10 maio, 2018

Tempo de Pascua: 7ª semana


13 de maio: solemnidade da Ascensión do Señor

Evanxeo: Mc 16, 15-20

Meditación

Na cultura do tempo no que se escribiron os evanxeos entendíase que o mundo estaba distribuído así: a xente vivía na terra; Deus estaba arriba, no ceo, vivindo alí na súa gloria, e desde alí relacionábase connosco, ben por propia iniciativa, ben accedendo ás nosas súplicas; os anxos eran os seres espirituais que facían de mensaxeiros entre o ceo e a terra; Xesús mesmo fora mandado do ceo á terra para nos salvar, e ao ceo volvera cando rematou a súa tarefa. E por último, nos fondos da terra estaban os infernos ese lugar a onda ían parar os seres humanos ao morrer, se non eran resucitados. Xa era bastante común a fe na resurrección.
Para a xente moderna este é un esquema acabado. Deus nos está fóra de nós; Deus está en todo e todo está en Deus; os seres humanos vivimos en Deus. Deus é unha forza de vida permanente; o seu Espírito estanos alentando constantemente cara á inocencia, cara á honradez, cara á solidariedade, cara á xustiza, cara a un mundo irmandado en todo. Xesús, movido por este Espírito, abriu a fondo neste mundo un camiño de verdade e de vida; morto e resucitado está en Deus dunha forma plena, que cremos, pero que non somos capaces de describir. Estando en Deus está tamén nas nosas vidas, alentándonos para espallar o camiño de vida que nos propuxo, tan marcado pola fidelidade ao Espírito de Deus en todo, e pola afección extrema a achegarse á xente máis fráxil para acompañala no camiño da súa recuperación.
A memoria e compaña de Xesús resucitado pódenos facer persoas valentes, creativas, vigorosas e fecundas ata o inimaxinable. Xesús invítanos a situarnos no mundo en clave de participación, en clave de servizo, en clave de comunidades, en clave de esperanza. Todos, todas estamos chamadas a esa vida nova, definitiva, pacificada a fondo en Deus.

Oración

Deus Pai/Nai é a fonte de todos os soños.
O Espírito é un gran soñador
do que nunca sabes por onde vai saír.
Xesús de Nazaré foi un soñador incansable,
ao pé da xente,
ata a morte.
Unha fábrica de soños para a humanidade toda,
para todas e cada unha de nós,
en todos os tempos e idades.
Soños comúns, cotiáns, de pan e dignidade
para todas as persoas e pobos.
Soños de fraternidade, sen exclusións.
Soños máis ou menos esperados e desexados
desde o fondo do noso ser;
e soños inimaxinables
á altura dun Deus que non ten medidas.
A Ascensión é a festa dos soños
para os tempos presentes e para os tempos vindeiros,
para os corpos e para os espíritos.
Soños de fartura a todos os xeitos.
Vivimos nunha terra dos soños,
porque sen excepción somos semente de Deus.
Un ceo novo e unha terra nova!

Acción

Podemos ver se estamos envoltos nalgún tipo de soños dos que saben a Xesús, dos que saben a Deus. Podemos ver que é o que facemos para que eses soños medren e se vaian realizando.


10 de maio: festa de San Matías apóstolo

Evanxeo: Xn 15, 9-17

Meditación

Xa dixemos algo sobre boa parte deste evanxeo o 4 de maio, venres da 5ª semana de Pascua. O fondo da nosa existencia está vinculado ao amor. Da fonte do amor vanse sucedendo unha serie de consecuencias que lle dan corpo a unha vida crente, a unha vida cristiá. Todo parte dun Deus que, como Pai ou Nai que é, nos quere con loucura. Xesús experimentou ese amor a fondo e permaneceu nel deixándose levar por Deus sen receo ningún, e comprendeu que iso o levaba a quererlle á xente. Toda a súa vida foi iso: quererlle a xente, e non de calquera maneira; quererlle establecendo relacións de amizade, tratando a xente como amigos e amigas sempre, compartindo a súa riqueza interior inmensa, sacrificándose ata a morte pola xente que quería, gozando con que a xente se desenvolvese e se fixese xente con vida, con calidades, con froitos, con capacidade de amor tamén. E así pechar ese círculo que empezaba en Deus e a Deus volvía a través do amor. E nós estamos aí no medio. Iso é o que dá sentido á nosa existencia. Amar non é calquera cousa. Amar é o noso ser. Deus é amor. Xesús é amor. Nós somos amor.

