3 de maio: domingo 4º de Pascua
Evanxeo: Xn 10, 1-10
Nunha ocasión dixo Xesús:
—Con toda verdade volo aseguro: o que non
entra pola porta no curral das ovellas, senón que sobe por outra parte, é un
ladrón e un bandido. En cambio, quen entra pola porta é o pastor das ovellas. A
ese ábrelle o porteiro e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome
e lévaas a fóra. Cando as dá sacado todas, vai diante delas e as ovellas
ségueno, pois recoñecen a súa voz. Pero a un alleo non o seguirán, senón que
fuxirán del, pois non coñecen a voz dos alleos.
Díxolles Xesús esta alegoría, mais eles non
coñeceron que era o que lles daba a entender. Entón díxolles de novo:
—Con toda verdade volo aseguro: eu son a
porta das ovellas. Todos os que viñeron antes ca min eran ladróns e bandidos;
pero as ovellas non os escoitaron. Eu son a porta; se alguén entra por min,
salvarase: entrará e sairá e atopará pasto. O ladrón non entra senón para
roubar, matar e estragar. Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de
abondo.
Meditación
Deteñámonos na última frase do mesmo na que
Xesús afirma: “Eu vin para que teñan vida e para que a teñan de abondo”. Ter
vida é a aspiración maior de todo ser humano. Pero é posible que sexan as
persoas e grupos sociais máis marxinados os que leven dentro de si con máis
forza e urxencia esta aspiración: ter vida, ter vida. Ter vida persoal e social
digna é o desexo último de todo o empeño levado a cabo en España polo Goberno e
por toda a cidadanía para controlar os efectos do Coronavirus e volver á normalidade. Ter vida é o que quere o
emigrante subsahariano que está ás portas de España, do Norte, buscando a
maneira de meterse aquí, porque lle parece que así pode atopar vida para si e
para os seus. Ter vida é tamén o que quere a persoa que está parada e busca
traballo, porque entende que o traballo lle abrirá portas e posibilidades. Ter
vida é o que desexan as familias que se atopan con graves dificultades para
chegar a fin de mes. Ter vida é tamén a ansia das persoas adictas, e incluso
tamén a ansia das persoas desfeitas polas súa propia maldade ou ruindade.
Os nosos desexos dunha vida digna entran
dentro da proposta de vida abundante que Xesús nos veu ofrecer. ¿Temos
conciencia clara de que Deus, Xesús, está así en favor da vida de todos, pero
maiormente de quen máis a necesite? Nas nosas comunidades cristiás ¿prolongamos
estas mesmas intencións de Xesús, de xeito que delas poidamos dicir todos,
todas, as de dentro e as de fóra: a comunidade cristiá está aquí para que a
xente teña vida e a teña de abondo? Pararnos nisto, examinarnos nisto, xa
podería chegar para o noso aproveitamento da Palabra de Deus no día de hoxe.
Podemos dar un paso máis. ¿Que entende, logo,
Xesús por vida abundante? Ou ¿cal é esa vida abundante que el veu traer? Para
Xesús a vida abundante, plena dáse cando está cruzada polo alento comunitario,
cando pensamos uns nos outros, nas outras, cando non pretendemos construír a
nosa casa, a nosa vida, en solitario, despreocupándonos de como lles vaia aos
demais, cando facemos da vida unha tarefa común, compartida, solidaria, amorosa
de verdade. Por iso a vida abundante de Xesús é normal que se dea sobre todo
entre quen vive sobriamente porque comparte, e non tan facilmente entre quen se
enriquece pero non ten en conta a debilidade de quen non ten. Por iso a vida
que Xesús ofrece non cadra coas trampas, coas corrupcións, co afán de mando,
coas envexas.
Na Eucaristía achegámonos a Xesús para comer
o mellor bocado que Deus nos quere dar para que teñamos vida, para que aprendamos
a ter e construír vida. Ese bocado é a palabra e o corpo de Xesús, acollidos en
comunidade, con espírito comunitario dentro da igrexa e fóra dela, na rúa, na
vida de cada día.
Oración
Grazas, Xesús,
porque te preocupas por nós,
os teus irmáns e irmás,
os teus compañeiros de vida e de ilusións!
Grazas, Xesús,
por te preocupares por min!
Grazas:
coma un pai ou unha nai
quere para os seus fillos e fillas
o bocado mellor, máis san e nutritivo,
a educación mellor,
o porvir mellor,
así tamén ti queres para nós
todo o mellor,
a vida mellor, ben humanizada, ben feliz.
