21 febreiro, 2018

Tempo de Coresma: 2ª semana


25 de febreiro: domingo 2º de Coresma

Evanxeo: Mc 9, 2-10

Meditación

Que marabillosas deberon ser aquelas horas de retiro de Xesús cos seus discípulos Pedro, Santiago e Xoán no cume daquel monte! O relato seguramente está moi recomposto polo evanxelista que o conta, pero sen dúbida aquilo debeu ser algo moi especial para Xesús e para os seus compañeiros. Na cultura relixiosa do momento, o cumio dos montes eran lugares que facilitaban o contacto co divino, como nos pasa a nós mesmos aínda hoxe ante lugares fermosos, case máxicos: a Ribeira Sacra, as costas do Xistral, a Terra Cha vista desde os montes de Toxoso etc. Pois alí Xesús e tres dos seus discípulos senten a Deus dentro deles, enchéndoos de paz, de alentos, de ledicia e benestar, e mesmo os corpos, os rostros, deixan translucir o que por dentro están vivindo. Non nos pasa algo así tamén a nós, aínda que en moi menor grado, cando nos xuntamos co desexo de deixarnos coller por Deus, de acollelo, de sentilo ben vivo dentro de nós mesmos, de nos poñer aos seu dispor, ao dispor da xente, para que a vida vaia adiante entre nós, nos nosos pobos e parroquias? O Espírito aléntanos, os ánimos refréscanse, os corpos collen novas forzas e non nos asusta tanto a tarefa que teñamos por diante.
A Xesús aquela experiencia animouno moito, seguro, para afrontar todo o que lle agardaba, por esa teima súa de se poñer tanto do lado de Deus nas vidas da xente máis débil e marxinal. Deus era un pai para el; Deus nunca lle fallaría. A nós correspóndenos mirar, admirar, escoitar, aprender, deixarnos levar en todo pola onda de Xesús. Iranos ben, moi ben.


Oración

Invítasnos, Xesús,
a subir contigo ao monte,
a acougar,
a escoitar a voz alentadora de Deus
que resoa no noso interior;
son os ecos da súa múltiple presenza,
na natureza,
na vida da xente,
nas persoas concretas que se moven ao noso redor,
en nós mesmas.
Invítasnos, Xesús,
a deixarnos transfigurar por Deus.
E cambiar o home ou muller medrosa que somos
por unha persoa ousada;
a cambiar ese aire desconfiado, desilusionado,
que tantas veces nos envolve e frea,
por esa mestura curiosa de sinxeleza e astucia
coa que cruzar todas as luces e sombras da vida.
Invítasnos, Xesús.
Será posible que rexeitemos o teu convite?

Acción

Seguro que todos, todas, temos experiencia de asistir a celebracións, a encontros, con máis ou menos forma relixiosa, que nos animan a estar implicados na vida con gozo. Son os lugares de Deus aos que Xesús nos convida.


26 de febreiro: luns da 2ª semana de Coresma

Evanxeo: Lc 6, 36-38

Meditación

A Coresma é un tempo que nos pode valer, entre outras cousas, para recompoñer as nosas relacións interpersoais, nas que tantas veces nos xogamos a nosa paz, o noso benestar, a nosa ledicia de cada día; novas relacións persoais que inevitablemente modificarán tamén o funcionamento social. Con este fin, ben paga a pena que neste tempo coresmal reparemos nesas catro propostas de Xesús, simples e fondas --como todo o de Xesús--, que tanta aplicación teñen na nosa vida cotiá: non xulgar as persoas, sabendo que detrás de cada persoa --de cada un de nós tamén-- hai un mundo de circunstancias que ignoramos; non condenar, porque o oficio de alguén que se considera irmán ou irmá nunca é pechar portas e oportunidades; perdoar, que supón crer no cambio das persoas, que supón unha vontade de lles botar unha man para axudar a ese cambio; e dar, dar sempre, vencendo esa manía egoísta que todos levamos dentro de nós, que tende teimosamente a querer recibir, amorear: bens materiais, recoñecementos, afectos, servizos etc. É aplicar simplemente aquilo que tanto nos gusta e valoramos: tratar como nos gustaría ser tratados.