Oración

Somos amor, Xesús,
como ti es amor,
como o Pai/Nai é amor.
Pero tamén podemos ser desamor,
tamén podemos cortar ese círculo solidario
que lle dá sentido á nosa existencia.
A Xudas, o apóstolo escollido e querido,
custoulle andar na roda do amor
e abandonou dramaticamente.
No seu canto foi elixido Matías,
a quen hoxe recordamos.
Que sexamos dóciles
para aprendeder a non xogar co amor,
a non facer del unha palabra baleira,
a enchelo con cousas de solidariedade
no vivir de cada día.
Que sexamos ben dóciles
para aprender o difícil arte de amar.

Acción

Podemos revisar como está sendo realmente o noso amor. Para iso podemos pensar por unha banda cómo nos relacionamos coa xene da casa coa que convivimos; e por outra banda podemos pensar tamén en cantas cousas de apoio a persoas en debilidade estamos enredad@s. Seguro que atoparemos algo que nos permita avanzar no amor.


15 de maio: martes da 7ª semana de Pascua.

Evanxeo: Xn 17, 1-11a

Ou San Cidre, patrón da xente do campo.
Sant 5, 7-8.11.16-18 / Sal 1 / Xn 15, 1-7

Meditación

É ben fermosa esa imaxe de Deus coma un labrego, coma o gran labrego que coida de toda a creación, para que en toda a creación haxa vida, haxa froitos, haxa seres que poidan aproveitar e gozar con eses bens que de tantas maneiras diferentes producimos dentro da creación. Deus é o creador desa casa común que é a creación. Pónnola nas mans coma un medio de vida; a nosa tarefa é responsabilizarnos do seu coidado, para que non se perda nada da vida que hai na creación; para que ninguén que forma parte desta casa común se vexa excluído do seu coidado e do seu gozo.
É un bo día, unha boa ocasión para agradecer a toda a xente que en Galicia e polo mundo adiante trata a natureza con respecto, produce alimentos o máis sans posible, practica o ecoloxismo integral facendo que nada de canto hai na creación se vexa violado e explotado, escolle un estilo de vida parco no consumir para que os bens da creación cheguen a todo o mundo. Producir alimentos sans, fóra das grandes industrias da alimentación, é un dos feitos máis revolucionario que pode haber. A soberanía alimentaria consiste en que cada país poida producir a alimentación básica necesaria para a xente que o habita. Traballar pola soberanía alimentaria é un grande paso para conservar a nosa autonomía e liberdade ante os grandes grupos financeiros.

Oración

San Cidre, santiño amigo,
patrón da xente da aldea,
ti que soubeches xuntar
o culto da fe e da terra,
fai que poidamos confiar
no Deus que cura e libera.

Dános ganas de loitar
polo futuro da Terra
sentíndonos coma irmáns,
xuntos na mesma tarefa
coa xente toda do mundo
que no campo loita e reza.

Por Xesús Cristo, o Señor,
o Irmán, o Amigo que leva
as nosas vidas miúdas
en mans que puxan e apertan.

Acción

Se non vivimos na aldea, acheguémonos a algunha aldea, admiremos e agradezamos a natureza, conversemos con xente que vive e traballa alí, solidaricémonos coas súas ilusións, cos seus problemas. Se somos xente de aldea e dela vivimos, sería ben promover e participar nalgún encontro rural, para darlle valor á nosa vida, para animarnos a facela máis digna cada día no nome da Terra, no nome de Deus.


