02 xaneiro, 2018

Tempo Ordinario: 1ª semana


TEMPO ORDINARIO

O primeiro domingo do Tempo Ordinario celebramos o Bautismo do Señor. A partir deste domingo empezamos o tempo litúrxico que chamamos "tempo ordinario"; ordinario porque nel non nos preparamos especialmente para celebrar ningún dos grandes acontecementos da vida de Xesús.

Pero iso non quere dicir que neste tempo ordinario as nosas vidas non gocen tamén dun acompañamento sempre especial por parte de Deus, por parte de Xesús, por parte do seu Espírito. Nós imos vivindo as nosas vidas, sempre ben importantes, aínda que nela non pasen grandes acontecementos, pero é a nosa vida: o noso traballo, os nosos amores, os nosos fillos e fillas, a nosa vida familiar e veciñas, a nosa parroquia, a nosa comunidade cristiá, a nosa sociedade, a nosa vida política, o noso mundo coas súas grandezas e miserias.

E a carón noso, vai sempre Deus querendo entrar nas nosas vidas pola porta grande do amor e da amizade, para axudarnos a construírnos como homes e mulleres de ben, felices, solidari@s, pacificad@s dentro de nós e tamén cara á fóra no trato coa demais xente.

Para que poidamos gozar e aproveitarnos dese acompañamento, Xesús vai compartindo tamén a súa vida, nas miudezas que tivo día a día; para iso lemos cada día un anaquiño de Evanxeo, que neste ano vai ser especialmente o evanxeo de Marcos.

Así as nosas vidas pódense ir entretecendo, compenetrando, ata sermos un con Deus, con Xesús, co Espírito, como se nos invita no relato do Bautismo de Xesús co que empezamos este tempo.

Que o saibamos aproveitar con humildade e valentía.

7 de xaneiro: festa do Bautismo do Señor

Evanxeo: Mc 1,7-11

Meditación

A cousa anda de bautizos. Unha vez máis escoitamos ao humildísimo Xoán Bautista recoñecendo que el non é nada en comparanza de Xesús, que o seu bautizo é fermoso, e por iso o mesmo Xesús se bautizaría con el, pero que non chegaba tan ao fondo da vida como o que Xesús viviría e compartiría.
E aparece Xesús, tamén humildísimo, poñéndose coma un de tantos na cola dos que buscan con sinceridade a Deus e dos que esperan atopar luz e alento no bautismo de Xoán. A saber con que intensidade viviu Xesús aquel momento. O relato, imaxinativo e simbólico, fálanos dun Xesús que é recreado polo Espírito, e que renace cunha conciencia moi viva de ser persoa moi, moi querida por Deus, ata o punto de se sentir vivamente como fillo de Deus. Todo o vivido por Xesús é un adianto espléndido da meta á que nós poderiamos chegar se nos deixásemos coller totalmente polo Espírito. Sabemos que habemos quedar moi lonxe, pero polo menos podemos facer camiño. Xesús invítanos a esa aventura marabillosa.

Oración

Xesús, quen coma ti,
humilde buscador,
posto baixo as augas de Xoán,
posto baixo as augas do Espírito,
para recrearte no Espírito
ata te sentires a fondo
fillo benquerido do Pai, da Nai benquerida!
Xesús, quen coma ti,
fillo e irmán de todos e todas nós,
compañeiro da alma!
Xesús, quen coma ti!

Acción

Busca e pregunta cando foi o día do teu bautizo. Consta nos libros da Igrexa. Sinálao no calendario. Recórdao celebrando sobre todo a túa condición de fillo ou filla con Xesús, de irmán ou irmá de toda a xente coa que convives, de toda a xente do mundo, aínda que non sexan do teu sangue.


