11 agosto, 2016

15 de agosto: Festividade da Asunción da Virxe María


Evanxeo: Lc 1, 39-56

Comentario:

No século V xa se conmemoraba na Igrexa oriental a Dormitio (“dormición”, de durmir) da Virxe María. Parecíalles innobre para María que pasase pola morte pola que pasamos todos os mortais, e consideraban que o dela non fora unha morte senón un simple quedar durmida; como se di no medio rural en casos de morte moi tranquila, “quedouse coma un paxariño”. A Virxe quedárase tamén coma un paxariño. No século VII esa conmemoración pasa á Igrexa de Roma, a occidental, e ao pouco xa aparece co nome de “Asunción”: a Virxe fora asumida, collida, elevada á morada de Deus, o ceo. A cousa foi quedando así, ata que no ano 1950 o Papa Pío XII proclama o dogma da Asunción da Virxe María en corpo e alma ata o ceo. Un dogma moi marcado por unha visión bastante mítica de Deus e das realidades da fe. Actualmente, cunha comprensión máis atinada da resurrección de Xesús e da nosa, podemos falar de que María, despois de morrer a este mundo, pasou a participar con Xesús e con todos os resucitados/as, da paz, da bendición eterna de Deus, nunha medida total e completa, como lle corresponde a unha muller sinxela, unha pobre de Deus, que se fiou del completamente, que xerou e criou como mai amante o seu fillo Xesús de Nazaré, fillo de Deus, e que entre luces e sombras, entre gozos e dores, se incorporou ao camiño cristián aberto polo seu propio fillo.
Por influencia dos medios feministas hoxe fálase moito do “empoderamento”. O “empoderamento” das mulleres, dise en clave feminista, vén a ser algo así coma unha posta en valor, un recoñecemento público dos méritos e calidades das mulleres, e unha aceptación de que, conforme a eses seus méritos e calidades, estean presentes na sociedade, asumindo e exercendo responsabilidades con absoluta normalidade, rompendo coa traxectoria secular machista que tanto as humillou e anulou, con frecuencia baixo formas moi melosas de elevación estéril. Tendo todo isto en conta, podiamos dicir que a Asunción é o acto de “empoderamento” de María de Nazaré, muller labrega, mai e virxe (sen negar en nada ningunha das dúas partes) pobre, crente, humilde, valente, cantora do poder subversivo de Deus; e é un “empoderamento” levado a cabo polo mesmo Deus (a forma pasiva da palabra “asunta” así o indica), para lección e ensinanza en toda a Igrexa, en todas as comunidades cristiás, nas que, a partir da Asunción de María, faríanos moito ben que acollésemos as mulleres, todas as mulleres, con outros ollos, con outro corazón, con outras prácticas igualitarias e específicas, propias de quen cremos que Deus nos fixo home e muller, a imaxe e semellanza súa. E así, en María o día da Asunción é tamén o día do “empoderamento” simbólico de todas as mulleres, que coma ela conviven coa esperanza de ver as súas vidas envoltas en total respecto e dignidade.

O evanxeo de hoxe nárranos dous momentos dun encontro entre mulleres que estaban totalmente na órbita de Deus: María e Sabela; dúas mulleres labregas, dúas mulleres pertencentes a un mundo rural pobre, marxinal, dúas mulleres que confiaban absolutamente en Deus, dúas mulleres tocadas a fondo polo Espírito de Deus, ao que lle abriran totalmente as súas vidas, dúas mulleres que percibían a presenza de Deus nas cousas sinxelas da vida, como podía ser ir visitar a unha parente que estaba a punto de dar a luz, ata o punto de que os seus mesmos corpos se conmovían e mobilizaban ao ver unha na outra os sinais de vida dese Espírito; dúas mulleres que sentían por si mesmas e sentían polo pobo do que formaban parte; dúas mulleres alegres, festeiras, que se poñen a cantar unha cantiga pertencente aos grupos das “pobres de Yahvé”, as pobres de Deus, coa que quixeron celebrar a grandeza e misericordia de Deus, que se manifesta, onte e hoxe, na acollida e levantamento da xente pobre, famenta, humilde e humillada, no rexeitamento de quen desde o diñeiro e o poder desenvolve relacións de abuso de marxinación; dúas mulleres, en fin, que soñaban –moito máis do que nós o podemos facer— cunha sociedade nova, na que a misericordia e a xustiza sinalasen o cumprimento do proxecto de Deus neste mundo.