Grazas, Xesús,
polas persoas que entre nós
teñen a responsabilidade de acompañarnos no camiño da vida
(pais, nais, mestres, profesores, curas, líderes de todo tipo...)
indo detrás, diante ou no medio de nós,
segundo conveña.
Grazas especialmente
polos que se esforzan en seren guieiros coma ti,
que escoitan os membros da comunidade,
que os coñecen un a un, polo nome, pola vida,
polas súas penas e alegrías,
que están dispostos/as, se fixer falla,
a dálo todo, ata a mesma vida, por eles,
coma ti.
Grazas, Xesús,
por poder formar parte do teu grupo, da túa comunidade,
por poder escoitar cada día a túa voz,
manternos coa túa presenza resucitada,
e, contigo,
poñer un pouco máis de vida,
alí onde a vida sexa fráxil ou estea ausente.
Grazas, Xesús,
¿que sería de nós sen ti?
Acción
Gocemos hoxe con algunha cousa boa da vida:
un xuntar familiar, un paseo pola natureza, a visita a unha persoa amiga; faino
en grupo, se podes. Compartamos o noso gozo de vivir con outras persoas.
4 de maio: luns da 4ª semana de
Pascua
Evanxeo: Xn 10, 11-18
Nunha ocasión dixo Xesús:
—Eu son o bo pastor. O bo pastor dá a súa
vida polas ovellas. O criado, que non é pastor, aquel de quen non son as
ovellas, cando ve vir o lobo, deixa as ovellas e foxe, e o lobo rapínaas e
dispérsaas; porque el anda ao xornal e as ovellas non lle importan. Eu son o bo
pastor: coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min. Igual que o Pai me coñece a
min e eu coñezo o Pai e dou a miña vida polas ovellas. Teño ademais outras
ovellas que non son deste curro; tamén a esas as teño que guiar, e escoitarán a
miña voz e farase un único rabaño e un único pastor.
Por iso me ama o Pai, porque eu dou a miña
vida, para tomala de novo. Ninguén ma quita; non, eu douna voluntariamente.
Teño poder para dala e teño poder para tomala de novo. Este mandato recibino do
meu Pai.
Meditación
Para a xente que coñecemos ou aínda vivimos
nunha cultura agraria, gandeira, máis ou menos tradicional, este Evanxeo dinos
moitas cousas moi sinxelas e moi fondas. É certo que cando as ovellas son túas,
arríscaste por elas ao máximo, exposte a perigos por elas; elas son algo da túa
vida. É certo que quen as coida as coñece unha por unha, aínda que a unha
persoa ignorante dese mundo todas lle parezan iguais: cada unha ten o seu aquel
físico, aquela maneira especial de ser, de comportarse. É certo que o pastor
sabe guiar e as ovellas o identifican como tal e como tal o seguen normalmente
sen dificultades.
Que fermoso é saberte unha persoa, parte
dunha humanidade, pola que Xesús se arriscou ata o punto de dar a súa vida! Que
fermoso é sabernos moi particularmente coñecidos, cada home, cada muller, por
Deus, por Xesús! Para el cada un, cada unha de nós, somos fillos, fillas únicas.
Que fermoso é saber que ese coñecer de Deus, se nos fiamos da linguaxe da
Biblia, é moito máis ca simplemente coñecer; coñecer significa coñecer a fondo,
intimar, ter relacións entrañables. (Con ese verbo “coñecer” na Biblia noméanse
incluso as mesmas relacións sexuais). Que fermoso é ver que a idea de Xesús é
envolver a toda a humanidade neste círculo de paixón amorosa, paixón servidora,
contaxiarnos dela, para poder facer deste mundo unha terra de irmandade, de
veras!
Oración
Grazas, Deus noso,
polas persoas que animan a nosa fe,
que aguantan do noso amor,
que sosteñen a nosa esperanza.
Grazas polas persoas que, como Xesús,
dan a súa vida, o seu xenio,
o seu tempo, os seus afectos,
a súa creatividade, os seus coñecementos
para que outros e outras teñamos
o gozo de vivir en comunidade,
de medrar como crentes, como cidadás.
Grazas, Deus noso,
polas persoas que nos axudan
a orar e a loitar,
a resistir e a festexar,
a implicarnos na vida
e a fiarnos completamente de ti.
