05 agosto, 2021

Tempo Ordinario: 19ª semana




8 de agosto: Domingo 19º do Tempo Ordinario

1ª lectura: 1 Re 19, 4-8. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
2ª lectura: Ef 4, 30—5,2

Evanxeo: Xn 6, 41-51

Unha vez os xudeus comezaron a murmurar de Xesús, porque dixera: “Eu son o pan que baixou do ceo”, e dicían:

—¿Non é este Xesús, o fillo de Xosé? ¿Non lle coñecemos o pai e máis a nai? ¿Cómo di, logo: Eu baixei do ceo”?

Xesús respondeulles:

—Non esteades aí a murmurar. Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. Está escrito nos Profetas: “Todos serán ensinados por Deus”. Todo aquel que escoita o Pai e aprende, vén onda min. Non porque alguén vise o Pai; o único que viu o Pai é o que estaba onda Deus. con toda verdade volo aseguro: quen cre ten vida eterna.

Eu son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. Eu son o pan vivo que baixou do ceo; se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei é a miña carne para a vida do mundo.

Meditación

Estamos nun momento convulso, a nivel social e, para moita xente, tamén a nivel persoal. Guiados polo evanxelista Xoán, estamos dándolles voltas á súa catequese sobre Xesús como pan de vida, que ten capacidade de soster o mundo. Pero a realidade é que hai moita xente, millóns de persoas, que están razoablemente preocupados polo pan de cada día, polo alimento cotián, polo fogar cotián, polo traballo cotián, pola súa integración cotián nunha sociedade que lles permita vivir con dignidade. A nivel persoal e a nivel comunitario non debemos evitar facernos a pregunta: como podemos combinar estas dúas realidades? E darlle unha resposta que atenda ás necesidades da xente e que estea atenta tamén ao ofrecemento de Xesús.

No é máis complexo o noso tempo do que o era o tempo de Xesús. Por iso a pretensión de Xesús e/ou das primeiras comunidades cristiás de presentalo como o remedio de vida para a situación presente chocou moito no ánimo da xente. Estamos moi afeitos/as a escoitar con rutina as palabras de Xesús (ou do seu comentarista Xoán): “eu son o pan que baixou do ceo”, ou “eu son o pan da vida”, ou: “eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre”. Con estas palabras Xesús, as primeiras comunidades cristiás, afirmaban o seu convencemento de que en Xesús hai remedio de vida para calquera situación, por complexa que esta sexa. A pretensión de Xesús foi obxecto de ridículo por parte de moitos conveciños/as, coa crítica que ben

coñecemos: “Non é este Xesús, o fillo de Xosé? Non lle coñecemos o pai e máis a nai? Como di, logo: ‘Eu baixei do ceo’?”

Os comentaristas están de acordo en dicir que cando o evanxelista Xoán afirma: “o pan que eu darei é a miña carne...”, ao empregar a palabra “carne” no canto da palabra “corpo”, da que botan man outros evanxelistas, quere recalcar o carácter de debilidade, de fraxilidade, co cal se acentúa a realidade chocante de todo o de Xesús. É coma dicir: no pouco, no débil, no non poder, no non éxito, na cruz, no perder a vida, (e todo iso embebido na corrente maxestosa, pero calada, do amor, da solidariedade, que invade todo o de Xesús), aí é onde misteriosamente hai vida, hai presente e hai futuro para as persoas, para as sociedades, para a humanidade.

O papel dunha comunidade cristiá nos tempos de hoxe, coma nos de onte, é, primeiro, crer esta oferta de Xesús. Crer nela, aceptala, incorporala á propia existencia, vivila gozosamente, vivila creativamente, que quere dicir tanto coma buscarlle saída e realizacións concretas nos tempos concretos que estamos vivindo, nas situacións concretas nas que os homes e mulleres de hoxe nos estamos vendo envoltos/as.

Que pode significar hoxe para nós aceptar o pan-carne, que Xesús nos dá? pode significar aceptar a fraxilidade namorada, a fraxilidade solidarizada, que Xesús nos ofrece? Con que formas de palabra, de feitos de vida, podemos espallar hoxe este convencemento de Xesús e das primeiras comunidades cristiás, de que na fraxilidade dada, entregada, baleirada, hai futuro, máis aínda, está o futuro? Cremos que na pobreza namorada, solidarizada, activa e pasivamente, está a clave da solución das cousas? Embarcámonos con Xesús nese gozo, nesa tarefa? Ou é que, no fondo, tamén nós pensamos que isto é unha inxenuidade, e que quén é Xesús e o de Xesús, a causa de Xesús, para semellante pretensión de querer ser vida do mundo amortuxado, curación para unha sociedade ferida? Ou é que, no fondo, tamén nós pensamos que é no poder,

frecuentemente insolidario, non amante, onde hai futuro, bo ou malo?

