08 abril, 2021

Tempo de Pascua: 2ª semana

 


11 de abril: Domingo 2 de Pascua

1ª lectura: Feit 4, 32-35
Salmo: 117, 2-4. 16ab-18. 22-24
2ª lectura: 1 Xn 5, 1-6.

Evanxeo: Xn 20, 19-31

Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:

—Paz convosco.

Dito isto, mostroulles as mans e máis o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. El díxolles outra vez:

—Paz convosco. Como o Pai me mando a min, tamén eu vos mando a vós.

E dito isto alentou sobre eles e díxolles:

—Recibide o Espírito Santo; a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.

Pero Tomé, un dos doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:

—Vimos o Señor.

Pero el contestoulles:

—Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.

Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e, poñéndose no medio, dixo:

—Paz convosco.

Despois díxolle a Tome:

—Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.

Tomé respondeulle:

—Meu Señor e meu Deus!

Xesús díxolle:

—¿Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!

Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel.

Meditación

Os evanxeos dos domingos posteriores á Pascua narran algunhas das experiencias de encontro de Xesús resucitado con diferentes persoas, mulleres e homes, do primeiro grupo cristián, e valoran un pouco o significado da presenza de Xesús resucitado para as persoas individuais e para os membros da primeira comunidade cristiá. O vivido e experimentado por eles e elas ofrécesenos ás persoas que hoxe accedemos a estes textos, para que fagamos unha experiencia semellante: un encontro vivificador con Xesús resucitado, que sexa capaz de introducirnos na fe, de sacudirnos dos medos e pasividades, de dinamizar a nosa existencia, de converternos en prolongadores na nosa historia concreta dos camiños andados por Xesús e polos seus primeiros compañeiros e compañeiras.

Para entrar no nuclear da experiencia de Xesús resucitado, pode ser bo camiño ir reparando, irnos introducindo no marco novo no que Xesús vai colocando ás persoas que se encontran con el. Partimos dun cadro primeiro no que os discípulos están amedrentados, coas portas pechadas. A presenza de Xesús, o reencontro coa súa persoa vivido na fe, ofrece paz; paz que se adiviña como serenidade, confianza, valentía, capacidade de saír á rúa, de dicir a propia fe, sen medos; portas abertas das mil maneiras que podemos entender iso de portas abertas. Ser persoas e comunidades de experiencia, de fe, de portas abertas. Sería ben que cada un/unha, cada comunidade pensase que pode significar iso para nós neste momento.

Apegada á paz, coma a súa irmá maior, vai a alegría. A alegría é a medida humilde da autenticidade da nosa experiencia cristiá, salvando, claro está, situacións de pena, de apagamento que poidan ter as súas raíces en características temperamentais e aínda psicolóxicas que non sexan doadamente controlables. Experimentar e construír a alegría nas nosas vidas, axudala a experimentar e construír nas vidas da demais xente sabe a resurrección. Preguntémonos como andamos de alegría, coa alegría, nosa e dos demais.

O encontro con Xesús resucitado leva implícita tamén unha tarefa: somos continuadores da causa de Xesús, como Xesús o foi da causa de Deus. O conxunto do Evanxeo dános pistas abondas para que entendamos correctamente cal é a causa de Deus, cal a de Xesús, e cal, polo tanto, tamén a nosa. Pero non estaría de máis que en cada comunidade nolo preguntásemos honradamente.

A comunidade que vive do encontro con Xesús resucitado e que pretende continuar a súa tarefa non está soa, non anda desarmada; aínda que inmensamente débil para a tarefa que se lle pon nas mans, conta co don do Espírito que Xesús lles regala. O Espírito ten enerxías ilimitadas; mesmo ten capacidade de recompoñer vidas, de devolvelas á experiencia fonda de se sentir persoas amadas, perdoadas, capacitadas á súa vez para a construción comunitaria, social, para todo o que lles poña por diante. E ese poder é noso, porque nolo deron, porque nolo dan. Como persoas e como comunidades podemos avaliar con humildade, con ganas de crecemento, como lle dámos lugar ao Espírito en nós nas nosas comunidades, en que se nos nota, que frea en nós a súa presenza creadora.