Grazas, Deus noso.
Acción
Podemos achegarnos hoxe a algunha das persoas
que para nós teñen sido persoas que termaron de nós en calquera campo da nosa
vida. Expresámoslle o noso agradecemento da maneira que mellor vexamos.
5 de maio: martes da 4ª semana de
Pascua
Evanxeo: Xn 10, 22-30
Naquel tempo celebrábase en Xerusalén a festa
da Dedicación. Era inverno. Xesús paseaba polo templo no Pórtico de Salomón.
Rodeárono entón os xudeus e preguntáronlle:
—Ata que día nos terás en suspenso? Se es ti
o Cristo, dínolo abertamente.
Xesús respondeulles:
—Xa volo dixen e mais non credes; as obras
que eu fago no nome do meu Pai son o meu aval. Pero vós non credes, porque non
sodes das miñas ovellas. As miñas ovellas escoitan a miña voz: eu coñézoas e
elas séguenme. Eu doulles vida eterna e non se perderán para sempre; ninguén
mas quitará da man. Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos e ninguén pode
repañalas da man do Pai. Meu Pai e máis eu somos un.
Meditación
Xesús atopou moita oposición, sobre todo
curiosamente entre a xente máis relixiosa do seu tempo; non reparaban nas obras
de Xesús, obras de vida, de recuperación das persoas a todos os xeitos, e
quedábanse nos seus debates teóricos sobre de onde viña ou non viña Xesús, quen
era ou quen non era Xesús. Era unha maneira tramposa de se pechar ao que Xesús
lles propuña sobre como entender o trato con Deus, sobre como levar o trato con
Deus a unha maneira nova de vivir e convivir coa xente.
Tamén nos tempos de hoxe nos pode pasar algo
semellante. Claro que nos nosos tempos no mundo relixioso non sempre temos
diante a persoas íntegras, servidoras a
tope, coherentes coma Xesús. Pero cantas veces nos enredamos en debates
teóricos sobre se a vida cristiá debera ser tal ou debera ser cal, e deixamos
de lado a práctica solidaria con toda persoa que sofre. Para Xesús a práctica
solidaria era o corazón da súa existencia, era o cerne da súa identidade
persoal e de misión.
Oración
Meu Pai e máis eu somos un.
Eu e a xente somos un.
Vivo para o Pai,
vivo para o pobo.
Soño co Pai,
soño co pobo.
Comprázome no Pai,
comprázome no pobo.
Sirvo o Pai,
sirvo o pobo,
sobre todo a quen no pobo
máis precisa de defensa e atencións,
de alentos e perdóns.
Nesta unidade vivo cada día,
a esta unidade cotiá e eterna invito
a quen queira andar canda min os meus camiños.
Meu Pai e máis ti e máis eu somos un.
Meu Pai e máis o pobo e máis eu somos un.
Acción
¿Somos desas persoas que se lían en debates
sobre calquera tema relixioso, social ou político, e logo non arriman moito o
lombo para ningunha causa xusta? Se o somos, ¿como podemos cambiar algo?
6 de maio: mércores da 4ª semana de
Pascua
Evanxeo: Xn 12, 44-50
Nunha ocasión falou Xesús así berrando:
—Quen cre en min realmente non cre en min,
senón naquel que me mandou; e quen me ve a min ve a quen me mandou. Eu son a
luz que veu ao mundo, para que quen crea en min non permaneza nas tebras.
Se alguén escoita as miñas palabras e non as
garda eu non o xulgo, pois non vin para
xulgar o mundo, senón para o salvar. Quen me despreza e non recibe as miñas
palabras, ten que o xulgue: a palabra que eu falei hao xulgar no derradeiro
día. Porque eu non falei pola miña conta, senón que o mesmo Pai, que me mandou,
deume a encomenda do que debo dicir e do que hei falar. E eu sei que a súa
encomenda é vida eterna. Por iso as cousas que eu falo, fáloas como mas dixo o
Pai.
Meditación
En Xesús a súa vida nunca se apartou do que
pensaba e falaba: se falaba de amar a Deus ata o extremo, amábao ata o extremo;
se falaba de perdoar mil veces, mil veces perdoaba; se falaba de poñer as
persoas por riba das leis relixiosas, tal foi o que fixo ata poñer en perigo a
súa mesma vida; se falaba da urxencia de respectar e coidar das persoas máis
depauperadas, a esas persoas dedicou especialmente a súa vida toda.
