26 de abril: domingo
3º de Pascua
Evanxeo: Lc 24, 13-35
Aquel mesmo día dous dos discípulos ían
camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían
falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en
persoa achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban
incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
—¿De que ides falando polo camiño?
Eles pararon cun aspecto moi tristeiro, e
Cleofás, un deles, respondeulle:
—¿Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén
que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?
El preguntou:
—¿De que, logo?
Eles contestaron:
—Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi
profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os
nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron a morte e o crucificaron.
Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel, pero xa van alá tres días
dende que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos
un susto, porque foron ao riscar o día ao sepulcro e, ao non atoparen o corpo,
volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E
algúns dos nosos alá foron ao sepulcro e atopárono todo como as mulleres
dixeran; pero a el non o viron.
Entón díxolles:
—Que parvos e lentos sodes para crer todo o
que anunciaron os profetas! E logo ¿non cumpría que o Cristo padecese todo
isto, antes de entrar na súa gloria?
E comezando por Moisés e todos os profetas,
foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.
Ao entraren na aldea onde ían, fixo como quen
quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
—Queda connosco, porque se fai tarde e a
noite bótase enriba.
Quedou con eles. E mentres estaban na mesa,
colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e
recoñecérono, pero el desapareceu. E dixeron:
—¿Non ardía o noso corazón, cando nos falaba
polo camiño interpretándonos as Escrituras?
E levantándose axiña, volveron a Xerusalén.
Alí atoparon os once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
—É certo, o Señor resucitou e apareceuse a
Simón.
Eles tamén contaron o que lles pasara polo
camiño e como o recoñeceran no partir o pan.
Meditación
O relato narra o encontro de Xesús cos
discípulos camiñantes. Non o recoñecen. Coméntalles as Escrituras, a Palabra de
Deus, que non acaban de entender. É unha palabra de Deus que vai respondendo ás
súas dúbidas, ás súas tristuras, ás súas esperanzas. É unha Palabra de Deus
comentada con viveza, con paixón. Non é unha palabra de Deus dita no aire, ao
tun-tun, desconectada da vida das persoas que a escoitan. Por iso lles chega a
alma, aínda que de momento non o noten. ¿Como acollemos, comentamos, achegamos
a Palabra de Deus ás nosas vidas? Como nola achegan as persoas que presiden as
nosas celebracións ou a nosa formación?
Segue o encontro; faise noite, Xesús parece
querer separarse e seguir; ofrécenlle quedar e cear. Xesús queda, parte o pan,
ábrenselles os ollos e caen na conta da súa presenza, e da quentura que lles
metera no corazón. Ofrécennos as nosas Eucaristías, os nosos grupos, espazos de
encontro con Xesús? Sentimos nelas que se nos abren os ollos, que nos arde o
corazón? Todo se aclara, cando aparece o xesto supremo de partir o pan, de
compartir o pan, a vida, o que un é, o que un ten. Compartir abre os ollos da
fe, tanto na celebración como nos demais tempos da vida. ¿Que experiencias
temas de todo isto?
Nada máis comer, nada máis experimentar a presenza
viva de Xesús, axiña, volven onda os seus compañeiros e compañeiras a compartir
o vivido. Xesús desapareceu da súa vista, pero deixoulles o convencemento de
que hai que volver onda os compañeiros/as para facer medrar as esperanzas, para
alentar, para recuperar o gusto pola vida, polas cousas da vida, para
reemprender con ánimo o camiño que lle viran facer ao mesmo Xesús.
Desaparecera, pero levábano dentro, moi dentro, coma un motor que os empuxaba
cara aos lugares onde a xente sofre e espera acompañamentos de calidade. Estaba
sendo así a Pascua de Xesús. ¿Temos nós esta experiencia? ¿Saímos das nosas
Eucaristías co corazón quente, cos ánimos espelidos para a loita e o gozo da
vida? Por que non, se é que non?
Ser
acompañadas/os e acompañar. O evanxeo tamén nos empuxa a esta dobre tarefa.