8 de xaneiro: luns da 1ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 1,14-20

Meditación

Vimos de celebrar o nacemento de Xesús e o Evanxeo de hoxe xa nos sitúa nun momento da súa vida cando, aos trinta anos máis ou menos, se dá a coñecer como persoa que promove unha nova maneira de estar e de vivir no mundo: vivir coma xente irmá, queréndose, respectándose, perdoándose, coidándose, non abusando, mirando pola xente máis débil dos pobos, poñendo a fe relixiosa ao servizo de todo isto, pois todo isto é o que Deus quere e alenta; por iso Xesús a este novo plan de vida chámalle Reinado de Deus.
Esta é a proposta que Xesús nos fai tamén hoxe a todos nós. Se nos paramos a pensar un pouco, deseguida nos dámos de conta do que nos pode supoñer a cada un ou cada unha de nós vivir así; seguro que teremos que cambiar moitas cousas do noso vivir de cada día. Pero isto para Xesús non é unha carga nin un castigo, é unha felicidade, unha noticia boa, algo que responde ao máis fondo e limpo que, como seres humanos, tod@s levamos dentro de nón.
Xesús, hoxe coma onte, busca colaboradores para este traballo. Búscate a ti e a min. Bate contigo e pídeche que botes unha man, libremente, que te incorpores a esta tarefa, que é a tarefa máis digna para calquera home ou muller: facernos irmáns, irmás, no nome de Deus. Que lle respondes? Que lle respondemos?

Oración

Aquí estou, Xesús,
conta comigo.
No que saiba, valla e poida,
conta comigo.
Para a grande tarefa da irmandade,
conta comigo.
Para o coidado de miña familia e parroquia,
conta comigo.
Para servir a Deus traballando pola comunidade,
conta comigo.
Aquí estou, Xesús,
conta comigo.

Acción

Pensa nas tarefas que cómpre facer na comunidade da parroquia; pensa nas túas habilidades e capacidades, que as tés. Se hai algo de traballo comunitario xa organizado, ofrécete; se non o hai, fala con outras persoas para ver de botar algo a andar.



9 de xaneiro: martes da 1ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 1, 21-28

Meditación

Xesús tiña unha palabra firme, clara, convincente; falaba desde o seu ser máis auténtico, desde unha vida asentada en Deus e apaixonada pola xente, por toda a xente. Por iso a xente o admiraba tanto. O seu falar non era coma o dos mestres da lei, nin coma o de moitos de nós, que moitas veces falamos por falar, pero sen ir ao fondo de nós, nin ao fondo da vida; sen comprometernos naquelo que dicimos e barullamos. O normal, logo, é que nos fiemos de Xesús sempre, e que nós vaiamos aprendendo a falar desde a verdade das nosas vidas e non desde as aparencias nada máis.
Xesús botaba fóra os espíritos malos. Non pensemos no demo. O espírito malo é todo aquilo que en nós rompe a paz, a boa preocupación polos demais, o desexo de colaborar na comunidade da parroquia ou na sociedade; espírito malo é tamén criticar, gozar contando os defectos doutras persoas; espírito malo é non recoñecer non admitir críticas ou correccións doutras persoas; espírito malo é non perdoar cando alguén nos falta, non lle dar oportunidades novas a quen errou na vida etc., etc. Hai moitos espíritos malos. Todos, todas levamos algún espírito malo connosco, que nos impide vivir animosos, esperanzados. Por iso tamén todos estamos invitados a achegarnos a Xesús; el é poderoso para axudarnos a acabar cos nosos espíritos malos, sexan os que sexan.

Oración

Veño onda ti, Xesús,
para que me deas sanidade,
porque eu tamén teño algún espírito malo
(penso nalgún espírito malo que crea ter,
e dígollo a Xesús),
que me impide ser máis feliz comigo mesmo,
que me frea para axudar aos meus veciños e veciñas,
que me leva a ser pouco agradecido contigo, Xesús.
Veño onda ti, Xesús,
para ser contigo unha persoa algo mellor.

Acción

Podo escribir nun papel o nome dalgún espírito malo que crea ter. Ademais de contarllo a Xesús na oración, penso no que podería facer para irme librando del.


