Evanxeo: Mt 17,1-9
Comentario:
Na Coresma estamos invitados/as a facer un camiño de acompañamento a Xesús nas súas opcións, nas súas experiencias de vida, no seu estilo de vida, que o foron levando cara a unha situación de conflito coas autoridades relixiosas e civís do seu tempo; e este conflito acabou na morte violenta de Xesús por parte desas autoridades: era evidente que Xesús molestaba para quen quería montar o seu poder sobre o abuso da xente, desinteresándose do respecto polas persoas, deixando de lado aos máis débiles, pobres e pecadores/as da sociedade. Xesús mantívose fiel, ata a morte; amou ata o extremo, non recuou, por fidelidade a Deus e por fidelidade ao pobo a quen Deus tanto amaba. E Deus sentiuse compracido nesta fidelidade de Xesús, aínda que non lle fixese ningunha graza a morte do seu Fillo, como non lle fai ningunha graza a morte, o encollemento, o desprezo de ningún dos seus fillos e fillas que somos nós.
O relato de hoxe fálanos precisamente destas cousas, invítanos a entendelas e a vivilas. Coma Pedro, Santiago e Xoán, todos, todas nós somos invitadas por Xesús a acompañalo nesas experiencias que pasaron polo corazón, pola vida de Xesús. O monte alto é o símbolo da manifestación e da experiencia de Deus. Todo o que Xesús vivía, loitaba, defendía, provocaba, tiña a súa raíz nunha experiencia clara, limpa de Deus. Iso era o motor que o impulsaba, que lle permitía ter a mansedume que demostrou na paixón e a valentía, a audacia que tamén demostrou. Buscamos, traballamos nós, como persoas, como comunidade esa experiencia limpa de Deus nas nosas vidas, para que as sosteña na liña de Xesús?
O relato fálanos tamén dun Xesús espléndido, cheo de luz e transparencia, acompañado por dous grandes líderes espirituais do pobo de Israel, Moisés e Elías; o primeiro, Moisés, encabezara un movemento de rebeldía e de liberdade co pobo de Deus explotado por un poder faraónico abusivo; Xesús afondou nesa mesma rebeldía e liberdade; o segundo, Elías, foi o defensor dunha práctica relixiosa confiada en Deus, purificada de trampas e enganos, cousa que tamén Xesús levou ata o extremo. O relato, construído dunha forma simbólica --que non sexa histórica non quere dicir que non nos estea dicindo cousas moi certas sobre Xesús e o que Xesús significa para a nosa vida cristiá--, dinos que Pedro atopábase tan a gusto, que quería montar alí unhas tendas para Xesús, Moisés e Elías, con tal de seguir gozando de todo o que estaba vendo. Pero faltaba o máis importante: caer na conta a fondo de que Xesús era o fillo benquerido de Deus, en quen Deus se compracía, ao que había que escoitar. Non se trata, como pretendía Pedro, de quedar alí ao quente, mentres a vida dos fillos e fillas de Deus anda sabe Deus como. E os apóstolos entenden: hai que escoitar a este Xesús, hai que seguilo, hai que imitalo, hai que acompañalo, hai que vivir nos nosos días como nos seus viviu Xesús. Como vivimos nós a nosa relixiosidade: cara a dentro, moi tranquiliños/as cos nosos rezos e celebracións, cos nosos grupos e debates, ou cara a fóra, saíndo cara a onde a vida se xoga, se aprecia ou se despreza, como tamén nos di con tanta frecuencia o Papa Francisco?
Xesús quérelles quitar o medo do corpo. Deus non é para meter medos. O camiño de Xesús tampouco non é para poñer medos. Non é unha broma o que el nos propón; supón esforzo, valentía, loita, sufrimento ás veces, morte algunha vez, como lle pasou a Xesús, pero o camiño de Xesús é un camiño de satisfaccións, de contentos fondos que chegan para cubrir con paz e gloria esas horas tensas, que son inevitables cando unha persoa intenta ser limpamente filla ou fillo de Deus. Non viron máis que a Xesús, e vían abondo. Víano no camiño valente que emprendía e vírono no remate feliz que xa se adiviñaba. Baixaron do monte, saíron desa experiencia relixiosa profunda que tiveran, e entenderon que era hora de darlle cara á vida coma seguidores de Xesús. Levaban as pilas ben cargadas para todo o que tiñan que afrontar.
A celebración da Eucaristía é unha experiencia deste Cristo loitador, morto por amor e por odio, e tamén dese Cristo glorioso, triunfador, que pode cargar neste día de hoxe as nosas pilas para a vida cristiá nos tempos de hoxe. Cres que pode ser así para ti, para a túa comunidade?
Preces:
ERGUÉDEVOS, NON TEÑADES MEDO
- Señor Xesús, que non nos envolva o medo nestes tempos de crise, senón a túa audacia e valentía, para andar en todo no teu Espírito, con honradez e solidariedade. Oremos.
- Señor Xesús, que non nos asuste a cruz, imprescindible para medrar como persoas, como comunidade cristiá, como pobo; que a saibamos encher de amor solidario para que dea froitos de vida. Oremos.
- Señor Xesús, que contigo saibamos estar a carón de quen leva a cruz do abandono, da marxinación, da depresión, ou da entrega ao alcohol ou outras drogas. Oremos.
- Señor Xesús, que neste tempo de Coresma nos aventuremos contigo nunha busca espiritual intensa, para gozar da presenza e compaña de Deus e apuntarnos coma ti á súa escoita e seguimento na vida. Oremos
- Señor Xesús, que na nosa comunidade cristiá superemos a tentación de reducilo todo a oracións, doutrinas e celebracións, e saiamos contigo á rúa, onde facer pobo ao lado da xente máis orfa e necesitada. Oremos.
Pregaria:
Quero ir contigo, Xesús, seguirte preto,
con Pedro, Santiago e Xoán, os teus amigos,
subir convosco al monte alto,
convosco gustar o gozo de Deus na vida, na xente.
Verte, Xesús, entrar na túa vida,
descubrir a luz radiante do teu rostro,
a brancura abraiante de quen serve e ama,
porque se sabe por Deus fondamente amado.
Compartir nomes e historias
de xente que foi e é vida para o pobo,
quentar o corazón co seu recordo,
saberse herdeiro de tanto don e gloria.
Contemplar, gustar, saborear,
abrir a tenda, facer lume e fogar,
sabéndose no ollo desa fonte
que mana e corre ata a vida plena.
Oír a voz do Pai, constante, certa,
chamándonos á escoita, ao seguimento
do Fillo ben amado, o se retrato
máis limpo e fiel: consolo, luz alento.
E logo deixar de lado as covardías,
cargado o corazón, perder os medos,
baixar do monte, saír á rúa,
buscar, amar, servir a toda hora
os rostros máis rotos, desprezados,
nos que a túa luz, Xesús, oculta brilla
chamándonos ao encontro solidario,
ao amor que non sabe de lindeiros,
aínda que a cruz se asome no horizonte:
o amor pode coa dor,
o amor na dor se ensancha e multiplica.
Signo:
- Unha representación da Transfiguración do Señor.
- Unha cruz nun trasfondo de luz.
- Un rostro de persoa marxinada sobre un fondo de luz.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.