16 de maio: mércores da 7ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 17, 11b-19

Meditación

O mundo é a casa común habitada por millóns de homes e mulleres, entre os que nos contamos. No mundo, na xente, hai cousas marabillosas que nos levan á admiración e ao agradecemento. No mundo hai tamén cousas malas, mala xente, malas ideas, moitos abusos, moita explotación, moito dominio dos poderosos sobre a xente máis humilde, moitas guerras sempre interesadas nas que morren miles de inocentes. Calquera de nós levamos no noso corazón parte desas cousas marabillosas que hai no mundo e, moi posiblemente tamén, parte desa maldade que ensucia o mundo.
Como habitantes do planeta, como persoas cristiás o mundo é o noso lugar. Non queremos nin debemos fuxir del. Cara a onde? Xesús invítanos a estar no mundo, pero a estar dunha maneira inocente, xusta, responsable, agradecida, loitadora, solidaria, deixándonos conducir pola súa palabra, polo seu estilo de vida, pola súa ilusión de facer deste mundo unha casa de irmás e irmáns en todo. Custe o que custe.

Oración

Ti apréndesme, Xesús,
a gozar coas cousas boas todas que hai no mundo,
a gozar con tanta xente boa que o habita,
a alegrarme polo ben que descubro na miña propia vida.
Grazas, Xesús.
Pero ti apréndesme tamén, Xesús,
a fuxir das cousas malas do mundo
que se achegan á porta do meu corazón tentándome:
o desprezo polo que non é nin pensa coma min,
a avaricia, o afán desmedido de posuír e consumir,
o machismo, o dominio, o querer estar sempre por riba,
a indiferenza polos abusos que sofren tantas persoas débiles,
o clasificar a xente, condenala, non lle dar oportunidades,
a lingua lixeira para criticar e preguiceira para alentar,
… e moito máis.
Grazas, Xesús, polo que me aprendes.
Estarei en vela.

Acción

Intentemos ver en nós algunha cousa boa pola que nos sentir ben agradecidas. Pero intentemos ver tamén en nós algo dese mundo malo, co que contribuímos a afear a nosa convivencia no mundo.


17 de maio: xoves da 7ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 17, 20-26

Meditación

A chamada final de Xesús é unha chamada á unidade. Unha unidade nutrida, sostida polo amor, pola solidariedade. Unha unidade que respecte as diferenzas de xeitos de ser e de pensar, de culturas, de sexo, de linguas, mesmo de credos. Deus é moito máis que os mellores intentos de calquera relixión. O que máis manifesta a Deus é a unidade, a aperta, a comuñón, o compartir, a consideración, a compaixón, a compenetración, o común. E curiosamente iso mesmo é o que mellor nos vai e nos expresa aos seres humanos, por moito que moitas veces nos rebelemos contra esas cousas e fagamos as contrarias. O cal, por certo, sempre nos acaba traendo moitas amarguras. Na unidade respectuosa coa diferenza está a maior gloria de Deus. Na unidade respectuosa coa diferenza esta a maior gloria da xente.
Quizais porque descoñecemos moito a este Deus que clama pola unidade na diferenza, quizais porque quen dicimos crer nun Deus así pouco o testemuñamos coa nosa vida, quizais porque a chamada da unión é unha chamada fonda e esixente, quizais por todo iso teñamos que afirmar con Xesús: “o mundo non te coñeceu”; pero quizais por todo iso tamén debamos dicir tamén con Xesús: “eu manifesteilles o teu nome e seguiréillelo manifestando”.

Oración

Que todos, todas sexamos un, unha.
atopando o noso oco nesa unidade total
que es ti, Pai, Nai nosa.
Que todos, todas, sexamos un, unha
na realidade da vida cotiá,
sen diferenzas agraviantes,
compenetrándonos sempre,
agradecéndonos sempre.
Que todos, todas sexamos un, unha
tamén na Igrexa
en todas as súas áreas e funcións.
Se o mundo está ferido pola diferenza,
pola discriminación, polo abuso,
pola prepotencia de tantas cores,
que saibamos curalo
a base de respectos e igualdades,
de reconciliacións e apertas.

Acción

Miremos ata que punto na nosa vida cotiá, no noso espazo laboral, en calquera área da nosa vida, somos persoas de unidade ou persoas de discriminación. Seguro que poderemos cambiar comportamentos e esixir que outros os cambien tamén.