Querer e deixarse querer. Acompañar e deixarse acompañar. Se hai algo precioso
na vida, se hai algo que lle gustase a Xesús, era isto de acompañar e quererse
acompañado. Todos os días vemos persoas, homes e mulleres, veciños e veciñas
nosas, necesitadas de compaña. Nós mesmas/os tamén o estamos, ¿ou non? ¿Déixome
querer e acompañar? ¿Comparto con outras persoas as miñas penas e alegrías, as
miñas esperanzas e desesperos? ¿Acollo e agradezo ese servizo que outras persoas
me poden prestar? ¿Préstome á tarefa do acompañamento? Na comunidade cristiá da
que formo parte cultivamos isto de acompañar e de deixarse acompañar, coma
irmáns e irmás, como Xesús o facía?
Na celebración de hoxe podemos vivir algo de
todo isto. Oxalá o fagamos! Oxalá así se nos quente o corazón coma a aqueles
dous discípulos de Emaús, nos que todos e todas nós estamos retratadas.
Oración
Xesús,
compañeiro de camiño,
ás veces ben visible,
ás veces invisible, pero igualmente a carón,
preséntome diante túa
traendo nas mans tristezas propias e alleas,
con amarguras e desalentos.
Éche o que hai
nestes tempos tristes de paro e fractura de soños,
nestas horas acedas de soidades e decepcións.
Éche o que hai
nas vidas, aínda nas máis abundantes,
que non saben entrar no corro gozoso da comunidade,
do compartir: palabra, sentimentos, cartos, vida.
Que a túa palabra nos atraia,
nos abra os ollos e o corazón.
Que a túa presenza, evidente ou non,
nos quente o corazón,
nos espila os soños,
nos devolva a esperanza
e as ganas de vivir, de convivir, de loitar, de festexar.
Quédate,
queremos que te quedes,
que partas connosco o teu pan,
nas tardiñas da vida,
cando xa case é noite...
Compartes connosco o teu pan,
a túa presenza de resucitado,
o teu alento, a túa esperanza,
as túas formas de vivir con xeitos novos, solidarios, fraternos.
No campo, nas vilas, nas cidades
saberemos acoller o teu pan e a túa palabra?
Saberemos facernos en ti, contigo,
de novo, creadores de ilusións?
Acción
Podémonos dispoñer a facer algunha práctica
de acompañamento con algunha persoa que o necesite: algún veciño ou veciña,
algunha persoa enferma, alguén que vexamos que anda en desalentos.
27 de abril: luns da 3ª semana de
Pascua
Evanxeo: Xn 6, 22-29
Ao día seguinte de que Xesús multiplicara o
pan, a xente que quedara na outra banda do mar decatouse de que alí non había
máis ca un bote e que Xesús non montara nel cos seus discípulos, senón que
estes marcharan sos. Nisto chegaron algúns botes de Tiberíades, de cerca do sitio
onde comeran o pan despois de o Señor dar grazas a Deus. Así que, en vendo a
xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos
botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús. Atopárono na outra banda do mar
e dixéronlle:
—Rabí, cando chegaches aquí?
Xesús contestoulles:
—Con toda verdade volo aseguro: buscádesme
non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. Traballade
non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica á vida eterna, o que vos
dará o fillo do Home, pois el é a quen o Pai Deus marcou co seu selo.
Eles preguntáronlle:
—Que temos que facer para realizar as obras
de Deus?
Respondeulle Xesús:
—Esta é a obra de Deus: que creades naquel
que El mandou.
Meditación
Durante esta semana leremos o capítulo 6 do
evanxeo de Xoán, no que o evanxelista nos ofrece o chamado “discurso do pan de
vida”. O pedaciño de hoxe vainos dando as claves para poder entendelo e levalo
á vida. Preséntanos a un grupo que busca a Xesús con ansia, e non está nada mal
iso. Quedaran asombrados polo da multiplicación do pan e dos peixes, e querían
beneficiarse dunha presenza tan xenerosa. Xesús axúdalles a que miren para o
porqué da súa busca: queren un beneficio material inmediato, non pensan en máis
nada. E a cousa non vai por aí. Xesús claro que se esforzou por devolver a
dignidade á xente, e iso implicaba cousas tan elementais como garantir o pan de
cada día para cada quen, para todo o mundo; pero para Xesús a dignidade dunha
persoa non se limitaba a iso; tiña moito que ver con fartar esa fame fonda que
todas, todos levamos connosco: fame de paz, fame de recoñecementos, de afectos,
fame de solidariedades, de compartir, fame de familia, de comunidade, fame de
perdóns, de reconciliacións cun mesmo, coa demais xente, fame … de Deus. E para
calmar esa fame Xesús é un bo pan. A pan multiplicado que había pouco calmara a
súa fame era un sinal, un símbolo desoutro pan de Xesús, máis substancial,
capaz de calmar as fames fondas do ser humano. Se ambas as fames camiñan xuntas
nas nosas vidas, é ben que ambos os pans nolas calmen.
