Evanxeo: Lc 4,21-30
Nunha ocasión empezoulles a dicir Xesús na
sinagoga:
—Hoxe
cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.
E toda a xente asentiu, admirada polas
palabras de graza que saían da súa boca. E dicían:
—¿Pero
non é este o fillo de Xosé?
El díxolles:
—Seguramente
me recordaredes aquel refrán: “Médico, cúrate a ti mesmo”; todo canto oímos que
fixeches en Cafarnaúm, faino aquí na túa terra.
Pero el continuou:
—Asegúrovos
que ningún profeta é ben recibido na súa terra. Tede por seguro que no tempo de
Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres
anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; e a ningunha delas
mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. E moitos
leprosos había en Israel no tempo de Eliseo, o profeta, e a ningún deles curou,
fóra de Naamán, o sirio.
Oíndo estas cousas, todos os que estaban na
sinagoga se puxeron coma feras; erguéndose, botárono fóra da vila e levárono
ata un barranco do monte no que está edificada coa intención de o botaren de
alí embaixo. Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.
Meditación
Que nos di a nós este evanxeo? Chegados a
este punto, xa non nos importa o que lle pasou a Xesús cos seus veciños e
veciñas, senón o que lle pode pasar a Xesús coas persoas que formamos parte das
comunidades que o temos a el coma irmán maior, coma mestre, coma guieiro. ¿Como
nos situamos nós, coma individuos, coma comunidade cristiá, ante as palabras,
ante o estilo de vida de Xesús? É posible que tamén admiremos a Xesús, que as
súas palabras nos parezan preciosas, que o seu estilo de vida nos envolva e
mesmo emocione. Pero, ¿é iso sempre así? ¿Compartimos a súa aposta tan radical
polos últimos/as, que entre nós sería unha aposta, por exemplo, polos xitanos,
polos negros e negras inmigrantes, polos drogadictos/as, polos
alcohólicos/as, pola xente que vive
penosamente nos nosos cárceres? ¿Compartimos nas nosas comunidades o seu estilo
de vida, que nos fala de non vivir instalados/as, de non andar a procura de
seguridades, de facer dos nosos cartos, dos nosos bens, instrumento de
solidariedade para que o pan e a dignidade chegue a todos? Nós non apelariamos
ás súas raíces populares para desconfiar del, pero cantos prexuízos, cantas
xustificacións, cantas escusas e razoamentos poñemos enriba da mesa, para
chamarnos cristiáns, cristiás, e seguir enredados en estilos de vida pouco
coherentes co de Xesús! Non o tiramos polo barranco abaixo, como parece que
querían facer os seus veciños e veciñas, pero acomodámolo canto podemos, para
simular estar con el non o estando realmente, ou estándoo nunha medida curta e
moi necesitada de revisión e cambio.
Oración
Meu Deus,
forza de amor
en expansión,
coa túa
tenrura e misericordia,
mírame aquí,
pobre e
necesitado/a,
reclamada/o
polo amor cada día,
e cada día
precisado/a da túa forza
para ser fiel
ás chamadas
solidarias do teu Espírito.
Quixera
dicirche con convicción:
aquí estou,
conta comigo,
pero trémame a
voz
e escaséanme
as forzas.
¿Serei capaz
de andar os teus camiños
ao lado de
Xesús, coma Xesús,
enredada/o
entre a xente máis débil da parroquia e do mundo?
Meu Deus,
amor que me
amas,
fogar que me
acolles.
aperta que me
aledas!
(polo san Brais)
San
Brais, santo amigo,
o
santo da fala,
das
gorxas curadas,
da
boa palabra.
Do
falar humilde,
das
palabras sabias,
do
falar con xenio,
das
palabras mainas.
O
santo da fala,
das
gorxas curadas,
das
palabras doces,
das
palabras bravas.
San
Brais, santo amigo,
o
santo da fala,
da
fala galega,
abondo
tripada.
O
santo da fala,
das
gorxas curadas,
das
palabras doces,
das
palabras bravas.
