25 outubro, 2018

Tempo Ordinario: 30ª semana


28 de outubro: domingo 30 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mc 10, 46-52

Nunha ocasión, cando Xesús saía de Iericó coas persoas que o seguían máis de cerca e outra moita xente, Bartimeo, o fillo de Timeo, un mendigo cego, estaba sentado a carón do camiño pedindo. Oíndo que pasaba Xesús o Nazareno, empezou a berrar:
--Xesús, Fillo de David, ten piedade de min!
Moitos mandábano calar, pero el berraba aínda máis alto:
--Fillo de David, ten piedade de min!
Xesús detívose e dixo:
--Chamádeo.
E chamaron polo cego, dicíndolle:
--Veña, érguete, que te chama!
El soltou o manto e foi dando brincos ata onde estaba Xesús. Este preguntoulle:
--¿Que queres que che faga?
O cego respondeu:
--Mestre, que volva ver.
Xesús díxolle:
--Anda, salvoute a túa fe.
E no instante comezou a ver e seguiuno polo camiño.

Meditación

Mendigo Bartimeo, porque era cego. A cegueira convertérao nun marxinado, que había sustentarse grazas á solidariedade doutras persoas. A cegueira pecháralle os ollos, pero non lle pechara o corazón, nin os ollos da alma, nin a forza de vontade para atopar saída á súa pésima situación. Non lle pechara a fe. Na beira do camiño estaba á espera de calquera man xenerosa, e coa alma en vilo agardando a ese máis forte que é capaz de revolvelo todo e de recompoñelo todo. Ese tal era Xesús o nazareno, que ía de paso cara ao seu destino de máxima entrega en Xerusalén, e aproveitando calquera encontro para acompañar a xente vulnerable nos seus soños de vida. Porque ese era o seu.
Todas, todos temos moito de mendigo cego pedindo á beira co camiño. Oxalá teñamos ollos interiores para nos descubrir así. Para saber estender a man. Para non intentar vivir da propia suficiencia. Para ver que, ou somos en común, entre todas e todos, ou non somos. Para descubrir o paso de Xesús, do Deus da vida, polas nosas vidas. Para humildemente, como quen non quere a cousa, comezar a ver e seguir a Xesús polo camiño.

Oración

Quixera ter mans humildes para pedir
na beira dos camiños da vida,
que non é doado admitirse persoa esmoleira,
necesitada do amparo de quen pasa.
Quixera ter voz para berrar,
pedindo, reclamando, esixindo
respostas solidarias a todo desamparo,
solucións políticas ás angustias da xente.
Quixera ter enerxía para erguerme do chan
para liberarme de pexas,
e avanzar cara á Xesús, mestre de solidariedade.
Quixera ter fe para crer en ti, Xesús,
e poñer nas túas mans todas as miñas cegueiras.
Quixera ter pés para seguirte co ánimo espelido,
polos camiños do servizo agradecido.
Ao teu lado, Xesús, todo é posible.

Acción

¿Vémonos en algo coma o mendigo cego do Evanxeo? ¿Sabemos estender a man, pedir axudas? Ao revés, ¿qué facemos ante quen pide de calquera maneira? ¿Sabemos entrar en respostas solidarias? Seguro que en todo poderemos mellorar.


29 de outubro: luns da 30ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 13, 10-17

Un sábado estaba Xesús ensinando nunha sinagoga. Había alí unha muller que levaba dezaoito anos eivada por causa dun espírito; andaba dobregada sen se poder endereitar. Xesús, ao vela, chamouna e díxolle:
--Muller, quedas libre da túa enfermidade.
E impúxolle as mans. Ela púxose dereita no momento e loaba a Deus. Entón o xefe da sinagoga, indignado de que Xesús curase nun sábado, díxolle á xente:
--Hai seis días para traballar, vide durante eses días para que vos cure e non precisamente no sábado.
Replicoulle Xesús:
--Hipócritas! ¿Non ceibades vós nos sábados o voso boi ou o voso burro, para os levar a beber? E logo esta filla de Abraham, que leva dezaoito anos atada por Satanás, ¿non a imos poder ceibar por ser sábado?
Cando tal lles dixo, aos seus adversarios quedaron avergonzados e toda a xente se alegraba das marabillas que facía.

