11 outubro, 2018

Tempo Ordinario: 28ª semana


14 de outubro: domingo 28 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 10, 17-30

Nunha ocasión, cando Xesús ía poñerse en camiño, chegou un a correr, axeonllouse diante del e preguntoulle:
--Mestre bo, ¿qué teño que facer para acadar a vida eterna?
Xesús respondeulle:
--¿E por que dis que son bo? Ninguén é bo, fóra de Deus. Xa sabes os mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso testemuño, non estafes, honra o teu pai e a túa nai.
El respondeu:
--Mestre, todas esas cousas gardeinas dende a miña mocidade.
Entón Xesús pousou nel a súa ollada chea de cariño e engadiu:
--Aínda che falta unha cousa: vai, vende todo o que tes e repárteo entre os pobres, e terás un tesouro no ceo. Despois ven e sígueme.
Ante estas palabras mudóuselle o rostro e marchou desconsolado, pois tiña moitos bens.
Xesús, mirando todo arredor, díxolles ás persoas do seu grupo máis próximo:
--Que difícil lle vai ser á xente rica entrar no reino de Deus!
E as persoas que o acompañaban ficaron moi sorprendidas por estas palabras. Pero Xesús volveu insistir:
--Fillos, fillas, que difícil é entrar no reino de Deus! É máis doado para un camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para unha persoa rica entrar no reino de Deus.
As persoas que o acompañaban, moi asombradas, comentaban entre si:
--Entón, ¿quen se vai poder salvar?
Xesús, mirando para elas fixamente, dixo:
--Si, para a xente é imposible, pero non para Deus; pois todo é posible para Deus.
Colle Pedro e di:
--Pois nós deixámolo todo e seguímoste.
Dixo Xesús:
--Tende por seguro que non hai ninguén que deixe casa, ou irmáns ou irmás, ou nai ou pai, ou fillos e fillas, ou leiras por causa miña e polo Evanxeo, que non reciba agora cen veces máis en casas, irmáns, irmás, nais e fillos, con persecucións, e no mundo futuro, a vida eterna.

Meditación

Poñámonos na escena con aquel home que se achega a Xesús preguntándolle polo que tiña que facer para ter vida de verdade, no presente e no futuro. Ou acompañemos na escena ás persoas que acompañaban a Xesús de cerca. Ante a pregunta polo camiño que leva á vida de veras, Xesús remítenos primeiro ao máis normal, que calquera de nós sabe e coñece: se queres ter vida, cumpre os mandatos de Deus. O home insiste, intuíndo que en Xesús había algo especial, unha proposta nova, alternativa, que se saía da rutina de sempre. Igual tamén a nós nos conmove Xesús, e queremos entrar algo máis nas razóns da súa existencia; igual queremos saber que era para Xesús ter vida, acadar vida, desexando aprender del. Xesús aproveita para abrir o seu corazón diante de nós, e comparte connosco o segredo fondo da súa existencia, do seu particular camiño cara á vida, cara á felicidade: vida non a ten quen se enche, quen reborda de bens, quen con eses bens adquire poder e notoriedade. Vida tena quen se baleira, quen dá, quen reparte, quen deixa que a irmandade colla corpo na súa vida, ata configurala por completo. Canto din as diferentes olladas de Xesús que sinala o texto!
O home aquel entende por onde van as cousas, pero fáiselle duro e vaise triste. A proposta de Xesús tamén se lles fixo dura ás persoas que o acompañaban máis de cerca. ¿E a nós qué? ¿Fiámonos desa proposta de Xesús? ¿Cústanos entendela? ¿Podemos sequera dar algún pasiño nesa dirección para probar e ver? ¿Pensamos nas palabras finais onde Xesús afirma que a que persoa que se derrama polo ben común acaba sendo amplamente compensada, aínda que sexa por camiños ata agora insospeitados?