San
Brais, santo amigo,
das
verbas caladas,
das
palabras cheas,
das
verbas preñadas.
San
Brais, santo amigo,
o
santo da fala,
do
pano ao pescozo,
das
roscas que agradan.
O
santo da fala,
das
gorxas curadas,
dos
cantos de fadas,
das
linguas ceibadas.
Acción
O de Xesús, todo o de Xesús, é moi fermoso,
pero tamén moi esixente. Por iso, aínda que nos gusta, con frecuencia botamos
man de mil escusas para irnos desentendendo do que nos propón. ¿Hai algunha
cousa das de Xesús que nos bota para atrás? ¿Qué facemos ante iso? Pensámolo e
vemos que podemos facer para mellorar.
4 de febreiro: luns da 4ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 5, 1-20
Unha vez chegou Xesús á outra banda do mar,
ao país de Gadara. E conforme saltou da barca, un endemoñado saíulle ao
encontro desde os sepulcros onde moraba, pois nin con cadeas o podían apreixar.
Moitas veces xa intentaran termar del con cadeas e grillóns, pero rompía as
cadeas e esnaquizaba os grillóns, e ninguén era capaz de o domear. Pasaba os
días e as noites berrando polos sepulcros monte adiante, mancándose coas
pedras. Axiña que viu a Xesús de lonxe, foi correndo prostrarse ante el,
berrando con toda a forza:
—Que
teño que ver contigo, Xesús, Fillo do Altísimo? Pídoche por Deus que non me
atormentes.
Pois Xesús mandáralle:
—Bótate
fóra dese home, espírito malo.
E preguntoulle Xesús tamén:
—Como
te chaman?
El respondeulle:
—Chámanme
lexión, porque somos moitos.
E pedíalle con moita ansia que non os
botase daquela terra. E como había unha boa manada de porcos comendo pola aba
do monte, todos aqueles demos rogáronlle a Xesús:
—Mándanos
onda aqueles porcos, para entrarmos neles.
Xesús accedeu e, saíndo do home, fóronse
meter nos porcos, que en número duns dous mil se chimparon polo barranco
abaixo, e foron afogar no mar. Os porqueiros fuxiron, levando a nova á vila e
ás aldeas. A xente ía ver o que pasaba. Chegaron onde estaba Xesús e viron o
endemoñado, o mesmo que tivera a lexión, sentado e cheo de xuízo; todos ficaron
pasmados. Os que presenciaron aquilo contáronlles o que pasara co endemoñado e
máis cos porcos. Entón empezaron a pedirlle que se afastase daquelas terras.
E, cando el se embarcara, o que estivera
endemoñado rogáballe que o deixase ir con el. Pero Xesús non llo permitiu,
senón que lle dixo:
—Vaite
para a túa casa, onda os teus, e cóntalles todo o que o Señor, compadecido,
fixo contigo.
El marchou e comezou a pregoar pola
Decápolis adiante canto lle fixera Xesús. Todos ficaban admirados.
Meditación
Un relato fabuloso que posiblemente non
debamos tomar ao pé da letra, como se todo o que se di pasase realmente. Era
frecuente que naquel tempo houbese persoas que, por enfermidade ou por tolemia,
vivise apartada da convivencia veciñal, no monte, nos arredores dos pobos. A
esas persoas con facilidade se lles chamaba endemoñadas, aínda que o seu mal
era ser xente desfeita, famenta, agresiva; xente excluída. Ninguén se achegaba
a eles por medo e eles tiñan prohibido entrar nas aldeas.
Xesús entra en contacto cunha desas
persoas, saltando unha vez máis a lei que o prohibía. Aténdea, fala con ela,
escóitaa nos seus graves pesares, e, dun xeito case incrible, cúraa dos seus
males e reincorpóraa para a convivencia veciñal. Xesús fai iso, porque estaba
cheo do Espírito bo de Deus, que o facía forte, que o facía apaixonado polo
benestar da xente. Os porcos eran considerados animais impuros, e por iso víase
ben que os demoños fosen meterse neles. Pero isto forma parte da fábula do
relato e carece de importancia no mesmo.
