TEMPO DE PASCUA
Empezamos
o tempo de Pascua, que desde a celebración da Vixilia Pascual nos vai levar
durante seis semanas á solemnidade da Ascensión, logo á de Pentecoste, na que
celebraremos a presenza do Espírito Santo nas nosas vidas cristiás, na vida de
todas as persoas e realidades que hai no mundo.
Durante
a oitava de Pascua o Evanxeo de cada día permite aproximarnos á experiencia
daquelas persoas que dun xeito sorprendente tiveron a experiencia de que Cristo
estaba vivo no medio delas, no medio da comunidade, no medio do mundo. Morrera,
pero a morte non lle arrebatara a capacidade de estar no medio dos seus –todo o
mundo é seu--, iso si, dunha forma nova, que se percibe cunha sensibilidade
nova.
Durante
o tempo da Pascua invitarásenos a realizar nos mesmos esa experiencia de
encontro con Cristo resucitado; cousa que non é cuestión de ningún tipo de
maxia, senón cuestión de estar moi atentas/os á vida de cada día, pois é na
vida de cada día onde Xesús se nos amosará a través de pequenos sinais que falan
del, que nolo fan presente. Por exemplo, se eu levo tempo sen lle falar a unha
persoa veciña, percibo que iso é un atranco para a nosa felicidade, e me
dispoño a retomar esa relación, é a vida que trunfa en min, é Xesús que
resucita en min, ou eu nel. Ou se estaba deixando de participar en algo
comunitario, e vexo que non podo deixar de lado os intereses comunitarios, e me
dispoño a volver a botar unha man, é a vida que trunfa en min, é Xesús que
resucita en min ou eu en Xesús.
A Pascua é un clamor de vida, un clamor pola vida. A
nosa Pascua sempre será unha Pascua parcial, en camiño. Pero é Pascua, porque é
gustar xa o fermoso que é vivir, o fermoso que é compartir vida, o fermoso que
é traballar para que a vida o envolva todo: natureza, animais, xente. A Pascua
realízase sobre todo cando todo o máis fráxil da natureza, dos animais, das
persoas, por fóra ou por dentro, é especialmente atendido, e recupera o gozo de
vivir e de celebrar a vida. No nome do Deus da vida, que para a vida nos creou
e para a vida nos recompuxo en Cristo Xesús.
21 de abril: Domingo de Pascua
Evanxeo:
Xn 20, 1-9
O
día primeiro da semana María a Magdalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda
era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada. Botou a correr e,
chegando onda Simón Pedro e o outro
discípulo a quen amaba Xesús, díxolles:
—Colleron
do sepulcro o Señor e non sabemos onde o puxeron.
Pedro
e máis o outro discípulo saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á
par, pero o outro discípulo corría máis lixeiro ca Pedro e chegou primeiro ao
sepulcro. Abaixándose, viu que estaban
os lenzos, pero non entrou. Daquela chegou tamén Simón Pedro, que o
seguía, e entrou; viu os lenzos pousados alí, pero o sudario que envolvera a
súa cabeza non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón
entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro ao sepulcro; viu e creu.
Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que resucitase
de entre os mortos.
Meditación
Fixémonos en María Magdalena. Vai
ser un personaxe clave en moitos dos relatos que teñen que ver coa resurrección
de Xesús. A Magdalena é unha muller que percibira no seu ser a forza renovadora
de Xesús; dalgunha maneira fora ela mesma resucitada por Xesús das moitas
mortes que enchían a súa vida. Sabía de mortes, de amores, de renovacións
incribles, de resurreccións. E, con estas vivencias no corazón, acudiu ao
sepulcro. Moi cedo. O amor, a dor, non a deixara descansar. O amor mantíñalle
vivo o desexo do reencontro. E volve ao sepulcro, cando menos para chorar
ausencias. E atópase coa sorpresa dunha tumba baleira. Segue soñando cun corpo
morto, sobre o que pousar todos os seus coidados amorosos. Pero as cousas
empezan a tomar outro rumbo. E se o morto non está morto? E se o baleiro, a
forza de buscas, de amor e de fe, se vai enchendo dunha presenza nova? E corre
a compartir coa comunidade os seus achados, as súas ansias, os seus amores, as
súas dúbidas. Ela, a primeira testemuña da resurrección. E, o mesmo que se
correu a pedra do sepulcro, bótase a correr tamén unha roda de amores, de
inquedanzas, de fe, de encontros, que permitiu ter o convencemento de que Xesús
estaba vivo no seo do Pai, no corazón da comunidade, no corazón de cada persoa
que lle abre as portas da vida, no corazón do mundo da solidariedade, que fora
sempre o mundo de Xesús. Viron, entenderon e creron. E invítannos a todas e
todos nós a un recorrido semellante. Desde a busca, desde a fe, desde o amor.