Oración
Que bo é ter fames, Xesús,
para buscar calmalas!
Que bo é ter pan, bo pan,
para poder matalas!
Que bo é sentir as fames alleas,
para poder remedialas!
Que bo é sentir as fames do mundo,
para poder alivialas!
Que bo é sentar xuntas á mesa,
para compartir fartadas!
Que bo é terte a ti, Xesús,
espertando desexos do todo e da nada,
ofertando farturas
a prezo de amor, de soños en alza,
a prezo de esperanza,
a prezo sen prezo,
que o pan é de graza!
Acción
Cales son as nosas fames? Que estamos comendo
para fartalas? Que fames vemos ao noso redor? Que facemos para alivialas?
28 de abril: martes da 2ª semana de
Pascua
Evanxeo: Xn 6, 30-35
Nunha
ocasión a xente dicíalle a Xesús:
—E
que sinal fas, para que, véndoo, creamos en ti? Que podes facer? Os nosos pais
comeron o maná no deserto, conforme está escrito: “deulles a comer pan do ceo”.
Entón
díxolles Xesús:
—Con
toda verdade volo aseguro: non foi Moisés quen vos deu o pan de ceo; meu Pai é
quen vos dá o verdadeiro pan do ceo; pois o pan de Deus é o que baixa do ceo e
lle dá vida ao mundo.
Dixéronlle
entón:
—Señor,
dános sempre dese pan.
Xesús
replicoulles:
—Eu
son o pan da vida; quen vén onda min non pasará fame e quen cre en min
endexamais non terá sede.
Meditación
Sabemos moito de pan. Distinguimos un pan bo
dun pan ruinceiro. Gústanos máis o de tal panadería ca non o de tal outra. O
evanxeo de hoxe vai de pans e de panadeiros ou panadeiras.
Onte falabamos de fames, que as temos de
moitos tipos: de comida, de acollida, de consideración, de afectos, de familia,
de paz fonda, de sentido da vida, de alegría verdadeira, … Na sociedade hai diferentes panadeiros
ofertando pans para satisfacer esas fames. Pans mellores ou peores. Xesús
ofrécesenos como un pan bo, excelente, para matar esas fames, sen lle quitar
méritos a outros pans posibles. O pan de Xesús é un clamor dentro de nós mesmos
para que empecemos buscando a mantenza elemental, necesaria para todo ser
humano. Ademais o pan de Xesús garántenos atender esoutras fames fondas que
acompañan o ser humano, e que incluso se manifestan con moita claridade cando
estamos coa barriga ben chea.
Xesús é un pan bo para a fame do mundo. Deus
é o panadeiro que fixo ese pan e que nolo ofrece gratuitamente.
Oración
Grazas, meu Deus, polo teu pan.
Pan bo,
pan saboroso, esponxoso
pan farturento,
pan sobranceiro.
Pan de boa fariña,
de bo gran
dese que morre para dar froito.
Pan ben cocido,
ben pasado polas lapas quentes do servizo.
Pan gratuíto
en todas as mesas pobres.
Pan de familia,
de comunidade,
de irmandade.
Pan de Xesús,
pan de Deus,
pan noso.
Grazas, meu Deus polo pan.
Acción
Ao longo deste día podemos reparar nos
distintos pans que desde diferentes lugares da nosa sociedade se nos ofrecen
para calmar as nosas fames. Podémolos valorar e ver que teñen e que lles falta
do pan de Xesús.
29 de abril: mércores da 3ª semana
de Pascua
Festa de Santa Catalina de Siena, doutora e
patroa de Europa.
Evanxeo: Mt 11, 25-30.
Nunha ocasión dixo Xesús:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis
da terra, porque lle escondiches estas cousas á xente sabia e entendida e llas
revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así.
Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o Fillo agás o Pai, nin
ninguén coñece o Pai agás o Fillo e a persoa a quen o fillo llo queira revelar.
Achegádevos a min todas as persoas que
estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e
aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as
vosas almas; porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga é liviá.
