22 de agosto: Domingo 21º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Xos 24, 1-2a. 15-17. 18b. Salmo: 33, 2-3. 16-17. 18-19. 20-21. 22-23
2ª lectura: Ef 5, 21-32
Evanxeo: Xn 6, 60-69
Unha vez moitos dos discípulos de Xesús dixeron:
—Que dura é esta doutrina! ¿Quen pode admitir tal cousa?
Comprendendo Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto, díxolles:
—¿Escandalízavos isto? ¿E logo se visedes o Fillo do home subindo a onda estaba antes? O espírito é quen dá vida, a carne non vale para nada; as palabras que eu vos falei son espírito e son vida. E, aínda así, hai algúns de vós que non cren.
Pois ben sabía Xesús desde o principio quen eran os que non crían e máis quen o había de entregar. E proseguiu:
—Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo concede o Pai.
Desde aquela moitos dos seus discípulos botáronse para atrás e xa non andaban con el. Preguntoulles entón Xesús aos Doce:
—¿Vós tamén vos queredes ir?
Respondeulle Simón Pedro:
—Señor, ¿e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna, e nós cremos e recoñecemos que ti es o Santo de Deus.
Meditación
Co evanxeo de hoxe pechamos esa catequese especial sobre Xesús como pan de vida, que o evanxelista Xoán nos ofreceu a partir do acontecemento-signo da multiplicación dos pans e dos peixes, e que durante varios domingos de verán estivemos lendo, meditando e levando á práctica. Sabemos que o evanxelista Xoán non narra no seu evanxeo a entrega do corpo e do sangue de Xesús no pan e no viño durante a súa cea de despedida, ou cea pascual, pero no seu canto ofrécenos a fonda e proveitosa catequese de que vimos falando.
A parte final desa catequese, a que hoxe lemos nas nosas Misas, recolle o momento de máxima tensión a que deron pé as palabras de Xesús; é algo habitual tamén no evanxeo de Xoán falarnos das fortes discrepancias que provocaban os ditos e feitos de Xesús ; posiblemente esteamos ante unha estratexia catequética de Xoán, pero en todo caso non é algo ante o que poidamos pasar de largo.
A persoa de Xesús, o proxecto de Xesús, as ideas e sobre todo os feitos de Xesús conmocionaron a xente, suscitaron a admiración de algúns e, sobre todo nun segundo momento, tamén o desinterese e mesmo o desprezo de boa parte do pobo que o escoitaba. As multitudes que o seguían fóronse reducindo, os seguidores e seguidoras fóronse contando por pequenos números, e ao final case soamente os máis íntimos puideron, a trancas e barrancas, acompañalo ata o momento final. Por que? A orixes humildes, populares, de Xesús, a súa pertenza ao mundo e á causa dos máis débiles socialmente, a súa militancia firme ao lado da xente marxinada, a lectura nova que facía do feito relixioso, crente, coa palabra pero sobre todo co seu estilo de vida, a distorsión que producía sobre todo na xente relixiosa, os interrogantes que suscitaba nos cridos nas formas tradicionais de relixión, o seu sólido enraizamento no Deus vivo, que o levaba máis aló do que normalmente era lícito pensar, o compromiso persoal e grupal ao que con forza empuxaba, a súa invitación fonda a vivir na pobreza, na liberdade, no desarraigo económico, na apertura total ao Deus que vén coma Pai ou Nai, etc., todo isto levou a que moitos se botasen para atrás, e a que Xesús chegase a lles preguntar mesmo á súa xente máis fiel: “Vós tamén vos queredes ir?”.
É normal que a persoa e a proposta de Xesús nos descoloque. Malo se iso non pasa! É normal que nos leve a preguntarnos: que fago eu seguindo a este paisano xudeu de Nazaré, fillo de María e de Xosé, que nos propón, como medio para atopar vida, comer o seu corpo, beber o seu sangue, é dicir, comungar a fondo, o máis fondo posible, cos seus convencementos, co seu estilo de vida, iso si, adaptados lucidamente, baixo a guía do Espírito, aos tempos de hoxe?
Como persoas, como membros dunha comunidade cristiá, estaría ben que nos preguntásemos: Xesús descolócanos? Ou acaso estamos moi adaptados, temos feito unha interpretación cómoda e conformista das propostas de Xesús, das súas loitas, das súas paixóns, ata o punto de que podemos ler os evanxeos, rezar sos ou en grupo, comungar nas misas domingo si e domingo tamén, sen que nada ou case nada se altere en nós, sen que nada ou case nada nos distinga de moitos outros concidadáns/ás nosas, que polo que sexa lle teñen dado as costas a Xesús?
