14 outubro, 2021

Tempo Ordinario: 29ª semana




17 de outubro: Domingo 29º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Is 53, 10-11. Salmo: 32, 4-5. 18-19. 20 e 22
2ª lectura: Heb 4, 14-16.

Evanxeo: Mc 10, 35-45

Nunha ocasión achegáronse a Xesús os fillos de Zebedeo –Santiago e máis Xoán-- e dixéronlle:

—Mestre, nós queriamos que nos fixeses o que che imos pedir.

El preguntou:

E logo, ¿qué é o que queredes que vos faga?

Contestáronlle:

—Concédenos que na túa gloria sentemos un á túa dereita e outro á túa esquerda.

Respondeulles Xesús:

—Vós non sabedes ben o que pedides. ¿Seredes capaces de beber o cáliz que eu teño que beber, e recibir o bautismo que eu teño que recibir?

Respondéronlle:

—Somos.

Xesús replicou:

—O cáliz que teño que beber si que o beberedes, e tamén recibiredes o bautismo que eu teño que recibir, pero o sentardes á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min o concedelo, senón que é para os que está reservado.

Ao escoitaren isto, os outros anoxáronse con Santiago e con Xoán. Entón Xesús chamounos e díxolles:

—Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así, nin moito menos. Quen queira ser importante, que sirva os outros, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servidor. Que o Fillo do home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.

Meditación

No evanxeo de Marcos son os discípulos irmáns Santiago e Xoán os que se dirixen persoalmente a Xesús para lle facer unha petición, coa que demostraban non estar entendendo nada do espírito e da práctica de Xesús. Tan chocante e case vergonzoso lles resultou este relato aos primeiros cristiáns/ás, que o evanxelista Mateu, no canto de dicir que eran Santiago e Xoán os que facían a petición, di que foi a súa nai. Unha muller ben podía con todo, e, se era mai, aínda máis.

Aínda que a nós hoxe nos pareza moi sen sentido tal petición de participar no triunfo, no poder, nos primeiros postos, e mesmo nos riamos un pouco dos intereses destes dous irmáns, non estamos libres de entrar no seu mundo de pretensións. Quen está libre do afán de aparencia, de prestixio, de poder, de figurar, de se ir poñendo con máis ou menos disimulo no centro? En definitiva quen está libre de andar non a xeito de servidor/ra, senón a xeito de amo merecedor de servizos? É moi difícil estar sempre perfectamente protexido do cancro do poder, nos diversos niveis de intensidade con que nos pode atacar. A calidade dunha vida humana, a calidade, en consecuencia, tamén dunha vida cristiá ben se pode medir por este esquecemento do “eu”, nas moitas formas e cores que pode adoptar na nosa existencia, para se poñer gozoso ao servizo da demais xente.

Xesús quería que o grupo que el animaba coa súa palabra e sobre todo co seu mesmo exemplo de vida se desenvolvese con criterios moi distintos dos que calquera podía, e pode, observar no funcionamento normal de calquera persoa ou grupo que exerce o poder, para os que ser primeiro era mandar, tiranizar, asoballar. Xesús quería que o seu grupo entendese e vivise as cousas doutra maneira: quen queira ser primeiro débeo ser necesariamente pola vía do servizo, sendo, facéndose servidor/ra total de todos os demais. En tempos de “nova evanxelización”, sería ben que empezásemos evanxelizando as nosas mesmas persoas e comunidades, as institucións da nosa Igrexa, de xeito que responda fielmente a esta vontade de Xesús. Como persoas, erguémonos cada mañá coa ansia de servir, de como mellor servir a quen máis precise do noso servizo? Deitámonos cada noite verificando a limpeza e decisión do noso servizo durante o día? Que supoñería para o grupo ou comunidade cristiá da que formo parte, para a nosa Igrexa en conxunto, propoñerse en firme andar en servizo e non en poder?