Oración
Alegría, meu
Deus,
porque a noite
se fai día,
porque a
esperanza renace,
porque a morte
se fai vida!
O que pasou con
Xesús
sucede nas nosas
vidas.
Alegría, meu
Deus,
porque o amor e
norte e guía
que abre portas
pechadas
co gozo das
amencidas!
O que pasou con
Xesús
sucede nas nosas
vidas.
Alegría, meu Deus,
canto vale a
teimosía
de quen corre,
busca, loita
con fe humilde,
acendida!
O que pasou con
Xesús
sucede nas nosas
vidas.
Alegría, meu
Deus,
porque a morte
foi vencida
porque a vida
nos foi dada
sen nós a ter
merecida!
O que pasou con
Xesús
sucede nas nosas
vidas.
Acción
Podemos
celebrar a Pascua de Xesús e a nosa con festeira sobriedade. Podemos compartir
con outras persoas a nosa alegría, a nosa esperanza, especialmente con alguén
que vexamos máis maltratadas pola vida.
22 de abril: luns da Oitava de
Pascua
Evanxeo:
Mt 28, 8-15
As mulleres (María Magdalena e
máis a outra María) marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor, pero
cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren aos seus discípulos.
Entón
Xesús saíulles ao encontro dicindo:
—Alegrádevos.
Elas
achegáronse a el, abrazáronlle os pés e prostráronse ante el. Xesús díxolles:
—Non
teñades medo; ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me
verán.
Mentres
elas ían, algúns da garda foran á cidade para informaren aos sumos sacerdotes
de canto acontecera. Eles reuníronse cos senadores e acordaron darlles unha boa presa de cartos aos
soldados, encargándolles:
—Vós
dicide: “os seus discípulos fórono roubar de noite, mentres nós durmiamos”. E,
se o gobernador chega a saber algo, xa o convenceremos nós, sacándovos do
apuro.
Eles
colleron os cartos e fixeron tal como lles mandaran. E así correu este rumor
entre os xudeus ata o día de hoxe.
Meditación
Durante este semana
contemplaremos a resurrección de Xesús vista e vivida por diferentes persoas ou
grupos. Estas experiencias serán coma unha incitación para que tamén nós
teñamos a nosa particular experiencia de Cristo resucitado. Serán experiencias
distintas, pero seguro que coincidirán no fundamental. E o fundamental está moi
ben recollido no relato de hoxe: Un certo temor, que sabe máis a asombro e
admiración que a outra cousa; unha alegría moi grande porque os mellores soños
seguen vivos, unha vontade de compartir o visto e oído con outras persoas; un
reeencontro con Xesús, para o que Xesús dá sempre o primeiro paso, e unha
invitación a retomar no noso lugar de vida o estilo de vida de Xesús, a seguir
soñando os seus mesmos soños.
E
así espelir os ánimos para saber descubrir e realizar a vida resucitada que
pode ir xurdindo nas nosas vidas, no noso entorno. Cousas pequenas nas que se
amose o triunfo da vida sobre da morte, da verdade sobre a mentira, da bondade
sobre a maldade, do comunitario sobre o individualismo, etc. Descubrilo e
celebralo á sombra de Cristo resucitado.
Oración
Que saiba ter os
ollos e o corazón ben abertos, meu Deus,
para descubrir a
vida gañándolle a partida á morte:
cando noutras
persoas ou en min mesma
os amores poidan
máis ca os rancores;
cando non
quedemos indiferentes ante as dores alleas;
cando nos
alegremos coas alegrías da xente débil;
cando gañen a
paz sobre a guerra,
e os dereitos da
xente humilde sobre os privilexios dos grandes.
E así mil cousas
máis,
nas que a vida
se me pode facer coma da casa.
E que nos
saibamos alegrar con ela,
e que a
festexemos en comunidade,
e que a
compartamos para maior gloria túa
e maior gozo e
irmandade nosa.