Sabemos que nós, os seguidores e seguidoras
de Xesús de hoxe, somos xente de moitas palabras, pero non de moita palabra.
Dicimos e non facemos. Aparentamos moitas veces andar apegados a Xesús, pero a
nosa vida desmínteo. ¡Canto temos por aprender para a nosa vida cristiá deste
Xesús ao que diariamente diriximos a nosa ollada e o noso corazón!
Oración
Que a túa luz, Xesús,
ilumine as nosas tebras.
Que a túa palabra asente en nós
e se converta en vida.
Que avancemos humildemente na tarefa
de amosarte coa nosa maneira de vivir,
o mesmo que ti coa túa maneira de vivir
nos amosaches o rostro humano de Deus.
Acción
É o 15 de maio, día de San Cidre, día do
Mundo Rural. Sexamos ou non xente de aldea, podemos achegarnos física e
cordialmente a este mundo ao que tanto lle debemos. Velo, andalo, falar con
quen nel traballa, entender os seus problemas, solidarizarnos coas súas
demandas.
7
de maio: xoves da 4ª semana de Pascua
Evanxeo: Xn 13, 16-20
Cando Xesús acabou de lles lavar os pés aos
discípulos, díxolles:
—Con toda verdade volo aseguro: o servo non é
meirande que o seu Señor, nin o mensaxeiro é meirande ca quen o mandou. Se
sabedes estas cousas, seredes felices, con tal de que as cumprades.
Non o digo por todos vós; eu ben sei a quen
escollín, pero para que se cumpra a Escritura: “O que come comigo o pan
levantou contra min o seu pé”. Dígovolo da dende agora, antes de que suceda,
para que cando suceda, creades que eu son. Con toda verdade volo aseguro: quen
acolla a aquel que eu mande, acólleme a min, e quen me acolle a min acolle a
quen me mandou.
Meditación
Está claro que nós, simples servidores e
mensaxeiros, non somos máis grandes có noso Irmán maior e Guieiro. Se lle
preguntamos a Xesús, nun suposto currículum
vitae, ¿cal é o teu oficio ou profesión?, el hanos dicir: “Servidor; para
iso vin e para iso estou neste mundo”. Non cadra, logo, que nós, as persoas que
nos dicimos seguidoras e seguidores del, aspiremos a outra cousa. Ese debería
ser o fundamento do noso proxecto de vida. E ver como, sexa cal sexa a nosa
profesión, todo o vaiamos levando a nos converter en simples servidores e
servidoras no medio dos grupos humanos nos que nos movemos. Non é cuestión de arrastrarse
ante ninguén, non é cuestión para nada de perder a propia dignidade, nin de
deixar que nola tripen, senón precisamente de atopar a máxima dignidade, a
máxima liberdade, o máximo crecemento levando na man diariamente o gusto por
contribuír a que outras persoas medren ao meu carón.
Oración
Pódoche facer caso ou non, Xesús,
pero ti ofrécesme o que a ti te fixo feliz.
E ti, afincado fortemente en Deus,
sabes como un ser humano calquera
se fai verdadeiramente humano,
verdadeiramente feliz,
aínda que a nós nos estrañe.
Grazas, Xesús,
acollo as túas palabras
e dispóñome a convertelas
no ser do meu ser.
Acción
Podemos mirar ata que punto a nosa vida está
marcada polo servizo ou non. Podemos mirar en que cousas nos poderiamos facer
persoas máis e mellores servidoras, á luz
de Xesús.
8 de maio: Venres da 4ª semana de
Pascua
Evanxeo: Xn 14, 1-6
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Non vos angustiedes. Crede en Deus e máis
crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito ¿teríavos
dito que vos ía arranxar un lugar? E cando vaia e vos arranxe un lugar,
volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a
onde vou eu ben sabedes o camiño.
Dille Tomé:
—Señor, se non sabemos onde vas, ¿como imos
saber o camiño?
Xesús respondeulle:
—Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén
chega onda o Pai máis ca por min.
Meditación
Hai moita xente angustiada. Os
tranquilizantes son os medicamentos máis solicitados e consumidos nas nosas
sociedades. Angustiámonos por cousas de peso, pero moitas veces por calquera
cousa. Temos pouca capacidade para dixerir fracasos, negativas, demoras. A
angustia é a cara negativa dunha sociedade que aspira a telo todo, que aspira á
riqueza, ao éxito, á satisfacción plena.
