21 novembro, 2017

26 de novembro: Solemnidade de Cristo Rei


Evanxeo: Mt 25,31-46.

Comentario:

Ao ler esta parábola é doado que nos situemos como ante algo xa sabido, ante algo do que, polo tanto, non esperamos gran cousa. E mira que é unha parábola ben contundente esta do así chamado “xuízo final”, que unicamente nos transmite o evanxelista Mateu. Coma todas as parábolas de Xesús, esta tamén é ben suxestiva e provocadora. Cómpre achegarnos a ela con suma humildade, con ganas de conversión; os camiños que nela se nos abren son sorprendentes e lévannos ao corazón da experiencia relixiosa de Xesús, da que en principio nos sentimos amantes e seguidores.

Preséntase no marco dun xuízo, o xuízo final. Non intenta Xesús meternos medo con iso do xuízo final. O evanxeo de Xesús nunca é para poñermos medo, por moito que na Igrexa, na voz de moitos cregos, na maneira de entender de moitos homes e mulleres crentes, se deixara entender que si que era para meter medo. Hoxe, grazas a Deus, isto do medo ao xuízo final xa non funciona, xa non motiva, xa non empuxa; e, repetimos, cremos que por graza de Deus. A parábola e a súa presentación na escena dramática dun xuízo, dun xuízo final, está orientada a axudarnos a caer na conta da transcendencia para as nosas vidas, para a vidas das comunidades cristiás, de toda a Igrexa, dos criterios últimos, máis determinantes, que Xesús nos ofrece para valorar a calidade, a autenticidade, da nosa vida, sobre todo se esta se quere dicir cristiá. Esa calidade, esa autenticidade, vén definida pola postura que na vida tomemos ante a xente famenta, sedenta, forasteira, espida, enferma, encadeada,..., é dicir ante a xente pobre, diminuída, marxinada... de todos os tempos. Xesús pónnolo ben fácil. É ben doado ver, saber, comprobar como nos tratamos coa xente máis débil da sociedade. É ben doado saber como é ou non é a nosa vida cristiá. A calidade que ten, a verdade que ten. Podemos pensar por uns momentos que caras e que nomes lle poñeríamos a esa xente concreta en relación coa cal se xoga a nosa verdade cristiá.

A calidade dunha vida cristiá non se centra en referencias doutrinais. É frecuente que na Igrexa queimemos moitas enerxías en debates sobre doutrinas. As páxinas de Internet están cheas de comunicacións, a maior parte das cales mostran persoas apaixonadas polos debates de doutrinas. En cambio, case nunca se debate nada sobre como mellorar en amor, en servizo, en colaboración, en achegamento a persoas que andan en moita debilidade. Sae un tema destes e apenas suscita debate, ideas, propostas. O cal non quere dicir que na realidade da vida non se faga. Normalmente a xente que máis implicada está no traballo a carón das persoas máis marxinais, é a que menos se preocupa e a que menos tempo ten para andar chismorreando nas páxinas Web. De todas as maneiras, é frecuente que as nosas conversas sobre cousas de fe, de Igrexa, se centren sempre en debates doutrinais, en posicións ante tal ou cal postura de tal ou cal cura ou bispo, e poucas veces se centran no que Xesús nos propón como realmente importante. Xesús quere axudarnos a restarlle importancia a eses xogos doutrinais, tantas veces estériles, e a centrarnos nos realmente importante: as vidas rotas de tantas persoas que nos rodean e o noso trato con elas.