Vistos os efectos bos dese encontro con Xesús resucitado, é normal que nos preguntemos: e como podo eu ter esa experiencia de encontro con Xesús resucitado? É certamente un regalo de Deus; nos evanxeos Xesús é visto como resucitado cando, onde e por quen menos se esperaba. Pero un pode dispoñerse para ese encontro: escoitando narracións, vidas, de persoas que o tivesen experimentado realmente; metendo os dedos, o corazón, a vida nas chagas de Cristo, que son as chagas da humanidade, que son as chagas dos homes e mulleres que estean pasando pola experiencia de destrución e de morte, e facelo con fe, con amor, con esperanza; tamén nos podemos dispoñer a ese encontro, polo lado contrario, captando, gozando, agradecendo os mil detalles de vida que, a pesar de todo, seguramente se nos cruzan no camiño. Pequeniñas cousas quizabes, que nos confirman que nós temos futuro, que esta nosa sociedade, este noso mundo ten futuro, porque leva inseridas as sementes do novo que saltan deica á vida madura, deica a vida eterna.

Preces

MEU SEÑOR E MEU DEUS!

Que se nos abran os ollos e o corazón, Señor, para captar a túa presenza nova, viva, alegre, pacificadora, no medio de nós. Oremos.

Que saibamos ver, valorar, agradecer e coidar o moito bo que hai na xente, no mundo, na creación, en nos mesmos/as. Oremos.

Que nos dispoñamos a compartir a nosa fe, o noso amor, a nosa esperanza con quen se cruce con nós na vida. Oremos.

Que sexamos sempre xente de ánimo e de alegría, xente esperanzada, xente loitadora, implicada, que contaxiemos ánimo real ao noso redor. Oremos.

Que nos poñamos con Xesús resucitado á tarefa de cambiar de verdade a nosa sociedade, para que sexa lugar onde os máis tristes e apagados teñan os mellores coidados. Oremos.

Oración
Somos xente medrosa e pechada, Xesús,
tal coma os teus discípulos/as daquela primeira hora.

Témoste resucitado ao noso lado,
pero moitas veces é coma se non te tivésemos.

Temos o teu Espírito,
que nos é abundantemente regalado,
pero andamos desganados/as, apagados/as e tristes.

Para moita xente os tempos son malos,
hai medo a non poder cubrir a subsistencia de cada día,
a carecer do pan de cada día,
que ti considerabas esencial
e como tal o poñías na oración que nos deixaches.

Os mercados,
eses novos príncipes deste mundo,
eses novos demos,
queren controlalo todo,
dominalo todo,
explotalo todo,
zugalo todo,
para que as súas rendas e intereses nunca decaian.

Ben o ves, Xesús.
E todos levamos un anaquiño de mercado,
de lobo feroz,
dentro do propio corazón.
Ben o ves tamén, Xesús.

Aínda así, Xesús,
aínda así hai tempo e lugar para os soños?
Aínda así a inocencia ten futuro,
e o mañá pode ser mañá de irmáns e de irmás,
coma ti tanto soñabas?

Quen poderá romper as portas do noso illamento e dos nosos medos?
Quen nos encherá de paz serena e de espírito loitador?
Quen nos fará rir e celebrar cada mañá coa luz do amencer?
Quen nos devolverá o entusiasmo pola tarefa:
en Deus, sementes de esperanza, de vida,
apegados/as ás cousas e ás horas?

Cremos en ti, Xesús resucitado.
Ti es a nosa luz, a nosa forza,
Ti e cantos/as coma ti, no teu seguimento,
enchen o ceo de estrelas
e a terra de humildes vagalumes de esperanza.
Acción

Cales son os nosos medos na vida? Podémolos identificar. Podémoslles poñer nome, ver como nos frean a vida. Podemos compartir en grupo eses medos, e, en todo caso, só ou en compañía, ver como nos podemos ir impoñendo a eses medos. Xesús resucitado está do noso lado.