Oración
Grazas, Xesús,
por
seres tan considerado sempre
coa
xente máis marxinal dos pobos.
Grazas,
Xesús,
polo
teu poder de ben
que
poñías sempre ao servizo da xente débil.
Grazas,
Xesús,
porque
tamén me atendes a min
nas
miñas fraxilidades.
Grazas,
Xesús,
porque
nos amosas claramente o camiño
para
seguirte na nosa vida veciñal.
Acción
Seguro que coñeces a algunha persoa que na
túa parroquia ou contorna sufra algo de exclusión. Podes achegarte algo a esa
persoa e transmitirlle aprecio, atención?
5 de febreiro: martes da 4ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 5, 21-43
Pasou Xesús de novo na barca para a outra
banda do lago e xuntouse moita xente ao redor del, que estaba na beira do mar.
Nisto chegou un dos xefes da sinagoga chamado Xairo, que, ao ver a Xesús,
botouse aos seus pés suplicándolle:
—A
miña filla está a piques de morrer, ven impor sobre ela as túas mans, para que
sande e viva.
E foise con el, seguido de moito xentío que
o estrullaba.
Había unha muller, que padecía hemorraxias
desde doce anos atrás, e levaba sufrido moito cos médicos, que lle acababan cos
bens; total para nada, porque a cada paso ía a peor. Como oíra falar do que
facía Xesús, achegouse entre a xente por detrás e tocoulle o seu vestido,
dicindo para si: "Aínda que non sexa máis que tocarlle o seu vestido,
ficarei sa". Secóuselle de golpe a fonte da hemorraxia e sentiu no seu
corpo que estaba curada do mal.
Xesús decatouse axiña da forza que saíra
del e volveuse para preguntar:
—Quen
me tocou na roupa?
Os discípulos dixéronlle:
—Ti
ben ves a xente preméndote, e aínda preguntas quen te tocou?
Pero el seguía mirando arredor, para ver
quen fora. Daquela a muller, chea de medo e tremor, sabendo o que lle sucedera,
veu prostrarse ante el e contoulle toda a verdade. El díxolle:
—Filla,
a túa fe sandoute, vaite en paz, curada para sempre da túa doenza.
Aínda estaba el falando, cando chegaron da
casa do xefe da sinagoga a dicirlle:
—A
túa filla acaba de morrer. Para que andar xa molestando ao Mestre?
Pero Xesús, ao escoitar o que estaban a
falar, díxolle ao xefe da sinagoga:
—Non
temas, abonda que teñas fe.
E non permitiu que ninguén o acompañase,
fóra de Pedro, Santiago e Xoán, o irmán de Santiago.
Ao chegaren á casa do xefe da sinagoga,
vendo o gran boureo que facían con choros e lamentos, entrou o díxolles:
—A
que vén tanto boureo e tanto chorar? A meniña non morreu, está a durmir.
E todos facían riso del. Pero el botounos a todos fóra, levou consigo os pais
da meniña e máis os seus acompañantes e entrou onde estaba a nena. Colleuna
pola man e díxolle:
—Talitha, qumi (que quere dicir:
"rapaza, érguete").
A rapaciña ergueuse de contado e botouse a
andar, que xa tiña doce anos. E aquela xente quedou coa boca aberta. El
insistiulles en que non llo contasen a ninguén, e mandou que lle desen de
comer.
Meditación
Daquela, moito máis aínda ca hoxe, había
enfermidades e enfermidades que amargaban a vida da xente. Pero tamén nós con frecuencia nos vemos enfrontados con
enfermidades tremendas, que rompen vidas e familias. O primeiro que facemos e
ir cabo dos médicos, canto mellores, mellor, para atopar remedio. E queremos
que o Servizo Galego de saúde funcione ben. E facemos ben. A medicina é unha
presenza preciosa do Reinado de Deus no medio da xente. Meternos nela é
dalgunha maneira coma meternos no mesmo Deus.