A catequese de Xoán sobre Xesús pan de vida remata estudadamente coa confesión convencida de Pedro: “Señor, e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna”. Algo poderemos facer para que esa confesión convencida madure en nós; algo que ten que ver coas prácticas relixiosas (rezar, meditar, celebrar, comungar...), e algo que ten que ver coas decisións diarias ante as que a vida nos coloca. Nos tempos de crise ampla e fonda nos que vivimos (sobre todo visto o mundo desde o lado dos máis pobres a crise sempre estivo aí), apostar por Xesús implica cousas evidentes, que nos permitirán ir comprobando se o de Xesús en nós é algo realmente consistente, ou un baño de pintura relixiosa que as augas do outono limparán sen maior problema. O que pouco custa, pouco vale; o que pouco custa, pouca vida aporta. E Xesús falábanos de vida, e de vida completa, abundante, redonda, mesmo eterna.
Preces
SEÑOR, TI TES PALABRAS DE VIDA ETERNA
Que nos deixemos engaiolar por ti, Xesús, que descubramos a fondura e forza das túas propostas de vida. Oremos.
Que non nos deixemos levar por unha relixiosidade superficial, baleira, que á hora da verdade case nada nos aporta. Oremos.
Que haxa coma ti, Xesús, moitos defensores/as das persoas marxinadas, que están sufrindo o abuso de quen manexa o mundo desde o poder. Oremos.
Que saibamos apoiar aos produtores de leite en Galicia, que están loitando por uns rezos xustos que lles permitan vivir con dignidade e manter vivo o mundo rural. Oremos.
Que gocemos coas nosas festas do verán, e fagamos delas espazos de encontro, de alegría, de solidariedade. Oremos.
Oración
Señor, Señor,...que non me poida a rutinana miña relación contigo,na miña busca de Deus,no meu exercicio diario da solidariedade.Que cada mañá, cada noitea túa palabra poida resoar fresca no meu corazón,coma unha invitación sempre sorprendentecara ao máis novo,cara ao máis libre,cara ao máis fondo,cara ao máis servizo,cara ao máis amor.Que me deixe sorprender por ti,engaiolar por ti,desenvolver por ti,recrear por ti,cada día, cada noite.Señor, Señor,...que non me poida a rutinaen ningunha das miñas actividades diarias,maiormente cando teño ante mina calquera home ou muller,a calquera irmán ou irmá.Que non me poida a rutina,nunca, xamais,cando un débil pete á porta da casa ou do corazón.Señor, Señor,...que non me canse de ti,que non me canse de min,que non me canse de nada,Cada día, unha mañá,toda a vida, unha mañá.Señor, Señor,...ti tes palabras de vida eterna.
Acción
Hai cousas de Xesús que nos botan para atrás? Podémonos fixar en unha ou dúas. Pensar no porqué diso. Compartilo con outras persoas crentes. E ver de descubrir o seu sentido e valor para nós.
23 de agosto: Luns da 21ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 1, 1-5. 8b-10. Salmo 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b
Ano 2: 1ª lectura: 2 Tes 1, 1-5. 11b-12. Salmo: 95, 1-2a. 2b-3. 4-5
Evanxeo: Mt 23, 13-22
Nunha ocasión dixo Xesús:
—Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que lles pechades á xente o reino dos ceos! Nin entrades vós nin deixades entrar a quen o intenta. Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que percorredes mar e terra para conseguir un prosélito, e cando o conseguides, facédelo fillo da perdición o dobre ca vós! Ai de vós, guías cegos, que dicides: “Se alguén xura polo templo, non pasa nada; pero, se xura polo ouro do templo, fica obrigado”. Parvos e cegos! ¿Qué é máis importante, o ouro ou o templo que consagra o ouro? E tamén: “Se alguén xura polo altar, non pasa nada; pero, se xura pola ofrenda que está enriba do altar, fica obrigado”. Cegos! ¿Qué é máis importante, a ofrenda ou o altar que consagra a ofrenda? Quen xura polo altar, xura por el e máis por todo o que hai enriba del; e quen xura polo templo, xura por el e máis por Aquel que o habita; e quen xura polo ceo, xura polo trono de Deus e máis por Aquel que está sentado nel.