12 de abril: Luns da 2ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 4, 23-31
Salmo: 2, 1-3. 4-6. 7-9

Evanxeo: Xn 3, 1-8

Había entre os fariseos un home chamado Nicodemo, maxistrado dos xudeus. Este veu onda Xesús pola noite e díxolle:

—Rabí, sabemos que viñeches de Deus como mestre, pois ninguén pode facer estes signos que ti fas, non sendo que Deus estea con el.

Respondeulle Xesús:

—Con toda verdade cho aseguro: como un non naza de novo, non pode ver o reino de Deus.

Replicoulle Nicodemo:

—¿Cómo pode un home nacer, sendo vello? ¿Pode entrar outra vez no seo da nai e nacer?

Respondeulle Xesús:

—Con toda verdade cho aseguro: como un non renaza pola auga e polo Espírito, non pode entrar no reino de Deus. o que naceu da carne é carne; e o que naceu do Espírito é espírito. Non che estrañe que che dixese “é necesario que nazades de novo”. O vento sopra onde quere e ti séntelo zoar, pero non sabes de onde vén nin para onde vai. Así pasa con todo aquel que naceu do Espírito.

Meditación

Nicodemo vía algo sorprendente en Xesús e buscaba, aínda que o grupo dos fariseos, ao que pertencía, non animaba a iso. E esta unha moi boa actitude, e éo ante calquera persoa ou circunstancia da vida que nos toque un pouquiño aló dentro. Non deixar pasar os toques, as chamadas da vida.

E Xesús non decepciona a Nicodemo, como non nos decepcionará a ninguén de nós se a el nos achegamos con espírito de aprendiz, de buscadora. A proposta de Xesús non é nada superficial: trátase de nacer de novo; tratase de poder facer de nós unha persoa nova, con capacidade de romper con vellos e rutineiros modelos persoais e sociais que non dan de si máis ca desilusión e apagamento; trátase de embarcarse nunha aventura persoal e social sinalada polo afán polo común, ao que tods nos debemos e co que todas quedamos confortadas e reforzadas. Esta aventura demanda implicación persoal e, ao tempo, capacidade de abandono nas mans sempre imprevisibles do Espírito. Coa garantía do mesmo Xesús.

Oración
Que o teu Espírito, Xesús,
me renove todo enteiro,
mente, corazón, decisións.
Que o teu Espírito
renove a nosa comunidade cristiá
e a faga fiel seguidora túa.
Que o teu Espírito
renove o rostro da terra
e das persoas que a habitamos.
Que o teu Espírito
nos converta para a ledicia do común,
para a vida e a festa da irmandade.

Acción

Posiblemente teñamos algunhas dúbidas sobre cousas de fe, sobre cousas da vida, sobre como facer con tal ou cal cousa que consideramos importante. Seguro que ao noso redor hai algunha persoa que nos pode axudar algo. Acudimos a ela.


13 de abril: Martes da 2ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 4, 32-37
Salmo: 92, 1ab. 1c-2. 5

Evanxeo: Xn 3, 5a.7b-15

Nunha ocasión díxolle Xesús a Nicodemo:

—É necesario que nazades de novo. O vento sopra onde quere e ti séntelo zoar, pero non sabes de onde vén nin para onde vai. Así pasa con toda persoa que naceu do Espírito.

Replicoulle Nicodemo:

—Como pode ser isto?

Respondeulle Xesús:

—Ti es mestre de Israel e non o sabes? Con toda verdade cho aseguro: falamos do que coñecemos e testemuñamos o que vimos, pero vós non aceptades o noso testemuño. Se dicíndovos cousas terreas non credes, como iades crer dicíndovos cousas celestiais? E ninguén subiu ao ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home.

Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

Meditación

Paga a pena deternos nisto: Deus ama o mundo, a súa ansia maior é que todo o que é mundo, todo o que é creación, se desenvolva en plenitude: a natureza toda cos seus elementos inanimados, coas plantas, cos animais, cos seres humanos, todo xunto nunha completa comuñón, chea de respecto, de agradecemento mutuo, de coidado mutuo, de fondo sentido de complementariedade. Que a vida floreza en nós, seres humanos, en todo home ou muller, e en todo o noso entorno. Que a vida floreza especialmente naqueles espazos naturais, naqueles seres, naquelas persoas que están máis en risco de non poder ser, de non poder vivir en felicidade, cunha vida digna, satisfeita, a todos os xeitos.

