coincidentes na intensidade emocional que as envolve: 3,6; 31,5; 40,3-4... Verse defendido no medio dunha situación persoal e popular, social, agresiva, inxusta, é a confirmación básica que lle permite á persoa orante saber a Deus da súa parte. Nunha sociedade de non dereito, Deus convértese na "fonte limpa", na que a persoa débil, abusada, recibe defensa na xustiza.

Esta experiencia trae consigo unha serie de consecuencias benéficas para a persoa que a vive e para o pobo do que forma parte: a súa vida recibe a bendición e a xustiza de Deus (24,5; 85,12-13), renóvase cara a dentro co perdón, se é do caso (25,11; 32,1-2), e os próximos seus como son a tranquilidade, fortaleza, fartura, guía, acougo, fogar, honor, compaña (23; 92,8-10; 136). Subvértese a condición persoal, como se subverte tamén a mesma historia do pobo do que forma parte (113,7-9). A lóxica derivada de todo isto é a alegría individual e do pobo enteiro (4,8; 63,2-9; 85,7); alegría que se ve acompañada polo asombro, pola admiración, pola loanza (8,2; 19,15; 92,2-7).

Tampouco aquí a persoa, o pobo, son suxeitos pasivos nunha especie de xogo de comenencias. Experimentar o paso de Deus polas súas vidas e pola vida do pobo leva a persoa e pobo a coñecer os camiños do Señor (25,4; 101,6) cun coñecer que é amar e secundar, a andar na verdade de Deus e recoller o propio corazón no respecto polo seu nome (26,3; 51,5-8; 86,11), a ser consciente da propia caducidade e fraxilidade para abrilas á misericordia de Deus (90,12.14), e a gozarse coa orientación, paz, gozo, felicidade, alento, acerto que en Deus e na súa palabra atopa (119). Quen tivo a sorte de poder gustar o precioso que é o amor de Deus (36,8) sabe que a súa vida e a vida do pobo está convocada aos coidados, fartura e compaña de Deus (23; 63), a habitar na casa do Señor (27,4-6), a fartarse da súa abundancia e beber das súas delicias (36,9; 103), a ser oliveira vizosa na casa do Señor (52,10), a verse mantido con flor de trigo e mel bravo (81,17), a entrar no acougo de Deus (95,11), a sentir que nada lle falta (34,11), a ter o que arela o seu corazón (37,4), a chegar á morada de Deus (43,3), a vivir para sempre na súa tenda (61,5; 65,5), a entrar na santidade de Deus (99), a ver o rostro mesmo de Deus (42,3), sempre, iso si, sen esquecer que as condicións imprescindibles para compartir tenda con Deus pasan pola práctica da xustiza exquisita co próximo, no medio do pobo (15; 24,3-6).

5.-Como é o Deus co que a persoa orante se encontra

Do dito ata agora xa se pode deducir con claridade como é o Deus que as persoas orantes do Salterio foron descubrindo pasiño a pasiño, como é o Deus que se lles foi desvelando na medida da súa disposición a acollelo. Nun repaso calmado polos 150 salmos puidemos recoller máis de 170 afirmacións que teñen que ver coa "identidade" dese Deus co que a persoa orante entra en relación. Pensamos que se poderían concentrar ao redor de seis grandes apartados. O primeiro tería que ver con algunhas percepcións máis básicas, esenciais; Deus é bo e recto e amable (25,8; 36,6-7; 135,2); Deus é aquel en quen reside o perdón, o amor e a redención cumprida (130,4.7); Deus é bendición (134,3) e dá bens (119,68). Deus é o meu Deus (143,10), o que me ama (18,20), o que enche a terra coa súa misericordia (33,5), o que ten un amor que alcanza ata o ceo (138-28), en definitiva, o Deus do meu amor (59,18).

