19 xaneiro, 2016

24 de xaneiro: Domingo 3º do Tempo Ordinario (C)


Evanxeo: Lc 1,1-4; 4,14-21

Comentario:

Empezamos o tempo ordinario do Ciclo C, e empezamos tamén cunha lectura máis ou menos continuada do Evanxeo de Lucas. Lucas é un dos tres evanxelistas sinópticos (Mt, Mc, Lc); cada un deles ten a súa personalidade narrativa, a súa maneira de ver a Xesús e o seu compromiso polo Reino, e a súa comunidade de seguidores e seguidoras. Ao longo deste ano teremos repetidas veces a oportunidade de ir descubrindo e sinalando esa particularidade de Lucas, que enriquecerá a nosa condición de discípulos/as de Xesús.

No evanxeo de hoxe xa vemos dúas cousas especiais de Lucas: o seu afán de historiador, que consulta fontes e escoita os narradores para preparar o seu escrito, e a narración mesma da sinagoga de Nazaré: el é o único evanxelista que, cuns detalles específicos, nola conta como arranque da misión de Xesús, e como indicación de por onde ían ir os seus pasos.

Lucas proponse investigar e narrar os feitos mesmos de Xesús, con coidado, para que poidamos coñecer ben as ensinanzas que recibimos, o evanxeo de Xesús. Hoxe, coma sempre, é ben importante esta actitude de querer coñecer limpamente as palabras, os pasos, as opcións, o estilo de vida de Xesús. Se queremos renovarnos coma cristiás/áns, se queremos darlle un empuxón cara a diante á nosa parroquia, ás nosas comunidades, á nosa Igrexa, se queremos facernos significativos coma cristiáns/ás na nosa sociedade, sermos un chisquiño polo menos de sal e lume, é ben importante este afán por apegarnos a Xesús, por reavivar a Xesús nas nosas vidas.

Coa forza do Espírito Santo Xesús volve a Nazaré. Xesús non era unha marioneta do Espírito, pero non daba un paso adiante que non fose en total comuñón co Espírito, que é o alento de Deus na súa vida. Xesús era un home “espiritual”, sempre atento e colaborador con ese Espírito que o enchía e dinamizaba. Un reto ben importante para cada un de nós, para cada unha de nós. Por outra banda, Xesús non foi unha persoa estática, conformista: ía, viña, buscaba, compartía, empuxado sempre por ese afán, central nel, de facerse un na súa vida co ser de Deus, coa vontade de Deus, e de atinar coa mellor maneira de axudar a xente a ser libre, auténtica, feliz, integrada socialmente, gozosa de ser filla de Deus e de vivir como tal no mundo que lle tocaba vivir, que non era nada propicio a estas cousas. O empeño de Xesús ben pode ser o noso. Se temos a paixón de Xesús, atinaremos coma el no mellor para as nosas vidas, no mellor para a nosa colaboración no pobo do que formamos parte.

Na sinagoga de Nazaré Xesús le e comenta un texto de Isaías, que lle vale para describir cal vai ser a súa tarefa como home empuxado polo Espírito de Deus no medio da xente: arrimarse aos grupos máis débiles da sociedade para que reciban de parte de Deus un respiro, un alento, a liberación da súa situación indignante: a xente pobre, presa, cega, asoballada vai ocupar as preferencias de Xesús. E Xesús –tal como irá aparecendo pouco a pouco no Evanxeo-- non se propón facer ese traballo como dando un consolo espiritualista a esa xente, senón mesturándose con ela, compartindo as súas miserias, integrándoas no aprecio fondo que Deus lles ten e loitando para que a sociedade lles ofreza tamén ese aprecio e integración. Nós somos obxecto desa acción viva de Xesús, e nós estamos tamén convocados a colaborar con el na mesma tarefa.