Meditación
Posiblemente nos soen a cousas raras estas criticas ao comportamento dos letrados e fariseos: xurar por tal, xurar por cal, qué era o máis importante, qué era o menos. Podémolo resumir dicindo que, ao que se ve, era xente que se enredaba cegamente en moitas cousas sen importancia da doutrina, e esquecía o fundamental, que era o respecto profundo por Deus e o respecto profundo pola xente que o fai presente entre nós.
Dous mil anos despois podemos seguir nós coas mesmas andrómenas; debatemos ás veces sobre detalles da vida relixiosa, do culto, da doutrina: se o mal, o demo, anda por aí como tal demo, ou non; se é necesario confesar os pecados a un cura, coma sempre, ou non; se debemos recibir a comuñón na lingua ou na man, se o cura debe andar vestido normal ou con “tirita” etc. Cantas veces facemos da vida cristiá un xogo de debates absurdos, que non levan a nada. E deixamos de lado o que todos ben sabemos que é fundamental: andar con confianza, humildade, xustiza e rectitude diante de Deus, e mirar polo ben da xente como miramos polo noso mesmo ben.
Oración
Veño onda ti, Xesús,para que me limpes a ollada,para que me laves a intención e o corazón.Quero atinar co que é realmente bopara min, para a miña xente,para toda a comunidade, para todo o pobo.Quero investir o meu tempo, a miña ansiano que realmente me faga persoa sa,me axude a axudar a quen me rodea,e me leve a honrar dignamente a Deus.Veño onda ti, Xesús,con confianza, con humildade,co desexo firme de andar con bo pé polos teus camiños.Sei que ti nunca me decepcionas.Grazas, Xesús.
Acción
Podemos mirar se nas cousas da relixión, da vida cristiá, non nos estaremos enredamos en discusións que non levan a nada. Facémonos conscientes diso, para darlle importancia ao que realmente a ten.
24 de agosto: Festa de san Bartolomeu, apóstolo
1ª lectura: Ap 21, 9b-14. Salmo 144, 10-11, 12-13ab. 17-18
Evanxeo: Xn 1, 45-51
Unha vez Felipe atopou a Natanael (tamén chamado Bartolomeu) e díxolle:
—Encontramos a aquel de quen escribiu Moisés na lei e máis os profetas, a Xesús, o fillo de Xosé, de Nazaré.
Contestoulle Bartolomeu:
—¿E de Nazaré pode saír algo bo?
Felipe díxolle:
—Ven e verás.
Viu Xesús a Bartolomeu, que se achegaba, e dixo del:
—Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
Preguntoulle Bartolomeu:
—¿E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:
—Antes de que Felipe chamase por ti, cando estabas debaixo da figueira, vinte.
Respondeulle Bartolomeu:
—Mestre, ti es o Fillo de Deus, ti es o rei de Israel.
Díxolle entón Xesús:
—¿Por qué che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
E concluíu:
—Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home.
Meditación
Este relato conta algo de cómo Natanael ou Bartolomeu se incorporou ao grupo de Xesús: un amigo levouno onda Xesús, e quedou seducido por aquela primeira conversa con Xesús. Saíron a relucir as súas desconfianzas, pero Xesús chegoulle ao corazón e aquilo foi o comezo dunha fonda amizade, dun sincero seguimento que o marcaría para toda a vida. Quedan así subliñados os dous momentos que normalmente ten todo proceso de seducción por Xesús e polo seu estilo de vida: que alguén nos fale del, máis coa vida que coas palabras, e que nalgún momento teñamos nós o noso propio encontro persoal con Xesús no noso interior, na nosa fe.
O relato pódenos servir para recordar como foi ou está sendo a nosa vinculación con Xesús. Seguro que alguén dalgunha maneira, máis ou menos convincente nos falou de Xesús e do seu regalo para a vida; hai que agradecerllo; quizais tamén xa experimentamos en por nós que realmente o que se nos dixera de Xesús era tal cal, ou moito máis incluso. Pode ser tamén que non, que aínda esteamos no aire, e que siga no noso corazón a pregunta de Bartolomeu, revestida de calquera dúbida ou resistencia,: ¿De Nazaré pode saír algo bo?
Oración
Canto ansío atoparme contigo, Xesús!Canto ansío deixar de vivir de herdades,de palabras e experiencias alleas,por moito que as agradeza!Canto ansío bater contigo,co misterio humano e divino que vai contigo,para abrirme a el sen reservas,e deixar que modele toda a miña vida!Do xeito que sexa bater contigo,para levarte firme no meu corazónalentando todos os meus camiñosmarcando todas as miñas solidariedades,abríndome o acceso a Deus coma Naie a cada persoa que en cada momento atope, coma irmá.Canto ansío atoparme contigo, Xesús!