Meditación

Certamente a enfermidade daquela muller era cousa mala, cousa que lle impedía levar unha vida sa, digna, ben integrada; ademais, segundo o pensamento relixioso do momento, era unha muller posuída polo demo, unha muller arredada de Deus, case malquerida de Deus. Xesús, aínda movéndose dentro daquela cultura, rompe con todo iso e intégraa na vida social e relixiosa. Cousa que importaba máis ca todas as normas relixiosas que había daquela.
A muller dobregada do evanxeo válenos para pensar nos miles e millóns de mulleres da historia, que andaron e andan dobregadas baixo o poder machista da nosa cultura civil e relixiosa. Aínda hoxe, fóra e dentro da Igrexa, persiste moito deste machismo opresor, que lle rouba á muller a súa dignidade, a súa condición de persoa con igualdade absoluta de dereitos e deberes, ante a xente, ante Deus. Defender esta dignidade da muller importa máis ca calquera outra norma civil ou relixiosa que se lle queira opoñer.

Oración

Ai de quen lle negue á muller a súa dignidade
e a poña por baixo do seu gusto e capricho!
Ai de quen amoree cargas no seu lombo canso
e a force a vivir máis derreada de calquera maneira!
Ai de quen a maltrate coa palabra ou cos feitos
e a condene á amargura e á frustración!
Ai de quen lle negue o título de irmá absoluta
e a reduza a un ben útil do que usar ou prescindir!
Ai de quen ignore o don e a valía da muller
e pretenda facer vida sen ela, ás costas dela, contra ela!
Quen así faga negarase, perderase, racharase,
machucará a propia dignidade ante a xente, ante Deus.

Acción

Podemos revisar unha vez máis a nosa relación coas mulleres. ¿Desde o respecto absoluto, desde algún tipo de machismo? Podemos caer na conta que respectar a muller a fondo é unha práctica relixiosa moi grata a Deus.


30 de outubro: martes da 30ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 13, 18-21

Nunha ocasión dicíalle Xesús á xente:
--¿A que se parece o reino de Deus, con que volo compararía eu? É semellante a un gran de mostaza que un home sementa na súa horta; medrou e converteuse nunha árbore e os paxaros do ceo aniñaron nas súas pólas.
E seguiu dicindo:
--¿Con que compararía eu o reino de Deus? É semellante ao fermento que unha muller botou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.

Meditación

O reino de Deus, o proxecto de Deus, o soño de Deus para este mundo noso: sermos unha terra de redes, de vínculos, de relacións, de compenetracións, de interdependencias, de fraternidade, de xustiza, de respecto preferente sempre polo máis fráxil entre a xente, entre a natureza, en todo. Sermos así terra de Deus!
Xesús amósanos como se constrúe ese tipo de cousas. El opta non polo barullo, senón polo silencio. Non pola presenza de medios aparatosos, senón pola pequenez. Non por obras de lucimento, senón polas cousas humildes. Non polas grandes palabras, senón polas pequenas e cotiás fidelidades. Non polos grandes empeños humanos, senón pola fe confiada en Deus. Canto disto nos fai falla nestes tempos nos que nas nosas comunidades sentímonos a necesidade de retomar o reinado de Deus, o seu soño para nós, para toda a humanidade!

Oración

Que ben, meu Deus, que ben!
O teu Espírito en min, en nós,
coma un graociño de mostaza,
sementado nas nosas vidas, na nosa comunidade,
que medra e medra, sen case saber nós como,
ata se converter nunha árbore vigorosa,
onde aniña quen queira pousar os seus pés
para acougar
e gustar o gozo dunha vida xusta, pacificada!
Que ben!
O teu Espírito convertido en fermento
que unha muller coloca no noso seo,
no seo da comunidade feito fariña
--grao moído no muíño simple da vida--,
para convertela en pan saboroso
a disposición de calquera famento que pete á porta,
e ser simplemente pan comido,
sen máis,
sen méritos nin glorias.
Que ben, meu Deus, que ben!

