21 xuño, 2016

24 de xuño: Festividade de san Xoán Bautista


Evanxeo: Lc 1,57-80


Comentario:

O domingo pasado retomaramos o “tempo ordinario” na liturxia, e con el a lectura continuada do evanxeo de Marcos. Neste domingo dáselle preferencia á festividade de Xoán Bautista sobre o domingo ordinario. Xoán Bautista foi un personaxe que, xa desde os primeirísimos tempos do cristianismo, recibiu toda a consideración por parte da Igrexa. O seu parentesco con Xesús, o seu estilo de vida austero, disidente, provocativo, profético, a súa tarefa de anuncio dos novos tempos de Deus, o feito de ser “pai espiritual” de Xesús durante unha etapa importante da vida deste, deixou uns trazos poderosos na conciencia cristiá que os mesmos evanxeos reflicten, aínda que tamén os reconducen en función dos seus intereses teolóxicos. O feito de que entre nós moitas parroquias teñan por patrón a Xoán Bautista fálanos tamén deste tradicional recoñecemento e admiración polo santo que hoxe veneramos.

Xoán o Bautista, predicando no deserto
Anton Raphael Mengs
O evanxelista Lucas narra os nacementos de Xesús e de Xoán Bautista dunha forma combinada, mesturando as diferentes circunstancias dos mesmos: anuncio do nacemento de Xoán, anuncio do nacemento de Xesús; María visita a Sabela e canta o Magníficat; nacemento de Xoán Bautista e o pai, recuperada a fala, canta o Benedictus. E, por último, o nacemento de Xesús e a súa circuncisión. E de fondo a mesma convicción: todo é cousa de Deus, todo é cousa do Espírito; a virxindade de María e a vellez de Sabela preséntanse coma referente simbólico para que quede ben claro que a “forza de salvación” que cantará Zacarías é algo gratuíto, debido á “misericordia entrañable” dun Deus que non é alleo á nosa historia, ás nosas vidas.

Na narración do evanxeo de hoxe o que prevalece por riba de todo é un Deus que actúa sempre desde unha “misericordia entrañable”. O nome mesmo de Xoán en hebreo quere dicir que Deus é misericordioso ou que actuou con piedade. E o Benedictus, o canto que o evanxelista pon na boca de Zacarías, debúxanos a historia humana toda ela sostida pola acción dun Deus que non se sitúa fóra, a distancia do que na vida nos poida acontecer, senón que se fai presente, que actúa cunha forza de salvación desde a clave da misericordia, para contribuír á recondución do acontecer humano, de xeito que a humanidade camiñe por camiños de paz, ben iluminada por un sol de santidade e de xustiza que cada mañá se levanta gratuíto e poderoso sobre as nosas vidas ensombrecidas e desilusionadas.

O que, segundo Lucas, era o proxecto de Deus, iso foi o que logo realizou na historia o mesmo Xesús, actuando sempre desde a clave da misericordia, e facendo da misericordia non un sentimento superficial e brando que no fondo nada conmociona nin cambia, senón convertendo a misericordia nun sentimento fondo de solidariedade capaz de cambiar o presente e o futuro de cada persoa, e de introducir na sociedade uns dinamismos novos que permiten soñar con algo realmente novo para todos, especialmente para a xente máis desfavorecida.