En tempos de “nova evanxelización”, no que se nos quere meter a todos/as –e iso está moi ben--, sería ben que nos preguntásemos como persoas, como membros de comunidades cristiás, se realmente estamos sendo coa vida realizadores, realizadoras, desta pretensión de Xesús. E estaría ben que este, e non outros, fosen os puntos de conflito que tivésemos cos nosos coetáneos non crentes: pero onde van estes pretendendo, desde a fe en Xesús, poñerlle remedio ao mundo desde a pobreza, a fraxilidade solidaria?

Preces

TODOS, TODAS, SERÁN ENSINADAS POR DEUS

Que, coma ti, Xesús, todos, todas nos deixemos levar e ensinar por Deus, para vivir efectivamente en amor solidario nos tempos que corren. Oremos.

Que saibamos seguirte, Xesús, que saibamos ofrecer con humildade, con vigor, con frescura ás nosas sociedades o alento que ti nos deches para a vida do mundo .Oremos.

Que, algo coma ti, nos fagamos pan para os débiles, cos nosos cartos, co noso acompañamento, co noso apoio. Oremos.

Que abramos as nosas comunidades cristiás ao que pasa no mundo, na parroquia; que saiamos das Misas, das celebracións, sempre máis atentos ao que no pobo se vive, se loita, se sofre, se goza. Oremos.

Que acompañemos no día a día nas súas accións aos que están loitando por defender os seus dereitos, o seu pan. Oremos.

Oración
E cóllesme da man, Xesús,
e lévasme á escola de Deus,
onde todos e todas son ensinadas
para o exercicio simple e diario do amor,
para que aprenda,
para que deixe enchoupar a vida de afectos solidarios,
e me perda contigo na nobre tarefa
de ser froito e semente de fraternidade.
Grazas!

Cóllesme da man
e lévasme a casas e lugares insospeitados,
onde viven persoas insospeitadas,
que falan de ti cunha linguaxe insospeitada,
persoas insignificantes, populares,
pegadas á práctica diaria de amar e servir,
de dar, de darse,
de facerse soño e mantenza de excluídos/as,
e chégame o eco das túas mesmas palabras:
“eu son o pan que baixou do ceo”.
Grazas!

Cóllesme da man, Xesús,
a túa man quente, vigorosa,
afeita ao traballo e ás apertas,
ás bendicións e aos perdóns,
aos alentos e ás esperanzas novas,
e dásme a túa mantenza, o teu espírito,
a túa fe, as túas conviccións, a túa causa,...
posme diante da hora presente,
e disme: chégache o meu pan, a miña carne,
chégache a fraxilidade, a pobreza namorada,
apúntate comigo á pequena comunidade soñadora
que cambiará a sorte deste mundo.
Grazas!
Acción

Podemos aproveitar o verán para coñecer e gozar con paisaxes e xentes do noso redor, que igual nunca acabamos de visitar. Podemos aproveitalo tamén para visitar algunha comunidade cristiá parroquial, compartir con esa xente a nosa fe, e igual abrir os ollos a cousas que non estamos facendo e que poderíamos facer.


9 de agosto: Festa de Santa Tareixa Benedicta da Cruz (Edith Stein) co-patroa de Europa

1ª lectura: Os 2, 16b. 17b. 21-22. Salmo: 44, 10. 11-12. 16

Evanxeo: Mt 25, 1-13

Unha vez díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:

—O reino dos ceos parécese a dez mociñas que colleron os seus candís para saír recibir o noivo. Cinco eran parvas e cinco, asisadas. As parvas colleron os candís, pero non os encheron de aceite; as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegoulles o sono e quedaron durmidas. Alá pola media noite oíuse berrar: “Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!” Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís. Entón as parvas dixéronlles ás asisadas: “Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen”. Responderon as asisadas: “Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda o que o merquedes”.

Mentres elas ían mercalo, chegou o noivo e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: “Señor, Señor, ábrenos!” Pero el respondeulles: “Asegúrovos que non vos coñezo”.

Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.

