11 abril, 2017

Pregón Pascual


Romariz, 15 de abril de 2017


TEMOS AUGA E LUME,
TEMOS ALEGRÍA,,
TEMOS PAN E FORZA
NA NOITE DA VIDA. (canto a repetir despois das estrofas 3,5,7,9)

Amigas, amigos todos,
de Romariz, de Fanoi, da Candia…
que importa que sexa noite,
se no ceo hai estrelas
e nas nosas mans veliñas,
se no noso corazón alguén,
sabio e amoroso,
puxo unha luz,
unha gran luz,
máis poderosa ca toda escuridade?

Veciños, veciñas todas,
que importa que teñamos secura e sucidade
nos nosos corazóns, nas nosas vidas,
se alguén abriu fontes de auga fresca, limpa e abondosa,
para lavarnos e refrescarnos,
por purificarnos por fóra e por dentro,
para rexuvenecer no corpo e no espírito
e encarar a vida con frescura, con garbo e con ledicia?

Amigas, amigos todos,
que importa que faga frío
que aterezamos e non teñamos arrio nas mans,
e que ás veces mesmo se nos xee o corazón,
e nos neguemos a amar,
se Deus nos ofrece gratis
unha fogueira de amor
capaz de enchelo todo,
de quentalo todo,
de envolvernos nel a todos,
e facer de nós unha familia,
un fogar, unha fraternidade
para solecer no amor,
nas axudas, nos coidados?

Veciñas, veciños todos,
é certo que a morte nos rolda,
con chulería e con descaro
de mil formas e maneiras,
como roldou os xudeus
cando eran pobo explotado en Exipto
e fuxían buscando liberdade;
como roldou a Xesús,
cando no nome de Deus
lle fixo fronte aos inimigos do pequeno,
do débil, do pecador.

Amigas e amigos todos,
que fea é a morte
cando se viste de violencia contra as mulleres,
de abuso de nenos e nenas inocentes,
de centos e miles de homes e mulleres
que morren na guerra
ou foxen perdidos sen saber a onde ir,
mendigando asilo, acollida,
que parece que ninguén lles quere dar.
Que horrenda é a morte
cando lle damos pousada no corazón
e lle permitimos que teña dominio sobre nós!

A morte está aí,
ameazando a vida a cada hora, é certo,
pero tamén está a vida,
humilde, fresca, vigorosa,
que se nos amosa nas floriñas primeiras que anuncian primavera,
canto máis humildes máis preciosas;
amósasenos tamén a vida
na terra mesma disposta para as sementeiras,
nos animaliños novos que nacen nestes meses do ano,
nos paxariños que se xuntan para a convivencia, o amor e a crianza,
nas árbores que se preparan para a flor e os froitos,
nos nen@s que nacen entre nós: o Hugo, o Manuel, a Ana, o Anxo, a Paula…
como milagre prodixioso do amor que nunca acaba:
Amósasenos tamén a vida
nas parellas que se queren moito,
e fan o amor e se coidan cada día,
nas familias que gozan sendo tales,
nos veciños e veciñas coma nós
que seguimos vivindo, traballando, envellecendo,
uníndonos, colaborando, soñando,
festexando, bailando,
a pesar de todo e por riba de todo;
nós que co noso traballo labrego
seguimos colaborando diariamente co milagre da vida.

A morte estará aí,
pero máis preto, máis viva, máis forte, máis risoña
está a vida,
que nós coidamos no que podemos e sabemos,
que Deus nos dá con abundancia,
pois non esquecemos o dito nos nosos maiores:
“Deus non é vello (non está acabado),
e ten para dar moito máis do que nos deixa dado”.

Amigas e amigos todos,
nesta noite santa da Pascua
abrámoslle as portas á vida,
abrámoslle as portas a Xesús resucitado,
abandeirado da vida,
acollámolo como familiar das nosas casas, parroquias e comunidades,
para que nos conte como se pasa da morte á vida,
da tristura á ledicia,
da desilusión á esperanza.
Para que nos encha o corazón co convencemento
de que nada hai imposible para Deus,
nada hai imposible para o amor,
porque Deus é amor.

Veciños e veciñas todas,
celebremos a Pascua,
abracémonos, biquémonos,
festexemos canto poidamos:
a vida burbúllanos no corazón, nas mans,
o Deus da vida aposta por nós, anda connosco.

FELIZ PASCUA, AMIGAS E AMIGOS,
FELIZ PASCUA, VECIÑOS E VECIÑAS.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.