Acción

Podemos facernos conscientes de que cada día coa nosa palabra, cos nosos feitos, se son xustos e fraternos, estamos construíndo iso que Xesús chamaba o reino de Deus, o soño de Deus. E, se en algo non son xustos nin fraternos, daquela podemos cambiar para que en nós se cumpra de verdade o soño de Deus.


31 de outubro: mércores da 30ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 13, 22-30

Xesús atravesaba por vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén. Un preguntoulle:
--Señor, ¿e logo son poucas as persoas que se salvan?
El respondeu:
--Esforzádevos por entrar pola porta estreita, porque vos aseguro que moita xente intentará entrar e non poderá. Cando o dono da casa se erga e peche a porta, quedaredes fóra e petaredes na porta dicindo: “Señor, ábrenos”; pero el responderá: “Non sei quen sodes”. Entón empezaredes a dicir: “Se nós comemos e bebemos contigo e ti ensinaches polas nosas prazas!” El repetirá: “Non sei quen sodes. Arredade de min todas as persoas que practicades a inxustiza!”.
Daquela habedes chorar e hanvos renxer os dentes; cando vexades que Abraham, Isaac, Xacobe e todos os profetas están no reino de Deus e que a vós vos botan fóra. E chegarán de oriente e occidente, do norte e do sur e sentarán na mesa do reino de Deus. Si, hai persoas que son últimas e serán primeiras, e hainas primeiras que serán últimas.

Meditación

Pero ¿qué é salvarse? Para unha persoa cristiá é algo así como desenvolver a propia vida respondendo a esas chamadas fondas que Deus mesmo insire no noso corazón; sermos como persoas aquilo que cada quen está chamado a ser. Algo que xa se realiza neste mundo, aínda que despois da morte acade a súa plenitude. A vontade de Deus é sempre unha vontade de salvación, que nada nin ninguén torce. Nós si que podemos frustrar a propia construción como persoas, a propia felicidade. É a nós a quen nos interesa entrar pola porta estreita, a porta da responsabilidade sobre a propia vida, aproveitando o tempo presente para madurar como persoas para unha felicidade eterna en Deus. É a cousa non é cuestión de pertencer ou non a tal raza, a tal credo relixioso, a tal Igrexa. Iso pouco importa. O que importa é deixar que a propia vida sexa unha vida xusta na xustiza de Deus, que prefire, en todo caso, a misericordia ao xuízo. Deus é sempre un Deus de salvación, de vida, para quen se abra á vida nos seus comportamentos de cada día.

Oración

Sen tristuras, sen medos, sen angustias,
apréndesme a coidar a propia vida
e as vidas dos teus pobres a min encomendadas.
Con ledicia, con humor, con esperanza,
apréndesme a entrar pola porta estreita
que me introduce na terra da irmandade.
Máis que as máis santas palabras,
será a túa xustiza, acollida como don, como tarefa,
a que me abra as portas da vida para sempre.
Sen torpes pretensións, sen chulerías,
o humilde camiñar polas vías da inocencia
levarame ao berce de todas as unións.
E o mal que se me vaia das mans, da boca, do corazón,
serás ti quen o confundas nas lapas do teu amor.
Grazas, meu Deus, grazas por tanto ben!

Acción

Posiblemente iso de salvarse, non salvarse, sexa unha linguaxe que hoxe pouco nos di. Pero, ¿preocúpanos desenvolver a nosa vida na honradez, na legalidade, mirando pola xente débil, buscando o ben común, respectando o diferente, sen nos poñer por riba de ninguén? ¿Ocupan estas cousas a nosa atención real? Seguro que tamén por aquí podemos dar pasos.


1 de novembro: xoves da 30ª semana do Tempo Ordinario. Festa de todos os Santos e Santas

Evanxeo: Mt 5, 1-12a

Vendo Xesús a multitude, subiu ao monte e sentou. Achegáronselle as persoas que acompañaban máis de preto e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
--Ditosas as persoas totalmente pobres,
porque delas é o Reino dos ceos.
Ditosos as que choran,
porque elas serán consoladas.
Ditosos as non violentas,
porque elas herdarán a terra.
Ditosos as persoas que pasan fame e sede de xustiza,
porque elas ficarán fartas.
Ditosas as misericordiosas,
porque elas acadarán a misericordia.
Ditosos as de corazón limpo,
porque elas verán a Deus.
Ditosos as que traballan pola paz,
porque elas serán chamados fillas de Deus.
Ditosos as persoas perseguidas por causa da xustiza,
porque desas tales é o Reino dos ceos.
Ditosos vós, cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos ceos.