Meditación

Edith Stein (santa Tareixa Benedicta da Cruz) foi declarada co-patroa de Europa polo papa Xoán Paulo II no ano 1999 xuntamente con Santa Catalina de Siena e Santa Bríxida. Edith Stein (1891-1942) foi unha persoa extraordinaria: muller xudía, filósofa, mística, converteuse ao cristianismo despois dun proceso intenso de recuperación da fe que abandonara na primeira mocidade. Fíxose carmelita e da cela do Carmelo Echt en Holanda, a onde fuxira como refuxiada desde Carmelo de Colonia, foi arrebatada polas SS nazis para ser gaseada no campo de exterminio de Auschwitz. Sucedeu o 9 de agosto do 1942.

Compartimos un pequeno texto testemuñal dos tempos nos que Edith Stein se reencontra coa experiencia relixiosa:

“Hai un estado de descanso en Deus, de suspensión total de toda actividade intelectual, no que non se fan plans de ningún tipo, non se sacan conclusións, senón que se abandona todo o porvir á vontade de Deus, entrégase totalmente ao destino. A este estado accedín en parte, despois de que un acontecemento que supera as miñas forzas consumiu por completo as miñas enerxías vitais e me privou de toda actividade. Este descansar en Deus é, con respecto á negación da actividade por carecer de enerxía vital, algo totalmente novo e singular. Aquilo era calma morta. No seu canto, aparece agora o sentimento de estar protexida… e na medida que me entrego a ese sentimento, comeza a encherme cada vez máis unha nova vida… Esta corrente vivificadora aparece como emanación dunha actividade que non é miña.”

Desde logo Edith Stein foi unha das mociñas asisadas que sempre estivo esperta e abastecida para o encontro co Deus da vida.

Oración
Quixera ter
o corpo, a alma sempre en vilo
cara a ti, meu Deus,
coma Edith Stein.
Quixera abrir
todo o meu ser, sen reserva algunha,
á túa presenza viva,
ao teu envolvente amor,
coma Edith Stein.
Quixera dobregarme
ante todo gozo e dor
con intelixencia e paixón
coma Edith Stein.
Quixera andar
co rostro erguido, co corazón aceso
ante a dor, ante a morte inxusta
coma Edith Stein.
Quixera encher
os enormes ocos da miña existencia
cun montón de nomes fráxiles,
co teu propio nome, meu Deus,
coma Edith Stein.
Pero son o que son, meu Deus,
son o que son
ante ti.
Acción

Igual non nos resulta difícil ler algunha pequena biografía de Edith Stein. Hai unha moi breve na colección SINERGIA de Inés Riego. Seguro que nos axudará a coller toda a vida con máis corpo nestes tempos brandos nos que nos toca vivir.


10 de agosto: Festa de San Lourenzo

1ª lectura: 2 Cor 9, 6-10. Salmo: 111, 1-2. 5-6. 7-8. 9

Evanxeo: Xn 12, 24-26

Nunha ocasión díxolle Xesús aos seus discípulos:

—Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra, pero non morre, quedará el só; pero, se morre, dará froito abondoso. Quen se ama a si mesmo pérdese; mais quen se aborrece a si mesmo neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estea eu, estará tamén a persoa que me sirva; e o Pai honrará a quen me sirva.

Meditación

¿Cómo se vai aborrecer unha persoa a si mesmo? ¿Non dicimos que é san e bo ter unha boa autoestima? Non o nega Xesús. Xesús fálanos do erro enorme de poñernos nós, a nosa vida, a nosa realización, o noso coidado como centro de todo, ao redor do cal teña que virar toda a nosa existencia e a de quen viva ao redor noso. A proposta de Xesús para a vida é sempre un construírnos, un mirar por nós, pero desde o servizo, desde o desfacerse, desde o baleirarse no coidado e atención á demais xente; só así, curiosamente, unha vida se vai sentindo chea, ben construída, feliz. Esta foi a súa experiencia que nos ofrece como camiño de vida.

Lourenzo, diácono da igrexa de Roma no século III, compartiu ese sentir de Xesús. Era o encargado de atender as necesidades da xente pobre, enferma, marxinal: realizouse felizmente como persoa atendendo a esas persoas, que eran os verdadeiros tesouros da Igrexa, como lle contestou a quen lle esixía eses tesouros. Matárono por iso, queimándoo vivo nunha grella. Morreu servindo, facéndose gran que cae en terra para dar froito.

