22 decembro, 2016

25 de decembro: O Nadal, o nacemento do Señor


Evanxeos: 
Misa da noite: Lc 2, 1-14 / Misa do amencer: Lc 2, 15-20 / Misa do día: Xn 1, 1-18.

Comentario:

Celebramos o día do Nadal con tres celebracións específicas: unha á media noite, o que se chama vulgarmente “Misa do galo”; outra ao amencer e outra xa polo día, a unha hora máis ou menos avanzada. Este feito estanos indicando a grandeza do acontecemento que celebramos (Deus metido, revolto, introducido dentro do ser humano, do mundo, do cosmos, en Xesús de Nazaré, e en todos e todas nós, facendo unha unidade total, que nos recrea), e, en consecuencia, estanos indicando tamén como debemos darnos tempo para acoller, sopesar, valorar, agradecer, compartir, celebrar ese acontecemento. Comentamos os dous textos do evanxeo de Lucas, e deixamos o comentario ao evanxeo de Xoán para o domingo 2º despois de Nadal, día no que tamén se le ese evanxeo.

Á hora de construír os seus relatos sobre a infancia de Xesús, o evanxelista Lucas traslada á nenez de Xesús características que as primeiras comunidades cristiás descubriran como fundamentais no que fora a experiencia espiritual e no estilo de vida de Xesús. Faranos ben que nos acheguemos a este relato cunha actitude de aprendiz, con disposición cara ao asombro, con espírito de agradecemento e con ánimo de seguimento. Houbo moitas persoas crentes que así o fixeron, e a meditación e vivencia deste relato conmocionoulles a vida toda, para ben. Unha desas persoas foi San Francisco, que, casualmente, a través da figura e do traballo pastoral do Papa Francisco, se está facendo de novo presente entre nós, coa frescura, a inocencia e o vigor do seu seguimento de Xesús.

Colección:Belén de Miguel (Guatemala)
Xesús naceu “coma un de tantos” e tantas, segundo di San Paulo. Naceu como nacía calquera neno pobre daqueles tempos, normalmente en medio de pobreza. E non porque o escollese así, senón porque así era a realidade da súa vida. Naceu en pobreza, criouse en pobreza, fíxose persoa adulto sendo un máis no medio dun pobo rural pobre, participou de todos os traballos, soños, expectativas da xente pobre, e descubriu na mesma pobreza un espazo privilexiado para atoparse con Deus e para falar de Deus, para narrar vitalmente a Deus. Con todas as persoas pobres coas que convivía, xente normalmente tida en menos por quen gobernaba e rexía, aspirou a unha vida digna, valorada, integrada socialmente, integrada na súa fe; traballou por iso con todas as forzas, con convencemento propio, no nome de Deus. Nese amor solidario a fondo, foise sentindo fillo de Deus en todo, e como tal o viron as persoas que tiveron a sorte de velo, seguilo, acompañalo.

Xesús nace en pobreza, visítano uns pastores, xente que, ademais de pobres, tiñan un oficio daquela nada recomendable e tido moito en menos; eran xente da que cumpría desconfiar. Xente das marxes da sociedade, xente da periferia, como nos di o Papa Francisco. Entre esa xente empeza a moverse Xesús. Sabemos que despois, ao longo da súa vida toda, estivo con frecuencia rodeado desa xente da periferia, xente marxinal. Se o Papa Francisco nos insiste en que nos poñamos en contacto con esa xente, que nos metamos no seu mundo coma amigos/as, coma irmás/irmáns, é porque Xesús mesmo foi o primeiro que fixo iso. Son as nosas comunidades cristiás lugares de aprendizaxe para introducirnos cordialmente, como amigas e irmás, entre a xente máis pequena, pecadora, diminuída e marxinal?

Rezar de xeonllos en Medjugorje
Os pastores son as persoas ás que se lles abren os ollos para que descubran a presenza do Deus vivo no medio de tanta normalidade e pobreza. Os sinais de Deus son ben simples: un pai, unha nai, un neno, un presebe no que está deitado. É un cadro simple, de pobreza, como o que moitas veces podemos contemplar nas nosas vidas. E alí ven a Deus! E alí está Deus, ofrecendo e reclamando amor, tenrura, apaixonamento! E alí descobren a luz, a paz, a alegría de Deus para a xente toda, para o mundo todo. Algo desconcertante para quen esperaba que Deus se había facer ver a través de manifestacións cheas de riqueza e moito aparato.