10 de xaneiro: mércores da 1ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 1, 29-39

Meditación

É esta unha pasaxe preciosa do evanxeo de Marcos, porque nos describe con sinxeleza como era Xesús, que facía, a que se dedicaba. E así, vémolo como un veciño máis que vai á casa da xente veciña e amiga. Vémolo como unha persoa interesada pola saúde, polo benestar da xente coa que se atopa, e fai o que pode para restablecela. Vémolo preocupado polos males, desgrazas, traballos da xente, sexa quen sexa, e por iso calquera persoa se podía chegar a onda el e ser atendida por el. Vémolo especialmente enfrontado cos "demos", cando os "demos" era todo aquilo que atacaba a saúde, a harmonía, a boa convivencia, a dignidade da xente. Vémolo como unha persoa moi amiga de pasar tempos longos de oración con Deus, de onde sacaba forzas para o que traía entre mans. Vémolo, en fin, desexoso de compartir tanto ben con toda a xente, coa palabra e cos feitos.
De todo isto nós podémonos beneficiar moito, pois somos tamén desas persoas coas que Xesús se atopa e quere remediar. E de paso podemos aprender a vivir algo coma el, tendo trato con Deus na oración e compartindo coa xente a fe que nos leva a traballar polo ben da xente, da sociedade, en todo o que poidamos.

Oración

Veño onda ti, Xesús,
para que me aprendas a vivir coma ti,
a orar coma ti,
a pararme coa xente coma ti,
a espallar alentos coma ti,
a rebelarme contra os "demos coma ti,
a vivir sereno e centrado coma ti.
Xesús, meu Xesús,

Acción

Visita hoxe a algún veciño ou veciña enferma, interésate por ela, procura animala, se é posible, rezade algo xuntos, comparte con ela a túa fe en Deus.
Se coñeces algunha acción, algunha asociación que traballe de calquera maneira polo ben da xente, non deixes de te apuntar.


11 de xaneiro: xoves de 1ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 1, 40-45

Meditación

Máis que o que poida ou non poida haber de milagre neste feito de Xesús, o que chama a atención, sobre todo, era a facilidade que tiña a xente aflixida para achegarse a Xesús e ser por el atendida. Neste caso trátase dun leproso, unha persoa que daquela, por mor dos posibles contaxios, era obrigada a vivir arredada, fóra da comunidade, fóra das aldeas. Quen ousaba tocarlle a unha persoa leprosa quedaba inmediatamente contaxiado e tiña que vivir tamén apartado das aldeas e da comunidade. E Xesús, conmovido, ao ver aquel home, tocouno, contaxiouse e por iso di ao final este relato que tampouco el podía entrar en ningún pobo. É impresionante este xesto de Xesús. Faise un coa xente máis marxinada, pasa polas que eles pasan, vive onde eles poden vivir, que é na inclemencia dos despoboados.
É admirable a curación daquel home e a súa admiración agradecida que mesmo o levou a desobedecer a advertencia de Xesús. Pero máis admirable aínda é o compromiso de Xesús con quen sofre no corpo e no espírito. Nós, todos e todas nós, podemos ser o leproso que de xeonllos nos achegamos a Xesús. E tamén podemos ir aprendendo de Xesús a doernos da xente como el se doía.

Oración

Xesús, ti pódesme limpar,
podes quitarme de enriba
todo o que estraga a miña persoa
e a fai menos familiar, menos comunitaria.
Podes devolverme o gozo
de estar ben integrado na parroquia,
e compartir coa demais xente
todo o ben que fixeches por min.
Xesús, ti pódesme limpar,
ti podes facer de min unha persoa nova.
--Pois quero, queda limpo.

Acción

Igual coñeces a algunha persoa que por ser borracha, drogodependente, ou por calquera outra circunstancia vive algo marxinada na parroquia. Achégate a ela, trátaa sempre ben, saúdaa, pouco a pouco vai facendo amizade con ela. Aínda que haxa quen te critique.