Oración
Xesús,
contigo, con Lourenzo,
quero ser gran de trigo,
caído en terra, desfeito,
para dar froito.
Contigo, Xesús,
con Lourenzo,
quero aprender esa exquisita lección de vida
que fala de esquecerse,
de poñerse en segunda fila,
de facerse servidora de quen de min precise,
e así, misteriosamente,
ir enchendo a miña vida
de nomes e de vidas,
que dan a felicidade.
Cada día,
no pequeno e no grande,
contigo, Xesús, con Lourenzo,
servidor, servidora.
Acción

É ben difícil de librarnos da ansia de poñernos en primeira fila. Podiamos pensar nalgunha cousa concreta na que podemos esquecernos algo de nós atendendo a outras persoas. A base de cousas así poderemos ir cambiando.


11 de agosto: Mércores da 19ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Dt 34, 1-12. Salmo: 65, 1-3a. 5 e 8. 16-17
Ano 2: 1ª lectura: Ez 9, 1-7; 10, 18-22. Salmo: 112, 1-2. 3-4. 5-6

Evanxeo: Mt 18, 15-20

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:

—Se teu irmán peca contra ti,vai e repréndeo; pero ti só con el. Se te escoita, conquistaches o teu irmán. Se non te escoita, leva contigo un ou dous, para que por medio de dúas ou tres testemuñas quede resolto o asunto. Se non vos fai caso, dillo á comunidade; e se tampouco lle fai caso á comunidade, sexa para ti coma un pagán ou un recadador de impostos. Asegúrovos que o que atedes na terra será atado no ceo, e o que desatedes na terra será desatado no ceo.

Meditación

Na vida, dentro e fóra da comunidade cristiá, atopámonos con persoas (entre as que nós tamén nos contamos) que fan cousas mal feitas, danándose a si mesmas e danando tamén a persoas que están ao seu redor. Temos o costume de reaccionar ante iso queixándonos, murmurando por detrás, criticando; pero poucas veces temos a ousadía cristiá de achegarnos a esa persoa e con toda mansedume dicirlle o que nos chocan e por que nos chocan algúns dos seus comportamentos. É dicir, poucas veces cumprimos co deber mutuo da corrección. Quizais porque nós mesmos, cando alguén nos corrixe, reaccionamos de malas maneiras. Se faltar, pecar é máis ou menos humano, tamén debería selo corrixir e aceptar a corrección. Para que isto funcione é imprescindible quererlle moito ás persoas concretas ás que queremos corrixir, e sentirnos moi queridos por quen nos corrixa.

Oración
Grazas, meu Deus,
pola comunidade familiar,
pola comunidade cristiá da que formo parte.
Grazas pola xente que, porque me quere,
me corrixe
e me permite medrar como persoa de ben.
Grazas
polas veces que me move o amor
para dicirlle a alguén
palabras de corrección e alento.
Grazas por forma parte dunha comunidade viva,
onde todos, todas, nos facemos cargo de todos,
con ganas de gañarnos mutuamente para o ben.
Grazas.
Acción

Seguro que estamos ante o caso de persoas ás que nos gustaría poderlle dicir algo, para corrixir, para alentar. Podemos buscar a maneira de facelo con moita humildade e mansedume, con moito agarimo. E así facilitar que outras persoas tamén nos poida corrixir a nós.


12 de agosto: Xoves da 19ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xos 3, 10a. 11. 13-17. Salmo: 113A, 1-2. 3-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: Ez 12, 1-12. Salmo: 77, 56-57. 58-59. 61-62

Evanxeo: Mt 18, 21--19,1

Unha vez Pedro achegouse a Xesús e preguntoulle:

—Señor, cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? Ata sete veces?

Respondeulle Xesús:

—Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.

Por iso o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía moitos millóns. E, como non atiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el coa muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.

O servidor botóuselle aos pés e suplicáballe:

—Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo!

O señor tivo compaixón daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.

Pero, ao saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:

—Paga o que me debes.

Botándose aos seus pés, o compañeiro suplicáballe:

—Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.

Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.

Os compañeiros, ao veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ao seu señor todo o que pasara. Entón o señor mandouno chamar e díxolle:

—Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. E logo, ¿non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecera de ti?

E, todo anoxado, o señor entregouno aos verdugos ata que lle pagase toda a débeda.

Así tamén fará convosco meu Pai celestial se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.

Cando Xesús terminou estes discursos, partiu de Galilea e veu para a terra de Xudea, na outra banda do Xordán.

