13 xullo, 2016

Falando ben do que esta fixo


FALANDO BEN DO QUE ESTA FIXO (Mc 14,9)

Celebración para cumprir o desexo de Xesús de honrar a muller que o unxira a el con perfumes e bágoas

Para a celebración non partiremos unicamente dun dos textos dos evanxeos que narran o suceso da unción de Xesús por parte dunha muller, senón o texto dos catro evanxeos que narran esta escena, que puido seu unha soa e mesma escena, reinterpretada por cada evanxelista segundo a súa especial sensibilidade, ou puido ter varias e diferentes realizacións históricas. Os catro textos son os seguinte: Mt 26,6-12; Mc 14,3-9; Xo 12,1-8; Lc 7,36-49.

Se hai posibilidades, pódese avisar ao grupo, á comunidade que tal día ou en tal hora imos facer esta celebración de honra desa muller ou mulleres; invítase á xente a que traia algo co que contribuír a esa celebración: algunha cousa material, algunhas flores, algúns froitos, algún poema, algún desexo... Avísase de que nun lugar da celebración haberá unha cesta, uns floreiros, un espazo onde ir deixando o que a xente traia.

Chegada a hora da celebración, preséntase a mesma, recordando o desexo de Xesús de que honremos a aquelas mulleres, e explicando o desenvolvemento da celebración, que terá estas partes:

1.- Lectura dramatizada dun dos catro relatos evanxélicos. (Nós en Sobrado collemos a de Lucas, porque era o evanxeo que ese domingo tocaba.) Escríbese no encerado a frase que han dicir todos/as as asistentes: QUEN É ESTE, QUE MESMO PRETENDE PERDOAR OS PECADOS?

2.- Despois da lectura a xente pode ir lendo ou presentando o que trouxo para contribuír a esta celebración. Explícao de forma moi breve. Na mesa as persoas que organicen a celebración deben garantir que haxa un ou dous frasquiños de colonia e unha cesta con froitos variados: cereixas, uvas, mazás, granadas, figos...

3.- Coméntase a folla coa visión sinóptica do relato segundo os catro evanxelistas. Esa folla foi entregada a toda a xente ao comezo da celebración. Vai ao final deste esquema de celebración. É importante sinalar ben a orientación que lle dá cada un dos evanxelistas: Mt e Mc, e en parte Xo, acentúan o feito de que unha muller unxe na cabeza a Xesús, coma un adianto para a súa sepultura. A unción na cabeza era unha unción real; parece que lle dan o sentido, logo, dunha unción para o exercicio da realeza por parte de Xesús, que se realiza na súa morte; a morte como lugar de vitoria, de plenitude do amor entregado, onde o rei Mesías se realiza no servizo total, entregando a súa vida. Unha muller unxe como Mesías a Xesús!
Lc, e en parte Xo, dálle outra orientación: a muller non lle unxe a cabeza, senón os pés. A muller chora, lávalle os pés coas bágoas, bícallos, sécallos, únxellos con perfume. Non unxe a Xesús como Mesías, senón que dese xeito maniféstalle o seu amor, o seu agradecemento, por se ver perdoada a fondo do moito que tiña para perdoar.

4.- Despois desta explicación, unha ou dúas mulleres, ou unha muller e un home, representando a muller do evanxeo, prostituta ou non, van unxindo con colonia algo do corpo das persoas asistentes: as mans, a cabeza, e a continuación danlle un bico á persoa. Así con todos. Invítase á xente a que viva con intensidade e devoción este momento: a muller, home, prostituta ou non, portadora dunha experiencia fonda de perdón e de amor agradecido, únxenos para fortalecernos naqueles momentos, naquelas circunstancias, nas que nos custe amar, ser solidarios, servir ao estilo de Xesús. É a unción dunhas persoas perdoadas, amantes, que nos invitan a sentirnos tamén así, e a andar en fidelidade de servizo coma Xesús. O clima debe ser de absoluto silencio, que facilite que cada persoa entre no seu mundo persoal, na chamada concreta que este xesto sacramental lle faga.

5.- A continuación recitamos a pregaria “FALANDO BEN DO QUE ESTA FIXO”. Unha persoas, non sempre a mesma, vai recitando unha estrofa, e todas responden dicindo: BENDITAS, SEMPRE BENDITAS

Benditas, mulleres anónimas,
de onte e de hoxe,
que descubristes a forza liberadora de Xesús
e a ela vos entregastes
confiadas e agradecidas

BENDITAS, SEMPRE BENDITAS.

Bendita, María de Betania,
María de Nazaré,
Exeria, monxa e peregrina,
Clara, a de Francisco,
Tareixa de Xesús,
Mencha, Pilar Wirtz, Leonor, Carme…
e tantas e tantas mulleres
que vos emocionastes con Xesús
e á súa Boa Nova confiastes as vosas vidas e tarefas.

Bendita, muller anónima,
coñecida coma pecadora pública na vila,
e contigo todas as prostitutas
dos nosos pobos, vilas e cidades,
que se teñen achegado a Xesús,
ou a algún dos seus trazos de tenrura espallados polo mundo.
Benditas polo voso amor fracasado e redimido,
apaixonado e só a fondo entendido
e correspondido polo noso Deus.

Benditas, humildes e santas mulleres,
por ten descuberto a Xesús,
por ter gozado da súa promesa,
da súa fermosura espiritual,
por abrir os vosos corazóns,
a vosa vida toda,
á súa forza de renovación.

Benditas pola vosa tenrura,
polas vosas caricias,
polas vosas bágoas,
polos vosos cabelos suaves
cos que quixestes aloumiñar
o corpo querido de Xesús,
para agradecerlle o que fixera por vós.


Benditas, mulleres sinxelas do pobo,
porque soubestes entrar a fondo no misterio de Xesús
e descubrir onda el o corazón da Boa Nova,
feito de amor e de perdóns,
de regalos e agradecementos.

Benditas vós, mulleres transgresoras,
para as que non foron freo nin cancela
as leis de pureza nin os costumes machistas,
que pretendían falar no nome de Deus.

Benditas, santas mulleres,
por terdes unxido o corpo de Xesús
co máis oloroso e custoso perfume,
que é o que deita dun corazón namorado.

Benditas, vós, mestras nosas
no amor, na admiración e na loanza,
porque reservastes para Deus
o máis exquisito que puidestes xuntar,
sen esquecer os pobres,
que sempre estarían convosco
coma prolongación na historia
do corpo mortificado do Xesús querido.

Benditas, vós, todas vós,
as de onte e as de hoxe,
cumprindo co desexo de Xesús
honramos o voso nome,
falamos de vós con orgullo e agradecemento
nas nosas asembleas
e, seguindo os vosos pasos,
achegámonos a Xesús polas mesmas portas

que o voso amor agradecido deixou para sempre abertas.


6.- Despois ábrese un pequeno espazo para que quen así o queira poida expresar algo do vivido. E repítese o canto. Como remate deste momento pódese cantar unha canción axeitada, por exemplo:
Mira, meu Deus,aquí estou para quererte,
estas mans, estas mans para servirteen quen máis precise delas.
Ou tamén:
Unha xuntanza de amor temos aquí.

7.- Na saída da celebración unha persoa ofrece ás persoas asistentes que van saíndo froitos na cesta, para que collan e coman.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.