14 febreiro, 2017

19 de febreiro: Domingo 7º do Tempo Ordinario (A)


Evanxeo: Mt 5, 38-48


Comentario:

Levadas da man do evanxelista Mateu continuamos escoitando a ensinanza de Xesús, que nos quere axudar a vivir coma persoas cristiás no mundo de hoxe. O cumprimento da lei tiña unha grandísima importancia na sociedade xudía da que Xesús formaba parte, e con el os primeiros seguidores e seguidoras súas. Cumprir ou non cumprir a lei, ao pé da letra, era o que permitía dicir dunha persoa que era, ou non, boa persoa ante Deus e ante a máis xente. Tamén hoxe, aínda que nos poida parecer o contrario, é moi importante iso de cumprir ou non cumprir, ser morais ou non, ter ética na política, na familia, no traballo, no estudo, etc. Un cristián, unha cristiá, non pode renunciar a iso. Pero na maneira de cumprir con moralidade, con ética, sería bo que tivésemos aquel aire, aquel espírito especial que Xesús quere compartir connosco.

O domingo pasado parabámonos ante catro realidades da vida, que podiamos cumprir secamente ou a fondo, con graza, con espírito: coidado da vida e da dignidade da xente, as relacións sexuais con persoas distintas da propia parella, a ruptura, ou non, coa propia muller. e iso de ser persoa de palabra. Hoxe o evanxeo achéganos a outras dúas cuestións tamén importantes: a primeira: aplicar ou non nas relacións interpersoais e sociais iso da “lei do talión” (“talión” vén de “talis”: tal me fixo, tal lle fago): responder, ou non, ao mal que se me fixo con outro tanto mal; non máis, o cal xa era algo a valorar naqueles tempos, pero tampouco menos. A segunda: limitar, ou non, o amor, a consideración, o servizo, ás persoas do propio grupo, raza, credo ou país.

Estamos ante dúas cuestións onde máis nos deberiamos distinguir as persoas cristiás. Xesús amósanos o camiño da nosa diferencia, un camiño denso, cheo de promesas, de benaventuranzas, pero un camiño ao mesmo tempo non doado para ningún dos homes e mulleres que o queremos seguir. Pero, ben, somos discípulos, somos aprendices, e coma tales nos achegamos nós hoxe a Xesús. Ante o difícil non nos retraemos, non nos encollemos; queremos escoitar a proposta de Xesús e, con el ao noso lado, entrar polo camiño de vida que el nos ofrece, un camiño rompedor tamén coa nosa cultura, e que pretende abrila a algo máis fondamente humano, e, polo tanto, a algo tamén máis de Deus.

Tendo en conta primeiramente que, cando o mal que se nos fai é delito, a xustiza debe intervir na tutela e defensa da persoa agraviada, Xesús dinos que a resposta ao mal que se nos fai non é devolver mal por mal. Xesús invítanos a que non resistamos con violencia a quen nos fai mal, porque doutra maneira o mal nunca tería nin freo nin fin, e a vida acabarase convertendo para nós nunha continua escalada entre aldraxes recibidos e contestados. Xesús é un pacifista, un non violento, que non se achanta ante o mal que se lle fai a el ou a outras persoas, pero que descubriu que a mellor maneira de desarmar a táctica do violento, é opoñerse ao seu mal pero cunha táctica pacifista, que non é nin apoucada, nin resignada, como nos poderían suxerir algúns exemplos fortes que pon Xesús (“a quen che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra”). O colmo do agravio do violento sería que fose el quen, ademais de nos facer mal, nos dictase o estilo de relacións que debamos ter no trato coas persoas. Como vivimos isto? Que experiencia temos disto?

Na historia ten habido moitas persoas que, coma Xesús, apostaron por este estilo creativo de contestar á violencia; teñen moita fama o indio Gandhi, o negro Luther King, o sudafricano morto hai pouco Nelson Mandela, que conseguiron grandes victorias sobre o mal persoal e social con ese método pacifista, pero houbo e hai moitos máis que así o fan. Nos nosos pobos, nas nosas comunidades cristiás hai de todo: hai xente que se deixa levar pola resposta violenta ante o aldraxe, a violencia sufrida, e hai xente que se ten atrevido a experimentar a proposta de Xesús. Seguro que coñeceremos persoas dun e doutro grupo. E nós? Atreverémonos a experimentar na nosa vida a proposta de Xesús? Ou deixaremos que o mal encirre o mal dentro de nós, amargándonos o corazón, quitándonos a paz, o sono, lanzándonos a unha espiral interminable de violencia?

