03 marzo, 2021

Tempo de Coresma: 3ª semana



7 de marzo: Domingo 3º de Coresma

1ª lectura: Ex 29, 1-17
Salmo: 18, 8. 9. 10. 11
2ª lectura: 1 Cor 1, 22-25

Evanxeo: Xn 2, 13-25

Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e máis os que cambiaban diñeiro, sentados; vai e, facendo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos que cambiaban diñeiro; e aos que vendían as pombas díxolles:

—Arredade de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.

Lembráronse os seus discípulos de que estaba escrito: “O celo da túa casa devórame.”

Pero replicáronlle os xudeus:

—¿Qué sinal nos mostras, para faceres estes feitos?

Respondeulles Xesús:

—Derrubade este templo e erguereino en tres días.

Retrucáronlle os xudeus:

—Corenta e seis anos levou edificar este templo ¿e halo erguer ti en tres días?

Pero el dicíao referíndose ao templo do seu corpo. Cando se ergueu de entre os mortos, lembraron os seus discípulos o que dixera e creron na Escritura e no dito de Xesús.

Estando Xesús en Xerusalén pola festa da Pascua, moitos creron nel, vendo os signos que facía. Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía a todos. Non precisaba de que ninguén lle dese informacións de ninguén, que ben coñecía el o que había no home.

Meditación

O relato do evanxeo de hoxe presenta un feito histórico vivido por Xesús, que tamén recollen os outros tres evanxelistas, e unha prolongación simbólica do mesmo, que xa é cousa particular do evanxelista Xoán. O feito histórico narra un comportamento violento de Xesús, cando cun vergallo bota fóra do recinto do templo a vendedores de animais e aos que facilitaban o cambio de diñeiro, actividades estas que chegaran a ser necesarias para que no templo se desenvolvese o culto tal como a clase sacerdotal o fora organizando ou consentindo. A cousa chegara a converterse nun bo negocio para os responsables do templo, e Xesús non tolera que a casa do seu Pai estea convertida en casa de negocio. Protesta contra iso por unha vez dunha forma violenta.

O Evanxelista Xoán vincula ese acontecemento co da morte e resurrección de Xesús. Certamente que as autoridades relixiosas xudías provocasen a condena e morte de Xesús dependeu en boa medida desta postura de Xesús ante o que era o negocio do templo, e o que era, en consecuencia, baleirar a fe en Deus do máis sinxelo e vigoroso: a gratuidade, a oferta plural, universal, a adoración limpa, o deixamento de comenencias persoais ou de grupo. Xesús, apaixonado sempre, por Deus e polo ben que unha boa fe en Deus lle traería sen dúbida á xente –apaixonado, polo tanto, tamén pola xente nun mesmo movemento--, non pode tolerar iso, e protesta de forma contundente. Ben sabía onde se metía con ese comportamento, que Xesús non era parvo, pero a liberdade fonda que o animaba, a liberdade ante a vida e ante a morte, dáballe forza e poder para facer o que fixo.

O Coresma é un tempo especial para purificar e liberar a nosa experiencia relixiosa de aditamentos raros. O negocio, os cartos sempre foron un perigo para a relixión; unha crítica frecuente que se nos fai desde fóra, ás veces non merecida, pero moitas veces si merecida, é a de que tamén nós convertemos a relixión nun negocio, e que, en consecuencia, desvirtuamos a orixinalidade do divino, a orixinalidade de Xesús: Deus xa non é algo, alguén, gratuíto para quen queira amigar con el e beneficiarse da súa amizade, sen mediacións interesadas, senón alguén que, ao cabo, demanda cousas, cultos, que acaban levando o carto dos nosos petos aos petos dos seus representantes. Purificar a relixión do veleno dos cartos é sempre un paso primeiro, se queremos pensar en novas evanxelizacións tal como agora o estamos facendo.