A escena de Belén invítanos a todos e todas nós a ir a Belén, a viaxar cara aos Belén vivos; non eses que se fan con monecos, nin sequera esoutros que se fan con persoas humanas, pero artificialmente; senón os Beléns reais, eses que están formados por familias pobres, con recursos escasos, con débedas, desafiuzadas quizabes; ou os Beléns formados por familias normais, sinxelas, nas que hai traballo, boa convivencia, solidariedade, acollida; ou os Beléns formados por familias desgarradas, ou por xente sen familia, ou por emigrantes desasistidos de todo, que andan fuxindo da Policía para non seren repatriados/as. Realidades da periferia, que seguen sendo os lugares onde Deus, misteriosamente, segue nacendo dun xeito especial e onde se nos ofrece a posibilidade, como lles pasou aos pastores, de velo con alegría, de contemplalo asombrados, de compartilo con outras persoas, de conservalo no corazón coma María, e de loar a Deus por todo iso. Así nace Deus no mundo, así nace Deus en cada un, en cada unha de nós.

A Misa deste día pode ser un momento ben apropiado para agradecer que, por iniciativa e bondade de Deus, todos, todas esteamos enredadas nestas cousas de Deus tan simples e tan fondas.

Preces:

GLORIA A DEUS NO CEO
E NA TERRA PAZ Á XENTE QUE GOZA CO SEU AMOR!
  1. Bendicímoste, Deus noso, con María e con Xosé, pais de Xesús, que puxeron o corazón e a vida toda ao servizo dos teus proxectos. Oremos.
  2. Glorificámoste con pastores, e con todos os homes e mulleres pobres, humildes, que te saben acoller con alegría e dispoñibilidade. Oremos.
  3. Loámoste con todas as persoas que te buscan e encontran entre as periferias da nosa sociedade, entre a xente máis débil e marxinal. Oremos.
  4. Cantámosche, Deus noso, con Xesús no presebe, con todos os nenos e nenas, con toda a xente inocente que vive e se relaciona sen malicia, sen trampas, sen corrupcións. Oremos.
  5. Proclamamos a túa gloria coas persoas que traballan pola paz e pola xustiza, coas persoas que buscan cambiar este mundo para facelo máis favorable a quen peor o está pasando. Oremos.


Pregaria:

Eu non sei que lle hei levar
a quen naceu en Belén,
a Xesús, fillo de Deus,
de María e de Xosé.

DariusBaires
Nin riquezas, nin poderes,
nin as pompas van con el:
que agasallo lle hei levar
a quen naceu en Belén?

Un corazón solidario
se cadra lle pega ben,
pois por solidariedade
un coma nós quixo ser.

Bicos das nenas forzadas
a sexo cos grandes ter;
e deses nenos da guerra,
que disparan e non len.

Unhas pinguiñas de sangue
da xente negra do alén,
ferida nas concertinas,
bebendo do noso fel.

Os aloumiños máis limpos
de tanta xente de ben
que soña co pan, coa paz
co traballo, co querer.

Un ramalliño de acivro
ou de toxo lle hei traer,
chorimas de graza e festa,
espiñas de amor ben fiel.

Os suspiros dun velliño
sen familia, que non ten
netas nin netos no colo
con bicos que lle ofrecer.

Risas de nenas e nenos,
xoguetes de leite e mel,
cos que el poida estar ben ledo,
gozar moito por nacer.

O meu corazón ferido,
as miñas mans, os meus pés,
a miña entrega ardorosa:
meu Xesús, aquí me tés!


Signo:
  • Un cadro de Belén, sinxelo, sen aparatosidade.
  • Rostros de nenos da guerra, de nenas abusadas sexualmente.
  • Un ramalliño de acivro e/ou de toxo florido.
  • Un xesto humilde de adoración.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.