Meditación

Levamos metido moi dentro un espírito xusticeiro: quen as fai débeas pagar e ben pagadas. Vémolo con frecuencia, cando nos enfrontamos con algunha persoa que fai algunha barbaridade. E aí nos quedamos normalmente. Sen pensar que somos grupo, que somos familia, que somos comunidade. O cal quere dicir que nos debemos uns a outros entre nós, homes e mulleres fráxiles case sempre. Debémonos para a culpa, porque é moi raro que unha persoa actúe con maldade, sen que esa maldade non dependa algo polo menos da influencia da comunidade. E debémonos tamén para o perdón, porque, se me sinto premida a perdoar o próximo, tamén o próximo se sente premido a perdoarme a min.

Non se trata de deixar de exercer a xustiza, senón de entender que, por riba da xustiza, acompañándoa coma un irmán maior, está o perdón, que é o que acaba poñendo as cousas definitivamente no seu sitio: no sitio da irmandade corresponsable, que sabe que o amor pecha máis e mellor as feridas do que a simple xustiza. Deus parece que é así, e a iso nos invita coa palabra e cos feitos de Xesús. Desde logo, non perdoar, sabéndonos perdoad@s, é o colmo da insolencia.

Oración
Bótolle unha ollada á miña vida,
ante ti, meu Deus, que todo o coñeces amorosamente,
e canto teño de que me arrepentir!
Como para non vivir
envolt@ en ansias de perdóns!
Como para non ter sempre a man
a graza do perdón a quen del precise!
Como para non entender as maiores animaladas
que calquera ser humano é capaz de facer!
Como para non andar pola vida con temor e tremor,
apegándome ao ben curador con toda humildade!
Como para non achegarme a ti, meu Deus,
fonte limpa de toda graza e misericordia!
Acción

¿Témoslle negado o perdón a algunha persoa nalgunha ocasión? ¿Poderíamos retomar o caso con esa persoa dunha maneira diferente? ¿Deixámonos levar polo espírito de condena contra algunha persoa ante casos que vemos na TV ou na prensa? ¿Poderiamos abrandar algo o noso corazón ao estilo de Deus?


13 de agosto: Venres da 19ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xos 24, 1-13. Salmo: 135, 1-3. 16-18. 21-22 e 24
Ano 2: 1ª! Lectura: Ez 16, 1-15. 60.63. Salmo: Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6

Evanxeo: Mt 19, 3-12

Unha vez achegáronse a Xesús uns fariseos e preguntáronlle para poñelo a proba:

—¿Estalle permitido a un home repudiar a muller por un motivo calquera?

El respondeu:

—¿Seica non sabedes que o Creador dende o principio fixo o ser humano home e muller, e dixo: “Por iso deixará o home a seu pai e máis a súa nai, unirase á súa muller e serán os dous unha soa carne?” De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto o que Deus xuntou que non o separe a xente.

Preguntáronlle:

—¿E logo como é que Moisés mandou entregar o certificado de divorcio e repudiar a muller?

Xesús respondeu:

—Debido á dureza do voso corazón permitiuvos Moisés repudiar as vosas mulleres; pero ao principio non era así. Asegúrovos que quen repudia a súa muller (agás no caso de que estean malvivindo) e casa con outra, comete adulterio.

Entón dixéronlle os discípulos:

—Pois, se a situación do home respecto á muller é esa, casar non nos fai avío ningún.

El contestoulles:

—Non todo o mundo entende isto, senón aquelas persoas ás que se lles concedeu. Hai homes castrados que naceron así do ventre da súa nai; hainos, porque os fixeron os homes; e hainos, porque eles mesmos se fixeron tales polo reino dos ceos. Quen poida entender, que entenda.

Meditación

A pregunta que se lle fai a Xesús verte machismo por todos os lados. Trátase de se o home podería repudiar a muller por calquera motivo, que podía ser mesmo por non cociñar ben, por roncar de noite etc. Cando Xesús afirma a igualdade radical entre o home e a muller, e que a unión de ambos se configura en seren os dous unha soa carne indivisible, daquela os mesmos discípulos non dubidan en afirmar que, sendo así as cousas, casar non é choio ningún, dado que un non se pode relacionar coa propia muller desde o dominio interesado. Xesús está defendendo abertamente os dereitos da muller ante as pretensións totalitarias do home respecto dela.