12 de xaneiro: venres da 1ª semana do Tempo de Advento

Evanxeo: Mc 2, 1-12

Meditación

A fe daqueles catro homes que portaban o tolleito era grande. Grande debía de ser tamén a fe, a esperanza do mesmo tolleito para prestarse a tales figuras. E Xesús non se queda curto. Se a cousa ía de abundancias, tamén el pon abundancias. Onde se desexaba a saúde do corpo, que é unha parte importante da persoa, pero soamente unha parte, el responde ofrecendo saúde a fondo, dando perdón e restauración espiritual, para envolver a persoa no convencemento de ser persoa ben querida, por máis que pase fisicamente por horas malas. Unha cousa, a saúde espiritual, non quita a outra, a saúde corporal; por iso o relato remata contando como ambas se complementan. Pero Xesús quere que quede claro que da saúde corporal non somos donos, pero, contando con Deus, sempre podemos acceder á saúde espiritual, fonte de paz e de esperanza aínda no medio da dor.
Os letrados aqueles pérdense na súa sabedoría e son incapaces de comprender as cousas marabillosas que acontecían diante dos seus ollos dunha maneira tan sinxela. O pobo parece que si algo percibía: nunca tal cousa vimos.

Oración

Nunca tal cousa vimos.
Que saiba, Xesús, calar e contemplar
o misterio da saúde e da enfermidade,
corporal e espiritual,
na miña persoa e na persoa da máis xente.
Que saiba, Xesús, calar e contemplar
o misterio da túa presenza en min, en toda a xente,
nas horas de saúde e nas horas de enfermidade.
Que saiba, Xesús, calar e contemplar
a forza de vida que es capaz de facer xermolar en nós,
para dicir desde a humilde experiencia:
nunca tal cousa vimos.

Acción

Hai persoas cristiás que traballan no que se chama "a pastoral da saúde"; pregunta onde hai algo diso e achégate a algunha desas persoas para que che comente o que fan. Igual te animas a unirte a esas persoas; e, senón, polo menos verás cousas que te animarán a ser algo máis comunitario nalgunha cousa.


13 de xaneiro: sábado da 1ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 2, 13-17

Meditación

Mala fama tiñan daquela os recadadores de impostos, porque representaban o poder abusivo do imperio romano, e ademais era frecuente que se aproveitasen sacándolle á xente aínda máis do moito que xa se lles pedía. Algo así coma algúns dos políticos corruptos de hoxe que rouban mentres para a xente hai recortes e soldos baixos. E vai Xesús e fíxase nun deses para sumalo ao seu grupo. E vai Xesús e entra na súa casa, xanta con el e con outros tales, sabendo o moito que une o feito de comer xuntos. Que libre e valente era Xesús! Como sabía adiviñar o fondo das persoas para petar a esa porta e sacar de cada quen o mellor que levaba dentro! Procesos admirables, que os que andaban coa lei na man non entendían para nada, e por iso murmuraban. O de Xesús era mesturarse coa debilidade, co pecado, coa escuridade e axudar a que a xente se reconstruíse.
E hoxe pasa o mesmo. Xesús segue a ser o mesmo con cada un, cada unha de nós. Non se arreda de nós por moi ruíns que sexamos. E invítanos a facer outro tanto: andar pola vida sen condenar a ninguén, amigando co fráxil, axudando, no que poidamos, a refacer vidas.

Oración

Gustaríame, Xesús,
ser libre coma ti,
ser valente coma ti,
estar coma ti ao lado da xente ruín
saber encaixar as críticas coma ti.
Gustaríame tamén
recoñecer que en cousas son persoa pecadora,
para gozar ao ser acollida por ti,
e así, no pecado, no perdón e no cambio,
sentirme máis irmán de todos os meus veciños e veciñas.
Gustaríame, Xesús,...
Que o teu Espírito me renove en todo!

Acción

Fai un pequeno exercicio. Colle un papel e nel escribe o nome das persoas coas que ti non queres ter trato ningún, porque as consideras moi mala xente. Poderías achegarte dalgunha maneira a algunha delas? Poderías empezar por quitarte da cabeza a idea de que son xente sen remedio?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.