Pero hai algo máis. Os homes e mulleres
somos corpo e espírito, un termando do outro, un axudando ao outro. Un espírito
san, positivo, esperanzado, confiado, sereno, crente, ten moito máis poder de
axudar a un corpo debilitado. A fe pode axudarnos moito niso. Porque, sas ou
enfermas, sabémonos fondamente acollidas por Deus. Porque sans ou enfermos,
cremos que a vida non acaba para nós na debilidade do noso corpo.
Oración
Na saúde e na
enfermidade,
confío
en ti, meu Deus.
Na
esperanza e no desespero,
confío
en ti, meu Deus.
Na
dor e no alivio,
confío
en ti, meu Deus.
Na
vida e na morte,
confío
en ti, meu Deus.
Acción
Loita para defender unha boa
sanidade pública, non permitas que a deterioren de ningunha maneira. Revisa
como vives ti as enfermidades que vaias tendo; vívelas como persoa crente ou
como se non o foses? En que o notas?
6 de febreiro: mércores da 4ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 6,1-6
Un día Xesús foi para a súa aldea,
acompañado polos seus discípulos. Cando chegou o sábado, empezou a ensinar na
sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada:
—De
onde lle veñen a este todas esas cousas? Que sabedoría é esa que lle ensinaron,
e como poden facer as súas mans tantos milagres? Non é este o carpinteiro,
fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e máis Simón, e as súas irmás
non viven aquí connosco?
Estaban realmente escandalizados. Pero
Xesús díxolles:
—Non
desprezan a un profeta máis ca na súa terra, na súa casa, entre os seus
parentes.
E non puido realizar alí ningún milagre,
fóra dalgunhas curacións que fixo empoñendo as mans. Estaba sorprendido por
aquela incredulidade. E dedicouse a andar polas aldeas dos arredores ensinando.
Meditación
De onde lle viña a Xesús a súa enorme
capacidade de facer o ben, de rehabilitar as persoas, de poñelas en paz fonda
consigo mesmas e co Deus, Pai ou Nai de todo o mundo? De onde lle viña a súa
humildade suma, e a súa valentía sen medida para enfrontarse ao mal e a quen o
facía? De onde lle viña esa sabedoría sen límites que lle permitía chegar ao
corazón da xente, iluminalo coa súa luz, fortalecelo para emprender camiños
novos? De onde lle viña tanta paz, tanto perdón, tanta resistencia, tanta
rebeldía?
Iso é o que non entendían os seus veciños e
veciñas. Coñecíano ben, a el e a súa familia toda. Todos eran xente ben humilde
e normal. Non entendían que eran cousas do Espírito de Deus, que non anda
chuleando de títulos nin de fidalguías. Por sorte ese Espírito non se merca con
cartos. Recíbeo gratis quen baleira o seu corazón e fai sitio para acollelo.
Oración
Que saiba ser
humilde, Xesús,
para
escoitarte,
e
acoller o que me queiras dicir,
sexa
cal sexa o medio humilde
que
ti empregues para falarme.
Quen
nunca desprece o que é pobre e pequeno,
ao
revés,
que
entenda de corazón
que
é entre o pobre e o pequeno
onde
mellor poderei atoparte e tratarte.
Que
así sexa, Xesús, que así sexa.
Acción
Pensa se algunha vez desprezas en algo a
vida e o saber dos teus veciños ou veciñas por seren xente normaliña. Deixa de
facelo.
7 de febreiro: xoves da 4ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 6,7-13
Un día Xesús chamou aos doce e empezou a
mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos.
Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan,
nin alforxas, nin cartos na faixa. Que calzasen sandalias, pero que non levasen
máis ca unha túnica. E avisounos:
—Cando
entredes nunha casa, permanecede nela ata que vos marchedes. Se nalgún lugar
non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés,
para que lles sirva de aviso. Marcharon e predicaron a conversión. Botaban fóra
moitos demoños e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.