Acción
Podémonos
esforzar un pouco por ver cousas da nosa vida persoal, familiar, comunitaria,
social, nas que a vida estea podendo máis que a morte. E estaría ben que o
celebrásemos dalgunha maneira coa xente que tales cousas realiza.
23 de abril: martes da Oitava
de Pascua
Evanxeo:
Xn 20, 11-18
Mentres
tanto María Magdalena quedara ao pé do sepulcro, fóra, chorando. Sen deixar de
chorar, abaixouse a ollar no sepulcro. Viu dous anxos vestidos de branco,
sentados, un á cabeceira e outro aos pés do sitio onde xacera o corpo de Xesús.
Eles preguntáronlle:
—Muller,
por que choras?
Ela
respondeulles:
—Porque
colleron o meu Señor e non sei onde o puxeron.
Dito
isto, virouse cara atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que
era Xesús. Xesús preguntoulle:
—Muller,
por que choras? A quen buscas?
Ela,
coidando que era o xardineiro, díxolle:
—Señor,
se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei.
Xesús
díxolle:
—María!
Ela,
virándose, exclamou en hebreo:
—Rabbuni!
(que quere dicir “Mestre”)
Xesús
díxolle:
—Sóltame,
que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles:
subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus.
María
Magdalena foilles contar aos discípulos que vira o Señor e que lle dixera estas
cousas.
Meditación
Volvemos atoparnos con María
Magdalena. Coa súa constancia: os demais marchan, pero ela queda alí, ao pé do
sepulcro. Coa súa dor: chora e chora a ausencia do Xesús querido. Coa súa
busca: entra e mira, observa. Cos seus amores en ausencias: “leváronme o meu
Señor, non sei onde o puxeron”. Coa súa capacidade de percibir as chamadas
cando oe o seu nome. Cos súa dispoñibilidade comunitaria, renunciando á
apetencia de se quedar apegadiña a Xesús.
Por
todo isto, María a Magdalena é unha referencia para nós, cando buscamos ter
unha experiencia de encontro con Xesús resucitado. Nunca se realizará de forma
corporal, nin cos sentidos corporais; pero si se pode sentir co corazón, cos
sentidos espirituais, con esa forma especial de oír, ver, gustar, tocar da que
os seres humanos somos capaces cando nos deixamos levar polo espírito de Deus.
Os lugares onde hoxe podemos atoparnos co Cristo resucitado non é xa un
sepulcro, senón o campo todo da vida, onde se vive e dramatiza a nosa
existencia, con toda clase de circunstancias e sentimentos. Xesús está aí, á
espera de nós.
Oración
Quen me dera,
como a Magdalena,
amor e ansias para
atoparme contigo, Xesús!
Quen me dera
busca, paixón, coma a dela,
para descubrirte
vivo
no traballo da
vida, na loita da vida de cada día,
ben ao noso
lado,
alentando os
nosos esforzos por unha vida digna!
Quen me dera ser
sensible coma ela
para pronunciar
o teu nome con agarimo e admiración,
para seguir os
teus pasos rebeldes
neste meu mundo
apoucado e prepotente a un tempo!
Quen me dera
sentirte dentro, alá no fondo,
conmocionando a
miña vida,
converténdoa
nunha humilde fervenza de gozos e de loitas,
de soños e de
encontros!
Quen, senón ti,
Xesús,
quen, senón o
teu Espírito, Xesús!
Acción
Podemos
volver á nosa vida de cada día, e intentar ver nela algún sinal de vida, que
nos manifeste que Xesús está vivo no medio de nós. Comentámolo. Agradecémolo.
Celebrámolo incluso cun sinxelo brinde.
24 de abril: mércores da
Oitava de Pascua
Evanxeo:
Lc 24, 13-35
Aquel
mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez
quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres
parolaban e discutían, Xesús en persoa achegouse e camiñaba canda eles. Pero os
seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
—De
que ides falando polo camiño?
Eles
pararon cunha cara moi tristeira e Cleofás, un deles, respondeulle:
—Seica
es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí
durante estes días?
El
preguntou:
—De
que, logo?
Eles
contestaron:
—Do
asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras,
ante Deus e ante o pobo todo; de cómo os nosos sumos sacerdotes e demais xefes
o condenaron á morte e o crucificaron. Nós esperabamos que el fose quen
liberase a Israel; pero xa van alá tres días dende que pasaron estas cousas.
Claro que algunhas mulleres da nosas déronnos un susto, porque foron ao riscar
o día ao sepulcro, e, ao non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de
anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ao
sepulcro e atopárono todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.