18 de maio: venres da 7ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 21, 15-19

Meditación

Pedro tivo que facer un recorrido persoal na súa relación con Xesús: desde o seguimento rápido do primeiro momento, pasando polos momentos nos que non entendía a proposta de Xesús de vivir servindo ata a morte, se fixese falla; pasando tamén pola tiple negación cando unha criada o puxo entre a espada e a parede; e así ata este momento último no que manifesta a súa vinculación fonda con Xesús, en ideas, proxectos e afectos. Así estaba el capacitado para acompañar o camiño de fe das persoas que querían seguir tamén a Xesús en comunidade, en Igrexa.
O camiño de Pedro pódenos levar a preguntarnos polo noso propio camiño en relación con Xesús. ¿En que momento nos atopamos? ¿No momento de decidirnos a seguilo, no momento de disentir da súa estratexia servidora a favor da comunidade, no momento de renegar del coa palabra ou cos feitos, no momento de sentirnos fondamente atraíd@s por el ata vincularnos a el con todo o corazón, con toda a mente, con todo o noso ser? ¿Qué lugar ocupa Xesús nas nosas vidas?

Oración

Señor, ti sabes que te quero.
Ti sabes que, polo menos, quero quererte.
Cos meus quereres brandos, seguro,
pero sabes que te quero.
Cos meus quereres necesitados de maduración e avance,
pero sabes que te quero.
Cos meus quereres tramposos tantas veces,
porque esquezo que quererte é querer tamén a xente,
a xente máis tirada, ou a máis empoleirada,
a que máis custa querer,
pero ti sabes que te quero.
Cos meus quereres enganosos,
que agachan no fondo moito mirar por min,
pero ti sabes que te quero.
Sabes que te quero,
e gustaríame que me chamases para seguirte
e facer de min un servidor/a da comunidade cristiá, do pobo.

Acción

Podemos preguntarnos como estamos colaborando á vida da nosa comunidade cristiá coas nosas particulares habilidades, para que faga ben o labor de amosarlle á sociedade a forza liberadora de Xesús.


19 de maio: sábado da 7ª semana de Pascua

Evanxeo: Xn 21, 20-25

Meditación

Pedro e Xoán, personalidades distintas, funcións distintas na primeira comunidade cristiá. Da orixinalidade de cada un deles, da súa maneira particular de ver, tratar e seguir a Xesús beneficiáronse as persoas contemporáneas deles e beneficiámonos nós tamén. O evanxeo de Xoán, do que hoxe lemos o seu final, foi unha das grandes achegas ao cristianismo dese seguidor de Xesús sensible, fiel, amante, que quixo entrar a fondo no mundo de Xesús ao longo da súa longa vida.
Tamén cada un, cada unha de nós temos a nosa particular historia de fe, de amor, de seguimento con Xesús. Somos únicas no mundo. Nin houbo nin haberá ninguén coma calquera de nós. Temos un oco especial no ser, no pensamento, no corazón de Deus e do seu Cristo. Cada un, cada unha de nós estamos chamados a un desenvolvemento persoal auténtico, fiel ao noso ser particular, fiel a esas raíces fondas que nos enganchan con Deus, fiel ao momento histórico que nos toca vivir, co noso traballo, coas nosas familias, cos nosos pobos, coas nosas comunidades cristiás. No marco desa singularidade propia, no noso corazón inigualable resoa a chamada de Xesús: Ti sígueme. E con el tócanos ir construíndo a nosa vida. Oxalá que de forma satisfactoria.

Oración

Grazas, Xesús, por todas as persoas
que coa súa fe foron sostendo a nosa;
as que co seu seguimento
facilitaron que nós te seguiramos tamén.
Tantas mulleres, tantos homes ao longo de séculos
que foron tecendo a fermosa manta multicolor das comunidades cristiás.
Grazas sobre todo, Xesús,
polas persoas que uniron a súa sorte á túa,
e amaron e serviron ata o martirio incluso,
onte e hoxe.
Grazas por cada historia particular,
entre elas a de cada un, cada unha de nós,
que ti ben coñeces e na que te implicas sempre a fondo.
Grazas por formar parte
desta longa ringleira de persoas chamadas, amantes e seguidoras.

Acción

É frecuente ver que hoxe, véspera de Pentecoste, se celebren vixilias de oración para dispoñerse a recibir o don do Espírito. Pódenos vir ben participar nalgunha delas para reavivar o noso seguimento de Xesús.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.