Hai xente que se escandaliza por este afán de Xesús por poñer a xente máis débil, máis marxinal, no medio e medio do seu corazón, do seu empeño diario. Hai xente que se escandaliza cando na Igrexa hai persoas que persisten nesta convicción de Xesús de dedicarse especialmente á xente máis débil e marxinada, e denuncian que Deus é para todos, tamén para a xente rica, para a xente acomodada, integrada. Xesús non lle nega a ninguén o ben de Deus, pero pensa e actúa co convencemento de que o ben de Deus só chega a todos/as, se un empeza por lle dar preferencia ás persoas máis débiles; así é como se poden recompoñer os corazóns e os pobos, as persoas e as sociedades. Non é isto, acaso, o que tamén precisamos nos tempos de hoxe? Hai xente, políticos, banqueiros, que se empeñan en reconstruír o mundo dándolle preferencia aos grandes. Así nos vai, así nos irá. E hai moitos, moitas, que pensan, pensamos, que é dándolle preferencia aos pequenos/as como podemos poñer un pouco de paz e dignidade nesta sociedade ferida da que formamos parte.

Pero a proposta de Xesús non é doada. Tanto se formamos parte da xente marxinal coma se non, non resulta cómodo apuntarse á aventura de Xesús. Por iso moitos/as a critican, e por iso quizabes moitos/as nos quedamos tamén na fermosura das palabras, das ideas, pero realmente non comprometemos a nosa vida nesas cousas.

Xesús dixo con convicción que nel se ían cumprir, se cumprían as vellas palabras de graza, de liberdade, de Isaías. O evanxeo invítanos a que cada un, cada unha de nós, cada unha das nosas comunidades, teñamos tamén esa mesma ousadía no Espírito para dicir: Hoxe coa nosa vida ímoslle dar cumprimento a esta pasaxe da Escritura.

Preces:

O ESPÍRITO DO SEÑOR ESTÁ SOBRE NÓS
  • Grazas, Xesús, porque estás ao noso lado, porque nos acompañas nos momentos fráxiles da nosa vida. Oremos.
  • Grazas, Xesús, polo valente que fuches, por te poñeres tan decididamente do lado das persoas que máis afecto e defensa necesitaban. Oremos.
  • Grazas, Xesús, porque nos chamas a estar ao teu lado, porque nos queres descubrir a enorme alegría que hai en estar arrimados/as á xente humilde coma ti. Oremos.
  • Grazas, Xesús, por toda a xente que loita nestes tempos nas nosas parroquias, nas nosas comunidades, para facer máis digna a vida das persoas pobres, presas, marxinadas por calquera razón que sexa. Oremos.
  • Grazas, Xesús, por seres sempre tan dócil ao Espírito de Deus que te encheu de enerxía. Grazas porque queres compartir connosco ese mesmo Espírito. Oremos.


Pregaria:

Ámote, Xesús,
atraído polo Espírito de Deus,
ansioso por servir ao teu pobo.

Ámote, Xesús,
indo e vindo,
transmitindo o lume que levabas dentro,
buscando xente
para o novo esplendoroso de Deus,
que anunciabas con fe, con entusiasmo.

Ámote, Xesús,
poñéndote, no nome de Deus,
do lado da xente máis débil,
hoxe coma onte,
onte coma hoxe,
arrastrado por unha compaixón fiel,
ao servizo da cal poñías todo o teu ser,
toda a túa imaxinación,
toda a túa vida.

Ámote, Xesús,
na túa humilde ousadía
de afirmar que en ti se cumpría
o soño entrañable de Deus
de situarse entre os últimos/as,
para mellor servir á humanidade de todas/os.

Ámote, Xesús,
ti,
xustamente ti,
co teu proxecto de vida e de traballo,
é o que hoxe nos fai falla.

Quero ser das túas, dos teus,
quero compartir os teus soños,
o teu estilo de vida,
quero arrimarme a quen te segue con verdade.
Que, coma ti,
nunca lle peche as portas ao Espírito,
para que na miña vida humilde
floreza a túa luz,
irrompa a humanidade de Deus.

Signo:
  • Imaxes de xente pobre, presos, xente asoballada, xente marxinal do Terceiro Mundo,
  • Un rostro de Xesús, repetíndose, sempre a carón dun deses rostros ou imaxes.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.