O amor á xente vivímolo de verdade cando o convertemos en palabras sinceras, amables, en consideracións, en respecto, en servizo, en axudas para que as persoas se constrúan en dignidade de todo tipo, en críticas cordiais para que superen comportamentos inapropiados, etc. A quen amar así? Só aos do propio grupo, partido, credo, país? Só ás persoas da propia familia, do propio barrio ou comunidade cristiá, do mesmo credo relixioso? Se amamos unicamente aos do propio gremio, no fondo comportámonos cun amor egoísta: amamos nas outras persoas dalgunha maneira unha prolongación de nós mesmos. O precioso, o que fai que o amor se anchee e medre nos nosos corazóns e no corazón da vida, é amar a persoa distinta, a diferente, incluso –e isto xa é o máximo--, incluso a persoa que non me quere ben, e que mesmo me fai mal a min. Facémolo ou non así? Que pasaría, se no medio das tensións interpersoais e sociais que vivimos, nos esforzasemos por seguir o que Xesús comparte connosco? Por que nos custa tanto vivir isto? En que fraqueamos? Xesús, nisto coma noutras tantas cousas, sacaba forzas do descubrimento que ía facendo de como Deus era, para el e para todos e todas: un Deus que ama sen lindeiros, sempre, a persoas boas e persoas malas, a xustas e inxustas, porque para Deus non é un xogo máis ou menos interesado, senón un estilo de vida, un modo de ser, unha maneira de nos abrir a unha vida fondamente liberada. Posiblemente só seremos capaces de amar así, gratuitamente, sen distincións, se deixamos que Deus sexa Deus dentro de nós.

A Eucaristía é a festa do agradecemento a un Deus que en Xesús nos amou ata o extremo, para que nós nos vaiamos atrevendo a amar da mesma maneira.


Preces:

SEDE BOS/BOAS COMO DEUS É BO/BOA
  1. Grazas, Deus, pola túa bondade, humilde e poderosa, que se nos fixo tan próxima nas palabras e nos feitos do teu fillo Xesús. Rezamos xuntos/as.
  2. Grazas, Deus, pola túa bondade presente e viva no corazón de tanta xente, que é para nós motivo de admiración, de agradecemento e de alento. Rezamos xuntos/as.
  3. Grazas, Deus, porque a túa bondade desmedida tamén chegou ata as nosas vidas, ata os nosos corazóns, e atopa ecos en nós e nos dá paz, alento e alegría. Rezamos xuntos/as.
  4. Grazas, Deus, pola xente que, como Xesús, apostou e segue apostando pola non violencia activa, coma Gandhi, coma Luther Kin, coma Mandela, capaces de vencer o mal a forza de ben. Rezamos xuntos.
  5. Grazas, Deus, porque aos seguidores e seguidoras de Xesús nos queres facer testemuñas vivas destas apostas túas pola resistencia non violenta ao mal, polo amos sen clases nin cores. Rezamos xuntos.


Pregaria:

Veño onda ti, Xesús,
meu irmán maior, meu mestre;
veño coma un/unha aprendiz,
con orella e lingua de discípulo/a,
con corazón e alma de discípula/o,
con mans e pés de discípulo/a.

Veño onda ti,
porque te admiro,
porque te quero ben,
porque se me fai grata a túa ensinanza,
aínda que me desborda,
e ás veces non a entendo ben,
e, cando a entendo,
moitas veces non a dou convertido en vida
e síntome con pesar lonxe de ti,
discípula pouco avantaxada, repetidora.

Veño onda ti, Xesús,
porque necesito de ti
para que me aprendas a afrontar o mal,
con forza, con vigor, con teimosía,
pero sen violencia;
para que me pacifiques a fondo
e así, coma ti,
coma tantos homes e mulleres de ben que houbo e hai no mundo,
saber vencer coa miña paz activa e ousada
a violencia que me nace dentro
ou que me provocan outros cos seus feitos.

Veño onda ti, Xesús,
para que me aprendas a amar como ti amabas,
para que me aprendas a amar como ti aprendiches do Deus Pai/Nai.

Ben coñeces o cativo que son amando,
como arrimo o meu corazón a quen me cae ben,
a quen pensa coma min, sente coma min, vive coma min;
ben ves canto me custa amar desinteresadamente,
gratuitamente, sen agardar nada a cambio,
libremente,
sen límites,
sen reservas.

Veño onda ti, Xesús,
para que me collas pola man
e me leves polos mesmos camiños que ti andaches.
Canto cho hei de agradecer!


Signo:
  • Rostros de Xesús, de Gandhi, de Luter King, de Nelson Mandela.
  • Un abrazo entre persoas de distinta cor, relixión, raza, liña política.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.