22 xullo, 2015

26 de xullo: Domingo 17 do Tempo Ordinario (B).



Evanxeo: Xn 6, 1-15


Comentario:

Como o evanxeo de Marcos é un Evanxeo curto, durante cinco domingos leremos case todo o capítulo 6 do evanxeo de Xoán, un capítulo no que se narra a multiplicación os pans e dos peixes.

Hoxe empezamos lendo o signo da multiplicación dos cinco bolos de pan de cebada e dos dous peixes. Xoán chámalle “signos” aos milagres de Xesús, coma advertíndonos que ten moita máis importancia o significado do feito ca o significante; o significante érano, en cada caso os datos históricos, o feito histórico que puido estar no punto de partida de cada relato. Parece que Xoán recolle este relato da multiplicación dos pans e dos peixes da tradición propia dos sinópticos, pero despois aproveita o relato para poñer na boca de Xesús unha catequese longa a partir do signo ou feito simbólico do pan multiplicado para fartura do pobo.

Resulta ben atraínte ver a Xesús envolto sempre co pobo. Que vía o pobo en Xesús para seguilo a sol e a sombra? Que vía Xesús no pobo, maiormente o pobo pobre e castigado, oprimido, para entender que a súa tarefa era pasar o tempo con el, escoitalo, atendelo, servilo? Desde sempre houbo unha tendencia forte dentro da relixiosidade cristiá a apartarse do pobo, por consideralo pouca cousa, impuro, ignorante, pecador, etc.; pero Xesús tiña, parece, o seu pracer, e/ou tamén a conciencia do seu deber, en estar co pobo, sabendo das súas fames e das súas sedes, ofrecendo remedios, pero indo case sempre moito máis aló do que o mesmo pobo podía esperar ou soñar. Somos ese pobo querido por Xesús. Somos tamén ese pobo que busca a Xesús, porque nel descubrimos cousas que nos marabillan, que nos atraen, que nos enchen?

Multiplicación de pans e de peixes? Que houbo de certo aquí? Non lemos o relato coa expectativa de que Xesús multiplique para nós os pans, as menciñas, os postos de traballo, a saúde... A catequese que iremos lendo nos seguintes domingos iránolo recordando, aclarando. Pero é curioso o manifesto interese de Xesús polo pan. Invito a quen isto lea a que lendo os evanxeos vaia anotando todos as palabras e momentos nos que Xesús fala do pan, fai algo co pan, reza polo pan, etc. Seguro que descubriremos cousas sinxelas e moi fondas a un tempo. Polo de pronto, sabemos que nunha das petición da nosa oración principal, o Noso Pai, pedimos con Xesús polo pan de cada día; era unha preocupación que Xesús tiña, e que quixo compartir cos seus discípulos e discípulas, con todos e todas as que onte e hoxe facemos por seguilo. É, logo, este un primeiro afán do noso traballo: que a xente teña pan, que a xente coma; toda a xente, a máis pobres sobre todo. Por aquí cómpre empezar.

Non sabemos moito que puido realmente pasar naquela ocasión, naquel pasteiro de Galilea, pero o que si se deu foi unha marabillosa experiencia de comensalidade; pobre, elemental, pan e peixe, máis pan ca peixe, co gozo de que ninguén quedou excluído (porque as mulleres tamén entraron no reparto, aínda que o evanxelista non as teña en conta á hora de facer o reconto); coa satisfacción de que mesmo houbo moitas sobras; co coidado de recoller o sobrante sagrado, porque era pan de mantenza e de comuñón, o mesmo que todos nós de nenos eramos ensinados a recoller o pan caído ao chan, e a bicalo antes de metelo de novo na boca ou de gardalo para a próxima comida; cos soños que se dispararon no ánimo de moitos presentes, coa ilusión posta nun futuro mellor xa conquistado, sen esforzo, traballo e planificación --sen organización e política, poderiamos tamén dicir--; con Xesús escapando, porque a cousa se lle fora das mans, e a xente medía todo o sucedido con varas de fartura inmediata, tanta era a necesidade que tiña e que sentía.

O centro de todo, a culpa de todo tívoa Xesús, con aquel xesto seu, tan humilde e revolucionario, que na tradición cristiá conservamos con tanto agarimo, de coller un anaco de pan, de bendicir a Deus polo pan que dá vida e pola xente que no pan atopa vida, e de entregalo e repartilo, como xesto cotián, profético, político. Saberemos nos tempos de hoxe, nas eucaristías de cada domingo, cando nelas repetimos a experiencia da campa de Galilea, vivir, experimentar, ofrecer con Xesús o pan da comunidade, do pobo, como el o fixo? Saberemos recibilo por el multiplicado? Saberemos multiplicalo con el?


Preces:

QUE HAXA PAN, SEÑOR, PARA TODA A XENTE
  • Que traballemos con honradez polo pan de cada día. Oremos.
  • Que aprendamos a vivir con sobriedade, non abusando de nada, non estragando nada. Oremos.
  • Que saibamos compartir, para que ninguén morra por falta de pan, de menciñas, de traballo. Oremos.
  • Que desde as asociacións, os sindicatos, os partidos políticos defendamos o pan de toda a xente, en especial o pan da xente e dos países máis pobres. Oremos.
  • Que comamos o pan de Xesús nas Misas coma unha chamada fonda a vivir en familia, en solidariedade. Oremos.
  • Que vivamos a fondo as nosas Misas ou Eucaristías, e nelas nos deixemos coller e arrastras pola forza comunitaria de Xesús. Oremos.


Pregaria:

Pan, xesús, pan para todas, todos,
pan, mantenza, e co pan os soños.

Mesas redondas, Xesús, grandes coma o mundo,
abundancia de pan, que o amor é fecundo.

Eu poño cinco, ti dez, ti vinte,
cada quen co que ten, pode e sinte.

Mesa simple, sinxela, elemental,
mesa austera, comedida, substancial.

Comendo, falando, compartindo,
cantando, bailando, rindo.

Mesa de todos e todas, sen excluír,
sen ninguén que estea privado/a de vivir.

Mesas redondas, comunitarias: fraternidades,
sen mando nin xerarquías: soño maior de igualdades.

Mesas sinaladas co teu signo, Xesús,
nas que o débil presida a carón da túa cruz.

Mesas de familia, de festa, en harmonía,
mesas de pan e viño, de amor, de alegría.

Mesas avivecidas pola forza do amor,
nas que o pan se multiplique como conquista e don.

Mesas das que saen militantes mantidas/os,
dispostas/os para a loita polo pan de cada día.

Mesas... a túa mesa, Xesús, que ti nos dás
como vigor e alento, como descanso e paz.

Mesas... a túa mesa, Xesús, que nos conforta,
que nos remite á vida, que nos empuxa á loita.


Signo:
  • Bolos de pan, un varios. Xerros de viño co pan.
  • Xente comendo na mesa, no campo, en festa ou non.
  • Cadro da derradeira cea de Xesús coa súa xente amiga.
  • Foto de algunha Eucaristía que deite fraternidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.