Sorprende que ao falar do asunto, Xesús non se quede tampouco en ideas. El fálanos desde o compromiso da súa existencia. Coñecemos de sobra cal foi a postura de Xesús, de palabra e de obra, con toda clase de persoas con vidas rotas: pobres, enfermas, pecadoras, mulleres adúlteras, putas, ladróns, xente de mala vida, xente de vida moi digna só aparentemente. Pero neste evanxeo dá un paso máis. Chega a dicir que el se identificaba con esa clase de xente, que era motivo de desprezo por parte da xente relixiosa, piadosa do seu tempo. Asombroso! Xesús identifícase, cédellelo rostro e a dignidade humana, divina, a esas persoas que deambulan polas nosas rúas cos corpos ou coas almas rotas. Xesús rompe esquemas, descolócanos. E, claro, se está identificado con esa xente (o que lle fixestes ou deixastes de facer a un destes, fixéstesmo ou deixastes de mo facer a min), quen queira amar, servir, honrar a Deus, quen queira ser crente devoto, fiel, xa ten sinalado claramente o camiño. Quen queira ser devoto admirador de Cristo Rei, xa sabe onde atopalo, onde servilo, onde honralo.

Introducirnos polo camiño proposto por Xesús é garantía dunha vida feliz, colmada en Deus. Abandonar ao débil na súa sorte só fai minguar a vida, o corazón, e a capacidade de gozo eterno en Deus. Non é cuestión de meternos medos. É ganas de axudarnos a achegarnos con pé firme ao corazón de Deus, ao núcleo da felicidade: a que entre todos podemos construír neste mundo e a que se expandirá na solidariedade total en Deus no máis alá, cando chegue a hora.

A celebración eucarística permítenos palpar e ver, no misterio do Pan e do Viño santos, este mundo de solidariedades que son as que abren camiños, as que salvan.

Preces:

SEÑOR, SEÑOR,
VELAQUÍ O TEU SERVIDOR
VELAQUÍ A TÚA SERVIDORA.
  • Que nos deixemos arrastrar por Xesús polos camiños do servizo á xente que na familia, na parroquia ande máis necesitada de nós, do noso. Preguemos.
  • Que nos namoremos de ti, Xesús, que saibamos descubrirte, adorarte e servirte no corpo ferido da xente máis pobre. Preguemos.
  • Que non sirvamos por obrigación, á forza; que descubramos o gozo de servir, que se nos baleire e encha o corazón apegándonos a ti nos máis débiles. Preguemos.
  • Que na Igrexa todos e todas discutamos basicamente por ver como podemos servir máis e mellor nos tempos de hoxe, nas nosas comunidades concretas. Preguemos.
  • Que valoremos e participemos honradamente no servizo político, sindical, asociativo, para defender estruturalmente os dereitos da xente máis débil das nosas sociedades. Preguemos.

Pregaria:

Canta discusión
para nada, Señor!
Canta palabra, canto debate, canto discurso
para nada, Señor!

Cóllesme da man,
entre farto e agarimoso,
lévasme á casa do débil,
do máis débil do pobo,
e disme:
“Aquí estou eu.
Este sono eu.”

Se queres amarme,
sabes como.
Se queres servirme,
sabes como.
Se queres seguirme,
sabes como.

Cóllesme da man,
entre canso e esperanzado,
fasme entrar contigo no fogar da marxinación
e disme:
“Esta é a casa de Deus.
Este é Deus en persoa.”
O camiño está franco e expedito,
as portas sempre abertas.
Ven e verás.

Que doado bater con Deus
da man do amor acollido e respondido!
Icona de Cristo. Teófanes de Creta
Que peado intentar facelo
de costas a quen precisa do teu servizo!

Todo, Xesús, meu Señor, todo
vivido co rostro divino do débil:
durmir, espertar, comer, festexar,
rezar, traballar, asociarse, militar,
vivir, finar, soñar, resucitar...,

no nome bendito dos teus irmáns máis pequenos,
das túas irmás máis pequenas.

E puxéchesme, Xesús, a casa patas arriba,
e puxéchesnos a Igrexa patas arriba,
e puxeches as persoas crentes patas arriba,
afortunadamente, Xesús.

Perdón!
Grazas!

Signo:
  • Rostros diversos de diferentes persoas en debilidade, marxinación, colocadas ao longo do escrito.
  • Ao final un rostro de Xesús, que non sexa acaramelado, unha icona, por exemplo.
  • O rostros ou escenas dos mártires xesuítas do Salvador, que hai 25 anos morreron por achegarse e servir a un pobo roto.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.