Oración

Todas, todos, case todos
nos retiramos de onde ti, Xesús, coas orellas gachas,
tristes e desconsolad@s,
porque pensabamos que poderíamos andar canda ti,
formar parte do teu grupo,
seguirte,
sen despeitearnos case:
unhas pregarias por aquí, unhas proclamas por alí,
uns grupos o sábado pola noite,
unha pequena participación nalgunha ONG servidora,
e xa está!
Pero non,
iso non chega,
iso non leva a nada,
iso non permite experimentar o gozo de vivir como ti viviches.
Por iso, porque nos queres ben e moito,
porque a nosa vida che interesa,
porque a dignidade da xente máis empobrecida che interesa,
e moito,
por iso mírasnos con ollada agarimosa,
mírasnos moi fixamente,
estendes a túa ollada todo ao redor,
e compartes connosco o teu segredo:
vende, dá, comparte, baléirate, para seguirme áxil,
que a riqueza é a perdición de xente
e renunciar a ter e consumir, por compartir,
é o máis revolucionario que existe.
¿Imposible?
Si, parece imposible,
pero para Deus nada hai imposible.
Proba e verás.

Acción

Hoxe podemos propoñernos coller algo noso (cartos, tempo, atención, conversa, amizade…) e compartilo con xente que de tales cousas necesite. Podémolo facer con humildade, desexando de corazón entrar na sabedoría de vida de Xesús, experimentala un pouco, para avanzar polo seu camiño.


15 de outubro: luns da 28ª semana do Tempo Ordinario. Festa de Santa Tareixa de Xesús.

Evanxeo: Mt 11, 25-30

Nunha ocasión dixo Xesús:
--Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles escondiches estas cousas á xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece ao Fillo agás o Pai, nin coñece ao Pai agás o Fillo e aquela xente a quen o Fillo llelo queira revelar.
Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas vidas; porque o meu xugo e doado de levar e a miña carga liviá.

Meditación

O evanxeo de hoxe foi escollido pensando en Santa Tareixa de Xesús (1515-1582), monxa carmelita, reformadora, fundadora de moitos conventos e escritora, declarada doutora da Igrexa polo Papa Paulo VI no ano 1970. Cando ser muller pechaba moitas máis portas na Igrexa do que hoxe nos podemos supoñer, converteuse nunha desas persoas humildes coas que o Pai comparte os seus segredos; Tareixa de Ávila chamouse Tareixa de Xesús, porque co Xesús dos evanxeos vinculou fondamente a súa vida toda. Del recibiu luces e consolos, nel atopou alivio nos seus días de agudo cansazo, por enfermidades, por múltiples tarefas como responsable das comunidades que fundaba e reformaba, polas críticas e controis que recibía dalgúns eclesiásticos; con Xesús compartiu xugo e tarefa, gozou con Xesús da dozura dos seus amores, nel atopou sempre acougo e alento para a vida complexa que lle tocou vivir, vida que así se lle fixo doada de levar, liviá.
Escribiu varias obras de espiritualidade, non como escritos académicos, senón a partir do que ela mesma ía vivindo. As máis importantes foron: Libro de la vida, Camino de perfección, Las moradas e Las fundaciones. A pesar de pasar 500 anos, estes escritos seguen alimentando a vida espiritual de moita xente, representan o mellorciño da experiencia relixiosa cristiá de todos os tempos. Aínda que foron libros escritos por unha monxa e destinados sobre todos tamén a monxas, a súa vitalidade e frescura conmoven e estimulan a todo o mundo. Foi unha gran experta no acompañamento espiritual.
Estamos invitadas e ler algún dos seus escritos. Estamos invitados, sobre todo, a facernos coma ela desas persoas humildes que se deixan atraer pola sabedoría de vida que Tareixa primeiro vivía a fondo e logo compartía cos seus escritos. Estamos invitadas a teorizar e discutir menos das cousas da fe e a vivilas para experimentar a súa forza e o seu consolo para a vida.

Oración
(oración de Santa Tareixa moi coñecida, que traducimos ao galego)

Nada te turbe,
nada te espante,
todo se pasa,
Deus non se muda,
a paciencia
todo o acada.
Quen a Deus ten
nada lle falta.
Só con Deus basta.

