14 outubro, 2015

18 de outubro: Domingo 29 do Tempo Ordinario (B)



Evanxeo: Mc 10, 35-45


Comentario:

No evanxeo de Marcos son os discípulos irmáns Santiago e Xoán os que se dirixen persoalmente a Xesús para lle facer unha petición, coa que demostraban non estar entendendo nada do espírito e da práctica de Xesús. Tan chocante e case vergonzoso lles resultou este relato aos primeiros cristiáns/ás, que o evanxelista Mateu, no canto de dicir que eran Santiago e Xoán os que facían a petición, di que foi a súa nai. Unha muller ben podía con todo, e, se era mai, aínda máis.

Aínda que a nós hoxe nos pareza moi sen sentido tal petición de participar no triunfo, no poder, nos primeiros postos, e mesmo nos riamos un pouco dos intereses destes dous irmáns, non estamos libres de entrar no seu mundo de pretensións. Quen está libre do afán de aparencia, de prestixio, de poder, de figurar, de se ir poñendo con máis ou menos disimulo no centro? En definitiva, quen está libre de andar non a xeito de servidor/ra, senón a xeito de amo merecedor de servizos? É moi difícil estar sempre perfectamente protexido do cancro do poder, nos diversos niveis de intensidade con que nos pode atacar. A calidade dunha vida humana, a calidade, en consecuencia, tamén dunha vida cristiá ben se pode medir por este esquecemento do “eu”, nas moitas formas e cores que pode adoptar na nosa existencia, para se poñer gozoso ao servizo da demais xente.

Xesús quería que o grupo que el animaba coa súa palabra e sobre todo co seu mesmo exemplo de vida se desenvolvese con criterios moi distintos dos que calquera podía, e pode, observar no funcionamento normal de calquera persoa ou grupo que exerce o poder, para os que ser primeiro era mandar, tiranizar, asoballar. Xesús quería que o seu grupo entendese e vivise as cousas doutra maneira: quen queira ser primeiro débeo ser necesariamente pola vía do servizo, sendo, facéndose servidor/ra total de todos os demais. En tempos de “nova evanxelización”, sería ben que empezásemos evanxelizando as nosas mesmas persoas e comunidades, as institucións da nosa Igrexa, de xeito que responda fielmente a esta vontade de Xesús. Como persoas, erguémonos cada mañá coa ansia de servir, de como mellor servir a quen máis precise do noso servizo? Deitámonos cada noite verificando a limpeza e decisión do noso servizo durante o día? Que supoñería para o grupo ou comunidade cristiá da que formo parte, para a nosa Igrexa en conxunto, propoñerse en firme andar en servizo e non en poder?

Non é doado andar en cousas de servizo; váisenos deseguida a man, a mente, o corazón, a cousas de poder, de prestixio, a cargos, ao diñeiro de aí derivado. Quitamos doadamente a Deus e aos irmáns débiles do centro e poñémonos nós mesmos, como individuos, como comunidade ou coma Igrexa. Pero temos a sorte de ter un guieiro que non se dedicou a falar e falar do servizo –como moitas veces facemos nós--, senón que viviu en servizo. Non veu a que o sirvan –dicía o mesmo Xesús--, senón a servir e a entregar a súa vida polo ben de todos/as. Mirar a Xesús é a mellor maneira de acertar cos camiños do servizo. Mirar a Xesús, coa vista posta na realidade concreta da xente que me rodea, da comunidade da que formo parte, é a mellor maneira de acertar nisto sagrado de servir.

Hoxe é o día do Domund: DOMingo MUNDial das misións, xornada dedicada na igrexa a valorar, agradecer e apoiar a presenza evanxelizadora de miles de homes e mulleres que polo mundo adiante van ensinando os camiños de Xesús, acompañando moi frecuentemente a súa palabra con obras de solidariedade, con actividades múltiples encamiñadas a aportar unha vida digna á xente coa que conviven. Purificada esta tarefa de pasados aires colonizadores, é un espello limpo do que pode ser unha vida de servizo ao estilo de Xesús. Mirarnos nese espello pode axudarnos a recuperar o servizo como a maneira de ser cristiáns/as nos lugares onde vivamos.


Preces:

QUEN QUEIRA SER O PRIMEIRO /SER A PRIMEIRA,
QUE SIRVA AOS OUTROS/AS.

  • Señor Xesús, que nos deixemos levar polo teu Espírito de servizo, e darlle así a volta aos nosos soños de mando e de poder. Oremos.
  • Señor Xesús, que ao teu carón descubramos a inmensa alegría que hai en ser solidarios/as, en entregarnos en servizo á xente máis débil. Oremos.
  • Señor Xesús, que o teu Espirito nos fortaleza nos momentos en que por servir teñamos que afrontar problemas e desilusións. Oremos.
  • Señor Xesús, que o Papa e bispos e demais persoas que están xuntas en Roma celebrando o Sínodo da Familia, teñan na súa mente servir, sobre todo ás familias que máis difícil o están tendo para sacar as súas vidas adiante con dignidade, con harmonía. Oremos.
  • Señor Xesús, que saibamos agradecer e apoiar o traballo das persoas que anuncian o teu nome polo mundo enteiro, e que fan tanto ben nos países máis pobres e oprimidos. Oremos.

Pregaria:

Ai, Xesús,
canto necesito de ti!
Que cheas están as miñas mans,
o meu pensamento,
o meu corazón
de ansias de poder!

Camúflanse arteiramente
nas reviravoltas da miña vida
coma un colesterol pernicioso
que ameaza constantemente
con neutralizar a vida
que corre pola miñas veas.

Canto necesito de teu aviso, da túa alerta,
da túa purificación!
Cantas veces,
nos enredos normais da vida,
remexendo un pouco no me corazón,
te escoito dicíndome:
“Ansia de poder,
ansia de ser centro,
estaste poñendo onde non che toca,
por aí non hai solidariedade,
nin liberdade, nin alegría.”

Canto necesito ollar para ti,
que viñeches servir
e dar a túa vida por todos e todas!

Canto necesito ollar para as persoas servidoras,
que che fixeron caso
e converteron a súa existencia nun servizo
e o seu servizo
nun camiño de liberdade
e nunha forma revolucionaria de facer comunidade,
coma ti,
de facer país, Terra,
de facer Reino de Deus!

Ai, Xesús,
canto necesito de ti!


Signo:

  • Algunha imaxe de Xesús servindo a xente.
  • Algunha imaxe de Cristo crucificado, dando a vida.
  • Imaxes de poder ou de poderosos, e sobre deles palabras como: poder, cartos, tiranía, opresión.
  • Algunha pancarta coas letras de “Quen queira ser o primeiro, que sirva a xente”.
  • Imaxes de misioneiros ou mesmo de políticos como Alexandre Bóveda, asasinado por servir na política.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.