Non é doado andar en cousas de servizo; váisenos deseguida a man, a mente, o corazón, a cousas de poder, de prestixio, a cargos, ao diñeiro de aí derivado. Quitamos doadamente a Deus e aos irmáns débiles do centro e poñémonos nós mesmos, como individuos, como comunidade ou coma Igrexa. Pero temos a sorte de ter un guieiro que non se dedicou a falar e falar do servizo –como moitas veces facemos nós--, senón que viviu en servizo. Non veu a que o sirvan –dicía o mesmo Xesús--, senón a servir e a entregar a súa vida polo ben de todos/as. Mirar a Xesús é a mellor maneira de acertar cos camiños do servizo. Mirar a Xesús, coa vista posta na realidade concreta da xente que me rodea, da comunidade da que formo parte, é a mellor maneira de acertar nisto sagrado de servir.

Preces

QUEN QUEIRA SER O PRIMEIRO /SER A PRIMEIRA,
QUE SIRVA AOS OUTROS/AS.

Señor Xesús, que nos deixemos levar polo teu Espírito de servizo, e darlle así a volta aos nosos soños de mando e de poder. Oremos.

Señor Xesús, que ao teu carón descubramos a inmensa alegría que hai en ser solidarios/as, en entregarnos en servizo á xente máis débil. Oremos.

Señor Xesús, que o teu Espírito nos fortaleza nos momentos en que por servir teñamos que afrontar problemas e desilusións. Oremos.

Señor Xesús, que o Papa e bispos e demais persoas que están xuntas en Roma celebrando o Sínodo da Familia, teñan na súa mente servir, sobre todo ás familias que máis difícil o están tendo para sacar as súas vidas adiante con dignidade, con harmonía. Oremos

Señor Xesús, que saibamos agradecer e apoiar o traballo das persoas que anuncian o teu nome polo mundo enteiro, e que fan tanto ben nos países máis pobres e oprimidos. Oremos.

Oración
Ai, Xesús,
canto necesito de ti!
Que cheas están as miñas mans,
o meu pensamento,
o meu corazón
de ansias de poder!

Camúflanse arteiramente
nas reviravoltas da miña vida
coma un colesterol pernicioso
que ameaza constantemente
con neutralizar a vida
que corre pola miñas veas.

Canto necesito de teu aviso, da túa alerta,
da túa purificación!
Cantas veces,
nos enredos normais da vida,
remexendo un pouco no me corazón,
te escoito dicíndome:
“Ansia de poder,
ansia de ser centro,
estaste poñendo onde non che toca,
por aí non hai solidariedade,
nin liberdade, nin alegría.”

Canto necesito ollar para ti,
que viñeches servir
e dar a túa vida por todos e todas!

Canto necesito ollar para as persoas servidoras,
que che fixeron caso
e converteron a súa existencia nun servizo
e o seu servizo
nun camiño de liberdade
e nunha forma revolucionaria de facer comunidade,
coma ti,
de facer país, Terra,
de facer Reino de Deus!

Ai, Xesús,
canto necesito de ti!
Acción

Adrede podemos facer hoxe algún acto de servizo, a algunha persoa ou a algún grupo de xente; por aquilo de ir botando de nós o afán de poder e de deixarnos levar pola proposta do servizo, que para Xesús era tan fundamental.


18 de outubro: Festa de San Lucas evanxelista

1ª lectura: 2 Tim 4, 9-17a. Salmo: 144, 10-11. 12-13ab. 17-18

Evanxeo: Lc 10, 1-9

Un día designou o Señor a outras setenta e dúas persoas, e mandounas diante del de dúas en dúas a todas as vilas e aldeas a onde tiña pensado ir. Díxolles:

—A anada é ben boa, pero hai pouco quen a traballe; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros e xornaleiras para a seitura. Ide e sabede que vos mando como años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que quen traballa ten dereito ao seu xornal. Non andedes de casa en casa. Cando entredes nunha aldea e vos acollan, comede do que vos dean, curade a xente enferma que haxa e dicídelles: “Xa chega a vós o reino de Deus”.