Niso temos avanzado, pero non o necesario, como o demostran tantos casos desgraciados que imos coñecendo. A nós hoxe cústanos moito establecer unións firmes, de por vida; consentimos tanto coa propia fraxilidade, que se nos fai difícil manter unións estables, co conseguinte sufrimento para a propia parella e para a crianza habida. Deus non é indiferente á nosa fraqueza, pero ¿é para nós bo vivir sempre baixo a escusa da nosa fraqueza?

O celibato pode ter moitas caras e cores. Xesús foi un célibe contra corrente, para vincularse fondamente a Deus e ao soño dunha humanidade reconciliada. Moitos e moitas teñen seguido os seus pasos. Fermosas as súas vidas, fermosas tamén as de quen casa e ensaia os soños de Xesús na convivencia familiar diaria!

Oración
Bendita a bendita sexualidade!
Bendito quen nos creou como seres sexuados!
Bendito o pracer do sexo!
Bendita a fecundidade do sexo!
Benditos os home e mulleres que o viven!
Bendito o sexo consentido, respectuoso, amoroso!
Bendito o sexo non absolutista, integrado!
Bendito o sexo humilde, que non se cre rei e señor!
Bendito o sexo fráxil, mendicante!
Bendito o sexo que leva a unións consistentes!
Bendito o sexo recollido, reconducido en liberdade!
Bendito o sexo das persoas célibes, á espera de plenitudes propias e alleas.
Bendito Deus, presente en nós
cando facemos o amor e cando del libremente nos privamos!
Acción

¿Qué trato estamos tendo coas mulleres coas que convivimos, coas mulleres que, por calquera razón, van cruzando na nosa vida? ¿Temos comportamentos machistas con elas da forma que sexa? ¿Toleramos eses comportamentos, se somos mulleres? Seguro que homes e mulleres poderemos mellorar neste campo?


14 de agosto: Sábado do 19ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Xos 24, 14-29. Salmo: 15, 12a e 5. 7-8. 11
Ano 2: 1ª lectura: Ez 18, 1-10. 13b. 30-32. Salmo: 50, 12-13. 14-15. 18-19

Evanxeo: Mt 19, 13-15

Nunha ocasión leváronlle a Xesús unhas criaturas para que lles impuxese as mans e rezase por elas. Pero os discípulos rifábanlles. Mais Xesús díxolles:

—Deixade que as criaturas se acheguen a min, non llelo privedes, porque delas é o reino dos ceos.

E despois de lles impoñer as mans, marchou de alí.

Meditación

O xesto de Xesús chamaba moito a atención, porque daquela as criaturas non eran nada consideradas, non contaban. Xesús repara niso, e opta, coma sempre, por valorar o que non é valorado, por poñer no centro o que a demais xente nos empeñamos en deixar de lado. Esa era e é a lei básica do seu proxecto de convivencia humana no nome de Deus: da xente cativa, con calquera clase de cativeza, é o reino dos ceos.

Hoxe, entre nós, temos nenos e nenas normalmente supermimadas, superabastecidas de todo tipo de trangalladas, o cal non quere dicir que por iso estean sempre ben queridas e atendidas na súa formación como persoas. E polo mundo adiante, en cambio, hai millóns de nenas e nenos sufrindo todo tipo de carencias, sometidos a todo tipo de explotación (sexo, guerras, órganos, migracións,…). Poñer as criaturas no centro segue sendo hoxe unha elemental e esixente tarefa, que vai máis aló dunha caricia ou dun chucho obrigado.

Oración
Impoñerlles as mans:
acariñar as criaturas.
Impoñerlles as mans:
respectalas na súa identidade e diferenza.
Impoñerlles as mans:
protexelas na súa inocencia.
Impoñerlles as mans:
coidar o seu corpo e o seu espírito.
Impoñerlles as mans:
implicándonos no seu presente, no seu futuro.
Impoñerlles as mans:
transmitirlles o mellor que levamos dentro.
Impoñerlles as mans:
abríndoas ao comunitario.
Impoñerlles as mans:
lembrando nelas as nosas fraxilidades.
Impoñerlles as mans:
compartindo con elas a grande aperta de Deus..
Acción

¿Cómo nos estamos relacionando cos nenos e nenas da nosa familia, da nosa comunidade? ¿Qué facemos pensando neses millóns de nenas e nenos que viven en situacións tan inhumanas? Como persoas e como comunidade cristiá igual podiamos mellorar a nosa maneira de interesarnos por eles e de tratalos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.