Meditación

Sentamos aos pés de Xesús como o fixeron no seu momento as persoas que o acompañaban. Abrimos ben os ollos do corpo e do espírito para escoitar, acoller e facer nosas as palabras e as propostas de Xesús. Procuramos non lle buscar rebaixas ao que Xesús comparte connosco. Aceptámolo todo tal como soa, aceptando a nosa dificultade para entendelo, para embarcar nesa ilusión as nosas vidas. Deixamos que cada unha desas nove propostas de felicidade se vaian pousando lentamente sobre o noso corpo, sobre o noso espírito, sobre a nosa vida toda, e nos enchoupen da fonda e insospeitada novidade da boa nova de Xesús. No posible fuxamos da simulación. Frecuentemente lemos estas palabras de Xesús –tamén moitas outras--, dicimos aceptalas como palabras de vida para nós, pero logo, na práctica, a nosa busca de felicidade vai por outros camiños, porque no fondo desconfiamos de que esa proposta de Xesús sexa algo que valla, que funcione. Fagamos a proba. Experimentémolo. Con humildade, fiándonos de Xesús, dispoñámonos a esa aventura; poñamos nela todo o noso interese. Quizais empecemos a gustar cousas que nunca imaxinamos gustar. E a pouco prezo. Case coma un regalo que nos chega das mans de quen ben nos coñece e de quen moito nos aprecia. Por iso nos dá o mellor que ten para axudar a sermos xente feliz.

Oración

Xesús, meu irmán e mestre,
quero ser feliz, ben o sabes,
aínda que cos anos me vaia resignando
e vaia aceptando vivir en paz coas carencias.
Pero aínda así, meu irmán e mestre,
que non se durman en min
os soños dunha felicidade compartida;
que asenten en min amplamente
as ansias de felicidade de toda a xente infeliz do mundo.
Xesús, meu irmán e mestre,
só ti podes agrandar o espazo dos meus soños,
só ti coas cousas do teu Deus, co noso Deus,
podes colmalos ata o infinito.
Felices as persoas que de ti podemos aprender
insospeitadas maneiras de sermos persoas felices!

Acción

Podemos ler hoxe algo do libriño do Papa Francisco titulado “Alegrádevos e brincade do gozo”, que fala da chamada á santidade no mundo actual; o capítulo 3º, por exemplo, que entre outras cousas vai comentando as benaventuranzas.


2 de novembro: venres da 30º semana do Tempo Ordinario
Conmemoración de todos os fieis defuntos

Evanxeo: Xn 14, 1-6 (o Leccionario propón tamén outras lecturas)

Nun momento da Última Cea díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
--Non vos angustiedes; crede en Deus e crede tamén en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; se así non for, ¿teríavos dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde vou eu, ben sabedes o camiño.
Dille Tomé:
--Señor, se non sabemos onde vas, ¿cómo imos saber o camiño?
Xesús respondeulle:
--Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis ca por min.

Meditación

Xesús fálanos de moradas, de moitas moradas, de lugares que nos prepara, para alí estar con el, para alí chegar onda o Pai indo polo camiño que é el mesmo. Ben se ve que non se trata de lugares físicos; non hai un lugar físico ao que lle chamemos ceo, nin neste mundo, non en ningún outro lugar do cosmos. Tratase dun lugar espiritual. Trátase de estar en Deus simplemente, fóra do tempo e do espazo. Non sabemos o que iso pode ser. Sabemos que é cousa boa, porque Deus é a fonte de todo ser, de toda vida, de toda paz, de toda unión, de toda boa experiencia comunitaria.
Cando morremos, ese é o noso destino. Invítanos Xesús a agardalo sen angustia; hai moitas moradas; todos, todas collemos en Deus; a pesar das nosas ruindades, todos, todas temos lugar no corazón de Deus; todas, todos temos un algo de amor, que é en nós a semente de Deus, semente de eternidade. Xesús, camiño, verdade e vida, lévanos da man cara a ese encontro definitivo con Deus, con todos os homes e mulleres do mundo, con toda a creación reconciliada. Deus sexa bendito por esta esperanza tan grande asentada nos nosos corazóns.