Meditación
Catarina de Siena (Siena, 1347 – Roma, 1380)
foi unha gran muller mística; isto quere dicir que, no seu caso, desde moi
noviña, tivo unha especialísima experiencia de Deus na súa vida, conforme as
formas de piedade daquela época. Meteuse monxa dominica e viviu a fondo o
anunciado por Xesús no evanxeo de hoxe. Gozou dun coñecemento amoroso de Deus
durante anos de soidade e retiro, pero tamén se ofreceu coma Xesús para ser
alivio da xente desfavorecida e, sobre todo a partir dos 23 anos, para promover a paz e a concordia dentro e
fóra da Igrexa. Paulo VI nomeouna Doutora da Igrexa no 1970, e Xoán Paulo II
declarouna Patroa de Europa no 1999.
Invítanos santa Catarina a coidar a nosa
experiencia de Deus, e invítanos tamén a ser persoas de reconciliación. Ambas
as dúas cousas ben necesarias no momento histórico que nos toca vivir. Tamén
nos invita a soñar co marabilloso papel que poderían desempeñar as mulleres na
Igrexa, deixándolles desenvolver as súas capacidades todas.
Oración
Para construír unha Europa fraterna,
FORTALÉCENOS, CATARINA.
Para superar vellos tics de prepotencia.
Para respectar aos pobos pequenos do Terceiro Mundo.
Para abrir as nosas portas a quen por necesidade peta nelas.
Para construír Europa desde a preferencia polo pequeno.
Para vivir e morrer coa paz sempre nas mans.
Para investir en pan o que investimos en armas.
Para abrir o noso progreso á forza do Espírito.
Acción
Podemos achegarnos algo á biografía de Santa
Catarina, desde calquera santoral ou desde o mesmo google. Seguro que
atoparemos aspectos que nos sorprendan e animen.
30 de abril: xoves da 3ª semana de
Pascua
Evanxeo: Xn 6, 44-51
Nunha
ocasión díxolle Xesús á xente:
—Ninguén
pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no
derradeiro día. Está escrito nos Profetas: “todos serán ensinados por Deus”.
Todo aquel que escoita o Pai e aprende, vén onda min. Non porque alguén vise o
Pai; o único que viu o Pai é o que estaba onda Deus. Con toda verdade volo
aseguro: quen cre ten vida eterna.
Eu
son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este
é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. Eu son o pan vivo
que baixou do ceo: se alguén como deste pan vivirá para sempre; e o pan que eu
darei é a miña carne, para a vida do mundo.
Meditación
Que preciosa e fonda é esta frase: “todos,
todas serán ensinadas por Deus”. E cando di todos ou todas, di todos ou todas.
Se tod@s somos ensinad@s por Deus, iso quere dicir que no fondo de min mesma, e
de todo ser humano existe algo limpo, sinxelo e grande que me conecta con
Xesús, que é o gran ensinado por Deus. Quere dicir que en min, en todo ser
humano hai, pode haber, unha atracción cara a Xesús, unha empatía co que el
dixo, co que viviu, co que el nos transmitiu. De feito cantas veces non temos
escoitado iso de “eu en Xesús si que creo; en quen non creo é nos curas, ou na
Igrexa”. E de feito tamén cantas veces non vemos xente que igual non é crente,
ou é crente doutras relixións, pero no fondo conecta co mundo de amores, de
inocencias, de transparencias, de solidariedades e servizos, polo que Xesús
entregou a súa vida!
Por iso Xesús é pan de vida para todo home ou
muller. Por iso nel todos, todas atopamos vida. As nosas raíces están
intimamente conectadas. O zume, a “savia”de Deus, do que Xesús está cheo, corre
abundante polas nosas veas.
Oración
Veño, Xesús, onda ti
para aprender cousas do noso Deus.
Veño onda ti,
para vivir iso de telo como Pai ou Nai
que todo o sustenta,
que todo o ama,
que todo o coida.
Veño, Xesús, onda ti,
para escoitar e aprender,
para crer
ao xeito de Xesús.
Para fartarme do seu pan
e deixar que a vida me invada
e que reborde de min sen parar
cara ás persoas que me rodean.
Aprender, Xesús,
ir aprendendo,
pouco á pouco,
á medida da miña debilidade,
á medida da túa esplendidez.
Acción
Se todas as persoas son ensinadas por Deus,
todas as persoas nos poden pasar algo de Deus. Como vivimos isto cada día no
noso trato coa xente que nos rodea?