Esta purificación pode ter varios camiños; un camiño pode ser o de negarnos a todo acto cultual que estea condicionado ao pago dalgunha cantidade de cartos; outra cousa é que, coma membros dunha comunidade cristiá teñamos que colaborar cos gastos que a comunidade cristiá teña para o desenvolvemento da súa vida: culto, xuntanzas, formación, etc. Outro camiño pode ser o de protestar, de forma persoal ou en grupo, de palabra ou por escrito, cando vexamos que o culto a Deus está mediado polos cartos, transmitindo a idea de que, se non pagas, non podes acceder ás bendicións de Deus. Outro camiño é vivir, fomentar e transmitir que un pode atopar e gozar a presenza liberadora de Deus en espazos non ritualizados, non controlados polo clero, libres polo tanto da tentación dos cartos e do poder. Disto deunos moitas mostras Xesús que, aínda que acudía ao templo, ensinounos a descubrir a bendición de Deus sobre todo en lugares e circunstancias que non tiñan nada que ver co templo. O corpo da xente, sobre todo da xente máis débil por calquera debilidade, é o templo especial de Deus, onde especialmente debe ser honrado.

O desapego entre cartos e relixión pode e debe realizarse tamén noutros ámbitos ademais dos cultuais. Non hai moitas vinculacións, por exemplo, entre os poderes económicos e algunhas persoas ou institucións eclesiásticas? Por outra banda, purificar a nosa experiencia relixiosa debe empezar polo desapego dos cartos, pero seguramente esixe moito máis. Hai moitas máis maneiras, por desgraza, de afogar a nosa experiencia relixiosa. Hai moitos camiños de desenvolvela e mellorala; todo o que soe a apego e solidariedade cos máis débiles é o máis certeiro.

Preces

NON FAGAMOS DA CASA DO NOSO PAI
UNHA CASA DE NEGOCIO

Que nas comunidades cristiás sexamos humildes, libres e valentes como o foi Xesús, para todo. Oremos.

Que saibamos descubrir e denunciar os abusos, máxime cando se fan co nome de Deus por diante. Oremos.

Que demandemos servizos relixiosos gratuítos, pola maior honra de Deus e proveito espiritual da xente, comprometéndonos a colaborar economicamente na marcha das nosas parroquias. Oremos.

Que participemos nas protestas contra os actuais grandes señores dos cartos e os seus servidores, que están afogando a vida dos máis débiles. Oremos.

Que descubramos a Deus coma unha gran oferta gratuíta de paz, de alento e de esperanza para a vida. Oremos.

Oración
Collemos o vergallo, Xesús,
si que o collemos,
collémolo moitas veces,
pero para limpar a casa allea.

E falamos de secularismos,
de relativismos, de laicismos,
e aproveitamos tempos e ocasións
para fustrigalos incansablemente
coma os grandes causantes de todos os nosos males.

Pero á casa propia non se lle toca,
e quedamos tan panchos,
satisfeitos de ter limpado a casa de Deus
de canto a anoxaba e ofendía,
de ter liberado a experiencia de Deus
de canto a velaba e impedía.

Collemos o vergallo, Xesús,
pero só ata un punto,
o punto preciso onde aparecen os nosos medos,
e intuímos prudentemente
que seguir golpeando pode traernos consecuencias desagradables,
pode afectarnos ao peto
ou á honra, o bo nome, a boa fama.

E aí paramos,
aínda que a honra de Deus estea en xogo
e estea en xogo tamén o pan dos pobres,
os dereitos da xente humilde,
a esperanza dos homes e mulleres en paro.

Coller o vergallo, Xesús,
ata para iso podemos aprender de ti,
ata para iso quero aprender de ti,
que non son doados os camiños da fe e da vida,
do pan e da liberdade.

Xesús, Xesús,
saber coller o vergallo,
no teu nome,
só no teu nome
e no nome da xente máis débil,
a túa preferida,
para a gloria de Deus
que resplandece no respiro das persoas afogadas.
Acción

Con consintamos en ter que pagar pola administración de ningún sacramento nin por ningunha outra actividade relixiosa. En cambio, esteamos dispostos a colaborar cos nosos cartos para que a comunidade parroquial poida funcionar ben, en pobreza, pero con dignidade.