Acción

Podiamos ler algo dalgún dos escritos de Santa Tareixa, por exemplo, do Libro de la vida. Podiamos mirar se falamos, teorizamos, debatemos sobre cousas da fe, da Igrexa, pero despois realmente non somos xente embarcada en ningún plan que nos leve a vivir a nosa fe cristiá con sinxeleza, con verdade. O recordo de Santa Tareixa pódenos axudar a cambiar e poñer a vida por diante dos discursos.


16 de outubro: martes da 28ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 11, 37-41

Unha vez, cando Xesús rematou de falar, un fariseo convidouno a comer na súa casa. Entrou Xesús e púxose á mesa. Estrañoulle ao fariseo que non se lavase antes de comer, pero o Señor díxolle:
--Vós, os fariseos, limpades por fóra a copa e máis o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e maldade. Sodes parvos! O que fixo o de fóra, ¿non fixo tamén o de dentro? Pois logo dade esmolas do que hai dentro e veredes como todas as cousas serán limpas para vós.

Meditación

Volvemos a ese choque entre Xesús e os fariseos por unha cousa pequena: lavar ou non as mans antes de comer. En principio podemos dicir que o fariseo tiña razón, como non vai ser bo lavar as mans antes de comer! Pero o que pasaba era que para eles ese rito máis que unha cuestión de hixiene era cuestión de pureza relixiosa; convertíase nun criterio moi externo para considerarse cumpridor ou non da vontade de Deus, para considerarse ou non persoa querida de Deus. Co agravante de que para a xente máis pobre e marxinal, que moitas veces vivía en lugares onde non había moita auga, por non lavaren as mans acababan sendo, para eles, xente permanentemente impura, arredada de Deus. Enténdese o cabreo de Xesús por todo isto. Invítaos a que se deixen de parvadas, que teñan máis ansia en limpar o corazón, e que, se queren vivir en pureza permanente, empecen por compartir o que acumulan na casa, moitas veces a base de prácticas inxustas.
Nós podemos ser coma o fariseo da historia. Sómolo se lle dámos importancia ao que non a ten, para agarrarnos a iso e esquecer o realmente importante, que é ter un corazón limpo e levar unha solidaria. O espírito fariseo sempre marxina; o espírito de Xesús sempre integra.

Oración

Amigo Xesús,
mestre Xesús,
canto me tarda
acabar co fariseo que levo dentro de min,
agarrado ás miñas entrañas,
amosándose nos meus pensamentos,
lucíndose tantas veces na miña fala!
Canto me tarda, Xesús,
que o teu espírito me envolva por dentro e por fóra,
me somerxa na túa verdade limpa,
faga de min unha humilde irmá!
Canto me tarde, meu Xesús,
ser amiga sempre de abrazar e non excluír,
ser agradecida polo ben da xente,
andar contenta por poder compartir o que son e o que teño,
para que a irmandade sexa cada vez máis real.
Amigo Xesús,
mestre Xesús,
canto me tarda
ser con verdade
un chisquiño coma ti.

Acción

¿Levamos connosco o espírito fariseo? ¿Gústanos andar xulgando a xente, condenando a xente? ¿Facémolo de xeito que nós sempre quedamos libres diso que condenamos, sempre quedamos por xente xusta, correcta, ecuánime etc? O fariseísmo para Xesús era un verdadeiro perigo para unha vida de fe en comunidade. Podemos mirar se en algo somos fariseos. Podemos empezar por recoñecelo e cambialo.


17 de outubro: mércores da 28ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 11, 42-46

Nunha ocasión dixo Xesús:
--Ai de vós, fariseos! Pagades o décimo pola menta, pola ruda e por todas as verduras, e deixades a un lado a xustiza e máis o amor de Deus. Pero é isto o que hai que practicar, sen descoidar o outro.
Ai de vós, fariseos, que devecedes polos primeiros postos nas sinagogas e porque vos fagan reverencias nas prazas! Ai de vós, que sodes coma sepulcros que non se ven e que a xente tripa sen se decatar!
Entón un mestre da lei tomou a palabra e replicoulle:
--Mestre, dicindo estas cousas tamén nos aldraxas a nós.
El contestoulle:
--Ai tamén de vós, os mestres da lei, porque botades enriba da xente fardos insoportables, e vós nin cun dedo os tocades!