Oración

Gustaríame ser, Xesús, un pouquiño coma ti:
no canto de xulgar, comprender, acompañar;
no canto de condenar, perdoar, alentar cambios,
no canto de recibir ata encherme, dar ata baleirarme,
con abundancia, sen medida, ata o extremo.
Como Deus me trata, Xesús,
(sempre comprendendo, acompañando, perdoando, alentando...),
así me gustaría tratar eu tamén a quen a min se achegue.
Que saiba ser fiel ao teu Espírito, Xesús,
que en min clama por esta forma de ser.

Acción

Tendo en conta o que Xesús nos di no Evanxeo de hoxe, podemos revisar como nos desenvolvemos coa xente que conviven connosco, coa xente que tratamos na vida. Seguro que todas, todos, atoparemos moito no que cambiar. Non se fai unha sociedade nova sen cambio persoal, sen cambios nas relacións entre as persoas.


27 de febreiro: martes da 2ª semana de Coresma

Evanxeo: Mt 23, 1-12

Meditación

Se nós lemos hoxe este Evanxeo non é para que aprendamos como de bos ou de malos eran aqueles letrados e fariseos criticados por Xesús. Lémolo pensando en nós, como palabras dirixidas a nós. Canto de aparencia baleira hai nas nosas vidas? Canto de ir dando o bombo por aí, no falar, no vestir, no chufarse, no aparentar, tentando simular pobrezas, miserias, limitacións de todo tipo que ben coñecemos. Non nos iría mellor se andásemos con máis verdade, deixando ver o que somos con humildade? Este mundo noso, do que formamos parte, está moi cheo destas aparencias enganosas que a nada levan.
Tamén podemos ler este evanxeo pensando en como son e funcionan as nosas parroquias, as nosas comunidades cristiás. Escoitando as palabras de Xesús é difícil non pensar que moitos dos nosos dirixentes relixiosos, e nós con eles, caemos nas trampas que o noso Señor tanto criticaba. Está ben asentada a nosa comunidade cristiá, a nosa parroquia, no convencemento de que todas, todos, somos irmáns e irmás, e que iso é o máis fermoso que temos? Estamos todos, todas á escoita agradecida do noso único mestre, que é Cristo? Vivimos todos, incluído por suposto o clero, sabendo nos debemos unicamente ao noso Pai, pois só el é a nosa fonte de vida, quen lle dá sentido e forza ás nosas vidas? Moitos temos que cambiar tamén nas nosas comunidades cristiás, tan feridas tamén polas aparencias deste mundo.

Oración

Xesús,
irmán Xesús,
como a ti che gustaría ser chamado sempre,
ti amósasnos a grandeza e fermosura
de ser irmáns, irmás entre nós.
Xesús,
o humildísimo Xesús,
ti amósasnos a grande revolución da humildade,
que acaba coa vaidade deste mundo,
tan asentada nos nosos corazóns,
nas nosas vidas,
na nosa sociedade,
nas nosas mesmas comunidades cristiás.
Xesús,
irmán maior Xesús,
mestre Xesús,
deixarémonos aprender por ti?

Acción

Podemos mirar un chisco como nos amosamos nas nosas relacións sociais. Simulamos, aparentamos, andamos buscando chufas, loanzas, vaidades, mentíndonos a nós mesmos? Podemos mirar un chisco para a nosa comunidade cristiá. Deixamos que haxa curas ou outras persoas que o fagan todo, que o manden todo, que o adoutrinen todo como se fosen Xesús, como se fosen deuses?


28 de febreiro: mércores da 2ª semana de Coresma

Evanxeo: Mt 20, 17-28

Meditación

Día a día, evanxeo a evanxeo, Xesús vainos ofertando campos e perspectivas aos que aplicar a nosa vontade de cambio. Que torpes eran aqueles discípulos, seguidores de Xesús! Xesús fálalles de como por ser unha persoa totalmente dedicada a Deus, totalmente dedicada á xente máis desamparada, ía encontrar incomprensión, persecución e morte, e os discípulos pensan en postos de honra. Xesús fálalles de baleirarse de si mesmo, baleirarse de toda clase de poder, e os discípulos soñan con medrar en poder. Dúas maneiras de entender a vida totalmente distintas.
Igual nos estraña que os discípulos, despois de pasar uns dous anos con Xesús, non desen comprendido o seu proxecto de vida persoal e comunitaria, a súa maneira de entender a vida e de se desenvolver nela. Pero, se o pensamos ben, non nos parecemos tamén nós aos discípulos? E iso que levamos, como Igrexa, non dous anos, senón dous séculos lendo os evanxeos, meditando neles.
Se Xesús veu para servir, non para ser servido, as persoas, as comunidades cristiás que queremos ser discípulos e discípulas súas sería ben que fósemos aprendendo algo polo menos iso de servir e non ser servidas, iso de ir dando algo da vida para que o pobo medre. E se alguén entre nós quere chulearse de ser o primeiro, xa sabe o consello de Xesús: fágase o máis grande servidor dos demais.

