19 decembro, 2018

Tempo de Advento: 4ª semana


23 de decembro: domingo 4º de Advento

Evanxeo: Lc 1, 39-45

Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E, en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. ¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois, ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, a criatura brincou de alegría no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!

Meditación

María visita á súa prima Sabela. Visitar: saír da casa, do propio, ir á casa allea, ao mundo alleo; andar camiños, asumir dificultades, superar comodidades; visitar a calquera, a aqueles/as de quen sabemos que son portadores/as de moitas bondades, ou a aqueles/as que nestes tempos de crise están envoltas en aflición, esperando apoios e alentos. Quizabes especialmente a estes. O encontro leva consigo compartir: falar das cousas fondas, gratas ou non gratas que cada un leva na súa mente, no seu corazón. Falar de ideas, de feitos, de sentimentos. Falar do que un soña, e mesmo dos soños que Deus vai depositando, como semente de vida, nas nosas entrañas, no noso corazón. Os encontros resultan imprescindibles para o noso benestar, para o noso crecemento, para a nosa liberación.
Visitar, encontrarse, compartir, facéndoo con humildade, co desexo de descubrir o don de Deus encerrado no ventre, na vida da outra persoa; a presenza de Deus que nela se me ofrece, se me regala. Cantas veces se nos escapan verdadeiras marabillas de Deus agachadas nas vidas humildes de persoas humildes!
E bendicir a Deus con alegría pola súa presenza viva entre nós, desenvolvendo unha espiritualidade sinxela na vida, desde a vida, que nos vigorice no noso estar presente na vida das persoas, na sociedade, e no de aceptar as demais persoas como presenza de Deus na nosa vida.
María é un modelo de toda esta labor humana, espiritual.

Oración

María nazarena
María do pobo
María amante e amada

María embarazada
María escoitadora
María crente

María entregada
María libre
María camiñante

María cantora
María soñadora
María subversiva

María mai
María educadora
María transmisora da fe

María discípula
María compañeira
María silenciosa

María do Nadal
María nosa.

Acción

As festas do Nadal préstanse para as visitas. Podemos esforzarnos por facelas algo ao estilo de María, con sinxeleza e fondura a un tempo.


24 de decembro: luns da 4ª semana de Advento

Evanxeo: Lc 1, 67-79

Zacarías, o pai de Xoán Bautista, cheo do Espírito Santo, profetizou dicindo:
—Bendito sexa o Señor, Deus de Israel, porque veu visitar e redimir o seu pobo, suscitando para nós unha forza de salvación na casa de David, o seu servo, conforme prometera dende antigo por boca dos seus santos profetas: que nos salvaría dos nosos inimigos e das mans dos que nos teñen odio; que tería misericordia dos nosos pais, tendo presente a súa Santa Alianza e a promesa que lle fixera a Abraham, noso pai, para concedernos que, libres das mans dos inimigos, o sirvamos con santidade e xustiza, na súa presenza, todos os días da nosa vida.
E a ti, meu meniño, hante chamar profeta do Altísimo, porque irás por diante do Señor, preparando os seus camiños, anunciándolle a salvación ao seu pobo mediante o perdón dos pecados E así, pola misericordia entrañable do noso Deus amencerá dende o ceo un sol para nós: luz para os que viven nas tebras e xacen entre as sombras da morte, para guiar os nosos pasos polos camiños da paz.

Meditación

O que Zacarías, movido polo Espírito Santo, anuncia como inmediato para o pobo de Israel, ofrécesenos tamén a todos nós, a todos os pobos do mundo, na persoa de Xesús. O mundo todo, os pobos todos, as persoas todas, ti e máis eu entre elas, estamos metidos nesa rede amorosa, solidaria de Deus; un Deus que se preocupa pola súa creación, que xera dinamismos de coidados, de solidariedade, de xustiza, de santidade, para que con eses dinamismos vivamos e construamos día a día a nosa existencia, ante el, na luz, na paz. Deus xa está aquí, á porta, disposto a nacer para as nosas vidas, coma o sol que cada día, sen fallar, se ergue ante nós coa súa luz, coa súa calor. É o Nadal xa.

Oración

Bendito sexas, Deus noso,
porque nos queres e nos visitas,
porque non te esqueces de nós,
porque es sempre pura misericordia.
Bendito sexas, Deus noso,
porque na persoa humildísima de Xesús
nos regalas unha potente forza de salvación:
unha luz que mata as nosas escuridades,
unha xustiza que afoga os nosos abusos,
unha paz que anula as nosas violencias.
Bendito sexas, Deus noso,
porque ti nunca fallas ás palabras dadas,
porque sempre estás aí,
cando de ti precisamos.
Que con Xoán Bautista
saibamos ir preparando os teus camiños.

Acción

No Nadal con frecuencia vemos propostas solidarias, cara á xustiza, cara á paz. Podemos participar nalgunha delas, que vexamos


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.