Meditación

Este texto saíu da man do evanxelista san Lucas que hoxe celebramos. Con canto agradecemento debemos lembrar aos evanxelistas, e, en concreto, ao evanxelista San Lucas! Grazas a eles podemos alimentar hoxe a nosa fe cristiá cuns relatos que recollen o que narraron as mesmas persoas que coñeceron e acompañaron a Xesús, pasado pola man, pola intelixencia, polo corazón de cada evanxelista en concreto. Transmiten apaixonadamente o que viron e viviron tamén con moita paixón. Que sería da vida cristiá sen evanxeos? Sempre están aí nas encrucilladas da historia, cando máis nos deixamos levar pola vaidade humana, para provocar e facilitar unha volta a Xesús, unha volta a aquel home, fillo de Deus, que revolucionou a fe, a esperanza, o amor.

Invítanos hoxe Lucas a andar os camiños, a encontrarnos coa xente, a envolvernos en pobreza e liberdade por dentro e por fóra, a ofrecer gratuitamente o que tamén gratuitamente nos foi dado, a compartir o soño de Deus que Xesús espertou en nós, a ser xente xeradora de paz. Estamos invitados a vivir hoxe o que Lucas viviu hai dous mil anos.

Oración
Grazas, meu Deus,
por toda a xente que te vive con convencemento
e que logo, coa palabra ou coa escrita,
comparte connosco as súas experiencias.
Grazas polas persoas que non falan
senón do que previamente viviron.
Grazas, meu Deus, polos homes e mulleres
que coa palabra e coa vida
nos recordan a persoa e os feitos de Xesús,
e nos permiten entrar na súa mesma paixón.
Grazas por esa fonte de vida e de esperanza
de paz e de alento,
que son os evanxeos e os evanxelistas que os escribiron.
Grazas, meu Deus, grazas.
Acción

Podemos tomar conciencia da xente que ao longo da nosa vida nos foi axudando a encontrarnos con Xesús de Nazaré, o Cristo. Dámos grazas por esas persoas. Pensamos de que maneira tamén nós podemos axudar a que algunhas persoas coñezan mellor a Xesús e se decidan a seguilo.


19 de outubro: Martes da 29ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 5, 12. 15b. 17-19. 20b-21. Salmo: 39, 7-8a. 8b-9. 10. 17
Ano 2: 1ª lectura: Ef 2, 12-22. Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14

Evanxeo: Lc 12, 35-38

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:

—Tede posta a roupa de traballo e as lámpadas acesas; sédeme coma quen agarda que volva o seu amo da voda, para lle abrir axiña que chegue e chame. Ditosos os criados e criadas aquelas a quen o amo atope agardando cando chega. Tede por certo que poñerá a roupa de traballo, sentaraos á mesa e serviraos un por un. Sexa pola anoitecida ou sexa pola alborada, se os atopa así, felices eles.

Meditación

Estar coa roupa de traballo posta e coas lámpadas acesas; estar coma quen agarda que o amo da casa volva para lle abrir nada máis pete á porta; e facelo non desde a ansiedade nin desde o medo ao castigo de quen chega. Facelo sabendo que somos persoas sempre expostas ás felices sorpresas de Deus, que nos poden chegar de mil maneiras a través de persoas e de circunstancias imprevistas. Deus é así, sorprendente sempre, e gustoso de traer nas mans bens necesarios para unha vida feliz: paz, alentos, perdóns, entusiasmos, exemplos, palabras, silencios, sinxeleza, astucia da boa, apegos á xente, apegos á dignidade, apegos á natureza,… Así é Deus. Algún ousaría presentalo, se non fose Xesús, coma un criado ou criada que pon o seu mandil para que todos os homes e mulleres do mundo gocemos dunha estupenda mesa fraterna? É que iso, e non outra cousa, é Deus: o gran servidor.

Oración
Grazas, meu Deus,
porque nos queres e nos coidas sempre.
Grazas porque nos queres en vixilia,
para que nada do duro e do feliz da vida nos pase de largo.
Grazas, meu Deus,
porque te fixas en nós,
e, cando menos o esperamos, paras na nosa porta
e dis con voz fecunda e servidora:
aquí estou co que vos cómpre nas mans.
Grazas porque nos mandas sentar á mesa
—á mesa da irmandade, iso si—,
pos o mandil de quen serve
e gozas agasallándonos cos teus ricos manxares.
Grazas, meu Deus, grazas.
Así es ti,
así nos invitas a sermos nós.
Acción

Hoxe podiamos andar moi atentos/as ao que a vida nos vaia ofrecendo coa xente que se cruce connosco, coas circunstancias diversas polas que pasemos. Podemos intentar vivir alerta. Seguro que percibiremos o paso benfeitor de Deus pola nosa vida.