Acción
É posible que hoxe mesmo Xesús saia ao noso encontro da maneira menos pensada, sobre todo a través de persoas ou situacións de pobreza, de debilidade, que é onde el está especialmente presente. Acollámolo. Se podemos, coma Felipe, compartamos ese encontro, falemos de Xesús con algunha persoa familiar ou amiga.
25 de agosto: Mércores da 21ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 2, 9-13. Salmo: 138, 7-8. 9-10. 11-12ab
Ano 2: 1ª lectura 2 Tes 3, 6-10. 16-18. Salmo 127, 1-2. 4-5
Evanxeo: Mt 23, 27-32
Unha vez falou así Xesús:
—¡Ai de vós letrados e fariseos hipócritas, que vos parecedes aos sepulcros encalados, que por fóra parecen fermosos e por dentro están cheos de ósos de mortos e de impureza! Tamén vós por fóra parecedes homes xustos, pero por dentro estades cheos de hipocrisía e inxustiza.
¡Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que construídes sepulcros aos profetas e adornades os monumentos dos xustos, e dicides: “Se vivísemos no tempo de nosos pais, nós non seriamos cómplices deles na asasinato dos profetas!”. De xeito que contra vós mesmos testemuñades que sodes os fillos dos que asasinaron ós profetas. ¡Acabade tamén vós de encher a medida de vosos pais!.
Meditación
Palabras moi gordas as que o evanxelista Mateu pon na boca de Xesús criticando o comportamento hipócrita de letrados e fariseos. Palabras que debemos acoller como tamén dirixidas a nós, porque ¿quen está libre dese afán tolo de aparentar e aparentar, simulando honradez, solidariedade, interese pola sorte da comunidade, pola sorte da xente máis desfavorecida, e logo quedamos no seo da manta? ¡Cantas veces entramos no intento absurdo de branquear por fóra a nosa vida, buscando recoñecemento e valoración, agochando sabe Deus qué no noso interior! Énchesenos a boca de palabras e palabras, que nós tal, que nós cal, que mira eses, que mira esoutros…, e por aquí e por alí moitas veces acabamos facendo o mesmo que criticamos. Xesús invítanos a actuar sempre con sinceridade, con humildade, ollando con verdade para o noso interior, para o noso propio corazón, e desde esa verdade poder falar e actuar. Deus axúdanos a poñer verdade no noso propio corazón, na nosa propia vida.
Oración
Que me deixe traballar por ti, meu Deus!Límpame de aparencias e simulacións,do afán tolo de recibir recoñecementos,do intento absurdo de fuxir da miña propia verdade.Que da túa manacceda ao meu ser verdadeiro,e desde o meu ser verdadeirofale,actúe,me relacione semprecoa xente,contigo, meu Deus.Con humildade,con agradecemento.Porque son lama,nada máis que lama,ti quéresme valer, meu Deus.Grazas.
Acción
E moi probable que nalgunhas cousas actuemos desde a simulación e o engano. Pensemos na última ocasión en que fixemos algo así. O cambio posible empeza por tomar conciencia dos momentos nos que nos deixamos levar pola hipocrisía.
26 de agosto: Xoves da 21ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 3, 7-13. Salmo: 89, 3-4. 12-13. 14 e 17
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 1, 1-9. Salmo: 144, 2-3. 4-5. 6-7
Evanxeo: Mt 24, 42-51
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendédeo ben, se soubese o dono da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase o Fillo do home.
¿Quen é o criado fiel e prudente, a quen o Señor encargou o coidado de dar de comer á servidume no seu debido tempo? ¡Ditoso o criado aquel a quen o seu amo, cando chegue, o atope cumprindo coa súa tarefa! Tede por seguro que lle encomendará toda a súa facenda. Pero, se aquel mal empregado di para si: “O meu amo aínda non vén para agora”, e empeza a bourar nos seus compañeiros, comendo e bebendo cos borrachos, o día menos pensado e á hora máis imprevista chégalle o amo e bótao fóra, cos hipócritas; alí será o pranto e máis o triscar dos dentes.
