18 xullo, 2018

Tempo Ordinario: 16ª semana


22 de xullo: domingo 16 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 6,30-34

Meditación

Un par de cousas chaman a atención no relato deste Evanxeo. Xesús ve necesario que o seu grupo descanse. Para iso pensa nun lugar arredado. No medio da barafunda das súas actividades era necesario acougar, asentar, mirar para si, ver o que se movía aló no fondo deles e que os levaba a facer o que facían, ver se tanta actividade estaba tendo un sentido, encontrarse consigo mesmo, encontrarse co mesmo Xesús, encontrarse coa Fonte de todo aquilo que estaban vivindo e compartindo. Unhas vacacións, pero a fondo, nas que todo o ser descansase e todo o ser se restaurase.
Pero –e isto é a segunda cousa a considerar— a xente quere máis. Atraída por Xesús e polo seu grupo, búscao por terra, mar e aire. Búscao porque en Xesús había unha forza de ben e de vida, da que esa xente estaba moi necesitada. De feito eran como ovellas sen pastor, como xente desnortada, perdida na vida, da que outros se aproveitaban con descaro. E en Xesús atopaban acollida e alentos, paz e forza para revolverse. Daquela o descanso queda á espera. O importante para Xesús era a xente coas súas ansias e dores.
Canto podemos aprender deste brevísimo Evanxeo as comunidades cristiás e as persoas que as compoñemos, sexamos xente de a pé, ou, sobre todo, se temos algunha responsabilidade dentro da comunidade!

Oración

Para ti, Xesús,
a xente era o máis importante.
A xente concreta que tiñas diante,
homes e mulleres vulgares,
cos seus méritos e deméritos,
cos seus soños e frustracións;
eu, nós estamos aí incluídas.
Todo en ti xiraba ao redor da xente,
ao redor do pobo, da comunidade, da fraternidade.
Actuabas para o pobo,
descansabas para o pobo.
Durmías para o pobo,
velabas para o pobo.
Entrabas en silencio para o pobo,
falabas con moita autoridade para o pobo.
O pobo era o lugar da túa identidade;
e no fondo e na tona do pobo, o teu Deus,
sempre o teu Deus,
espertando tarefas,
ofertando acougos.
Xesús, Xesús, quen coma ti?

Acción

Se imos de vacacións, aparte de mirar para fóra e contemplar algunhas preciosidades, ¿dedicamos algún tempo para mirar para dentro de nós mesmas e contemplar a Vida que hai dentro de nós?
Igual nos queixamos de que as nosas igrexas estean medio valeiras, de que a xente non corra tras de nós como o facía tras de Xesús. ¿Será pola xente, será por nós? ¿Ofrecemos comunidades vivas co alento e coas maneiras de Xesús?


23 de xullo: luns da 16ª semana do Tempo Ordinario. Festa de Santa Bríxida, patroa de Europa.

Evanxeo: Xn 15, 1-8

Meditación

Santa Bríxida (1303-1373) naceu en Suecia, foi muller casada e tivo oito fillos. Quedou viúva e optou por dedicarse á oración, ao servizo á xente, a vivir intensamente a súa paixón por Xesús que tanto padecera por nós. Foi unha muller que tivo grandes revelacións espirituais, recollidas en libros; foi, polo tanto, unha muller mística, teóloga, escritora. Viviu isto nun constante peregrinar (Santiago de Compostela dúas veces, Roma, Xerusalén, entre outros sitios), e nunha constante relación cos poderosos daqueles tempos, incluído o mesmo Papa, mediando sempre para conseguir paz e entendemento entre os pobos de Europa. Por todo isto no ano 1999 o Papa Xoán Paulo II nomeouna patroa de Europa xuntamente con Santa Catalina de Siena e Santa Tareixa Benedicta da Cruz.
Canto necesitamos persoas así nos nosos tempos, cando tantos parecen gozar encirrando persoas, comunidades e países! Xentes de paz, de sólida espiritualidade, que tezan respectos, vínculos, solidariedades no nome dun Deus apaixonado e dun Cristo sufrinte pola humanidade, como Bríxida, ou no nome do que cada quen sinta e queira!

