12 febreiro, 2018

Tempo de Coresma


TEMPO DE CORESMA

Co mércores da cinza comezamos o tempo da Coresma. Temos por diante corenta días de preparación para a Pascua, que é a celebración do triunfo da vida en Xesús de Nazaré e tamén o triunfo da vida nas nosas existencias humildes, e na comunidade e pobo do que formamos parte.

Na Coresma Deus invítanos a baleirarnos para nos poder encher del e do seu Espírito.

Na Coresma Deus invítanos a compartir a nosa presenza, palabra, tempo, cartos, empobrecéndonos algo para que outra xente medre na vida coa nosa axuda.

Na Coresma Deus invítanos a descubrir unha maneira nova de nos relacionar coa xente, véndoa en todo coma irmá e non como rival ou competidora.

Na Coresma Deus invítanos a descubrir a ledicia que dá o pouco, o pequeno, o simple, e ofrécenos, polo tanto, unha maneira nova e accesible de ser persoas felices.

Na Coresma Deus invítanos a ollar con paz e con esperanza para nas nosas propias vidas, aínda que receemos facelo por mor das trapalladas que ás veces nos consentimos.

Na Coresma Deus invítanos a ollar para a xente do noso redor, para decatarnos de que vivimos grazas aos demais, e de que os demais tamén vivirán grazas a nós, se non nos negamos a esta preciosa correspondencia.

Na Coresma Deus invítanos a ollarnos con tenrura e a ollar con tenrura tamén a toda persoa que se cruce connosco na vida.

Na Coresma Deus invítanos a gozar e medrar dando e recibindo perdóns.

Na Coresma Deus invítanos a tomar en serio a construción da sociedade na que vivimos, pois diso depende que moita xente máis humilde poida vivir con dignidade.

Na Coresma Deus invítanos a serenarnos e acougar, a atoparnos connosco e con el na soidade compartida.

Na Coresma Deus invítanos a andar con humildade pola vida, confiad@s na forza de ben que Deus gratuitamente nos ofrece.

Na Coresma Deus invítanos a contemplar o espertar da vida na natureza e a acompañala e protexela sempre.

Na Coresma Deus invítanos a saír das nosas casas para visitar a xente veciña e levarlle algo de compaña e calor.

Na Coresma Deus invítanos a volver a falarlle a aquela persoa á que, polo que sexa, lle deixei de falar.

Na Coresma Deus invítanos a cabrearnos contra a inxustiza e a envolver en paz os nosos cabreos.

Na Coresma Deus invítanos a sentirnos viv@s, libres, alegres, esperanzad@s.

Na Coresma Deus invítanos a ollar con alma de discípul@ para o mestre Xesús que vai sempre diante ou ao lado abríndonos o camiño.


14 de febreiro: mércores de Cinza

Evanxeo: Mt 6. 1-6. 16-18

Meditación

A ensinanza que hoxe nos ofrece Xesús componse dun principio xeral e tres aplicacións concretas. O principio xeral é este: se o ben que facemos, sexa o que sexa, facémolo por recibir as chufas da xente, daquela ese ben realmente non nos constrúe como persoa, porque en verdade o que facemos facémolo buscándonos a nós mesmos; é puro egoísmo; e o egoísmo non vale para construír nada sólido nin en nós nin na demais xente.
E Xesús aplica este principio xeral a tres cousas que en si son marabillosas, pero que se poden degradar se as facemos buscándonos a nós mesm@s, o noso recoñecemento, a nosa falsa fama. Estas tres cousas son a oración, o xaxún e a esmola. O que fai boa e proveitosa a oración é un corazón totalmente espido de si, totalmente entregado a Deus e á súa causa. O que fai bo e proveitoso o xaxún é o desexo sincero de alixeirar a propia existencia, reducindo o afán de consumo sobre calquera tipo de cousas. O que fai boa e proveitosa a esmola é a ilusión por compartir, por poñer as necesidades doutra xente dentro dos nosos intereses. Sería un contrasentido total facer calquera destas tres cousas buscando engordar nós a conta delas, a conta da xente que dicimos apoiar.
Pero cada quen ten que ver en que cousas deixa que a súa vida queda estragada por poñer por riba de todo o propio proveito, a propia gloria.

Oración

E se me atrevo
a entrar na soidade, no silencio,
no segredo onde ti habitas,
que podo atopar, meu Deus?
Quen, senón ti,
poderá alumear os recantos todo do meu corazón,
da miña vida,
para abrilos á luz, á transparencia,
á verdade limpa das cousas?
Quen, senón ti,
poderá purificar os meus desexos,
as miñas intencións,
os meus feitos,
para facer deles espazos nobres
onde mande a túa santa solidariedade?
Veña, da man de Xesús,
entremos nos segredos de Deus!

Acción

Pode resultar mi positivo que durante os 40 días da Coresma nos determinemos a levar a cabo algunha acción de solidariedade, de servizo coa xente empobrecida; algo que nos axude a desapegarnos de nós mesm@s e a ilusionarnos polo ben da comunidade, da parroquia en algo. Penso algo que poderías facer. Iso si, sen buscar chufas e aplausos.