1 de maio: venres da 3ª semana de
Pascua
Evanxeo: Xn 6, 52-59
Unha vez discutían entre si os xudeus:
—Como pode este darnos a comer a súa carne?
Díxolles entón Xesús:
—Con toda verdade volo aseguro: se non
comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida
en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue ten vida eterna e eu
resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu
sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue
permanece en min e eu nel. Así como o Pai, que me mandou, vive e eu vivo polo
Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non
como o que comeron os pais que mesmo así morreron; quen come este pan vivirá
para sempre.
Dixo estas cousas ensinando na sinagoga, en
Cafarnaúm.
Meditación
Todos entendemos ben que quere dicir Xesús
con iso de comer a súa carne e de beber o seu sangue. Non se trata de nos facer
caníbales. A carne, o corpo, é a vida de Xesús, o seus falar, o seu actuar, as
súas maneiras de estar coa xente, de tratar con Deus, o seu poñerse con
decisión do lado de quen sofre e peca, de quen é marxinado por calquera razón.
Comer a súa carne é compartir o seu estilo de vida. E beber o seu sangue é
participar co alento, do nervio, da forza que movía todos os seus andares.
Beber o seu sangue é participar do seu mesmo Espírito, para poder facer como el
facía.
Cada punto do texto anterior préstase a que o
leamos, o releamos con calma, e deixemos que vaia penetrando no noso interior,
para que envolva todo o noso corpo, toda a nosa mente, todas as nosas emocións,
todo o noso ser de pés a cabeza. Así o que lemos e meditamos pódese ir facendo
vida nas nosas vidas.
Oración
Permanecer en ti, Xesús,
permanecer no Pai/Nai,
como no noso lugar habitual
no que estar, pensar e actuar.
Vivir por ti, Xesús,
vivir polo Pai/Nai,
desde os mesmos alentos,
cos mesmos desexos.
Facer da nosa fe
algo de verdadeira calidade,
que nos sosteña realmente a
vida,
que ofreza algo convincente.
Andar sempre en humildade,
en pobreza, en seguimento,
non por apoucamento,
senón desde o impulso
solidario.
Acción
Podemos revisar como estamos vinculados con
Xesús, que cordas nos unen a el. Significa realmente algo nas nosas vidas?
Contamos con el á hora de dar pasos na vida, de abastecernos de forzas, de
pensar no ben da xente que nos rodea?
Ou: Mt 13, 54-58, pola festa de
S. Xosé obreiro, o día internacional da xente traballadora
Nunha ocasión Xesús volveu para a súa terra,
e, de tal xeito ensinaba na sinagoga, que a xente dicía abraiada:
—¿De onde lle veñen a este esa sabedoría e
eses milagres? ¿Non é o fillo do carpinteiro? ¿Non se chama María a súa nai, e
seus irmáns Santiago, Xosé, Simón e Xudas? E súas irmás ¿non viven connosco?
Entón, ¿de onde lle vén todo isto?
Estaban realmente escandalizados por causa
del. Pero Xesús díxolles:
—A un profeta só o aceptan mal na súa terra e
na súa casa.
E non fixo alí moitos milagres pola falta de
fe daquela xente.
Meditación
Xesús falaba de forma tan sorprendente, que
deixaba a xente abraiada. Noutro lugar dise que Xesús impresionaba falando,
porque falaba con autoridade. Unha persoa fala con autoridade cando o fai con
convencemento, que se ve que transmite o que vive, que non é un barulleiro
baleiro, que a súa vida se corresponde co que fala. Persoas desas igual non hai
moitas, pero todo sabemos distinguilas e aprecialas moi ben. Xesús era así. E a
xente estrañábase, porque Xesús era un obreiro, un carpinteiro, ben coñecido el
e ben coñecida toda a súa parentela na aldea, e parecíalles que iso de falar
con competencia era cousa dos estudados.
O de Xesús era vivir e falar con competencia
de Deus e da vida, de Deus e da xente, de Deus e das persoas máis fráxiles, de
Deus e do mundo do traballo daqueles tempos. Que bo militante obreiro era
Xesús! Quen nos dese que houbese así coma el moitos e moitas militantes
obreiras nos días de hoxe! Que ben se cada cristián ou cristiá traballadora nos
nosos días tivésemos a forza, a conciencia, a honestidade, a liberdade, o
desprendemento, o mirar polos outros, que Xesús tiña! Con cantos valores cristiáns
–dos de Xesús— poderiamos enriquecer a clase traballadora tamén nos nosos
tempos!