8 de marzo: Luns da 3ª semana de Coresma

1ª lectura: 2 Re 5, 1-15a
Salmo: 41, 2. 3; Salmo 42, 3. 4

Evanxeo: Lc 4, 24-30

Unha vez foi Xesús a Nazaré e díxolle á xente na sinagoga:

—Asegúrovos que ningún profeta é ben recibido na súa terra. Tede por seguro que no tempo de Elías había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e seis meses e unha grande fame anegou todo o país; e a ningunha delas foi enviado Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. E moitos leprosos había en Israel no tempo do profeta Eliseo, e a ningún deles curou, fóra de Naamán, o Sirio.

Oíndo estas cousas, todos os que estaban na sinagoga puxéronse feitos unhas feras; así que erguéronse, botaron a Xesús fóra da vila e levárono ata o alto do monte no que está edificada, coa intención de o precipitaren embaixo. Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.

Meditación

Cando oímos falar de profetas, case sempre pensamos en persoas máis ou menos extraordinarias que con voz enérxica e dura nos poñen a caldo pola falsidade na que vivimos. Pode ser que teñamos batido con algunha persoa así. Pero o máis frecuente é que os profetas peten á nosa porta na persoa dun veciño ou veciña, un familiar calquera, un amigo ou amiga, unha compañeira de traballo, de comunidade ou de sindicato ou partido político, que nos falan con convencemento de cousas da vida, e deixan en evidencia a frouxidade dos nosos comportamentos. Persoas así hainas dentro e fóra da comunidade cristiá da que formamos parte.

E neses casos, que facemos? Agradecemos as súas palabras e vidas, como se Deus nos estivese falando a través delas, recapacitamos, cambiamos algo, ou revirámonos contra esas persoas porque tocan onde nos doe? Así fixeron con Xesús. Así podemos facer tamén nós hoxe. Que sexamos persoas cristiás non garante que teñamos o corazón ben disposto para escoitar o que Deus suxire.

Oración
Se aguzase, meu Deus, o oído do corazón,
para escoitar con agrado a túa voz!
Se estivese libre e dispoñible, meu Deus,
para actuar seguindo os mensaxeiros teus!
Se toda eu fose ben esperta, ben humilde,
para atoparte, meu Deus, nas falas que corrixen!
Se andase, meu Deus, os camiños todos da vida,
en silencio obediente ás cousas que en min mesmo suscitas!
Se aguzase, meu Deus, o oído do corazón…
Acción

É posible que haxa persoas, dentro ou fóra dos ámbitos relixiosos, que, dunha forma ou doutra, están iluminando algo o camiño da nosa vida. Como reaccionamos ante elas?


9 de marzo: Martes da 3ª semana de Coresma

1ª lectura: Dn 3, 25. 34-43
Salmo: 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9

Evanxeo: Mt 18, 21-35

Unha vez Pedro achegouse a Xesús e preguntoulle:

—Señor, cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? Ata sete veces?

Respondeulle Xesús:

—Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.

Por iso o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía moitos millóns. E, como non atiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el coa muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.

O servidor botóuselle aos pés e suplicáballe:

—Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo!

O señor tivo compaixón daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.

Pero, ao saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:

—Paga o que me debes.

Botándose aos seus pés, o compañeiro suplicáballe:

—Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.

Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.

Os compañeiros, ao veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ao seu señor todo o que pasara. Entón o señor mandouno chamar e díxolle:

—Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. E logo, ¿non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecera de ti?

E, todo anoxado, o señor entregouno aos verdugos ata que lle pagase toda a débeda.

Así tamén fará convosco meu Pai celestial se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.