Entón
díxolles Xesús:
—Que
parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo non
cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?
E
comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as
Escrituras falaban del.
Ao
entraren na aldea onde ían, fixo como quen quería seguir para adiante. Pero
eles porfiáronlle, dicindo:
—Queda
connosco, porque se fai tarde e a noite bótase enriba.
Quedou
con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e
déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E
dixeron:
—Non
ardía o noso corazón, cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as
Escrituras?
E
levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os once reunidos cos
seus acompañantes, que dicían:
—É
certo, o Señor resucitou e apareceuse a Simón.
Eles
tamén contaron o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o
pan.
Meditación
Estamos ante un relato
intensísimo, emocionante. Recolle o estado de ánimo dos seguidores e seguidoras
de Xesús despois da súa morte violenta, e o proceso externa e interno que foron
seguindo ata chegar ao convencemento de que Xesús estaba vivo no medio deles,
sosténdoos nas súas amarguras, alentándoos a proseguir o estilo de vida que
cabo del experimentaran. Relendo as Escrituras, decatándose dos xeitos de
actuación de Deus, que nunca son de poder, senón de servizo, lembrando os
xestos de Xesús, a súa maneira de desenvolverse, de falar, de tratar a xente,
de partir o pan en comunidade, caeron na conta de que Xesús permanecía con
eles; dunha maneira nova, pero permanecía con eles, e con que intensidade!
E
nós estamos invitad@s a ter unha experiencia semellante. A morte non pode co
amor. A morte non borra presenzas fondas. Ao contrario, pode avivecelas. Non se
trata en ningún caso de pensar en aparicións raras. Trátase de ver cos ollos do
corazón, do espírito, e poder percibir presenzas, forzas, alentos que sosteñen
a vida e a volven fresca e vigorosa. Así somos, así podemos ser as persoas
cristiás co noso Cristo no corazón, apostando vigorosamente pola vida.
Oración
Desexo, Xesús,
que se me abran
os ollos para verte
ben vivo e
presente
nas cousas todas
da vida.
No rostro da miña
parella, dos meu fillo ou filla,
nas historias da
xente veciña,
amargas ou
ledas,
nos tempos de
traballo,
nos tempos de
lecer,
cando penso nos
meus problemas,
cando me asomo
aos problemas alleos,
e vexo aquí e
acolá
o gozo e a dor
que hai polo mundo,
nas horas de
ledicia e esperanza,
nas horas de
tristura e desespero…
Desexo, Xesús,
canto o desexo,
que se me abran
os ollos para verte,
para ver que me
ollas
e me falas con
palabras de alento.
Que o teu
Espírito me limpe os olliños
e sempre os
manteña espertos.
Acción
Igual estamos pasando por algún
momento de desesperanza; podemos buscar a alguén con quen compartir o noso
desánimo. Igual sabemos doutras persoas que o están pasando mal; podemos
achegarnos a elas para as animar.
25 de abril: xoves da Oitava
de Pascua
Evanxeo:
Lc 24, 35-48
Naquel tempo contaban eles (os
dos discípulos de Emaús) o que lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no
partir o pan. Estando eles comentando estas cousas, presentouse Xesús no medio
e díxolles:
—A paz sexa convosco!
Sobresaltados e cheos de medo,
coidaban contemplar un espírito. Pero el díxolles:
—Por que estades asustados e a
que veñen esas dúbidas? Mirade para as miñas mans e para os meus pés: sonvos
eu. Palpade aquí e decatádevos de que un espírito non ten carne nin ósos, como
vedes que teño eu.
E dicindo isto, mostroulles as
mans e máis os pés. Pero eles, tolos de contento e sen saíren do seu asombro,
non acababan de crer. Xesús preguntoulles:
—Tedes por aí algo que comer?
Déronlle un anaco de peixe asado.
El colleuno e comeuno diante deles. Logo díxolles:
—A isto me refería eu cando,
estando aínda convosco, vos dicía que conviña que se cumprise todo o que está
escrito na Lei de Moisés, nos Profetas e máis nos Salmos acerca de min.
E abriu os seus entendementos
para que comprendesen as Escrituras. E engadiu:
—Así esta escrito: o Mesías
padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu
nome a conversión e máis o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén.
Vós seredes testemuñas de todo isto.