Meditación
O normal é que, se as cousas de Xesús nos
enchen a vida de paz, de forza, de esperanza, de sentido, pois que as
compartamos con outras persoas, simplemente porque lles queremos ben. E, se
Deus nos dá os seus bens de balde, que sexa de balde tamén todo o que nos
falemos ou fagamos pola xente. Faltaba máis!
Non é doado actuar gratuitamente, actuar
desde a pobreza, desde o non poder. Case todo na sociedade funciona desde o
interese, desde o poder. O que dá, moitas veces dá buscando carto, poder,
prestixio; o que recibe faino moitas veces tamén esperando carto, poder e
prestixio. Actuar desde o interese e o poder leva a que se cren moitísimas
desigualdades entre a xente, a que os máis débiles queden sempre por
debaixo.
O de Xesús é realmente revolucionario.
Compartir o de Xesús coa palabra, cos feitos de humanidade para a xente, e
facelo gratis de verdade, ese é o plan ao que o mesmo Xesús nos invitada a
todos e todas nós tamén.
Oración
Que a miña
actividade, Xesús,
estea
sempre limpa de interesadas intencións.
Que
aprenda contigo, Xesús,
a
falar de balde,
a
actuar de balde,
sen
cobrar nunca nada
nin
en cartos,
nin
en influencias interesadas,
nin
en poder,
nin
en afectos que someten.
Desinteresada,
pobre é libre coma ti, Xesús,
algo
polo menos, por favor!
Acción
Es totalmente desinteresado na túa
colaboración social, eclesial, política? Pénsao un pouco. Cambia o que teñas
que cambiar. O interese, as comenencias, acaban destruíndo os mellores
servizos.
8 de febreiro: venres da 4ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 6, 14-29
Como a sona de Xesús se estendía por todas
partes, tamén o rei Herodes oíu falar del. Uns comentaban: “é o mesmo Xoán Bautista
resucitado de entre os mortos, e por iso actúan nel eses poderes”. Outros
dicían: “é Elías ou algún profeta”. Pero Herodes dicía: “É Xoán Bautista, a
quen eu mandei decapitar, que está resucitado.” Porque Herodes mandara prender
a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán Filipo, coa que el casara.
Xoán non paraba de lle dicir:
—Non
che está permitido vivir coa muller do teu irmán.
Por iso Herodías colléralle xenreira a Xoán
e queríao matar. Pero Herodes temía a Xoán, sabendo que era home xusto e santo,
e protexíao; mesmo o escoitaba con gusto, aínda que quedase desacougado.
Pero chegou a ocasión axeitada, cando
Herodes no día do seu aniversario deu un banquete aos ministros, oficiais e
xente importante de Galilea. Resulta que a filla de Herodías entrou e bailou
moi ben, gustando moito a Herodes e a toda a xente convidada. Entón o rei
díxolle á rapaza:
—Pídeme
o que queiras, que cho hei dar.
E xurou:
—Dareiche
o que me pidas, aínda que sexa a metade do meu reino.
Vaise a rapaza onda a nai e pregúntalle:
—¿Qué
lle pedirei?
Ela díxolle:
—Pídelle
a cabeza de Xoán Bautista.
E, volvendo onda o rei, díxolle:
—Quero
que me deas de contado nunha bandexa a cabeza de Xoán Bautista.
O rei púxose moi triste, pero, polo
xuramento feito e máis pola xente convidada, non a quixo defraudar. E de
seguida mandoulle a un verdugo que trouxese a cabeza de Xoán. Foi, decapitouno
e trouxo a cabeza nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non tardou en
levarlla á súa nai. Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o cadáver e
fórono enterrar.