Oración

Que ao teu lado, Xesús,
aprenda o gozo maior
de servir antes ca ser servido,
de ansiar os últimos postos antes que os primeiros,
de dar algo do meu para que a comunidade medre,
pois tamén a comunidade me obsequia
con innumerables achegas,
sen as que eu non sería nada na vida.
Que ao teu lado, Xesús,
aprenda ese xeito teu de vivir contracorrente,
e faga del o motor da miña vida.
Que ao teu lado, Xesús,
saiba vivir con asento e mesmo alegría
os momentos dolorosos e conflitivos
que me sobreveñan por ser algo coma ti.

Acción

Podemos mirar en que cousas estamos sendo xente servidora como Xesús, e agradecer esa cousa boa que forma parte da nosa vida. Podemos pensar tamén en como dar algún paso máis cara abaixo na vida, cara aos lugares de máis servizo.


1 de marzo: xoves da 2ª semana de Coresma

Evanxeo: Lc 16, 19-31

Meditación

Este conto ou parábola de Xesús ten un realismo impresionante. Nela con facilidade nos podemos ver retratados a maioría de todos e todas nós. Quen nos representará mellor a nós, o pobre Lázaro ou o ricachón sen nome que pasaba do pobre, aínda que diante dos seus ollos o tiña cada mañá cando saía da súa casa?
Nos tempos de hoxe segue habendo diferenzas inxustas, aínda que os mecanismos cos que se desenvolven entre nós sexan diferentes. Nos tempos de hoxe tamén hai países e persoas moi empobrecidas, moi marxinais, que non teñen pan que levar á boca, casa onde gardarse, traballos cos que gañar a vida, menciñas para curarse, escolas onde formarse, cariños cos que medrar agarimados. Son xentes e países que claman xustiza. En España mesmo disque estamos saíndo da crise, pero as diferenzas entre as persoas e familias van moito a máis. Que facemos nós? Quedámonos de brazos cruzados? Que estamos dispostos a facer para que todo o mundo poida vivir dignamente co necesario? A que estamos dispostos a renunciar para que isto poida pasar?
Xesús conta esta parábola non para meternos medo sobre o máis alá, senón para urxirnos a facer do máis acá, deste mundo, unha terra de irmáns e irmás, e non de xente insolidaria e aproveitada. Vivir ignorando a miseria da xente é algo tremendamente inhumano que acaba desfacendo tamén a vida de quen así vive.

Oración

Oxalá a xente empobrecida me quite o sono, e algúns cartos.
Oxalá a diferenza entre o Norte rico e o Sur pobre me revolva as entrañas.
Oxalá os nenos e nenas mal nutridas me inciten á compaixón.
Oxalá quen vive en soidades e orfandades me atope como amiga e compañeira.
Oxalá que calquera inxustiza se volva en min un clamor pola xustiza.
No teu nome, Xesús.
No nome de Deus.
No nome da xente pobre de Deus.

Acción

Persoal ou comunitariamente podemos buscarlle remedio a algunha pobreza que se estea dando ao redor noso. Seguro que desde aí se nos abrirán os ollos para ver mellor as grandes inxustizas que nos rodean e arrimaremos máis o lombo para ilas reducindo.


2 de marzo: venres da 2ª semana de Coresma

Evanxeo: Mt 21, 33-43.45-46

Meditación

Os bens da terra --esa viña plantada polo propietario da parábola-- son para que todo o mundo participemos deles e con eles cubramos as nosas necesidades. Tanto as necesidades materiais como os espirituais. Pero, onte coma hoxe, hai xente que pretende facerse dono exclusivo deses bens. A manía de acumular, que estraga a harmonía da irmandade. A manía de dispoñer todo, nas cousas do corpo, nas cousas do espírito; manía que mata a orixinalidade de cada persoa.
Cando Xesús lles pon isto diante a aqueles que no seu tempo tal facían, en vez de o escoitaren e modificar os seus comportamentos, aínda se pechan máis na súa actitude e nos seus feitos, e mesmo pretenden matar a voz que os denunciaba. E aqueles tales, curiosamente, eran os xefes relixiosos do pobo, que pretendían así facer como se eles fosen máis ca Deus.
Aínda que é unha parábola especialmente dirixida ás persoas que teñen autoridade na Igrexa e no pobo, vale para todo o mundo. A todos nos gusta acaparar, a todos nos gusta facernos pequenos deuses, pequenos amos e señores, a todos nos doe cando alguén nos chama a atención, e con frecuencia queremos matar a voz de quen estas cousas nos pon diante.