20 de outubro: Mércores da 29ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 6, 12-18. Salmo: 123, 1-3. 4-6. 7-8.
Ano 2: 1ª lectura. Ef 3, 2-12. Salmo: Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6

Evanxeo: Lc 12, 39-48

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:

—Entendede que se o dono da casa soubese a que hora vai chegar o ladrón, non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén vós estade preparados, porque á hora menos pensada ha vir o Fillo do home.

Díxolle Pedro:

—Señor, ¿a parábola que acabas de contar vai por nós ou por toda a xente en xeral?

Contestoulle o Señor:

—¿Quen é, logo, o administrador ou administradora fiel e prudente, a quen o seu señor encargará o coidado da servidume, para lle dar ao seu tempo a ración de alimento? Ditosa a criada ou criado aquel a quen o seu amo, cando chega, o atopa cumprindo coa súa tarefa! Tede por seguro que lle encomendará toda a facenda. Pero, se a criada ou criado aquel di para si: “O amo aínda non vén polo de agora”, e empeza a mallar na servidume, e a comer e beber ata se emborrachar, o día menos pensado e á hora máis imprevista, chegará o seu amo e botarao fóra coa xente que non é fiel. A criada ou criado que, coñecendo as vontades do seu amo, non ten todo preparado nin feitas as cousas como a el lle gustan, levará moitos paus; pero o que non as coñece, aínda que faga algo que mereza castigo, levara poucos. A quen moito se lle dá, moito se lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá.

Meditación

Na vida podemos funcionar desde o medo ou desde a responsabilidade. Funcionar desde o medo nin é san nin eficaz. O medo destrúe as persoas e fainos vivir na amargura máis fonda. Moitas veces vivimos a fe, a vida cristiá desde o medo: o medo ao ambiente, ao que dirán de min, se non cumpro con tales cousas; o medo a eses supostos castigos nesta vida ou na outra, se non cumpro co que Deus me manda. Pero iso non funciona. Comprobámolo no apagamento da vida cristiá, cando eses medos desaparecen de enriba de nós.

Xesús non nos invita a actuar desde o medo, senón desde a responsabilidade, por nós mesmos e polas persoas que ocasionalmente teñamos ao noso cargo da forma que sexa. Cos nosos abandonos podemos danarnos a nós e podemos danar a quen nos rodea. Isto é algo especialmente importante para quen teña responsabilidades sobre outras persoas, tanto no campo relixioso coma no civil. O cargo non é un choio, unha oportunidade para medrar, chulearse e enriquecerse, con trampas ou sen elas. O cargo implica responsabilidade sobre outras persoas; e responsabilidade quere dicir ter que responder do seu benestar ou malestar, do seu éxito ou do seu fracaso.

Oración
É a tarefa que nos pos :
velar pola xente,
coidar da xente,
que non lle falte a ración de alimentos,
a ración de dignidade,
a ración de acompañamento na vida,
a ración de Deus, co nome que sexa,
que todo o mundo precisa.
Canto máis conscientes nos fixeches disto,
máis responsabilidade temos;
canto máis ti e a vida
nos capacitastes para este labor,
máis esperas amorosamente de nós.
Que sexa o amor, a solidariedade,
repleta de humildade e confianza,
a que nos mobilice cada dia, Deus noso.
Grazas, por confiares en nós.
Acción

Máis ou menos todas, todos temos algún tipo de responsabilidade sobre outras persoas a diferentes niveis, no civil e no relixioso. Podemos ver como estamos desenvolvendo esa responsabilidade. Seguro que o Evanxeo de hoxe nos pode motivar.


21 de outubro: Xoves da 29ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1, 1ª lectura: Rom 6, 19-23. Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6
Ano 2: 1ª lectura: Ef 3, 14-21. Salmo: 32, 1-2. 4-5. 11-12. 18-19

Evanxeo: Lc 12, 49-53

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:

—Lume vin traer á terra e canto me gustaría que xa estivese a arder! Hanme bautizar cun bautismo e que angustia ata que se cumpra! ¿Pensades que vin traer paz á terra? Abofé que non; vin traer división. Pois dende agora na casa onde haxa cinco persoas, estarán divididas tres contra dúas e dúas contra tres. Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.