Esa é a aposta fundamental de Deus con toda a súa creación, na que estamos incluídas cada unha, cada un de nós coa nosa particular historia, na nosa particular situación. Isto é o nacer de novo, que o Espírito alenta, que Xesús posibilita; na cruz abriunos o campo, amosounos o camiño, ofreceunos o método: amar e servir con fondo sentido de comunidade, e deunos a forza por sen con Deus creadores do noso destino.

Oración
Grazas, meu Deus,
por nos quereres tanto,
por nos capacitares para unha vida digna e abundante.
Grazas por Xesús,
que ti nos ofreces
para ollarmos nel
a maneira de sermos homes e mulleres
satisfeitas, en irmandade fonda e veraz.
Grazas polo Espírito que nos dás,
que vén de ti cara a nós
para soster o noso esforzo,
para aliviar as nosas canseiras,
para empuxar as nosas esperanzas,
para alegrar e consolidar as nosas vidas.
Grazas, meu Deus, grazas.
Acción

Podemos empeñarnos en vivir este día ben contentos, sabéndonos tan queridas por Deus. Podémolo demostrar cantando, festexando algo. Tamén sendo máis solícitas en compartir o amor de Deus con outras persoas servíndoas con moita alegría no que máis necesidade teñan.


14 de abril: Mércores do 2ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 5, 17-26
Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9

Evanxeo: Xn 3, 16-21

Naquel tempo díxolle Xesús a Nicodemo:

—De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre xa está xulgado, porque non creu no fillo Unixénito de Deus. Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ao mundo, a xente escolleu a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras, porque están feitas como Deus quere.

Meditación

En Xesús Deus ofrécenos unha maneira de vivir curadora, liberadora. Ofrécenos o camiño de encontro co Deus Pai/Nai que nos sustenta en todo momento, que nos envolve en cada instante coa súa vontade amorosa e servidora. Ofrécenos luz para a vida, ensínanos a vernos a nós mesmas como persoas sempre queridas, sempre merecedoras de aprecio; ensínanos a ollar a xente que nos rodea da mesma maneira. Ofrécenos poder vivir como unha grande familia, na que, como pasa nas familias normais, a persoa máis débil é mellor atendida. Ofrécenos perdón para espertar cando desfalecemos e nos deixamos levar por olladas de dominio, de individualismo. Ofrécenos Espírito para resistir as forzas propias ou alleas que nos queren torcer este camiño de encontro e de unidade.

Non por dicir que cremos en Xesús xa está todo feito. Tampouco non podemos condenar a quen non cre en Xesús. Este Espírito de Deus do que falamos anda tamén no medio de xentes e pobos que non teñen fe en Xesús, pero que á hora da verdade actúan conforme a ese fondo de humanidade polo que Xesús apostou vivamente no nome de Deus. E iso é o importante.

Oración
Si, claro que si, meu Deus,
podo escoller as tebras no canto da luz,
a falsidade no canto da honradez,
o aproveitamento no canto do servizo,
a indiferenza no canto da solidariedade,
a corrupción no canto da transparencia,
as trampas no canto da xustiza,
o vicio no canto da moderación,
as dependencias no canto da liberdade,
a mentira no canto da verdade,
o odio no canto do amor,
e así, así,
que difícil resulta amañar a propia vida!
Só ti, meu Deus, es quen de me fortalecer.
A ti me encomendo.
Acción

Podemos mirar se nalgún campo da nosa vida nos permitimos andar en escuridade, é dicir, fóra do esplendor da Pascua. Algo poderemos facer para a luz de Cristo resucitado alumee e recupere esas escuridades.


15 de abril: Xoves da 2ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 5, 27-33
Salmo: 33, 2 e 9. 17-18. 19-20

Evanxeo: Xn 3, 31-36

Nunha ocasión dixo Xesús:

—Quen vén de arriba está por riba de todos; quen é da terra á terra pertence e da terra fala. O que vén do ceo está por riba de todos; do que viu e oíu, disto dá testemuño; pero ninguén acepta o seu testemuño. Quen acepta o seu testemuño confirma que Deus é verdadeiro. Porque aquel a quen Deus mandou fala as palabras de Deus, que non dá o Espírito cunha medida limitada.