¿Como resoan nas nosas vidas as palabras de
Xesús: Non vos angustiedes? ¿Que ten Xesús para conter a nosa angustia? Xesús,
falando desde a súa experiencia, dinos simplemente: confiade en Deus, confiade
en min. Confiar en Deus: non somos seres abandonados; estamos envoltos por unha
inmensa vontade de tenrura solícita que nos acompaña desde o nacemento ata a
morte e máis alá da morte. Confiar en Xesús: temos alguén que abriu camiño para
atinar no que nos leva á satisfacción, á vida. Desde esta confianza básica vivida
en comunidade poderemos afrontar mellor os retos da vida. Confiar non elimina
as dificultades nin o esforzo para
superalas, pero ofrécenos a actitude vital desde a que loitar a vida sen
angustia.
Oración
Grazas, Xesús,
por estar aí, ao noso lado, en todo momento.
Grazas por acompañarnos
cando a vida se nos fai costa arriba,
e nos angustian os problemas familiares ou laborais.
Grazas por estar ben a rente de nós
cando no fondo do noso ser non temos paz
nin o camiño para atopala.
Grazas, Xesús,
por soster a nosa esperanza
cando a maldade do mundo nos desborda
e a xente máis débil padece inxustiza.
Grazas porque ti co teu Deus
estades sempre do noso lado,
sostendo alentos,
garantindo felicidades.
Grazas.
Acción
Podemos palpar a nosa existencia e ver que
angustias temos. ¿Son angustias por cousas que pagan a pena, ou deixámonos
envolver na roda das angustias á que a sociedade nos somete? Como as estamos
resolvendo? Podemos compartilas. Podemos axudarnos mutuamente.
9 de maio: sábado da 4ª semana de
Pascua
Evanxeo: Xn 14, 7-14
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu
Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.
Felipe díxolle:
—Señor,
móstranos o Pai e abóndanos.
Xesús
respondeulle:
—Pero,
Felipe, levo tanto tempo convosco e ¿aínda non me coñeces? Quen me viu a min
viu o Pai. ¿Como dis entón: móstranos o Pai? ¿Non cres que eu estou no Pai e o
Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai,
que permanece en min, quen fai as súas obras. Crédeme que eu estou no Pai e o
Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. Con toda verdade
volo aseguro, quen cre en min fará el tamén as obras que eu fago e faraas
meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai; e o que pidades no meu nome
heino facer, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. Se algo me pedides no
meu nome, eu fareino.
Meditación
É normal que, como a Felipe, nos guste ir á
fonte das cousas: a fonte da inocencia, a fonte da honradez, a fonte da
xustiza, a fonte da irmandade, a fonte da felicidade, a fonte do amor, a fonte
do servizo, a fonte da xenerosidade, a fonte da fortaleza, a fonte do perdón, a
fonte dos soños, a fonte da vida, a fonte de todo, a túa fonte, a miña fonte. É
normal que non paremos ata que, como sedent@s, batamos coa fonte de todas estas
augas, batamos con Deus, batamos co Pai/Nai da que todo ben procede.
As primeiras comunidades cristiás viron a
Xesús como alguén fondamente identificado con esa fonte, co Pai, de xeito que
quen o mira a el, mira o Pai/Nai; quen contempla o seu estilo de vida, está
contemplando ao tempo aquilo que ao Pai/Nai lle comprace. Crer en Xesús,
contemplar a Xesús con ollada admirada e agradecida, leva a facer feitos ao
estilo del nos tempos de hoxe.
Oración
No teu nome, Xesús,
presentámonos diante de Deus
coa nosa vida esmoleira nas mans.
No teu nome
agardamos de Deus
os alentos que nos faltan
para ser algo coma ti
nos tempos turbulentos que vivimos.
No teu nome, Xesús,
abrimos ante o noso Deus
a saca de paz e da xustiza
para renovarnos con elas no teu nome,
para compartilas audazmente tamén no teu nome.
No teu nome, Xesús,
todo no teu nome.
Acción
Levas tanto tempo comigo e ¿aínda non me
coñeces? Xesús tamén nos podería dicir a
nós iso mesmo. Podémonos propoñer ler algún libro sobre Xesús que alguén nos
aconselle por estar adaptado a nós; ou incluso podemos apuntarnos a algún grupo
que queira coñecer algo máis a Xesús, para podelo seguir mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.