Oración
Que non nos falte a ninguén o pan de cada día
—orabas ti, Xesús.
Que a xente toda, sen excepción, sen exclusión,
teña traballo, terra e teito
—suplicaba o Papa Francisco co movemento obreiro internacional.
Que se acabe esa historia mortífera
de que unha inmensa maioría de xente pobre é cada vez máis pobre,
mentres unha minoría rica se enriquece cada día máis
—berran hoxe multitudes de xente excluída.
Que aceptemos o decrecemento, rebaixando afeito a nosa renda,
empezando polos máis ricos,
para que todo o mundo teña pan, sanidade, escola, traballo, dignidade
—di hoxe unha escasa minoría soñadora.
Que todo o mundo nos tratemos en todo coma se fósemos irmáns e irmás,
fillos e fillas da mesma familia,
ao redor da fonte da fraternidade que chamamos Deus
—di a conciencia crente de toda a humanidade.
Que saibamos escoitar esas voces, Xesús,
escoitar e facer.
Acción
Podemos participar nalgunha manifestación
obreira deste día. Nalgunha conversa que teñamos podemos compartir os nosos
soños cristiáns de fraternidade ao redor dun decrecemento que posibilite vida
digna para toda a poboación do mundo.
2 de maio: sábado da 3ª semana de
Pascua
Evanxeo: Xn 6, 60-69
Naquel tempo, cando oíron o que Xesús dicía,
moitos dos seus discípulos dixeron:
—Que dura é esta doutrina! Quen pode admitir
tal cousa?
Comprendendo Xesús que os seus discípulos
murmuraban do asunto, díxolles:
—Escandalízavos iso? E logo se visedes o
fillo do Home subindo onde estaba antes? O espírito é quen dá vida, a carne non
vale para nada; as palabras que eu vos falei son espírito e son vida. E, aínda
así, hai algúns de vós que non cren.
Daquela ben sabía Xesús dende o principio
quen eran os que non crían e máis quen o había de entregar. E proseguiu:
—Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a
min, se non llo concede o Pai.
Dende aquela moitos dos seus discípulos
botáronse para atrás e xa non andaban con el. Preguntoulles entón Xesús aos
doce:
—Vós tamén vos queredes ir?
Respondeulle Simón Pedro:
—Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras
de vida eterna, e nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.
Meditación
Que lles pasou con Xesús a moita xente que
ata daquela andaba con gusto tras del? Que é o que os botou para atrás e os
levou a deixar de andar con Xesús? Puido ser iso de que Xesús se puxese como
referencia fundamental á hora de querer andar polos camiños de Deus; esa
contundencia coa que Xesús afirmaba que el era o pan necesario, imprescindible
para ter vida, vida sa, vida consistente, vida feliz, vida aberta á eternidade.
Que es ti para te considerares tan necesario, para crerte o camiño, a verdade e
a vida? E máis probablemente aínda botounos para atrás a maneira que Xesús tiña
de entender a súa misión: facerse servidor ata o punto de dar a vida, ata o
punto de facerse coma un pan que é comido para que a xente, o pobo medre e
engorde en vida.
E a nós que nos arreda de Xesús? Que é o que
nos impide andar con el de verdade? Que é o que nos leva a ese seguimento
apagado que tanto nos caracteriza ás persoas cristiás dos nosos tempos?
Oración
Xesús, onda quen habemos de ir?
Ti tes palabras de vida eterna.
Nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.
Que o teu espírito
confirme os nosos convencementos,
madure as nosa decisión por ti,
nos faga fortes na hora da dificultade e da dúbida,
cando se trate de facernos pan contigo
para a vida do mundo.
Que non nos engaiolen as promesas fofas,
as felicidades baratas,
as solucións cómodas,
a insensibilidade, o pasar de todo,
a indiferenza.
Nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.
Acción
Como andamos de fieis cos nosos compromisos
alí onde os teñamos? Na comunidade cristiá, na parroquia, na asociación de
veciños, no partido político? Como andamos de fieis no noso compromiso con
Xesús, o Cristo? Onde están as nosas frouxidades, como as podemos ir superando?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.