15 de febreiro: xoves despois de Cinza

Evanxeo: Lc 9, 22-25

Meditación

Que é a vida? Que é salvar a vida, perder a vida? Que é triunfar na vida? Normalmente unimos todo isto co afán posesivo: a máis posesión, a máis dominio, pensamos que lle corresponde máis felicidade, máis éxito na vida. Xesús non o entendía así. Para el o éxito da vida estaba ligado con ser a fondo aquilo que cada persoa é; está ligado tamén con escoitar esa voz fonda que todo o mundo levamos dentro de nós, que nos chama non a posuír, senón a compartir, non a dominar, senón a servir, non a excluír, senón a integralo todo nun abrazo que crea irmandades. Iso é ir contracorrente. Pero iso para a pena, é o que realmente paga a pena. E a avanzar niso nos invita Xesús neste recorrido coresmal que estamos empezando.
Claro que hai xente, moita xente, para a que a vida é sinxelamente poder comer cada día, poder ter onde gardarse, poder ter algo no que traballar. Quen xa gozamos de todo isto non podemos dicir con orgullo que vivimos, se non temos en conta estas situacións para axudar a superalas.

Oración

Non nos impós camiños e receitas, Xesús,
para chegarmos a ser felices na vida.
Simplemente compartes o que ti vives,
invitas ao que ti experimentas,
ofreces o que a ti che enchía a alma
de paixón e de pracer.
Grazas, Xesús.
Serei eu capaz de seguirte,
de aventurarme contigo
por ese camiño contracorrente
que leva á maior luz, ao maior gozo?
Espero que algo si, Xesús,
coa túa axuda, que tanto necesito e desexo.

Acción

A pouco que repares en ti, na túa vida, poderás comprender axiña que é para ti o máis importante para ser persoa feliz. Cres que andas polos camiños de Xesús? Cres que podes cambiar algo de rumbo? En que? Fai en todo caso o que o propio corazón che pida.


16 de febreiro: venres despois da Cinza

Evanxeo: Mt 9, 14-15

Meditación

Para Xesús o xaxún non era o máis importante. Ademais xaxuar era moitas veces unha práctica máis ben de xente que tiña abundancia e que se podía permitir tales e tales días rebaixar algo a súa comida. A Xesús preocupáballe aquel pobo que xaxuaba á forza por non ter abondo que comer. Que houbese comida para todo o mundo pobre era o importante para Xesús.
Pero xaxuar pode ter sentido para nós que andamos máis ou menos en abundancia, cando o xaxún nos axuda a vivir co pouco, co necesario nada máis, cando o xaxún nos permite decatarnos do mundo consumista no que vivimos, cando nos posibilita dispoñer de bens que compartir con outras persoas; daquela o xaxún é un camiño de liberdade persoal e de solidariedade comunitaria. Daquela o xaxún mesmo pode ser algo revolucionario que empuxa o cambio do mundo.

Oración

Que poida ver contigo, Xesús,
cando festexar
para celebrar a vida
e os bens de Deus que a fan posible,
e cando xaxuar,
absterme e mesmo empobrecerme,
para que a vida sexa sempre compartida
e non haxa ninguén excluído dela.
Que saiba abrir os ollos, Xesús, para iso,
que para iso saiba abrir tamén o corazón.

Acción

Hai moitas cousas das que podemos xaxuar. Se nos sobra comida, tamén nos sobran moitas roupas, utensilios e mil ferreganchos que imos acumulando nas casas. Pensa de que poderías prescindir para ser máis libre e poder axudar máis a que outra xente teña o necesario.


17 de febreiro: sábado despois de Cinza

Evanxeo: Lc 5, 27-32

Meditación

Os recadadores de impostos estaban considerados como moi mala xente. Eran os que recollían os impostos esixidos polo imperio romano, que sometera a todo Israel. A xente tíñaos fichados e non quería saber nada con eles. Xesús, non. Viu que debaixo daquel home amigo do abuso había unha persoa capaz de entrar na roda da irmandade verdadeira. E pediulle que o seguise. E seguiuno. E, agradecido, quixo facerlle un bo xantar, ao que non faltaron outros tales coma el. Os que ían de moi piadosos e de saber moito de relixión non comprendían aquilo, porque, a pesar de tanta relixión, non entenderan algo moi elemental: Deus gusta de arrimar a quen é débil, pecador, abusado, marxinal. Quere arrimarse a esas persoas para axudarlles a descubrir outra maneira de ser persoa, de vivir, mellor para eles, mellor tamén para quen andase ao redor deles.
Na Coresma recordamos, revivimos na nosa propia carne esta debilidade de Deus con calquera de nós, por moi mala xente que nos consideremos.

Oración

Non é, non, a xente sa
a que precisa de médicos,
senón que é á xente enferma
á que lle cómpren remedios.

Grazas, Xesús, que me chamas,
e non renegas de min,
se moito me reina o pecado,
moito máis me queres ti.

Acción

Mira se te sentes por riba ou te arredas de calquera persoa máis ou menos ruín, porque ti te consideras moi cabal. Gusta do recoñecerte como es, débil e pecadora en moitas cousas, seguro, e alégrate sabendo que Deus devece por ti.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.