Os nosos tempos, igual non máis ca outros tempos, pero desde logo nunca menos, están necesitados dunha intervención poderosa desde as claves da misericordia conmocionada, solidaria. A oferta de Deus, en Xesús, segue en pé, é firme; nela hai promesa de tempos novos para toda a xente, especialmente para quen máis precisa do novo, que son as persoas máis esmagadas pola dureza dos comportamentos insolidarios. E Deus cumpre. Deus, en Xesús, invítanos a acoller o seu plan de misericordia solidaria; a acollelo e a realizalo, tal como o fixo Xoán Bautista, tal como o fixo Xesús, tal como o están facendo moitos homes e mulleres crentes que lle dan creto a Deus e converten as súas vidas nunha extensión viva da misericordia de Deus. Tal como o fixo, por exemplo, o noso amigo Bernardo García Cendán, recentemente falecido, que na súa presenza, na súa palabra, no seu silencio, na súa práctica, no seu humor amoroso, era un home de misericordia, que acendía a esperanza nos corazóns das persoas que tiñan a dita de telo por amigo, e eran moitas. Con xente así, tocada e ferida por Deus, é posible soñar. Ti, eu tamén, estás invitado/a por Deus a facer que os soños invadan coa esperanza os nosos pobos. Non digas que non.


Preces:

QUE A TÚA LUZ, SEÑOR, ALUME AS NOSAS TEBRAS
  1. Que acollamos e gocemos da túa misericordia entrañable. Oremos.
  2. Que todos, todas, nos convertamos en persoas que nos deixemos conmocionar pola xente que o está pasando mal. Oremos.
  3. Que as comunidades cristiás, que toda a Igrexa, ofertemos acollida e atención a todo o mundo, especialmente á xente desconsiderada. Oremos.
  4. Que sexamos xente de esperanza, e que construamos a esperanza cada día coa nosa participación viva e honrada en asociacións, sindicatos, partidos políticos, movementos sociais. Oremos.
  5. Que no Lume Novo destes días ardan todos os abusos, todas as trampas, todos os privilexios, e que todos gocemos coa graza da honradez e da igualdade. Oremos.
  6. Que participemos alegremente nas festas destes días e traballemos tamén para que a alegría de vivir chegue a canta máis xente mellor. Oremos.


Pregaria (adaptación do Benedictus, o cántico de Zacarías, pai de Xoán Bautista)

Bendito sexas, Señor, Deus de todos os pobos,
porque a todos os pobos nos visitas e liberas,
suscitándonos unha forza de salvación
entre a xente máis humilde e marxinada.

Esa fora sempre, Señor, a túa promesa,
repetida sen descanso por todos os profetas:
que nos liberarías do man de quen nos fire,
e do pé insolente de quen nos tripa,
porque nos queres cun amor apaixonado,
posto a proba desde que o mundo é mundo,
ao longo de séculos e séculos.

Bendito sexas, Deus, porque nos queres libres,
sen escravitudes interiores que nos mingüen,
sen abusos de ricos e sistemas
que nos impidan recoñecerte con agarimo
e servirte servindo a quen máis de nós precise,
e vivir así en santidade e xustiza
todos os días, mentres dure a nosa vida.

Bendito sexas, Deus, en todos os teus servidores,
homes e mulleres de todos os tempos
profetas de ti e dos teus soños,
que foron pouco a pouco, con paciencia,
preparándoche os camiños e a presenza,
anunciando o día novo que xa chega,
da man humilde e poderosa a un tempo
de quen ao mal lle quere mal e o defenestra.

Bendito sexas, Deus, bendito sexas,
pola misericordia entrañable que nos profesas,
polo sol novo que amence xa entre o pobo
para alumar con vigor todas as tebras
dos que xacen entre as sombras da morte,
da mentira, do desprezo, da dor, da guerra.

Bendito sexas, Deus, porque te ofreces
a guiar os nosos pasos na espesura,
polos camiños da paz e da concordia,
de xeito que vivindo en irmandade plena
sexamos loanza de ti e do teu Reino,
no teu Cristo bendito, que humaniza
as nosas vidas da máis cabal maneira.

Bendito sexas, Deus, bendito sexas
no teu fillo, o noso irmán querido,
no Espírito que nos doas a mancheas.


Signo:
  • Unha ou varias persoas cantando, loando.
  • A imaxe dun profeta do pasado e dun profeta actual.
  • A luz, o sol, as lumieiras de San Xoán.
  • Unha pancarta co lema: Tempos de esperanza.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.