Oración

Grazas por Bríxida, Deus noso;
Grazas pola súa condición de muller,
pola súa condición de esposa e nai.
Grazas pola súa vontade firme
de permanecer fondamente unida ao Cristo sufrinte,
para facerse así sensible ás dores do seu tempo.
Grazas polas súas mediacións, polas súas revelacións,
pola súa vontade firme de restaurar e pacificar,
respectando sempre a xente máis fráxil.
Grazas nela por todas as persoas
que queren facer de Europa e do mundo
un espazo fraterno,
a base de privilexiar as necesidades e dereitos da xente máis empobrecida.
Grazas por Bríxida, Deus noso,
que o se exemplo nos conforte e nos arrastre.

Acción

En Galicia, en España, tamén andamos enredados en conflitos, aínda que sexan conflitos menores. Por razóns relixiosas, por razóns políticas sobre todo (Cataluña, xente refuxiada, diferentes partidos políticos…). ¿Qué papel xogamos nós neses casos? ¿Mediamos para poñer cordura e respecto, ou encirramos buscando confrontacións estériles?


24 de xullo: martes da 16ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 12, 46-50

Meditación

Xesús non despreza a súa familia nin nos ensina a non apreciala. Canto lle debemos á familia! Debémoslle a existencia, a crianza, a formación, o arroupe afectivo, o acompañamento nas duras e nas maduras, os inicios na nosa sociabilidade, os coidados na enfermidade, ledicias, bágoas por nós… Agradecidas/os debiamos estar, normalmente, e moito, cara á nosa familia, aínda que ás veces as mesmas familias nos enredan tamén nas súas propias carencias.
Pero Xesús proponnos meter a familia propia dentro dun proxecto familiar máis soñador, máis fondo, universal. Os vínculos non son xa os da carne e o sangue, senón os do espírito; a nai, o pai, os irmáns e irmás non son xa os limitados á cada familia, senón os que se derivan de termos un Pai/Nai único que nos irmanda a todas e todos; o afán desa nova familia non é preservarnos como tal seguindo as pautas honestas dunha familia decente, senón descubrir en nós e en todas as cousas da vida o querer dese Pai/Nai apaixonada pola nosa boa ventura infinitamente máis do que nós o podemos estar por nós mesmas. Nesta familia universal entran incluso as persoas non crentes, porque aínda sen fe relixiosa podemos buscar vivir unha verdadeira fraternidade universal.

Oración

Cada día erguerme soñando contigo.
Cada día descubrir a túa presenza envolvéndoo todo
(“en todo estás e ti es todo,
para min e en min mesmo moras”).
Cada día escoitar cos oídos do corazón
a túa voz oculta en tantas palabras e silencios.
Cada día saberme fillo ou filla, irmán ou irmá
dunha familia inmensa e creadora.
Cada día ampliar un pouco máis o meu corazón
ata facelo universal coma o teu.
Cada día arrimar o lombo a outros lombos
na procura dunha inmensa casa común,
Cada día saberme acollida, abrazada por ti,
integrada por ti no teu soño humanitario.
Cada día agradecerche, meu Deus,
o que cada día me ofreces vivir.

Acción

¿Que poderiamos facer hoxe, como persoa e/ou como comunidade cristiá para medrar un pouco nesta nova familia que Xesús nos propón? ¿Qué poderiamos facer se realmente pensamos que calquera refuxiado é irmán, irmá nosa, que o é tamén calquera veciño ou veciña ao que nos custa tratar?


25 de xullo: solemnidade do apóstolo Santiago, patrón de Galicia e de España. Día de Galicia.

Evanxeo: Mt 20, 20-28

Meditación

Dúas maneiras de entender a vida, dentro e fóra da comunidade cristiá. Dúas maneiras de construír a propia persoa, a comunidade cristiá e tamén as relacións sociais, o tecido social, unha familia, un país, unha patria, o mundo enteiro. A aspiración dos fillos de Zebedeo, Santiago e Xoán, compartida ao que se ve polos demais discípulos, era ser mandando. Esa aspiración é compartida tamén por moitísima xente dos nosos tempos, entre a que posiblemente nos vexamos incluídos. É ben difícil superar esa tentación. Cólasenos no corpo e no espírito de mil maneiras.
Xesús, nesta ocasión coma en tantas outras, é alternativo. Soña, vive, comparte outra maneira de sermos, de realizármonos, de acadar satisfaccións e felicidades: no canto de mandar, servir; no canto de soñar con acadar os primeiros postos, soñar con estar na cola, oficiando de servidores/as, mesmo de escravos/as. É algo que bota para atrás de primeiras. O soño de Xesús é unha comunidade de xente afanada en servir, unha comunidade de servidores e servidoras, todos, todas, homes e mulleres por igual. O mundo non funciona así, e por iso vai como vai, por iso abunda en abusos e atropelos de todo tipo.
A Santiago, o noso patrón, custoulle, pero acabou aprendendo o oficio de servidor, ata a morte. Non vale telo por patrón no escaparate, sen deixar que o espírito do servizo ata as últimas nos colla a vida e nos empuxe a facer comunidade relixiosa e civil desde o servizo e non desde o poder. O soño de Xesús para Galicia: unha terra limpa de xente aproveitada, unha patria de xente servidora, na que medramos todos, cando todo o mundo se fai servidor, e cando todo o mundo se sente servido e atendido.