Oración

Grazas, Deus noso,
polos homes e mulleres defuntas
das nosas casas, das nosas parroquias, das nosas aldeas e cidades.
Grazas polas súas vidas en tantas cousas tan sufridas,
en tantas cousas tan exemplares tamén.
Grazas polo que fixeron, polo que amaron, polo que serviron,
polos bens materiais, culturais, espirituais
que nos deixaron en herdanza.
Grazas, Deus noso,
polo respecto e agarimo que tiveron por ti,
e polo agarimo que ti tes por todas elas,
garantía do seu descanso eterno no teu seo,
porque ti, Deus noso,
es todo amor, todo perdón, e todo reconciliación.
Grazas, Deus noso,
que a memoria dos nosos defuntos
nos sosteña na nosa vida cristiá de cada día.

Acción

Seguro que neste día visitaremos o lugar onde repousan os nosos defuntos, para recordalos, para agradecelos, para gozar sabéndoos nas mans de Deus. Podemos fixarnos en tal ou cal aspecto deles máis orixinal e fermoso, para agradecelo especialmente e, no posible, imitalo.


3 de novembro: sábado da 30ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 14, 1.7-11

Un sábado foi comer Xesús á casa dun xefe dos fariseos e eles estábano vixiando. Xesús, decatándose de que a xente invitada buscaba os primeiros postos, contoulles esta parábola:
--Cando alguén te convide a unha voda, non sentes no primeiro posto. Pode suceder que unha persoa máis distinguida ca ti tamén estea convidada, e que veña quen vos convidou e che diga: “Déixalle o sitio a esta persoa”, e ti, cheo de vergonza, teñas que ir para o derradeiro lugar. Ao revés, cando alguén te convide, ti senta no último lugar, para que, cando chegue quen te convidou, che poida dicir: “Amigo, sube máis arriba”. E quedarás moi ben diante de todos os comensais. Porque a persoa que se enaltece será rebaixada, e a que se rebaixe será enaltecida.

Meditación

Aquí está Xesús, que non perde ocasión de transmitir os convencementos que moven a súa vida. Observa, pensa e fala con coherencia, dicindo palabras que poden cuestionar os comportamentos doutras persoas. Dunha anécdota máis ou menos simple, saca unha pauta para o conxunto da vida: a persoa que anda pola vida presumindo, con ostentación, buscando primeiros postos, recoñecementos e loanzas, fará da súa vida unha vulgaridade e acabará en nada, facendo o ridículo con frecuencia; en cambio, a persoa que gusta de estar simplemente canda os demais coma unha de tantas, en humildade, sen querer nunca alzarse sobre a demais xente, respectando e valorando a quen a rodea, servindo, esa persoa acaba tendo o respecto e recoñecemento de todo o mundo. E isto que vale moito aos ollos da xente, vale moito tamén aos ollos de Deus. Porque no fondo tal como somo ante a xente que nos rodea, así acabamos sendo ante Deus. E sería ben ridículo que acabásemos intentando quedar por riba do mesmo Deus!

Oración

Que descubra o gozo da humildade, meu Deus,
o gozo de ver en calquera cousa,
en calquera animal,
en calquera persoa
unha irmá, un irmán,
algo ou alguén que me convoca á festa do pequeno,
onde todo o mundo colle
e nada nin ninguén sobra,
onde todo se me ofrece
para ser alegremente parte do meu ser,
da miña vida;
onde todo espera de min
un anaco de carne e sangue,
un anaco de alento,
unha man,
unha voz,
un chucho.
Que descubra, si, a cada hora,
o gozo da humilde e valente irmandade.

Acción

Podemos revisar como nos situamos ante as demais persoas, sobre todo ante as persoas que teñan pouco poder, pouco saber, pouco valer. Á luz de Xesús podemos cambiar a nosa maneira de situarnos ante elas.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.