Evanxeo: Lc 2,1-14
Comentario:
O evanxelista Lucas reconstrúe á súa maneira o nacemento de Xesús. Os trazos cos que o debuxa son dignos de ter en conta, porque adiantan xa as maneiras de ser de Xesús, o seu estilo de vida, as súas preferencias, a fondura da súa presenza, da súa tarefa no medio de nós.
O cadro que debuxa Lucas está cheo de contrastes rechamantes, que nos poñen en alerta sobre a forza e a orixinalidade de Deus. Xosé e María cumpren a orde dun emperador que mobiliza a xente como quere, para satisfacer os seus intereses de dominio e de rendibilidade económica; e nese mesmo cumprimento dan vida a quen desde o servizo abrirá camiños de liberdade cada vez máis ampla e máis fonda. Lucas coloca o nacemento de Xesús en Belén de Xudá; quere amosar en Xesús a un descendente do rei David e das súas promesas; pero o reinado de Xesús descoloca calquera expectativa xudía, pois de novo o servizo solidario, e non o dominio en ningunha das súas formas, será o recurso de que bote man para anunciar a presenza de Deus entre a xente.
A familia de Xesús formaba parte dun grupo social pobre: viaxa na provisionalidade, non dispón de pousada, pasa a noite nunha especie de cortello, ao quente co bafo dos animais; nace sen comadroa, o presebe fai de berce; recibe a visita e os coidados dun grupo de pastores, que non eran precisamente a xente mellor cualificada moral e relixiosamente, porque o tipo de traballo que tiñan –vixiantes dos seus rabaños polo día e pola noite-- non lles facilitaba un cumprimento relixioso como era querido polas autoridades relixiosas do seu tempo.
E, curiosamente, neste marco nada privilexiado para o común pensar da xente, rodeados de limitacións e pobrezas, sufrindo a marxinalidade económica e en contacto coa debilidade relixiosa, moral, xustamente aquí aparece a graza de Deus, a desmesura de Deus, o seu amor incondicional, a súa presenza pacificadora e desacougante a un tempo, na forma dun neno pequeno, dun bebé que chora, mama, durme e ri coma outro neno calquera, “coma un de tantos”. Que pouco fai falla para o encontro con Deus! Que pouco lle fai falla a Deus para amosar a súa presenza amorosa, liberadora! Parece coma se Deus, planificando o feito, dixese: moi ben, canto menos, mellor! Unha esperanza para todas as persoas que desde a sinceridade, empuxadas polo Espírito, ansían ver as súas vidas repletas de Deus. Se non fai falla case nada, nada, só un corazón aberto, empobrecido, suplicante Una pista imprescindible para todas as comunidades que lle andan dando voltas a como debería ser iso dunha “nova evanxelización”. Saber buscar, aceptar os mesmos cadros e espazos que Deus ofrece, velaí un comezo imprescindible.
Onde aparecen anxos, o que se nos di realmente é que algo grande, marabilloso de Deus está sucedendo diante de nós, que nos desborda, que precisa de alguén que nos abra os ollos, que nos toque o corazón para descubrir o que á simple vista non ten presenza. Todos, todas necesitamos de anxos (masculinos ou femininos) nas nosas vidas. Todas, todos, podemos, debemos, facer de anxos para que outros/as accedan ao bo de Deus. Sen esta labor servicial o de Deus non se descobre, non se coñece, non se vive, non se goza. Anxos, logo, do Nadal da vida!
Hai pobreza no marco que debuxa Lucas; hai marxinalidade, hai misterio, pero hai canto, hai loanzas, hai alegría desbordante, porque hai unha Boa Nova, que quita medos, hai a presenza dun Deus que desde a pobreza aposta a fondo por cada home ou muller que se arrastre pola vida na procura de vida e de dignidade. Hai un señor, que é Mesías servidor, que é liberador.
Disque San Francisco escolleu unha corte dunha pequena aldea italiana para reproducir un nacemento vivo de Xesús. Coñecido o estilo de Deus, onde nos parece que poderiamos nós acudir para contemplar o nacemento de Xesús no medio de Nós? Como crear as condicións para que poidamos experimentar a presenza alegre, liberadora de Deus no medio de nós? A crise que vivimos, que está traendo moita pobreza, desgraza, desacougo, a tanta xente, fai posible que poidamos redescubrir a verdade do nacemento de Deus entre nós? En que Belén vivinte podemos ir visitar, adorar, servir o Neno? Como deixarnos coller pola fondura e a simplicidade da presenza de Deus no medio de nós? Como celebrar o nacemento de Xesús, con formas coherentes co estilo de Deus, que nos leven na dirección do misterio de Deus entre nós?
Preces:
NON TEÑADES MEDO. NACEUVOS UN SALVADOR
- Que poidamos celebrar con simplicidade e alegría o nacemento de Xesús, o noso salvador servidor. Oremos.
- Que venzamos os medos, que atopemos o camiño da valentía e da audacia para sentirnos cómodos/as con Xesús entre as persoas máis débiles e marxinadas. Oremos.
- Que cos nosos feitos de vida levemos alegría a quen anda triste, preocupado, desesperado. Oremos.
- Que creamos de verdade na forza salvadora de Deus, que sexamos testemuñas dela, coas nosas vidas, diante das persoas que andan precisadas de compaña, de ánimos. Oremos.
- Que descubramos o nacemento de Deus, a súa presenza no medio das persoas paradas, desafiuzadas, estafadas, emigrantes, que dormen na rúa; que lles abramos as nosas casas e os nosos corazóns e os nosos petos. Oremos.
- Que de corazón lle saibamos agradecer a Deus o feito de sermos tan importantes para él, de querernos como nos quere, de servirnos como nos serve. Oremos.
- Que acompañemos especialmente as familias del N..., N..., N, que este Nadal están pasando por dificultades especiais. Oremos.
Pregaria:
(Esta pregaria pódese rezar, repetindo todos/as despois de cada dúas estrofas a primeira liña: “Ao fío da media noite”, e logo unha ou dúas persoas van lendo as estrofas, con calma, como meditando).
Ao fío da media noite...
Xosé e María andaban
Con moita angustia buscaban:
ela estaba embarazada.
Ben lonxe da propia casa,
o parto xa se anunciaba.
Nunha corte houbo palla,
sen luz, sen auga: máis nada.
E pariu a virxe santa:
na noite veu a alborada.
En pobreza solidaria
naceu quen todo creara.
Con chuchos de mel bicaba
Xosé a súa crianza.
Xentiña na corte entraba,
pastores da rodeada.
E uns a outros/as contaban
o que o anxo xa anunciara.
Que rexurdía a esperanza,
que a hora de Deus chegaba.
Na forza doce e calada
dun bebé que nin falaba.
A xente sen medo, ousada,
con alegría brincaba.
Naquel meniño, abraiada,
ao Servidor contemplaba.
Con formas fondas e mansas,
revolución anunciaba.
A xente máis marxinada
dun valedor xa gozaba.
O mundo da crise amarga
había ter outra cara.
Aquilo a gloria gustaba,
e “gloria” os anxos cantaban.
E o que entre medo empezara
rematou en foliada.
Bendita a virxe mamá,
e o home que a acompañaba!
Bendita a luz que abrollaba
alegre de madrugada!
Bendito Deus que nos ama,
que nos visita e nos salva!
Signo:
- Imaxes de nacementos mesturadas con imaxes de individuos ou de grupos envoltos en necesidade ou miseria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.