Meditación

Segue o evanxeo coa súa crítica aos fariseos. Debemos dicir que non todos os fariseos eran así, aínda que a súa maneira de ver e de vivir a experiencia relixiosa levaba moito a ese tipo de historias que aparecen no texto. Ser moi minuciosos no que non ten tanta importancia e deixar de lado o realmente importante: a xustiza, o amor, a misericordia de Deus. O gusto por aparentar estando cheos de inmundicia. Poñer normas e normas, sen implicarse nas dificultades da vida da xente.
Calquera persoa relixiosa –tamén o pobo cristián— pode caer nestes absurdos que critica o evanxeo de hoxe. De feito hai moita xente das nosas sociedades que critica a Igrexa católica por cousas semellantes. Canto vestido e aparencia vana nos nosos líderes, nas nosas cerimonias! Pensemos no tema da pederastia; vaia sepulcro de podremia! É doado ver se estamos nós na onda de Xesús: se andamos pola vida con humildade, se nos doen as cargas que a xente ten que tolerar, sobre todo a xente máis vulnerable; se nos move o afán por andar en xustiza e en amor, para nós e para a xente que nos rodea. É tan doado andar acusando pola vida!

Oración

Que o meu corazón, meu Deus,
que a miña intención se centre en amar e comprender,
en verter amor,
en promover xustiza,
que na inxustiza sempre o débil sae malparado.
Que o meu esforzo se oriente sempre,
coma o de Xesús,
a aliviar cargas que pesan sobre os lombos da xente
e non a multiplicalas,
coas medidas cotiás da solidariedade,
cos recursos maiores da organización social.
Querer a xente,
coidar a xente,
consumirme pola xente,
con humildade sempre,
con decisión sempre.
Algo coma Xesús, meu Deus,
algo coma Xesús.

Acción

¿Vémonos persoas apaixonadas pola xente que nos rodea? ¿Dóennos as penalidades que sofren, as inxustizas que soportan? ¿Dunha maneira ou doutra estamos ao seu lado? Se non o facemos, ¿cómo poderiamos mellorar niso, que é tan importante para unha persoa cristiá?


18 de outubro: xoves da 28ª semana do Tempo Ordinario. Festa de San Lucas evanxelista.

Evanxeo: Lc 10, 1-9

Un día designou o Señor a outras setenta e dúas persoas, e mandounas diante del de dúas en dúas a todas as vilas e aldeas a onde tiña pensado ir. Díxolles:
--A anada é ben boa, pero hai pouco quen a traballe; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros e xornaleiras para a seitura. Ide e sabede que vos mando como años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que quen traballa ten dereito ao seu xornal. Non andedes de casa en casa. Cando entredes nunha aldea e vos acollan, comede do que vos dean, curade a xente enferma que haxa e dicídelles: “Xa chega a vós o reino de Deus”.

Meditación

Non hai moito –o xoves da semana 26— lemos e meditamos algo este texto. Un texto que saíu da man do evanxelista san Lucas que hoxe celebramos. Con canto agradecemento debemos lembrar aos evanxelistas, e, en concreto, ao evanxelista San Lucas! Grazas a eles podemos alimentar hoxe a nosa fe cristiá cuns relatos que recollen o que narraron as mesmas persoas que coñeceron e acompañaron a Xesús, pasado pola man, pola intelixencia, polo corazón de cada evanxelista en concreto. Transmiten apaixonadamente o que viron e viviron tamén con moita paixón. Que sería da vida cristiá sen evanxeos? Sempre están aí nas encrucilladas da historia, cando máis nos deixamos levar pola vaidade humana, para provocar e facilitar unha volta a Xesús, unha volta a aquel home, fillo de Deus, que revolucionou a fe, a esperanza, o amor.
Invítanos hoxe Lucas a andar os camiños, a encontrarnos coa xente, a envolvernos en pobreza e liberdade por dentro e por fóra, a ofrecer gratuitamente o que tamén gratuitamente nos foi dado, a compartir o soño de Deus que Xesús espertou en nós, a ser xente xeradora de paz. Estamos invitados a vivir hoxe o que Lucas viviu hai dous mil anos.

