Evanxeo: Xn 18, 33b-37
Comentario:
Pechamos con esta festa de Cristo Rei o ano litúrxico, que se iniciará de novo o domingo que vén coa entrada do Advento. A festa de Cristo Rei é unha festa relativamente recente dentro da liturxia católica; foi instituída polo Papa Pío XI no ano 1925, cando se conmemoraba o XV centenario do Concilio Ecuménico de Nicea, concilio no que entre outras cousas se engadiron ao Credo Apostólico as palabras “... e o seu reino non terá fin”. A festa, logo, foi instituída para celebrar este reinado e a persoa que o realiza, que é Xesús.

O relato do evanxeo de Xoán que hoxe lemos pódenos axudar a aclararnos con ese título de rei aplicado a Xesús. Ante as insistencias de Pilato, Xesús afirma rotundamente que o seu reino non é deste mundo; é dicir, a súa forza de atracción, de arrastre, a súa capacidade de liderado, as relacións que establece con quen o segue en comunidade, as posibilidades que ten de dar vida e porvir a quen con el faga vida, as súas maneiras de exercer a autoridade, o seu coidado polo pobo que o acompaña, etc., non ten nada que ver coas persoas que normalmente realizan todas esas funcións entre nosoutros/as. E para entender, logo, como e cales son as formas que Xesús ten de liderar unha comunidade, temos necesariamente que mirar para as cousas que os evanxeos nos contan de Xesús.
Para Xesús, está claro, iso de ser rei era algo sentido e vivido dunha maneira completamente nova, que el deixou perfectamente aclarada cando dicía cousas coma que el viñera a servir e non a ser servido, ou que el viñera para dar a súa vida polo ben de todos/as. Ou coma cando colle o cacharro con auga e se pon a lavarlle os pés a quen o acompañaba. É rei dunha maneira tan nova, creativa e revolucionaria, que paga a pena chamarlle rei, aínda que soamente sexa para ver o contraste, a diferenza. E para gozarse con ela. E para aprender a relacionarnos dentro da familia, dentro da comunidade, dentro da sociedade. E para revisar as maneiras como facemos diariamente Igrexa, sobre todo as persoas que teñen autoridade dentro dela.
Ao final deste relato de Xoán, a realeza de Xesús queda vinculada coa verdade. O seu reinado queda convertido nunha capacidade, nunha disposición de dar testemuño da verdade. Qué é a verdade?, preguntaríalle tamén Pilato. Si, que é a verdade, da que Xesús se di testemuña. A verdade é o que constrúe axeitadamente o noso ser, as nosas relacións, o sentido da nosa existencia, o sentido do que cada día facemos, das cousas polas que loitamos. A verdade é a que dá sentido as nosas bágoas e ás nosas risas, ás nosas apertas, aos nosos compromisos, á nosa militancia política. Cristo maniféstalle plenamente o home ao home (a muller á muller) (Vaticano II), descóbrelles ao home e á muller a grandeza da súa vocación.
A festa de Cristo Rei é unha festa de contemplación de Xesús, de agradecemento pola súa maneira revolucionaria de ser persoa, de gozo por sabernos irmandados a fondo coa súa persoa, de seguridade, porque temos o camiño aberto e andado, de compromiso, para que cada un de nós sexamos tamén un pequeno e humilde reflexo deste Xesús marabilloso que diariamente preside as nosas vidas e a vida das nosas comunidades.
Preces:
GLORIA E LOANZA A XESÚS,
QUE SE FIXO REI NA CRUZ
- Grazas por todos os teus servizos, Xesús; polo servizo da túa vida valente ata morrer na cruz por facerlle fronte a poderes opresores. Loámoste xuntos/as.
- Loámoste pola desmedida do teu amor a toda a xente, sobre todo á máis débil, da que te fixeches servidor entregado. Loámoste xuntos/as.
- Grazas por aprendernos a facer comunidade e sociedade dunha forma nova, que revoluciona as ideas e as prácticas de quen a ti se achega. Loámoste xuntos/as.
- Loámoste polo teu liderado entrañable, co que nos sabes ir levando a unha participación responsable e gozosa na vida e nas tarefas da fraternidade. Loámoste xuntos/as.
- Grazas por seres infinitamente bo, santo, humilde, valente, servidor, amigo, irmán, comprensivo, perdoador, alentador, renovador. Loámoste xuntos/as.
- Grazas polas persoas que, en horas violencia internacional sufrida ou cometida, seguen apostando polo entendemento, pola paz dentro da xustiza. Loámoste xuntos/as.
Pregaria:
ante ti, Xesús, cara a cara.
Coma Pilato,
pero máis aberto a ti do que Pilato;
moito máis,
porque xa temos gustado contigo
o agarimo co que miras e acompañas,
o vigor da túa palabra alentadora,
o teu perdón, a túa paz,
o gozo de estrear camiños e de andalos contigo.
Cara a cara,
ante ti, Xesús, cara a cara.
permitíndoche unha vez máis
abrir a porta e entrar,
permitíndoche que o revolvas todo,
que o descoloques todo,
que o airees todo.
Fiado en ti,
no que me queres,
tamén no que te quero (humildemente).
Cara a cara,
ante ti, Xesús, cara a cara.
Gozando con que sexas o meu rei
(meu rei, miña prenda, meu amor!),
dándoche a man
para que me leves a onde queiras,
disposto(a) a todo.
Desexando que me aprendas
a estar cos demais e a servir,
a achegarme aos débiles para bicarlle as chagas,
para vendarllas,
para curarllas.
ante ti, Xesús, cara a cara.
Véndote comigo a cada hora,
todo o día,
na oración da mañá,
na xuntanza da noite,
no pleno municipal,
nos berros da folga,
véndote comigo sen perder unha.
Cara a cara,
ante ti, Xesús, cara a cara.
Sempre.
Signo:
- Unha imaxe románica dun Cristo con coroa de rei na cruz.
- Imaxes de servizo.
- Dous rostros, fronte a fronte.
- Unha imaxe de Cristo lavando os pés.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.