05 xullo, 2017

Breve crónica do encontro de Sobrado


Sobrado dos Monxes, 9, 10 e 11 de xuño de 2017

Velaí vai esta breve crónica do que vivimos en Sobrado no encontro final que pechaba o curso da Escola de Espiritualidade. É imposible entrar no que cada persoa puido ir vivindo e sentindo neses días, pero polo menos podemos ofrecer o marco que a todos/as se nos ofreceu como espazo fecundo, iso esperamos, onde poder desenvolver un encontro con Deus, cos demais, coa comunidade.

Venres, 9

Fomos chegando ao son das horas que as campas do mosteiro fielmente ían compartindo connosco. Mari Carme, solícita como sempre, íanos indicando os nosos lugares de repouso. Bicos e apertas por aquí e por alí, e o gozo de vernos de novo neste mosteiro, que se nos ofrecía acolledor, unha vez máis, nas verbas e nos sorrisos dos monxes que tamén nos acollían.

E así ata as sete, hora na que moitos puidemos participar nas Vésperas da comunidade monástica. Acougo no espazo sagrado da capela comunitaria e certa dificultade para integrarnos na oración dos monxes, como non sexa pola silencio e pola integración no fondo de loanza e adoración que se estende por debaixo mesmo das palabras e do canto.

E logo a cea, saborosa, sa e frugal, como son sempre as comidas de Sobrado. E a xente que seguía chegando e os bicos que seguían pululando. E improvisados/as servires/as de mesa e fregado, como simplicísimo sacramento do servizo cristián.

E de novo a oración de completas no silencio da tardiña, recollendo a xornada e facendo dela un don e unha promesa. A nosa comuñón coa comunidade monástica a través do signo de aceptar a auguiña común sandando, refrescando, purificando os nosos días e as nosas noites.

Despois xuntámonos en primeira asemblea no salón común. Alí Pilar e María abriron de par en par as portas do encontro. Foi María, muller ignaciana, a que nos suxeriu palpar a nosa decisión e a nosa liberalidade cara aos días que tiñamos por diante, para poder poñelas a punto para todo o que Deus estaba disposto a nos ofrecer. E fomos comentando como estabamos para estas xornadas, que para algunhas persoas eras as primeiras vividas neste ambiente.

E, despois de preparalo todo para a proxección da película na mañá seguinte, sen máis fomos para os nosos cuartos para descansar os corpos e revitalizar os ánimos. Ao que parece, durmimos ben.


Sábado, 10

Erguémonos con tempo, sobre todo os que quixeron e puideron participar na breve sesión de Taichí, made in Elvira, e facer logo a paseo matinal, deportivo e contemplativo a un tempo, ata a lagoa do mosteiro, para alí exercitar os sentidos ante a calma das augas, ante a sobria fermosura dos nenúfares expectantes ante a chegada da luz, da calor e do sol, e ante o atrevemento das ras, que, como saben e poden, cantan os seus laudes transmitíndolle desde hai séculos aos monxes o gusto polo canto e a loanza; e a nós tamén. Outros, outras preferiron exercitar esta loanza acompañando os monxes nos Laudes e Eucaristía das oito da mañá.

Á volta, ás 9, o almorzo desexado e as palabras abundantes. E logo, ás 10, o saúdo do subprior da comunidade de monxes, Xosé Ramón, en ausencia do prior, Carlos. Invitounos a ter a casa como casa nosa, lembrounos que estaban alí para darnos o que eran e tiñan, e pediunos tamén que non deixásemos de manifestarlles cousas que, ao noso ver, poderían mellorar.

E pasamos xa á oración da mañá, que atendeu un servidor. Oración contemplativa co salmo 19 ante a natureza que nos rodea espléndida e ante a Palabra que todo, a todos/as nos envolve e traspasa. Ofrécese neste mesmo blog.

Entre unha cousa e outra, ata as 11 nos puidemos empezar a ver a película Silencio de Martín Scorsese, que narra peripecias misioneiras dos xesuítas no Xapón do século XVI-XVII. María presentóunola axeitadamente, para poder contemplala con criterio e Andrés ofreceunos algunhas alertas para axudarnos a entrar na súa fondura, nos seus interrogantes. E pasamos toda a mañá seguindo este film forte, duro, desacougante, removedor. Mellor ir xantar e rebaixar algo a tensión.

Xantamos, descansamos algo, e ás 4 volvemos de novo o noso salón. Déronsenos unhas preguntas que axudasen a orientar o diálogo que en grupos habiamos ter, para compartir o que a película nos ofrecera: sensación que nos deixara a película, que fariamos nós ante a situación de apostatar si ou non, en que situacións actuais se vive algo do reflectido pola película, a que nos está comprometendo a nosa fe nos tempos de hoxe, que nos parece iso do “silencio de Deus” ante as atrocidades da xente. E falamos, claro que falamos.

Volvemos de novo ao salón e en asemblea fomos compartindo o que xa adiantaramos nos grupos. En xeral pareceunos unha película dura, en ocasións mesmo excesiva; como é posible que iso pasase, nos preguntabamos; pero o certo é que iso segue a pasar, brutalmente en países como Exipto, como Sudán, como a República Centro Africana, onde ser persoa cristiá aventura risco de morte; e existe tamén unha agresividade máis ou menos manifesta, e un desprezo calado contra o feito relixioso, cristián, que segue poñendo en cuestión a valentía e decisión da nosa fe. Non temos, desde logo, temperamento martirial, e dar a cara pola fe parece que nos avergonza; quizais por iso andamos tanto en fraxilidade as comunidades cristiás nos nosos tempos.

