Símbolo:
Ramiño de caraveles bermellos, dedicados a Oscar Arnulfo Romero, mártir, beatificado hoxe.
HONOR E GLORIA AOS HOMES E MULLERES MÁRTIRES
- Honor e gloria ás persoas que morren por coherencia, por honestidade, por apaixonamento.
- Honor e gloria a quen hoxe morre simplemente por ser persoas cristiás.
- Honor e gloria ás persoas afogadas no Mediterráneo, mártires da inxustiza humana.
- Honor e gloria ás persoas máis pobres que soportan o peso inhumano do capital.
- Honor e gloria a quen se repón e denuncia, arriscando o seu honor, a súa vida.
- Honor e gloria a Xesús de Nazaré, fonte e vigor de todo martirio.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEi3GHq0kU6aEPnSHMfxQE0o1kmVPbQ4EvmDL5iSf9MitjBhp95NYGc22u0lGkvxkFIo5pKASdgagWGaFkT_rYyXOu0F8wUk4sUfYm3Yyk_CkyXC8-UxdQlaNhz9yuWWn8aDR0-4gjdarw/s320/Oscar+Romero.jpg)
Cantiga:
PORQUE ES GRANDE, NOSO DEUS, / E VÉN DE TI CANTO É BO,
DESDE ESTA NOSA TERRIÑA / DÁMOSCHE GRAZAS, SEÑOR.
Pregaria
O teu Espírito, Xesús,
canto precisamos o teu Espírito!
Coma o pan de cada día,
coma o aire que respiramos,
coma a auga que bebemos,
canto precisamos o teu Espírito!
MANDAS O TEU ESPÍRITO (3)
E RENOVAS O ROSTRO DA TERRA.
Espírito de ánimo e esperanza, Xesús,
nestas horas de amencer,
cando na sociedade e na Igrexa
vai habendo cousas, persoas, vidas
que nos invitan á ilusión,
a erguer os brazos con alento,
e non deixar que os acontecementos nos esmaguen
e esmaguen a xente máis débil da sociedade.
Canto precisamos o teu Espírito!
Espírito de indignación e de loita,
para protestar contra todo o que anula o ser humano
e o fai escravo das cavilacións dos poderosos;
para crear redes de información solidaria.
para construír vínculos de condolencia real,
para votar nas eleccións de mañá
pensando na xente e nos pobos máis fráxiles.
Canto precisamos o teu Espírito!
Espírito de misericordia entrañable,
que nos amoleza os corazóns
e nos abra as carteiras,
para que ninguén se sinta só ou soa,
esmagada/o polas súas penas e cavilacións.
Canto precisamos o teu Espírito!
Espírito de perdón,
dado e recibido,
para que o mal non estenda sobre nós as súas redes,
para sermos libres a fondo,
para nacer coma criatura nova
para un mundo novo,
para unha Igrexa tamén nova.
Canto precisamos o teu Espírito!
O teu Espírito, Xesús,
o Espírito de Deus,
que nos axude a sentirnos en Deus en todo momento,
amados/as por El, perdoadas/os por El,
recuperados/as por El,
na súa intimidade, na súa aperta, no seu colo,
na aperta e colo da comunidade.
Canto precisamos o teu Espírito, Xesús!
Imposición das mans para transmitirnos o Espírito.
Ecos do Espírito en nós.
Noso Pai.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.