Meditación
Xoán Bautista foi un personaxe que deixou
un impacto grande no mesmo Xesús e nas primeiras comunidades cristiás. Por iso
aínda hoxe o recordamos en repetidos momentos durante o ano. Un home íntegro,
un buscador apaixonado da verdade de Deus para a xente, unha persoa que
renunciou ao oficio sacerdotal que lle correspondía por dereito familiar, para
embarcarse nun camiño creativo, porque viu que no seu tempo a vida relixiosa se
estaba diluíndo en prácticas sen sentido e sen verdade. Un home que se
enfrontou abertamente co poder relixioso e político do momento polos seus
descontrois e abusos do pobo. Un home que por todo isto deu a vida. O seu
testemuño colle especial relevancia polas mesmas circunstancias da súa morte: nun ambiente de excesos, rodeado de persoas
triviais, sen valores consistentes, que actuaban desde o rancor, desde o quedar
ben, desde o desprezo á palabra, á vida de quen pretendía axudarlles a ser
xente honrada e coherente. Un verdadeiro exemplo para quen nos nosos tempos
apostamos por ser persoas cristiás na sociedade tan branda na que vivimos.
Oración
Grazas,
meu Deus,
polas
persoas mártires
de
onte e máis de hoxe,
de
todos os tempos da historia da Igrexa.
Grazas
tamén polas persoas mártires
doutras
relixións ou de ningunha relixión.
Grazas
por quen defende o humano, o xusto,
e
afronta con valentía as consecuencias desagradables desa defensa.
Grazas
pola palabra desas persoas mártires,
pola
súa vida, pola súa morte,
polo
seu sangue inxustamente vertido,
aínda
que valentemente ofrecido.
Grazas,
meu Deus, infinitas grazas!
Que
ao seu carón, co seu exemplo,
nos
encoraxemos nós
para
vivir con máis fidelidade e fondura
a
nosa humanidade, a nosa fe.
Acción
Seguro que en máis dunha ocasión temos
cedido á presión do ambiente, e deixamos de dicir ou facer o que a nosa
conciencia nos ditaba por calquera clase de medos. Podemos aprender da nosa
experiencia para entrar algo no espírito das persoas mártires, e chegado o
caso, dar testemuño dos valores, da fe que levamos no corazón.
9 de febreiro: sábado da 4ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mc 6, 30-34
Cando os apóstolos volveron
xuntarse con Xesús, contáronlle canto fixeran e ensinaran. Xesús díxolles:
--Vide
vós comigo e un lugar arredado e descansade un pouco.
Eran
moita a xente que ía e viña e nin para comer atopaban tempo.
Fóronse
sos na barca a un lugar arredado. Pero, ao velos marchar, a xente foinos
seguindo por terra desde todas as vilas e chegaron primeiro ca eles. Así, cando
desembarcaron atopouse cunha grande multitude. El, conmovido, porque eran coma
ovellas sen pastor, púxose a predicar ensinándolles moitas cousas.
Meditación
Unha persoa, unha comunidade cristiá medra
cando somos capaces de compartir as nosas tarefas e compromisos persoais e
comunitarios, cos seus éxitos, cos seus fracasos. Tamén medramos cando miramos
polo noso benestar físico e psíquico e nos dámos tempo para o descanso, para o
xogo, para o compartir festivo e de lecer. Tamén medramos cando, por riba de
todo, o que nos revolve o corpo e a cabeza e as decisións é a presenza do pobo
que anda decaído, esmorecido, como abandonado da mans de Deus. Xesús, ao que se
ve, era un experto en todo isto, en tanta humanidade. Que sorte tiveron con el
os seus seguidores e seguidoras, e que sorte temos nós tamén de telo así ao
noso lado!
Oración
Imos contigo,
Xesús,
a onde ti
vaias.
Fiámonos de ti
e das túas
propostas:
conversa
confiada, descanso,
pracer dunha
mesa compartida,
coa ollada
sempre posta na xente,
no pobo
aburado, esquecido.
Contigo,
Xesús,
aprendendo
sempre de ti
o moito que nos
podes aprender.
Grazas.
Acción
Pénsao, que tempo dedicas ao ocio, ao
descanso, a divertirte algo con compañeir@s e veciñ@s, a cantar, a rir? Xesús
quérete alegre e descansada, e a veciñanza tamén.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.