Despois de todo isto, cumpría calar, facer silencio, para no silencio escoitar a Deus, que sempre fala. Introduciunos niso Mencha, primeiro alí conxuntamente no salón e logo, ao gusto de cada quen, saíndo fóra, paseando, e así ata a hora da cea, ás 8 da tarde.

Logo da cea, logo do oficio de Completas, xuntámonos de novo, neste caso para escoitar durante unha hora a experiencia de vida de Carlos María, monxe de sobrado de 47 anos, portugués, que primeiro foi crego en Portugal e logo, desde hai 10 anos, monxe en Sobrado. Sóubonos o testemuño dunha vida tocada polo Espírito, ferida polo misticismo e pola acción social, que se foi concretando nunha densa e intensa actividade parroquial primeiro e logo, na súa particular maneira dentro desta comunidade de Sobrado. Actualmente é o cociñeiro da comunidade; para el a comida, os xantares, a comensalidade –ben o sabía e practicaba tamén Xesús, o de Nazaré— ten un fondo aspecto sacramental, revolucionario: o novo do Reino para a sociedade adiantado na calado traballo da cociña e nos ledos xantares dun mosteiro(!). E logo aquel seu convencemento de que hai moita xente desnortada neste noso mundo tan crido, tan cheo de afoutezas baleiras; xente que vive e vive e abunda en desconcertos, sen claves nas que asentar o propio corazón, e desespera e vive pobre entre grandes medios e aínda riquezas. Ao servizo dese clamor social queren estar os monxes. Sóubonos a pouco o tempo vivido con Carlos María. Pero foi un pouco preñado de firmezas. Unha ledicia, un bico do Espírito antes de se despedir de nós cando nos iamos xa á cama. Unha boa compensación ante a bravura da película da mañá.

Domingo, 11

De novo o ritual de erguerse, de asistir ao Taichí de Elvira, de facer a camiñada contemplativa, neste caso, ao contrario de onte, nunha mañá anubrada e mesmo fría. Tamén houbo quen preferiu acompañar os monxes nos seus Laudes matinais. Logo as présas de ordenar a cela e de poñerse guapos/as, como cómpre nun domingo, o día do Señor, o día da comunidade, que nese día, ambos os dous, Señor e comunidade, se vestían co traxe solemne da Trindade.

Despois de almorzar, a partir das 10 e durante unha hora preparámonos para a celebración da Eucaristía cunha pequena celebración titulada Recrearnos na Trindade que preparou un servidor. Fómonos achegando á vivencia da Trindade algo coa reflexión, máis co silencio e logo cunha danza trinitaria sinxela que implicaba todo o noso ser, mente, corpo, corazón, movementos, canto, danza, nos ecos da Trindade. Procuramos facelo con toda a devoción e admiración por ese empuxe trinitario que cualifica todo o noso ser persoal e comunitario, e aínda social, político, cósmico. Neste mesmo blog ofrécese tamén a guía desta celebración.

Valeunos para dispoñernos para a celebración da Eucaristía á que deseguida asistimos cos monxes. Presidiu a Eucaristía o P. Xaime, gustáronnos e animáronnos tamén as palabras coas que comentou o significado da Trindade e a maneira de poder vivir nas nosas vidas o Deus próximo e desbordante que baixo esa realidade se nos ofrece. A Comuñón foi un exercicio de comensalidade na mesa do Señor Xesús, provocador de novas comensalidades na vida que cada un vivimos.

E así nos fomos achegando ao remate do noso encontro. Faltaba o acto final de sentarnos xuntos/as, para acougar, alentar, para no silencio ver en que cousa, aspecto, detalle particular se sentira afectado o noso corazón, a nosa vida. Así o fixemos coa orientación de Pilar. E fomos compartindo aquilo que nos levabamos como especial recordo de Deus destas xornadas en Sobrado. A xente que falou expresou satisfaccións e desexos de seguir vivindo á sombra dos regalos de Deus e tamén das súas urxencia. Elvira orientounos tamén para bailar a danza da bendición, coa que transmitir bendicións á terra, ás persoas que estabamos alí, a persoas e pobos ausentes, pero aos que nos sentiamos apegados, e a nós memos/as polo regalo que somos e polo que podemos ser.

E logo xa bicos e apertas de despedida, sobre todo para quen marchaba sen poder agardar polo xantar. E o xantar final que soubo tamén a eucaristía trinitaria, a comuñón cos bens da natureza, co ser orixinal de cada persoa que sentaba á mesa connosco, cos miles e millóns de seres humanos que agardan de nós que colaboremos por facer da terra unha mesa común, sen excluídas, refuxiadas ou non. E, de forma espontánea e extraordinaria, todo se pechou no mesmo refectorio monástico cunha animación de canto galego e portugués, que chegou mesmo a animar á danza e ao baile, tanta era a ledicia da unión experimentada!

Bo verán, á sombra do que en Sobrado puidemos vivir ou intuír polo menos. E verémonos de novo cando o outono visite as nosas tendas. Bicos e apertas.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.