Meditación

O perdón non ten entre nós nin bo nome nin boa práctica. Non nos sentimos necesitados de perdón, porque con dificultade nos sentimos culpables de algo, nin ante Deus, nin ante as persoas que conviven connosco, coas que seguramente máis dunha vez se nos vai a palabra, o xesto, o abuso, o desprezo, a falla de solidariedade. Pero pasamos de recoñecer errores que feren os demais. Así, sen experiencia agradecida de sermos persoas perdoadas en algo, é difícil que teñamos boa disposición para perdoar aos demais. Porque perdoar é admitir que todos estamos feitos dunha carne fráxil, que rompe, e que precisamos de palabras compadecidas que aloumiñen, que curen, que alenten para recuperar paz e alentos.

O evanxeo vai máis aló, e sitúanos ante o caso de quen si experimentou con forza a graza de ser persoa perdoada, pero, aínda así, non se lle abriu o corazón para entrar na novidade de Deus, que non se farta de darnos oportunidades.

Oración
Señor, meu Deus,
que se me abran os ollos,
aló ben ao fondo,
para descubrirme a miña moita indiferenza,
que me leva a necesitar o teu perdón.
Porque o certo é
que paso moito
de moita xente,
que precisa de min
coma o orfo da súa nai.
Señor, meu Deus,
que se me abra o corazón,
aló ben ao fondo,
para sentirme suficientemente compasivo
para ofrecer perdón.
Porque o certo é
que hai moita xente
suplicando apertas,
simplemente apertas,
para retomar o camiño
e vivir con alegría.
Acción

¿Perdoamos, pedimos perdón? ¿Gardamos rancores que nos amargan a vida e nos arredan doutras persoas? ¿Negamos a palabra, como se outras persoas xa non existisen para nós? ¿Cansamos de perdoar á primeira, á segunda, á terceira? ¿E onde quedan as setenta e sete do Evanxeo? Pode ser unha boa práctica coresmal revisar como andamos con estas cousas na nosa vida.


10 de marzo Mércores da 3ª semana de Coresma

1ª lectura: Dt 4, 1. 5-9
Salmo: 147, 12-13. 15-16. 19-20

Evanxeo: Mt 5, 17-19

Unha vez dixo Xesús:

—Non pensedes que vin derrogar a Lei e os Profetas; non vin para derrogar, senón para dar cumprimento. Porque vos aseguro que antes pasarán o ceo e máis a terra que deixe de se cumprir a última letra ou til da Lei. E quen falte a un destes mandamentos máis pequeniños e así llelo ensine a facer a outras persoas, será declarado o máis pequeno no Reino do Ceo. Pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no Reino dos Ceo.

Meditación

Nestes nosos tempos non somos xente moi amiga de leis, de que nos obriguen a cumprir isto ou aquilo. Na vida civil cumprímolas moitas veces porque senón chega a multa. Na vida da Igrexa, como non hai multas, pasamos bastante de todo. Pero sen leis, sen normas, pensadas para reforzar as debilidades que todos temos, para facilitar o crecemento das persoas, para fomentar unha convivencia harmoniosa e xusta, sen leis sería un desastre; no canto de máis libres fariámonos moito máis dependentes, porque os fortes acabarían sometendo os débiles, e a nosa debilidade faríase dona de toda a nosa persoa.

Pero a lei necesita calor; as normas necesitan corazón, as esixencias necesitan amor, as obrigas necesitan razóns e convencemento, para non nos ver afogados polo que facemos. Iso podería ser o cumprimento ao que se refería Xesús, home por outra banda que non tiña reparo ningún en saltarse a práctica da lei cando vía que pechaba portas no canto de abrilas, que oprimía as persoas e a convivencia.

Oración
Douche grazas, meu Deus,
douche grazas, Xesús,
douche grazas, Espírito Santo,
porque non queres que sexa un cumpridor rutineiro,
porque me ensinas a entender o que fago
para darlle calor e vida.
Que saiba así vivir e valorar
calquera pequeno compromiso
que asuma na casa, na parroquia, na sociedade.
Home, muller con fondura,
para gozar con fondura
todo o que a vida me ofrece.
Acción

Podemos revisar, tamén como práctica coresmal, como andamos coas normas da comunidade cristiá, da Igrexa, por qué as cumprimos, por qué non as cumprimos. Igual debamos reforzar os nosos compromisos. Igual debamos protestar para que certas normas se cambien e así nos axuden mellor a medrar coma persoas crentes. E o mesmo podemos dicir de moitas leis que hai na vida civil.