A festa da Asunción é unha festa de moita vida e entusiasmo evanxélico, pero corremos o risco de facer dela unha festa moi pomposa, pero moi baleira. Hai moitas comunidades cristiás, moitas parroquias, nas aldeas, vilas e cidades, que celebramos esta advocación especial da Virxe María, que rememoramos os comportamentos e palabras de María e Sabela, que lemos ou escoitamos ler as palabras da canción subversiva de María de Nazaré; seremos capaces de abrirnos ao que estas dúas mulleres, Sabela e María, nos transmiten? Entraremos con elas dúas nas ondas da humilde e valente fe e fidelidade, nos camiños de servizo fraterno, na misión de sermos ventre para o Espírito creador, innovador de Deus, no oficio subversivo de cantar a xente humillada e, en consecuencia, achegarnos a ela, coma Deus, para darlle a volta a tantas situacións familiares, sociais, políticas, que denigran a nosa dignidade?

A Eucaristía é tamén un palpar e sentir a Xesús nas entrañas de María, nas entrañas do Pan e o Viño santos, nas entrañas da comunidade. E deixarnos levar pola súa presenza gozosa.


Preces:

A MIÑA ALMA PROCLAMA A GRANDEZA DO SEÑOR
  1. Con María e Sabela, Deus noso, cantamos o poder do teu Espírito que fixo de María unha valente servidora do teu empeño de salvación, de liberación, da humanidade. Oramos.
  2. Con María e Sabela, Deus noso, cantamos a forza de liberdade do teu Espírito, que se manifesta na loita de tantas mulleres que están reclamando respecto e dignidade para as súas vidas tantas veces humilladas. Oramos.
  3. Con María e Sabela, Deus noso, cantamos os méritos, os gozos, as esperanzas das mulleres labregas de Galicia e do mundo enteiro, pois nas súas mans descansan tantos alimentos, tanta vida para todos/as. Oramos.
  4. Con María e Sabela, Deus noso, cantamos a esperanza das mulleres embarazadas que se senten orgullosas do froito das súas entrañas e colaboran desa forma tan extraordinaria en encher de vida o noso mundo. Oramos.
  5. Con María e Sabela, Deus noso, cantamos a túa misericordia, a túa ollada preferente polas persoas máis marxinadas, a túa rebeldía contra quen quere construír o mundo dese o poder e o dominio abusador. Oramos.

Pregaria:

Bendita, Santa María!

Aldeá, muller do pobo,
fuches por Deus escollida.
Bendita, Santa María!

Fiel a Deus e a Xosé
en canto eras e tiñas.
Bendita, Santa María!

Muller de moi grande fe,
que a Deus sempre atendías.
Bendita, Santa María!

O teu ventre xeneroso
xerou o autor da vida.
Bendita, Santa María!

Fuches nai e fuches virxe
en absoluta harmonía.
Bendita, Santa María!

Mai con todas as da lei,
virxe por libre a porfía.
Bendita, Santa María!

Con parentes e veciñas
compartes a túa alegría.
Bendita, Santa María!

“Entre as mulleres bendita”,
a Sabela che dicía.
Bendita, Santa María!

Ditosa por crer en Deus
en horas de noite e día.
Bendita, Santa María!

E os teus beizos ben cantaron
canción de gran rebeldía.
Bendita, Santa María!

Para pobres e famentas
chegara por fin o día.
Bendita, Santa María!

Soberbios e poderosos
baleiros se quedarían.
Bendita, Santa María!

Cousas de Deus que repara
na súa humilde escraviña.
Bendita, Santa María!

O soño dun mundo novo
que en ti comezo xa tiña.
Bendita, Santa María!

Por iso onda ti chegamos
contentas, en romaría.
Bendita, Santa María!

Que moito cómpre que o mundo
cambie no amor, na xustiza.
Bendita, Santa María!

Un mundo de irmáns, de irmás,
fraternidade cumprida.
Bendita, Santa María!


Signo:
  • Algunha imaxe de Santa María, das máis simples e humanas.
  • Algún rostro de muller, labrega e/ou non labrega.
  • Un coro de mulleres danzando.
  • Algunha imaxe de xente pobre en rebeldía.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.