O Pai ama o Fillo e púxolle todas as cousas nas súas mans. Quen cre no Fillo ten vida eterna; pero quen non obedece ao fillo non verá a vida, porque a ira de Deus pesa enriba del.

Meditación

Deus non está fóra de nós, do mundo; Xesús non veu de fóra para facer o seu traballo e volverse para a súa casa do ceo. Ás veces non sabemos ben como explicar o misterio da vida sostida e alimentada polo Espírito de Deus. Pero ese é o noso misterio. Ese foi o misterio de Xesús: home en todo coma nós, pero, iso si, completamente fiel sempre ao Espírito de Deus, a Deus mesmo. Do que el foi aprendendo e vivindo é do que el nos fala; transmítenos a súa experiencia; compártea connosco. Todo ole en Xesús a fidelidade, a verdade, a desprendemento, a solidariedade, a amor. Podémonos fiar del. Hai nel un camiño certo de vida. Iso polo menos cremos as persoas que tivemos a sorte de o ir coñecendo e de introducirnos polo seu camiño de vida. Estamos chamadas a ser testemuñas diso, coa nosa vida sobre todo, tamén coa nosa palabra. Como fai Deus sempre, como fixo Xesús, propoñemos iso humildemente a quen queira aceptalo. Non xulgamos a ninguén, non condenamos a ninguén, non ameazamos a ninguén. Queremos a todo o mundo e gustaríanos que todo o mundo participase do ben que nós atopamos en Xesús, en Deus.

Oración
Grazas, meu Deus,
porque es fiel.
Grazas porque cada día, cada hora,
estás aí, ao pé da nosa vida,
sosténdoa, alumeándoa, fortalecéndoa.
Grazas porque es abundante nos teus dons:
dásnos o teu Espírito sen mérito nin medida.
Grazas por Xesús,
esa xoia de ser humano,
no que ti te nos amosas claramente,
no que nós intuímos a verdade da nosa existencia.
Grazas, meu Deus.
En que misterio de vida nos envolves,
con canta solicitude nos abrazas!
Acción

Se somos tratadas por Deus con tanto agarimo, sería ben que nós fosemos testemuñas del envolvendo en agarimo e coidado todas as cousas que facemos, todos os animais cos que vivimos, todas as persoas que nos rodean. Con amor e con xustiza.


16 de abril: Venres da 2ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 5, 34-42
Salmo: 26, 1. 4. 13-14

Evanxeo: 6, 1-15

Naquel tempo foi Xesús á outra banda do mar de Galilea (o de Tiberíades). Seguíao unha chea de xente, porque viran os sinais que facía na xente enferma. Subiu Xesús ao monte e sentou alí cos seus discípulos. Estaba a chegar a Pascua, a festa dos xudeus. Levantou a vista Xesús e, vendo vir tanta xente cara a el, díxolle a Filipe:

—Onde imos mercar pan, para que coma esta xente? (Isto dicíao para tentealo, que el ben sabía xa o que ía facer).

Respondeulle Filipe:

—Nin medio ano de xornal chega para que cada un deles reciba un codelo.

Un dos seus discípulos, André, o irmán de Simón Pedro, díxolle:

—Hai aquí un rapaz que ten cinco bolos de pan de cebada e dous peixes. Claro que, que é iso para tanta xente?

Xesús ordenou:

—Facede sentar a xente.

Había moita herba naquel sitio. E sentaron como uns cinco mil homes. Entón colleu Xesús os pans, deu grazas, e repartiu aos sentados canto quixeron, e o mesmo fixo cos peixes. Cando se fartaron, díxolles aos seus discípulos:

—Recollede os anacos sobrantes, para que non se estrague nada.

Entón xuntáronos e encheron doce cestas cos anacos dos cinco bolos de pan de cebada, que lles sobraran aos que comeron. Ao veren aqueles homes o sinal que fixera, dicían:

—Este si que é o profeta que había de vir ao mundo.