11 de marzo: Xoves da 3ª semana de Coresma

1ª lectura: Xer 7, 23-28
Salmo: 94, 1-2. 6-7. 8-9

Evanxeo: Lc 11, 14-23

Estaba Xesús botando un demo mudo, e, cando saíu o demo, falou o mudo. A xente quedou abraiada, pero algúns deles dixeron:

—Este bota fóra os demos co poder de Belcebul, xefe dos demos.

Outros, para probalo, reclamábanlle un sinal do ceo. Pero el, coñecendo o que pensaban, díxolles:

—Todo reino dividido entre si vai á ruína e cae casa sobre casa. Pois ben, se Satanás está dividido contra si mesmo, ¿como se vai soster o seu reino? Vós dicides que boto os demos co poder de Belcebul; pero, se eu boto os demos co poder de Belcebul, ¿co poder de quen o botan os vosos fillos? Por iso eles mesmos serán os vosos xuíces. Pero se boto os demos co poder de Deus, é que xa chegou a vós o Reino de Deus. Mentres un home forte e armado garda o seu pazo, os seus bens están seguros. Pero se chega un máis forte e o vence, quítalle as armas nas que confía e reparte o seu botín. Quen non está comigo está contra min, e quen non recolle comigo derrama.

Meditación

O que lles pasaba aos contemporáneos de Xesús pódenos pasar tamén a nós hoxe. Máis dunha vez sucede que temos clasificada á xente, porque non nos cae ben, porque non é do noso grupo, do noso credo relixioso, do noso partido político. Daquela todo o que vemos nela nos parece fatal; estamos especialmente cegos para ver as súas bondades, e non digamos se as súas palabras ou os seus feitos cuestionan a nosa maneira de proceder, daquela a nosa resposta pode ser tan tola coma a dos contemporáneos de Xesús con Xesús.

O Evanxeo invítanos a andar coa ollada e co corazón limpo pola vida, acollendo con alegría calquera mostra de bondade, de solidariedade, de forza ante o mal, veña de onde veña. O Evanxeo invítanos a descubrir a Xesús e alegrarnos con el por ser o Forte, con maiúscula, capaz de axudarnos a vencer todo espírito de mal que ameace as nosas vidas.

Oración
Ante ti, Xesús, o Forte de Deus,
poñemos a nosa enorme debilidade.
Ante ti, Xesús, o Santo de Deus,
poñemos todas as nosas olladas escuras.
Ante ti, Xesús, a Iluminación de Deus,
poñemos os nosos autoenganos e simulacións.
Ante ti, Xesús, o Humilde de Deus,
poñemos as nosas vanas arrogancias.
Acción

¿Temos clasificada a algunha persoa, de xeito que todo o que sae dela nos chega mal? Miremos como cambiar; nesa persoa estamos perdendo un don que Deus nos dá, estamos perdendo a Deus mesmo.


12 de marzo: Venres da 3ª semana de Coresma

1ª lectura: Os 14, 2-10
Salmo: 80, 6c-8a. 8bc-9. 10-11ab. 14 e 17

Evanxeo: Mc 12, 28b-34

Unha vez un letrado preguntoulle a Xesús:

—Cal é o máis importante de todos os mandamentos?

Xesús respondeulle:

—O primeiro é: "Escoita, Israel, o Señor, o noso Deus, é o único Señor, e amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con todas as túas forzas." O segundo é: "Amarás o teu próximo como a ti mesmo". Non hai mandamentos máis importantes ca estes.

O letrado replicou:

—Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que o Señor é único e que non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con todas as forzas, e ao próximo como a un mesmo, é máis importante do que todos os sacrificios e holocaustos.

Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:

—Non estás lonxe do Reino de Deus.