Meditación
Estas palabras do noso Señor poderíannos levar a poñer toda a nosa atención na morte, como momento no que chega o noso Señor, e a vivir ese momento con temor, non vaia ser que os nosos malos feitos acaben merecendo castigo. E así, mesmo poderíamos acabar vivindo a vida atemorizados. O peor que lle pode pasar a unha persoa cristiá é acabar téndolle medo a Deus. Deus nunca é para meter medo. E Xesús tampouco. E as súas palabras nunca, nunca son para meternos medo. Si, para invitarnos á vixilancia. A vida é complexa. As persoas tamén o somos. E pódenos pasar que, con máis ou menos consciencia, con máis ou menos responsabilidade pola nosa parte, consintamos en ir facendo cousas que nos danen a nós, que danen a outras persoas; e así, no canto de nos construír coma persoas felices, nos construamos coma persoas amargas, que por riba lle amargamos a vida a outra xente. E isto, claro, sería unha desfeita. Deus, Xesús, que quere sempre o mellor para nós, só busca axudarnos a que iso non nos pase, a que poidamos gozar vivindo a vida con coherencia e axudando coa mesma coherencia a que a xente do noso redor tamén goce da mesma maneira. A morte e todo o que lle siga está sempre nas mans dun Deus misericordioso e clemente.
Oración
Sen medos, sen angustias,con paz, con confianza,quero vivir cada día, meu Deus querido,ao amparo da túa presenza alentadora.E así, con coidado e agarimoir facendo todo o que me pase polas mans,desexando facerme persoa de ben,para o propio proveito,para proveito de quen me rodea,para gloria túa, meu Deus querido,que me soñas honesta, xusta e fraterna,que me soñas feliz.Felicidade que ti, porque es espléndido,alongarás eternamente ao teu carón,no teu seo.Grazas. Grazas. Sempre grazas.
Acción
¿Somos persoas abandonadas nalgunha das nosas responsabilidades persoais, familiares, laborais, sociais? Cambiemos, non desde o medo a Deus, senón desde o aprecio por nós mesmos/as e por aprecio quen nos rodea.
27 de agosto: Venres da 21ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 4, 1-8. Salmo: 96, 1 e 2b. 5-6. 10. 11-12
Ano 2: 1ª lectura: 1Cor 1, 17-25. Salmo: 32, 1-2. 4-5. 19ab e 11
Evanxeo: Mt 25 1-13
Unha vez díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:
—O reino dos ceos parécese a dez mociñas que colleron os seus candís para saír recibir o noivo. Cinco eran aloucadas e cinco, previsoras. As aloucadas colleron os candís, pero non os encheron de aceite; as previsoras, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegoulles o sono e quedaron durmidas. Alá pola media noite oíuse berrar: “Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!” Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís. Entón as aloucadas dixéronlles ás previsoras: “Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen”. Responderon as previsoras: “Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda o que o merquedes”.
Mentres elas ían mercalo, chegou o noivo e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: “Señor, Señor, ábrenos!” Pero el respondeulles: “Asegúrovos que non vos coñezo”.
Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.
Meditación
Outra parábola sobre a necesidade da vixilancia na vida. Ser persoas en alerta, preparadas, porque día a día, hora a hora, Deus vai pasando pola nosa porta e, se non estamos dispostas a saírlle ao encontro, perdemos as oportunidades que o paso de Deus nos ofrece. E son acollementos e respostas que outras persoas non poden dar por nós, aínda que outras persoas si que poden alertarnos para que vivamos con serenidade, en paz, en silencio, e por iso mesmo con capacidade de percibir e responder.
Deus fáisenos presente nos momentos relixiosos (unha Eucaristía, un tempo de oración, un silencio para acoller…), pero tamén se nos fai presente en moitos outros momentos da vida: calquera persoa que se achega a nós, calquera persoa fráxil, desamparada; calquera acción humana que crea irmandade; calquera acción de abuso que xa dicimos que clama ao ceo; calquera momento da creación animada ou inanimada, que leva o rastro de Deus etc. Para quen anda coa alma en vilo cara ao ben, cara a fermosura, cara á verdade, a vida está chea de encontros humildes e poderosos co Deus da vida.
Oración
Quéresme, meu Deus,persoa viva e asentada a un tempo.Persoa de palabras e de silencios,persoa de festas e de acougos,persoa de acollementos e de ofrecementos,persoa de comunidade e de soidade,persoa de durmidas e de vixilancias.Quéresme, meu Deus,persoa amiga da riqueza da vida,hábil para sacarlle á vida todo o seu zume,hábil para no zume da vidadescubrirte a ti e gozar a túa presenza.Quéresme, meu Deus,totalmente humanae así, só así, totalmente túa.