Meditación
Os primeiros discípulos de Xesús,
uns e outros, mulleres e homes, van vivindo a experiencia de que Deus está vivo
no medio deles. E vana contando, vana compartindo, vana facendo comunitaria.
Len as Escrituras santas e van vendo que hai unha corrente fonda de unidade que
explica o sentido dunha morte que parecía carecer de sentido, e que mesmo
semellaba ser consecuencia dun abandono de Deus.
Así,
coa súa palabra e sobre todo coa súa vida, aquelas mulleres e homes vanse
converter en testemuñas do que Xesús foi e viviu. Testemuñas daquelas mans
furadas, tan afeitas a dar apoios e
alentos; testemuñas daqueles pés, tamén agora furados, tan afeitos a andar
camiños, para atoparse coa xente, coas súas vidas, ledicias e pesares;
testemuñas de Xesús comendo peixe en grupo, aquel Xesús tan amante das comidas
compartidas, onde vía sempre un adianto dun futuro feliz, en irmandade, en
festa, en paz. Testemuñas dun Xesús morto por amor, por solidariedade, pero vivo
no seo de Deus, no seo da comunidade, no seo do mundo. Vivo e dando vida. Vivo
e alentando contra todo mal, contra toda desgraza, contra toda indignidade.
Oración
E dinos Xesús:
Mira a miñas
mans furadas,
meu amigo, miña
amiga,
douchas como
mostra da miña amizade comprometida
contigo.
Mira os meus pés
furados,
meu amigo, miña
amiga,
dispostos a
seguir facendo camiño
contigo.
Mira o peixe que
como,
a fame inmensa
de todos as famentas/os
que quero
compartir e matar
contigo.
Mira a miña
vontade de seguir vivo entre vós,
ofrecéndolle ao
mundo,
á xente máis
fráxil sobre todo,
a posibilidade
de ter vida e tela digna e tela en abundancia,
contigo.
Acción
Podemos
recordar e celebrar hoxe as feridas, ou mesmo mortes, dalgunhas persoas, que
acabaron converténdose en causa de vida para outra xente, para o mundo.
Empezamos mirando para as nosas mesmas vidas, aínda que nos parezan moi
pequenas.
26 de abril: venres da Oitava
de Pascua
Evanxeo:
Xn 21, 1-14
Máis
adiante Xesús aparecéuselles outra vez aos seus discípulos onda o lago de
Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xémeo,
Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e máis outros dous discípulos
seus. Simón Pedro díxolles:
—Vou
pescar.
Eles
contestaron:
—Imos
tamén nós contigo.
Saíron
e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de
romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os
discípulos de que era Xesús. Xesús preguntoulles:
—Rapaces,
tedes algo que comer?
Eles
responderon:
—Non.
Díxolles
entón:
—Largade
o aparello por estribor e atoparedes.
Eles
largárono e xa non podían alzalo a bordo, de tanto peixe. Entón aquel discípulo
a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:
—É
o Señor.
Daquela
Simón Pedro, ao escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido –pois estaba
espido— e botouse ao mar. Os outros discípulos chegaron no bote, porque non
estaban lonxe de terra senón a menos de cen metros, remolcando o aparello cos
peixes. Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba,
e máis pan.
Xesús
díxolles_
—Traede
deses peixes que acabades de coller.
Simón
Perdo subiu ao bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e
tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.
Xesús
díxolles:
—Vinde
comer.
Ningún
dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle “ti quen es”, sabedores de que
era o Señor. Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.
Esta
foi a terceira vez que Xesús se manifestou aos seus discípulos resucitado de
entre os mortos.
Meditación
Este
relato ten un encanto especial. Xesús resucitado é como un amigo que se
reencontra cos seus amigos e convídaos a tomar algo. Neste caso, no canto
dunhas copas, un café ou un vaso de viño, algo máis saudable: un anaco de pan e
un pouco de peixe asado. Que simple, que humano, que precioso iso de Xesús de
preguntarlles se teñen algo que comer, de acender lume e preparar un pique de
pan con peixe, e logo dicirlles: “vide comer”!
Ao ir contando o sucedido, o evanxelista vai
soltando certos convencementos: sen Xesús a pesca non dá froito; as persoas que
o queren son as que máis axiña descobren a súa presenza; os máis botados para
adiante, como Pedro, son resolutivos en todas as cousas; os 153 peixes, e
grandes, fala de abundancias compartidas, como cando comeran o pan
multiplicado, que coas sobras encheran 7cestas; aquel pan con peixe sabía a
eucaristía, porque, en realidade, o cerne da eucaristía non está sometido ao
pan e ao viño, senón ao corazón con que Xesús o comparte, con que nós o
compartimos.