E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

Meditación

Igual que o letrado do Evanxeo, tamén todos nós sabemos que o máis importante para unha persoa cristiá é quererlle moito a Deus, estar apegado a el en todas as cousas e accións da vida, e, ao tempo, respectar, coidar, quererlle moito á xente, como a un mesmo. No fondo a vida dunha persoa crente cristiá é ben simple, ben clara. Pero posiblemente o saibamos de memoria, con moito rutina, sen poñer en práctica iso que dicimos.

Aínda que, se cadra, estamos nun momento das comunidades cristiás, no que case nin nos preguntamos que é o importante para ser unha boa persoa cristiá. E isto si que sería moi serio, porque demostraría que no fondo realmente é un tema que non nos importa; significaría que Deus vai desaparecendo dos nosos proxectos de vida.

Oración
Ai, se estivese ben atento ao teu Espírito, meu Deus,
ese Espírito que esperta desexos,
que suscita preguntas,
que ansía camiños vivos,
que busca sen descanso maiores fidelidades!
Ai, se soubese ser minimamente coherente
coa máxima honestidade,
coa máxima humildade,
para querer e servir
simplemente, intelixentemente
a cada persoa, en cada momento,
e avanzar por vieiros solidarios
ata o teu propio corazón!
Para iso, meu Deus,
que o teu Espírito me colla ata o máis fondo!
Acción

¿Somos xente amiga de ler, de formarnos, de asistir a encontros, de dialogar coas persoas sobre cousas de fondo? Facemos isto con desexos de aclararnos de verdade, con ganas de ir mellorando a nosa resposta a Deus e á xente? Podémolo revisar e actuar en consecuencia.


13 de marzo: Sábado da 3ª semana de Coresma

1ª lectura: Os 6, 1-6
Salmo: 50, 3-4. 18-19. 20-21ab

Evanxeo: Lc 18, 9-14

Propúxolles Xesús tamén esta parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais:

—Dous homes subiron ao templo a orar; un era fariseo; o outro, recadador de impostos. O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: “Meu Deus, douche grazas porque non son como os demais: ladróns, inxustos e adúlteros; nin como ese recadador. Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño.”

O recadador, en troques, quedouse atrás e non se atrevía nin a levantar os ollos ao ceo, senón que, petando no peito, dicía: “Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador.”

Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa, en cambio o outro, non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.

Meditación

Visto así, parece que todos nos decatamos sen dificultade da maneira equivocada de rezar que tiña o fariseo: resúltanos repugnante o seu xeito de compararse co pecador que alí tamén rezaba, para poñerse por riba e chufarse ante o mesmo Deus. Tiña ollos para contemplar as miserias alleas, pero non os tiña, seguro, para mirar as súas, pois todo nel parecía perfecto.

Sen embargo, coidado, non é doado liberarse da tentación de crernos xustos e de poñernos por riba das demais persoas. Cando con sinceridade miramos para nós, para a nosa vida, para o moito que temos feito ao revés, para o moito que nos desentendemos das necesidades da demais xente, para o moito que puidemos ter avanzado como persoas, como crentes, e non o fixemos, o normal é que desexemos quedarnos ao fondo, agachar a cabeza, bater no peito e, con voz que sae do fondo do corazón, dicir: perdón, son tamén persoa pecadora. Entón é cando nos reconciliamos, cando poñemos verdade e gozo na nosa vida.

Oración
Perdón, Señor,
que son pecador/a.
Perdón, Señor,
que estou moi necesitado/a da túa misericordia.
Perdón, Señor,
que son un máis na rengue de pecadores/as
precisados/as da túa curación.
Perdón, Señor,
porque peco e volvo pecar,
xogando así co teu perdón,
estragando a miña vida
e a vida de persoas que me acompañan.
Perdón, Señor,
renóvame co teu perdón.
Acción

A mellor maneira de superar o vicio de rebaixar e desprezar os demais, é ollar con sinceridade para a propia vida. Podémolo empezar a facer, preparándonos xa para algunha celebración do perdón na que pense participar nesta Coresma.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.