Acción
Estamos acabando o tempo de vacacións. Pero, con vacacións ou sen elas, ¿que tempo nos concedemos para mirar polo que pasa pola nosa vida, por como acollemos as persoas, as circunstancias que a vida nos vai poñendo diante? ¿Somos das aloucadas ou das previsoras? ¿En que poderiamos avanzar por aquí?
28 de agosto: Sábado da 21ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 4, 9-11. Salmo: 97, 1. 7-8. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 1, 26-31. Salmo: 32, 12-13. 18-19. 20-21
Evanxeo: Mt 25, 14-30
Nunha ocasión díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:
—Unha persoa, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e criadas e deixoulles o coidado da súa facenda. E deulles a cadaquén segundo a súa capacidade: cinco, dous, un talento. Despois marchou.
A persoa que recibira cinco talentos foi deseguida negociar con eles e gañou outros cinco. Do mesmo xeito a que recibira dous gañou outros dous. Pero a que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do amo.
Ao cabo de moito tempo chegou o señor daquela servidume pedíndolles conta. Chegou a persoa que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco, dicindo: “Señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei”. Díxolle o señor: “Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, dareiche un cargo importante; pasa a gozar da festa do teu señor”. Chegou a persoa que recibira dous talentos e dixo: “Señor, dous talentos me entregaches, velaquí outros dous que gañei”. E díxolle o señor: “Ben, criada fiel e cumpridora; xa que fuches fiel no pouco, dareiche un cargo importante; pasa a gozar da festa do teu señor”.
Chegou tamén a persoa que recibira un talento e díxolle: “Señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botas. Por iso collín medo e fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu”. Pero o señor respondeulle: “Mal criado, lacazán! Con que sabías que seituro onde non semento e recollo onde non boto? Pois puxeras os meus cartos no banco e así, cando eu volvese, podería coller os cartos e máis os intereses. Quitádelle o talento a dádello a quen ten dez. Porque a quen ten háselle dar abondo; pero a quen non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. E ao criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e máis o renxer dos dentes”.
Meditación
Na liña dos Evanxeos destes días, o de hoxe fálanos de non deixar durmir dentro de nós aquelas calidades que cada quen ten, e que estaría ben que puxésemos ao servizo da construción da irmandade dentro e fóra da comunidade cristiá. Non todo o mundo é igual. Non todas as persoas temos calidades para o mesmo, nin temos esas calidades na mesma abundancia. Pero todas e todos temos valía, e o importante é que esa valía que temos a poñamos en xogo, vencendo medos persoais, vencendo resistencias que poden xurdir de nós, ou tamén das persoas e do medio que nos rodee.
Temos unhas comunidades cristiás moi clericalizadas, moi gobernadas para todo por uns clérigos varóns que o gobernan todo, e nós adaptámonos a iso por comodidade, por covardía. Temos unha sociedade civil tamén moi controlada por uns líderes, que fan e desfán sen teren en conta a cidadanía. Na Igrexa urxe que o laicado –tanto homes coma mulleres-- non agachemos as nosas habilidades, os nosos saberes, os nosos poderes, que as poñamos ao servizo dunha comunidade cristiá viva, namorada do noso Deus e das tarefa de irmandade que Deus nos puxo nas mans. Quen pon en xogo a súa capacidade de servir, curiosamente acaba fortalecéndose como persoa servidora, feliz; quen se aforra para o servizo achícase, empobrécese, anúlase como persoa.
Oración
Non,ti nunca ameazas, Xesús.O teu foi sempregañar por atracción, non por medo.Grazas!Ti advirtes, corrixes, alertas, potenciascoma un irmán maiorque nos coñeces a fondo,que coñeces os nosos medos e covardías,a nosa tendencia primeira a quedarnos no seo da manta.Grazas!Ti, Xesús,quérenos ver felicesparticipando, colaborando,construíndo en comúna casa común da comunidade,da parroquia, do pobo, da natureza, do mundo.Grazas!Con Díaz Castro disnos:“O universo sería máis pequeno sen ti”.
Acción
¿Sentimos que temos algunha calidade que, ben por preguiza ou nugalla nosa, ben porque alguén nos dá para atrás, non estamos poñendo ao servizo da comunidade eclesial ou civil? Seguro que podemos dar un paso ao fronte para contribuír con esa calidade á fermosura da comunidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.