O segundo apartado ten que ver coa condición de Deus de ser alguén con quen se pode tratar, el escoita e responde (3,6;28,6), non agocha o seu rostro (22,25), ten voz e fala (29,3-9; 50,1-7); ante el o ser humano pode expoñer todo tipo de demandas coa conciencia de falarlle a alguén interesado activamente no desenlace das mesmas (todos os salmos de queixa ou súplica). De feito ao redor do terceiro apartado, o referente ás intervencións de Deus coas persoas, na historia, amoréase unha chea de atribucións que fan de Deus un ser totalmente envorcado no ser humano: coidador dos dereitos da xente que é xusta e busca xustiza (1,6; 34,20-23), valedor de xente oprimida, pobre, humilde, desvalida, orfa (14,6; 18,28), ata o punto de que a palabra que mellor define a súa actuación é a de "defensor" (4,2; 40,18) da persoa e do pobo que sofre agravios de todo tipo. Deus é o que se levanta pola opresión da xente humilde e polo xemido da xente pobre (12,6). Identifícase especialmente con quen o respecta (112,1), con quen anda en amor e en xustiza, coa xente recta e de limpo corazón (73,1), con quen ama a verdade no corazón (51,8). Invitamos a persoa que ore cos salmos a reparar na cantidade enorme dos enunciados nesta liña e a variedade de matices que afinan a percepción desta característica do Deus dos salmos.

O cuarto apartado fálanos dun Deus fiel, que é Deus desde sempre e para sempre (48,15), que cumpre comigo (57,3), que dá consistencia a toda criatura (90,3.12.14), Deus de amor eterno (106,1), que recorda alianzas e promesas (105,8), un Deus no que se pode confiar (143,8-9), que fala con verdade (12,7), que non defrauda a quen nel confía (25,3), a última esperanza, logo (39,8), o que dá seguridade (46), o socorro verdadeiro (69,14).

A acción de Deus suplicada ou agradecida nos salmos vaise encamiñando cara a unha fondura digna de ser salientada nun apartado especial. Deus é o que pon ledicia incomparable no corazón (28,7), o que fai lucir a miña candea (18,29), Deus é o Deus matrona, que me saca do seo da miña nai (22,10-11), o meu pastor total, a persoa que me acolle honorablemente no seu fogar (23), o que me conta os seus segredos (25,14), aquel que ten nas súas mans o meu porvir (31,16), o Deus da miña alegría (43,4), que nos guía por riba da morte (48,15), que está por min (56,10), que provoca e colma as miñas máis grandes señardades (63), o que me aleda as saídas da mañá e da tarde (65,9), o Deus que é o "noso" Deus, e do que nós somos o seu pobo (95,7).

Por último, Deus aparece no Salterio coma quen provoca asombro, admiración, loanza: pola súa xustiza (7,18), por ser o Deus grande, maxestoso, que comparte co ser humano o seu poder coidador (8; 45,3.6), por ser firme, recto, transparente, verdadeiro, cobizable (19; 36,6-7), por manifestar nos ceos a súa gloria (19,2), por ser del a terra e canto a enche (24,1), por tela creado coa súa palabra, co seu alento (33,6), porque goberna a terra (58,12), cóidaa e régaa de mil maneiras (65,10), por ser un Deus de feitos grandes e de proxectos profundos (92,6), porque fai connosco cousas grandes que producen alegría (126,3), porque, en definitiva, é un Deus marabilloso que provoca admiración, asombro, do que se intúen grandezas inimaxinables (139).

Tanto o salmo 103 coma o salmo 145, cada un á súa maneira, resumen a imaxe e vivencia de Deus que o mellorciño da espiritualidade dos salmos foi capaz de ir elaborando para o noso proveito. Non ignoramos carencias propias dunha teoloxía que dera chegado a onde dera chegado e que afecta negativamente á expresión orante: Deus externo, intervencionista, dislocación dos procesos históricos, descargar en Deus responsabilidades persoais e sociais, agresividade contra os "impíos", exclusivismo de Israel, abuso da oración de petición..., pero ninguén negará que, aínda con esas, o Salterio ofrece unha conciencia, unha vivencia de Deus en casos verdadeiramente sublime, envexable; abondaría con citar o exquisito salmo 139 para disipar calquera dúbida. Temos unha densísima tradición espiritual, orante, da que moito podemos aprender, aínda que tamén poidamos e debamos redondeala.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.