Oración

Grazas, meu Deus,
por toda a xente que te vive con convencemento
e que logo, coa palabra ou coa escrita,
comparte connosco as súas experiencias.
Grazas polas persoas que non falan
senón do que previamente viviron.
Grazas, meu Deus, polos homes e mulleres
que coa palabra e coa vida
nos recordan a persoa e os feitos de Xesús,
e nos permiten entrar na súa mesma paixón.
Grazas por esa fonte de vida e de esperanza
de paz e de alento,
que son os evanxeos e os evanxelistas que os escribiron.
Grazas, meu Deus, grazas.

Acción

Podemos tomar conciencia da xente que ao longo da nosa vida nos foi axudando a encontrarnos con Xesús de Nazaré, o Cristo. Dámos grazas por esas persoas. Pensamos de que maneira tamén nós podemos axudar a que algunhas persoas coñezan mellor a Xesús e se decidan a seguilo.


19 de outubro: venres da 28ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 12, 1-7

Nunha ocasión tanta era a xente reunida ao redor de Xesús que se pisaban entre si. El comezou a falar dicíndolles primeiramente ás persoas que o acompañaban máis de cerca:
--Coidadiño co fermento dos fariseos, que é a hipocrisía! Non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. Porque o que digades na escuridade oirase a plena luz e o que faledes ás agachadas nos dormitorios hase pregoar dende as azoteas.
E a vós, amigas e amigos meus, tamén vos digo: non lle teñades medo a quen mata o corpo, pero xa non pode pasar de aí. Vouvos dicir a quen lle tedes que ter medo: temede a quen despois de matar pode meter no inferno. Si, repítovolo, temede a esa persoa. ¿Non se venden cinco pardais por dous patacos? Con todo Deus non esquece a ningún deles. E mesmo os pelos da vosa cabeza están contados. Por iso non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.

Meditación

Dúas advertencias moi importantes de Xesús ás persoas que o acompañaban, tamén ás que hoxe o queremos ter como compañeiro na vida. A primeira ten que ver coa hipocrisía; a hipocrisía é a falsidade, a dobrez, sentir unha cousa e simular que se sente outra. Canta hipocrisía, canta simulación polo mundo adiante! Que aguda é a tentación de hipocrisía, de simulación, de falsidade! Ninguén está libre desa tentación. Xesús foi sempre home de transparencias, nos sentimentos, nas palabras, nos feitos. A iso nos invita como a algo moi importante para ser persoa cabal e cristiá.
E a segunda advertencia ten que ver cos medos. ¿Quen non ten medos na vida? Onde están os nosos medos, está tamén o noso corazón, a nosa vida. O medo máis grande é a morrer, a que nos maten. Xesús advírtenos de que hai cousas moi importantes da persoa, que perdelas é algo tan serio ou máis que a mesma morte: a honradez, a verdade persoal, non abusar da xente, tratarnos coma irmáns/ás etc., todo isto, para el, como mostra da nosa fidelidade a Deus. Xesús invítanos a non encollernos, baseándonos non unicamente nas nosas forzas, que son cativas, senón na seguridade que nos dá saber que Deus está absolutamente por nós, e que nada se perde de canto fagamos por manter estas fidelidades.

