Evanxeo: Lc 3,10-18
Comentario:
Xoán Bautista foi un personaxe moi querido polo noso Señor Xesús. Xesús sentiuse chamado por Xoán e acudiu onda el, coma quen acude onda a un mestre. Isto di moito de Xesús e di moito tamén de Xoán. Xesús integrouse no grupo de Xoán, aprendeu moito del, onda el se bautizou, coma el fíxose tamén bautizador de xente como maneira de prepararse para a chegada do Reino. Posteriormente o Espírito levou a Xesús por outro camiño, non oposto ao de Xoán, pero si un camiño no que se acentúan aspectos que Xoán parece que non chegara a descubrir; aspectos que teñen que ver coas entrañas de misericordia de Deus, coa proximidade incondicional mesmo aos pecadores/as, e que teñen que ver tamén cos “métodos” de evanxelización de Xesús: non esperar a que a xente veña, senón saír, andar os camiños á procura do pobo pobre, débil, oprimido, pecador. Os primeiros cristiáns tiveron verdadeiras dificultades para ensamblar a Xesús con Xoán Bautista, por non considerar razoable que Xesús fose aprender onda Xoán coma discípulo. Destas dificultades fanse eco os evanxelistas nalgunhas reflexións que fan comparando a Xesús con Xoán.
O Evanxeo de hoxe sitúanos ante a actividade de Xoán Bautista, actividade da que Xesús tamén foi testemuña. Xoán entendeu a súa misión como un prepararlle os camiños ao Deus que chega, como invitar á xente a que se dispuxese ben para poder recibir con proveito a visita de Deus. Estaría ben que neste tempo de Advento tamén nós lle preguntemos a Xoán, nos preguntemos uns aos outros/as, nos preguntemos a nós mesmos/as qué temos que facer para facilitar a entrada de Deus nas nosas vidas, na vida da nosa comunidades, da nosa sociedade nos tempos de hoxe. Se preguntamos con humildade e con dispoñibilidade, seguro que atoparemos cousas de proveito para facer. Por se acaso, non está de máis reparar nas contestacións de Xoán Bautista.

Fose cal fose a idea que Xoán tiña de Xesús, parece que Xoán tiña moi clara a súa función de servidor da presenza de Deus; non se buscaba a si mesmo, o seu era abrir camiños, facilitar entradas, encontros, axudar a que a xente experimentase por si mesma a presenza e a forza do mesmo Deus. Isto foi precisamente o servizo que fixo co mesmo Xesús. E iso é o que quere facer con nosoutros/as hoxe. Parece esta unha boa actitude para unha evanxelización creadora de adultos/as na fe, cousa que tanto nos fai falla.

Nunha sociedade en crise, nunha Igrexa tamén en crise, é urxente achegarnos coma discípulos/as con Xesús onda Xoán, con Xoán onda Xesús, para que a súa forza subversiva nos colla e nos faga capaces do novo para nós mesmos, para a nosa sociedade que tanto está precisando de verdadeiros revulsivos.
QUE O TEU ESPÍRITO SANTO NOS MOVA, XESÚS
- Para non adormecer, para estar inquedos/as, para preguntarnos polas cousas que pasan e polo que podemos facer para melloralas. Oremos.
- Para compartir as nosas túnicas, os nosos cartos, a nosa casa, a nosa amizade, o noso corazón, con quen ande orfo na vida. Oremos.
- Para que, se temos algún cargo público, sexamos moi serios no seu cumprimento e esixamos aos políticos e funcionarios públicos responsabilidade co que é de todos/as. Oremos.
- Para que non nos permitamos ningún tipo de violencia contra nada, contra ninguén, en especial contra persoas débiles: mulleres, nenos, minusválidos. Oremos.
- Para solidarizarnos cos labregos que están defendendo prezos dignos para o leite, para que nos solidaricemos con toda a xente que está reclamando poder traballar e vivir con dignidade. Oremos.
Pregaria:
Eu, Señor, coma Xoán Bautista,
moito máis ca Xoán Bautista,
son pouca cousa,
indigno/a de che desatar o calzado.
Pero coma el suspiro
polo lume do teu Espírito,
que me aclare o corazón,
que me renove as forzas,
que me aviveza para a solidariedade.
formas lúcidas e audaces
de vivir a crise na que estamos,
liberándome para compartir,
alentándome para sentir a todos coma irmáns,
sen ningún tipo de abuso nin dominación.
Eu, Señor, coma Xoán Bautista,
espero e ansío a túa presenza,
que abra tempos novos na miña vida,
que me faga colaborador do novo
ao pé da xente máis humilde e soñadora.
Que o teu mesmo Espírito
fortaleza as miñas debilidades,
e me axude a chegar
alí onde eu só me asomo nos meus soños.
Amén.
Signo:
- Auga por un lado; lume, lapas polo outro.
- Palla e gran de trigo.
- Imaxes de compartir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.