Oración

Óllote, Galicia,
cun corazón agradecido.
Gózote na túa xeografía marabillosa,
na túa rica e variada cultura,
na túa harmoniosa fala tan pouco valorada,
nos homes e mulleres
que te senten, te queren, falan de ti con orgullo,
e te constrúen cada día con esforzo.
Ámote, Galicia,
como unha matria nutriz,
capaz de darnos pan e sentimentos,
xeradora de enerxías e de acougos.
Sóñote, Galicia,
anaquiño de terra e de ceo,
aberta a todos os pobos,
a todas as razas e culturas,
xenerosa en darse e derramarse,
sen perderse no camiño,
sen desaparecer entre sombras e vaidades.
Penso e implícome no teu porvir
no nome do Deus da vida que te creou,
no nome do Xesús que se fixo servidor teu,
no nome do Espírito que te alenta
cara á xustiza, cara á paz,
cara ao encontro, cara á unión;
coa xente de fe relixiosa ou atea,
que queira ollarte, gozarte, amarte, soñarte e servirte.

Acción

Podemos visitar algunha zona de Galicia que non coñezamos. Podemos participar nalgunha festa do patrón Santiago, buscando facernos persoa servidora. Podemos participa en encontros e manifestacións políticas segundo a nosa maneira particular de entender Galicia. Desde o respecto, desde a vontade de servizo real.


26 de xullo: xoves da 16ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 13, 10-17

Meditación

No fondo deste relato está o intento de explicar por que había moita xente que lle daba as costas ao que Xesús lles propoñía. Aínda que o poida parecer, non se afirma aquí que Xesús fale coas fermosas imaxes das súas parábolas para conseguir adrede que a xente non capte o que di. Ao revés, fala coas imaxes sinxelas, cotiás, das parábolas para que á xente lle sexa máis doado albiscar por onde vai o proxecto de Deus, que Xesús comparte e vive. “A quen ten daráselle ata sobrarlle”, non se refire a ter e dar cartos ou bens materiais; ese ter ou non ter refírese á actitude positiva, aberta que as persoas podemos adoptar ante algo que se nos propón; quen abra as portas do corazón e da vida, poderá verse colmada co que a vida, a xente, Deus mesmo nos ofrece.
O problema non está en que Xesús xogue coa xente, xogue connosco, senón en que a xente podemos xogar co que Xesús quere compartir. Podemos ver, oír, sen que o que vemos e oímos nos chegue ao corazón, nos mova, nos cambie, porque estamos como bloqueados; hai outras cousas, ansias, preocupacións que nos enchen a cabeza e o corazón, ofrecéndonos éxito e felicidade, e preferimos isto. Como persoa, como comunidade cristiá, ¿cales son as razóns polas que as palabras de Xesús esvaran pola nosa vida, sen entraren en nós, sen mobilizarnos?

Oración

Que poida oír e entender, Xesús,
que poida ollar e ver realmente,
cando ti me falas,
cando ti te me amosas
de calquera maneira na vida,
a través de calquera persoa ou situación.
Que sexa persoa de corazón sensible, libre,
de oído fino, de ollos abertos,
para poder ver, oír, entender, sentir,
para cambiar a gusto a miña vida,
para curala de toda indiferenza
e abrirme así contigo
a unha convivencia nova,
chea da dor e das ledicias da xente,
chea de Deus.
Eu só non podo;
éncheme co teu Espírito,
que ti nunca nos negas.
Grazas.

Acción

¿Podemos sinalar algún momento no que a través dalgunha persoa, dalgún suceso, dalgún momento de silencio e oración sentimos dentro de nós como unha voz maior chamándonos a algo, pero logo nos desentendemos diso? Podémolo retomar oír de verdade esa voz e deixarnos levar por ela.