Oración

Quero ser humilde, Xesús,
para aceptar a crítica,
cando alguén me poña algo diante.
Para aceptala e agradecela.
Porque soamente así,
aproveitándonos do servizo da corrección
que mutuamente nos podemos prestar,
soamente así
medraremos como persoas e como crentes.
Quero ser humilde, Xesús,
só ti mes podes axudar a selo a fondo.
Confío en ti.

Acción

Xesús poñíalles cousas diante aos seus líderes relixiosos. As veces nós queixámonos dos comportamentos dos nosos curas na súa función de curas. Se temos algunhas queixas deles, non sería mellor dicírllelo á cara con vontade de axudalos a eles e ao conxunto da comunidade? E moito mellor ca andar murmurando por detrás. Miremos a ver.


3 de marzo: sábado da 2ª semana de Coresma

Evanxeo: Lc 15, 1-3.11.32

Meditación

Pode resultar ben proveitoso entrar na alma de cada un dos personaxes principais desta parábola: o pai, o fillo menor e o fillo maior. No pai, que para Xesús representaría a Deus mesmo, destaca o seu respecto pola liberdade do fillo menor; destaca tamén nel o amor convertido en ansiedade coa que agardaba a volta do seu fillo, que lle permite velo ao lonxe deseguida, e a abrazalo e enchelo de bicos cando o ten cabo si; destaca nel a falta de reproches, e a festa que organiza, na que non falta detalle ningún, celebrando o proceso libre dun fillo que volve á casa. Deus é así con todos e todas nós. Así o viviu Xesús e así nolo transmite. Que Deus tan marabilloso temos!
No fillo menor destaca a súa busca persoal, a súa capacidade de ruptura co cómodo vivir, as súas ganas de aventura, aínda que logo desen en cousa negativa para el. Destaca que soubese recoñecer o seu error, o seu fracaso, aínda que quen o move a iso é a situación desgraciada na que se atopa; non bota as culpas a ninguén. Destaca o seu arrepentimento; recoñece non ser digno daquel pai que tan respectuosamente o tratara. Posiblemente todos, todas nós nos poidamos sentir identificadas co fillo menor. No pecado, máis ou menos, seguro. Oxalá que no demais tamén.
No fillo maior destaca a súa rectitude, o ter estado sempre ao pé do canón, sen se permitir o máis mínimo abandono. Pero esa rectitude tan firme endurecéralle o corazón, e non era capaz de comprender o error dos outros. E polo tanto tampouco era capaz de comprender o corazón do pai, a súa ledicia, a súa festa. Estando tan apegado a el, sempre, sen embargo non fora quen de meterse no mundo do pai, no seu amor, na súa ansia polo fillo que faltaba. Cantas veces na vida facemos de fillo maior, endurecendo o corazón, non admitindo a fraxilidade dos demais, resolvéndoo todo con condenas, encabuxándonos se a quen fai mal se lle acolle e se lle dan novas oportunidades!

Oración

Perdón, meu Deus,
por andar ao tolo
coa herdanza de ben que pousaches no meu corazón;
por empregar a miña liberdade
non para ser libre,
senón para escravizarme con mil cousas,
para empobrecerme de mil maneiras.
Perdón, meu Deus,
por non ter sabido nin imaxinado
a inmensidade da túa ansia por min,
por máis que en ti está o meu asento desde o meu nacemento.
Perdón, meu Deus,
porque aínda así,
cando os demais permiten que o mal os envolva,
teño olladas severas,
palabras despectivas,
aires de condenación.
Perdón, meu Deus, perdón,
cando entrarei no teu corazón!

Acción

Igual non nos ven mal que neste tempo de Coresma nos paremos a ver en que cousas estamos estragando a nosa vida e a vida da xente que nos rodea, a xente da parroquia; con que cousas contribuímos a que nesta nosa sociedade siga habendo tanta desigualdade, tanto abuso.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.