Pero
todo nunha normalidade, nunha familiaridade sorprendente. A nosa vida relixiosa
carece moitas veces desta normalidade humana, destes momentos de estar
compartindo, gozando; desta grandeza de vida amosada en xestos humildes, en
solicitudes por cousas simples, que tanto contribúen a sentirnos ben, a gusto,
dentro do noso grupo de fe e de vida.
Oración
Sinto que te
preocupas por nós, Xesús:
se temos ou non
que comer,
se temos ou non
de que vivir,
se a nosa vida é
boa, feliz, completa…
Sinto que para
min, para nós,
preparas o pan
con peixe,
como un detalle
de amizade,
porque tes ansia
de nós,
e queres matar
as nosas fames,
as fames de
todos,
todas as fames.
Imaxínote
dándonos o pan con peixe,
como noutrora
nos dás pan con viño,
signos da vida,
do traballo, dos soños compartidos.
Imaxínote
preguntando amigablemente
como nos vai,
na casa, na
comunidade, no pobo, en Galicia, no mundo,
acollendo as
nosas ansias,
compartindo
tamén as túas.
E desta forma
tan sinxela,
amosándote vivo,
resucitado,
no medio da nosa
comunidade,
das nosas vidas.
Grazas, Xesús.
Acción
Seguro
que temos algunha persoa ou grupo co que nos xuntar, para tomar algo xuntas,
para falar como nos vai na vida, para compartir algo do que vai sucedendo no
fondo das nosas vidas. É unha forma de vivir ao estilo de Xesús resucitado.
27 de abril: sábado da Oitava
de Pascua
Evanxeo:
Mc 16, 9-15
Xesús
resucitou no abrente do primeiro día da semana e aparecéuselle en primeiro
lugar a María Magdalena, da que botara sete demos. Ela fóillelo dicir aos
compañeiros del, que estaban chorosos e tristeiros. Pero estes, oíndolle dicir
que estaba vivo e que ela o vira, non llo creron.
Despois
disto, aparecéuselles en figura diferente a dous que ían de camiño a un lugar.
Estes fóronllelo contar tamén aos demais, pero nin a eles os creron.
Por
último aparecéuselles aos once mentres estaban á mesa e botoulles na cara a súa
incredulidade e a dureza de corazón por non creren a aqueles que o viran resucitado
de entre os mortos. E díxolles:
—Ide
polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación.
Meditación
Neste pedaciño de Evanxeo Marcos
fai como un resume de varios encontros de Xesús resucitado con diferentes
persoas. Xa os fomos vendo en días pasados. Chama a atención neste resume a
incredulidade dos discípulos, que o mesmo Xesús lles bota en cara nun encontro
co grupo. Quizais tamén nós dubidemos. Resucitar non é crer que Xesús recuperou
o seu corpo e anda por aí como ás agachadas. Resucitar quere dicir que Xesús
está en Deus, totalmente en Deus, dunha maneira nova, inimaxinable para nós. E
que polo tanto forma parte deste mundo de ben, de amor, de solidariedade no que
nos movemos tamén os humanos todos.
Pode
estar ben crer porque nolo contan. Pero realmente un cre de veras cando fai a
experiencia daquilo no que cre. Non podo crer que Deus é un Deus de amor, se
non me sinto realmente amado por el. Non podo crer que Xesús resucitou e está
vivo na miña vida, no medio da comunidade, no medio do mundo, se realmente non
o experimento vivo en min. As nosas comunidades cristiás deberían axudarnos a
experimentar isto.
Oración
Que podo facer, meu Deus,
para sentir vivo dentro de min,
o teu Cristo,
a Xesús de Nazaré?
Cavilar e cavilar,
debater e debater,
rezar e rezar,
ou simplemente amar e servir,
seguindo de cerca as súas pegadas?
Ti acompáñasme na miña
incredulidade:
que non se me endureza o corazón,
meu Deus.
Acción
Sería ben bonito xuntarnos as
persoas cristiás un día para compartir como estamos crendo nós en Xesús
resucitado, como apostamos por el. Tamén sería ben bonito xuntarse xente
diferente para compartir como estamos crendo no porvir das nosas vidas no campo
ou na cidade, e como apostamos por ese futuro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.