Entón Xesús, decatándose de que o ían vir coller para proclamalo rei, retirouse só outra vez ao monte.

Meditación

Quen é o Xesús resucitado, que celebramos e agradecemos nestes días de Pascua? Onde descubrir a súa presenza viva no medio de nós? Non é un Cristo estraño que se refuxia en Deus, despois dunha tarefa xa cumprida. É un Cristo ao pé da xente, ao pé das dores da xente enferma ou sedenta. Un Cristo gustoso da soidade que pacifica e que libera, pero que por iso mesmo escoita axiña o reclamo da debilidade. É un Cristo que nos mobiliza ante as carencias, que nos esperta para a colaboración, para poñer o propio ao servizo do comunitario, con formas persoais ou con sistemas sociais, políticos. É o Cristo capaz de fartar fames fondas, máis alá da fame de pan de cada día, sen esquecer este. É o Cristo servidor, que non quere esquecer o seu papel de tal en ningún momento, por moito que a xente, onte e hoxe, nos guste convertelo en rei e señor.

Oración
Servidor,
só servidor,
sempre servidor,
Xesús,
na vida e na morte
e na mesma resurrección.
Coroado de gloria
como o gran servidor,
guía de servidores e servidoras,
mestre de servidores e servidoras.
Grazas, Xesús,
na túa escola de servizo
quero eu entrar.
Acción

Podemos intentar descubrir na nosa vida, na vida da xente que nos rodea, sinais dese Cristo vivo que nos acompaña. Descubrilo, agradecelo, aprender del.


17 de abril: Sábado da 2ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 6,1-7
Salmo: 32, 1-2. 4-5. 18-19

Evanxeo: Xn 6, 16-21

Como xa caera a tarde, os discípulos de Xesús baixaron ao mar, montaron nun bote e dirixíronse cara á outra beira, a Cafarnaúm. Xa era noite pecha e Xesús aínda non chegara onda eles. O mar empezou a picarse, porque ventaba rexo. Despois de levaren vogado unhas tres millas, viron a Xesús camiñando por riba do mar e, conforme se ía achegando ao bote, empezaron a coller medo. Pero el díxolles:

—Son eu, non teñades medo.

Entón queríano facer subir ao bote, pero naquel instante o bote quedou varado no sitio onde ían.

Meditación

Que fai Xesús resucitado no medio da comunidade, no medio dos homes e mulleres que cremos nel? Este relato, no que cómpre restarlle importancia ao seu estilo milagreiro, dános algo de resposta. Unha comunidade cristiá sen Xesús ben no medio vai á deriva. Que a noite sexa pecha, que o mar se pique, que o vento pete forte son maneiras de nomear os diferentes atrancos cos que as persoas, ou cada comunidade nos temos que enfrontar. Eses atrancos poden brotar do interior ou do exterior da comunidade ou das persoas. Que Xesús camiñe por riba das augas é unha maneira de dicir que cando lle dámos acollida na vida, na comunidade, as dificultades non desaparecen, pero vémonos capaces de abordalas, porque nos situamos ante elas ao estilo de Xesús: ben asentadas en Deus Pai/Nai, ben confiadas na forza do Espírito, ben fortalecidas pola mesma comunidade. É ben importante permitirnos que resoen con forza no noso corazón, na nosa vida esas potentes palabras de Xesús: Son eu, non teñades medo.

Oración
Son eu, non teñades medo.
Son eu,
estou aquí,
ao voso carón, no medio de vós:
non teñades medo.
Se queredes,
non hai cousa que vos poida arrincar
do lugar da paz,
do lugar da esperanza.
Nin as ameazas interiores,
que cada quen fabrica no seu intimo;
nin as agresións exteriores,
que desde a maldade, desde o poder
se conxuran contra vós.
A fe,
se é sinxela, fonda e transparente,
non vos fará intocable,
pero arredará de vós todos os medos e desalentos.
Acción

Pode ser de proveito que intentemos identificar os medos que nos encollen, como persoas ou como comunidade, sexan do tipo que sexan. Como os afronto desde a fe que temos en Xesús?



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.