Meditación

Podémoslle dar grazas a Xesús por abrir o seu corazón diante de nós, falándonos desas intimidades que conmoven a súa existencia: o seu desexo de que o mundo arda, pero non con lumes de violencia, senón con lumes de verdade, de solidariedade, de respecto exquisito pola xente máis fráxil; os seus medos a ter que pasar por situacións moi difíciles por opoñerse a calquera autoridade que xogaba coa honra de Deus negándolle solicitude infinita polos seus fillos e fillas; o seu convencemento de que as súas palabras, a súa vida toda sería motivo de enfrontamento e de división entre a xente, e non porque iso a el lle guste, senón pola complexidade humana, polas resistencias da xente.

Ábrenos o seu corazón, comparte connosco o que o move e conmove. ¿Cómo resoan no noso corazón esas súas vivencias? ¿Qué é o que a nós nos conmove no momento presente? ¿Andamos na onda de Xesús?

Oración
Que prenda en min, Xesús, o teu lume!
Que as túas lapas me envolvan por dentro e por fóra,
que me fagan limpo e transparente,
que me fagan arder en solidariedade,
que me fagan persoa incendiaria,
algo coma ti polo menos, Xesús!
Que os teus medos sosteñan os meus medos,
que a túa valentía alimente diariamente a miña!
Que se divido sexa á sombra da túa división,
e que a división nunca mate en min
o desexo permanente de unidade absoluta
na paixón pola xente
na paixón por Deus.
Algo coma ti, Xesús,
algo coma ti.
Acción

Podemos mirar cales son as cousas fondas que nos moven na vida. ¿Gustaríanos que algunhas cousas deixasen de afectarnos tanto, e que outras, en cambio, influísen máis no noso día a día? Seguro que, se o pensamos e queremos, podemos dar pasos ao estilo de Xesús.


22 de outubro: Venres da 29ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 7, 18-25a. Salmo: 118, 66. 68. 76. 77. 93. 94
Ano 2: 1ª lectura: Ef 4, 1-6. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6

Evanxeo: Lc 12, 54-59

Unha vez díxolle Xesús á xente:

—Cando vedes que do poñente vén unha nube, axiña dicides: “Temos chuvia”, e así é. E cando venta do sur, dicides: “Vén o calmizo”, e así é. Que parvos sodes! Sabedes interpretar o cariz da terra e máis do ceo, ¿e como non sabedes interpretar o tempo presente?

E ¿por qué non xulgades en por vós o que cómpre facer? Cando vaias coa persoa contraria ao xuíz, mira de amañar as cousas con el polo camiño, non sexa que te te leve á forza onda o xuíz e este te entregue ao garda para que te meta na cadea. Seguro que de alí non saes ata que pagues o último céntimo.

Meditación

Se Xesús, tan amigo el de buscar e cumprir a vontade de Deus, nos incita a saber interpretar o tempo presente, é porque entende que no que vai acontecendo nas nosas vidas, nos tempos que vivimos, hai unha manifestación da vontade de Deus para nós. E se nos fala da necesidade de interpretar, é que as cousas non son claras e evidentes de todo; que fai falla pararse, ver, facer silencio, analizar, deixarse afectar, para descubrir esa vontade de Deus presente na vida, na historia, e implicarse con ela.

Nos tempos presentes hai unha serie de feitos significativos, algúns de aspecto positivo, outros de aspecto negativo, nos que Deus nos está falando: o feminismo, a ecoloxía, os movementos autoritarios en política, o dominio das finanzas, as emigracións, a xente refuxiada, a crispación en España, a violencia contra o diferente, o empobrecemento de moitísima xente, os movementos solidarios, a visibilización da pederastia na Igrexa etc.

Xesús invítanos a amañar estas cousas mentres imos de camiño, antes de que sexa tarde, e o ben se nos vaia das mans e o mal nos destrúa. Que todo pode ser.