Oración

Grazas, meu Deus,
por pasar tempo contando os pelos da miña cabeza.
Grazas por te parares comigo,
porque te esforzas en coñecerme por dentro e por fóra,
porque son importante para ti.
Grazas porque non queres que nada en min se perda
do que en min haxa de mérito e estima,
que para ti é moito,
aínda que a min non mo pareza.
Grazas porque me queres,
coma o mellor pai ou nai quere a súa crianza.
Grazas porque velas por min, porque me coidas
e reservas para min a diario un anaco do teu corazón
e un recanto glorioso no teu ceo,
que non sei o que é,
pero que, sendo cousa túa, será algo bo, moi bo.
Grazas, meu Deus,
co teu amor podo vencer todos os meus medos,
ou, cando menos, vivir pacificamente con eles.
Grazas.

Acción

Podemos facer un pequeno exercicio: coller un papel, un boli, e ir escribindo que cousas me poñen medo na vida, que cousas me dan confianza para seguir vivindo con firmeza. E saquemos as conclusións á luz das palabras de Xesús. El non está onda nós coma xuíz, senón como compañeiro co seu espírito.


20 de outubro: sábado da 28ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 12, 8-12

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
--Asegúrovos que quen volva por min diante da xente, tamén o Fillo do Home volverá por tal persoa diante dos anxos de Deus; pero quen me negue diante da xente, tamén será negado ante os anxos de Deus. A todo home ou muller que fale en contra do Fillo do Home perdoaráselle; pero a quen blasfeme en contra do Espírito Santo non se lle perdoará. Cando vos leven ás sinagogas, ante os maxistrados e autoridades, non vos preocupedes de cómo vos ides defender e do que ides dicir; xa vos ensinará o Espírito Santo naquela mesmo hora o que é preciso dicir.

Meditación

A palabra non o é todo na vida, por riba da palabra están os feitos. Pero, con todo e iso, que importante é a palabra nunha persoa! Coa palabra podemos amigar ou tomar distancias coa xente e con Deus; podemos defender ou achicar aínda máis a xente pequena e a Deus nela; podemos renegar de Deus ou mostrarlle o noso recoñecemento e admiración; podemos alentar ou afundir a quen faga vida connosco, a veciñanza, a xente da comunidade, do partido político no que militamos; coa palabra podemos mentir contra a xente e contra Deus, ou afirmarnos na verdade ante a xente, ante Deus; coa palabra transmitimos afecto ou desprezo, causamos risas ou bágoas, gusto ou medo pola vida. Coa palabra podemos dicirnos a nós mesmos, ou agacharnos, simularnos ante nós, ante a xente, ante Deus.
Se nos deixamos levar polo Espírito Santo, teremos sempre palabra construtiva, palabra de liberdade, de salvación. Se non nos deixamos levar polo Espírito Santo, que grande pode ser a nosa desfeita!

Oración

Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,
que nos ofreces gratuitamente en todo momento.
Grazas porque con el apréndesnos
a falar cando conveña e como conveña,
e a calar tamén cando conveña e como conveña.
Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,
que nos leva ata Xesús,
e nos permite recoñecelo como fillo teu,
e nos empuxa a querelo, a admiralo,
a intentar seguilo en todo canto poidamos.
Grazas porque, deixándonos levar por el,
fasnos libres e valentes
ante o mal que nace en nós,
ante o mal que maquinan os poderes inxustos deste mundo.
Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,
que tanto brillou en Cristo Xesús.

Acción

¿Vémonos con medo a defender a nosa fe cristiá, os nosos convencementos cristiáns, ante calquera persoa ou grupo, ante calquera poder? Falamos disto con outras persoas cristiás e vemos que facer para non nos deixar levar por eses medos.


2 comentarios:

  1. Grazas Manolo pola túa dedicación e bo traballo para axudarmonos na lectura axeitada a cada evanxeo do día.

    ResponderEliminar
  2. Manolo, paréceme moi ben o que estás a publicar cada semana na páxina da Escola. Pola miña banda está ben así. Na parroquia temos eucaristía todos os días e a mi vénme moi ben para facer unha sinxela meditación e unha oración. Respecto ao libro que comentas a mi interésame telo. Grazas por todo.

    Manolo Sordo (manolosordo@dominicos.org)

    ResponderEliminar

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.