27 de xullo: venres da 16ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 13, 18-23

Meditación

A sementeira da que fala Xesús faise en calquera época do ano, en calquera época das nosas vidas. Hoxe mesmo. Sementa Deus, pero a súa semente chéganos a través de moitas palabras, feitos, circunstancias, persoas que nos rodean a diario. No noso mesmo interior hai sempre semente de Deus. Non todas as palabras son semente boa. Xesús fala de “palabra do reino”, é dicir, palabras, feitos, persoas que van no camiño dunha proposta de vida digna, fraterna, respectuosa coa xente máis débil, solidaria, aberta ao común, aberta a Deus; realidades que nos poden chegar desde persoas crentes, pero tamén desde persoas non crentes. Xesús fala de oír e entender, é dicir, caer na conta da súa fonda importancia para as nosas vidas, descubrir a carga de ben que nos aporta, gozar xa coa súa experiencia.
Ante iso que nos chega de fóra e que pasa pola nosa cabeza, polo noso corazón podemos ser terra dura da veira do camiño, podemos ser terra pedrosa, podemos ser silveiral, podemos ser terra boa, acolledora, fértil. Un mundo de posibilidades diante de nós. Unha preciosa aventura diaria.

Oración

Polas veces que son terra dura,
impermeable aos reclamos de vida que me rodean,
perdón, Deus do pobo.
Polas veces que son terra pedrosa,
e coma un neno salto da ledicia á escapada,
fuxindo das fidelidades necesarias,
perdón, Deus da comunidade.
Polas veces que son un silveiral,
encerellado en afáns diversos,
que acaban sempre en visións curtas, coidadoras do propio,
perdón, Deus da xente débil.
Polas veces que son terra boa,
ben traballada e regada, chea de lentura
para a nacenza e crecemento de froitos bos,
dos que todo o mundo poida gozar,
grazas, meu Deus, por tanto ben e tanto regalo.

Acción

Podemos reparar nalgunhas sementes boas que nestes últimos días foron sementadas por alguén na nosa vida. Podemos pensar que nós tamén somos xente de semente. ¿Botamos algunha semente boa na nosa comunidade, no noso pobo? Se non o fixemos, aínda o podemos facer.


28 de xullo: sábado da 16ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 13, 24-30

Meditación

Calquera persoa o sabe de sobra. Hai mal e ben. Hai quen sementa o ben e hai quen sementa o mal. Hai quen goza co ben, hai quen parece gozar co mal. Persoas e grupos sociais, institucións públicas e privadas. Hai mal e ben polo mundo adiante e haino dentro de nós tamén. O mal anda moitas veces camuflado co ben, nas nosas mesmas intencións, nos nosos feitos. Cómpre ser humildes, cómpre estar alerta. Cómpre saber descubrir o mal que se agocha e se manifesta ao noso redor, pero tamén en nós mesmas. Sinalalo, non disimulalo. Entendelo como parte da nosa condición fráxil. Intentalo superar segundo os casos con paciencia, con resistencia, con intelixencia, con organización, con agarimo polas persoas que o producimos. E Deus dirá. A última palabra tena el, que aposta con forza pola bondade en todo, que coñece o íntimo das persoas, que garante un porvir novo, restituído, pleno de ben. Un soño no que nos invita participar. Con humildade, con ousadía. Ao estilo de Xesús.

Oración

Que non peche os ollos, meu Deus,
que non peche os ollos nin tampouco o corazón
ante o mal que medra en min
e que medra ao meu redor, no meu pobo.
Mal que sempre se converte
en vidas desnortadas, airadas,
en vidas abusadas, empobrecidas,
en vidas diminuídas, deshumanizadas.
Que non me envolva o qué máis dá, a indiferenza,
que non me queime a impaciencia,
que atine coa palabra axeitada,
coa colaboración precisa,
co tempero necesario,
para ser un bo instrumento teu
ao servizo do ben
na miña propia vida persoal e familiar,
en todo canto faga ou axude a facer.
Necesito de ti, meu Deus,
para ser un fiel colaborador de todo o teu ben.

Acción

Seguro que, abrindo os ollos, vemos o mal en nós, ao noso redor. Mal que pode ter diferentes autores, diferentes consecuencias. ¿Cal é a nosa reacción ante ese mal? ¿Murmurar, queixarnos, angustiarnos, desesperarnos? ¿Poderiamos facer algo distinto para acompañar a quen o sofre, e cambiar a quen o produce?


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.