Oración
Critícasnos, Xesús, por sermos parvos,
por sermos hipócritas, xente de pouco xuízo.
Invítasnos a fuxir do rebumbio da vida,
onde todo se enzarapalla e escurece;
para calmarnos e facer silencio,
para escoitar voces fondas que nos falan
desde a vida que vai e vén,
desde o que os nosos ollos contemplan, admirados ou temerosos.
Disnos que ás veces a maior revolución é calar,
ollar, escoitar, deixar que os acontecementos nos batan
e nos conmovan
cara á solidariedade máis completa.
Son as horas, os tempos, de xuntar intelixentemente
a astucia das serpes coa sinxeleza das pombas.
Antes de que todo acabe en desfeita.
Grazas, Xesús. Oxalá acollamos a túa advertencia!
Acción

Se nos está pasando algunha cousa importante na nosa vida, na nosa comunidade, parroquia ou cidade, na nosa sociedade, podemos pararnos sos ou en grupo para escoitar, pensar, discernir, rezar, acoller, actuar en consecuencia. Seguro que nos fará ben.


23 de outubro: Sábado da 29ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 8, 1-11. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: Ef 4, 7-16. Salmo: 121, 1-2. 3-4a. 4b-5

Evanxeo: Lc 13, 1-9

Nunha ocasión presentáronse onda Xesús algunhas persoas para contarlle o caso aquel de cando Pilato mesturara o sangue duns galileos co dos sacrificios que ofrecían. El respondeulles:

—¿Coidades que eses galileos eran máis pecadores cós demais, porque acabaron así? Non tal, e asegúrovos que, como non vos arrepintades, acabaredes todos igual. ¿Seica pensades que aquelas dezaoito persoas que morreron esmagadas pola torre de Siloé eran máis culpables cós outros habitantes de Xerusalén? Non tal, e asegúrovos que, se non vos arrepentides, todos acabaredes igual.

E contoulles esta parábola:

—Un home tiña unha figueira plantada na súa viña; foi ver se tiña froitos e non llos atopou. Díxolle á persoa encargada: “Xa hai tres anos que veño buscar froito nesta figueira e non llo atopo. Córtaa, ¿para que vai cansar máis a terra?”. A persoa encargada respondeulle:

—Señor, déixaa aínda un ano máis; vou ver se eu lle cavo un pouco arredor e lle boto esterco; a ver se así dá froito; e, se non, poderala cortar”.

Meditación

Aínda que parece que o insinúa a primeira parte deste Evanxeo, as enfermidades, accidentes, desgrazas de calquera tipo que poidamos padecer nunca son un castigo de Deus. Non é propio de Deus andar castigando. Non o ía facer ese Deus do que Xesús di que é bo con todo o mundo, e fai saír o sol por igual sobre a xente boa e sobre a xente mala.

Pero Deus non é indiferente ao mal que fagamos ou suframos. O seu é estar ao noso lado urxíndonos a levar unha vida coidadosa connosco e coidadosa tamén coa xente que nos rodea. Todas, todos, estamos chamados a ser a figueira que dea bos froitos de xustiza, de paz, de respecto preferente pola xente vulnerable, froitos de fraternidade. E Deus, unha vez máis, non é aquí o amo da viña e da figueira, senón a persoa encargada, que se compromete e cavar, estercar e regar para que a figueira, nós, dea bos froitos. Nesas está permanente connosco.

Oración
Ditosos nós, homes e mulleres do mundo,
por terte a ti, Deus noso,
por hortelán paciente,
que miras por cada un de nós
esmerándote nas faenas,
para que a terra nos sexa mol,
para que o bo esterco nos nutra
e a auga nos dea lentura.
E así sermos figueiras de froitos saborosos
para galanura propia,
para gozo e fartura de quen nos rodea
e se achegue a nós con fame de humanidade.
Ditosos nós por ti, Deus noso,
paciente labrego do mundo e da xente que o habitamos.
Acción

¿Cómo lemos as desgrazas que caen enriba de nós ou da xente veciña, familiar ou amiga que coñezamos? ¿Asumimos a nosa posible responsabilidade sobre moito do mal que nos pode pasar, que pasa no mundo?




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.