ADVENTO
Advento, o tempo da chegada, das chegadas de Deus. Chegadas do pasado, que rememoramos e celebramos, porque sosteñen a nosa esperanza; chegadas do presente, ás que se nos pide estar moi atent@s, para non desaproveitar a súa forza de vida, a súa oferta; chegadas do futuro, máis o menos preto, coas que Deus mesmo está comprometido, e para as que a nós se nos pide fe e tamén compromiso.
Deus vén. O seu é vir sempre. Non fai falla que llo pidamos. O seu é vir sempre co pan debaixo do brazo, coa vida debaixo do brazo, coa boa ventura debaixo do brazo. De nós depende pechar ou abrir portas, pechar ou abrir soños, pechar ou abrir cambios, pechar ou abrir vida. Certo que á xente de aldea sempre nos gustou abrirlle a quen peta a nosa porta, facelo pasar, invitalo a algo ao quente da cociña. E así pode ser con Deus.
Vivir o Advento cos pés e co corazón na terra; todo o que fagamos ou deixemos de facer estará asentado nas vidas de cada día, coa xente coa que formamos familia, comunidade, pobo; vidas de cada día repletas de fraxilidades. Vivilo tamén cos pés e co corazón no medio da xente máis desposuída, pois ese é o espazo especialmente escollido por Deus para os encontros con el.
O Evanxeo de cada día vai debullando para nós a riqueza que Deus nos ofrece na palabra e nos feitos de Xesús. Cousas moi simples e moi fondas, que chegan aos nosos corazóns, ás nosas vidas dando paz, alento, esperanza.
28 de novembro: domingo 1º de Advento
1ª lectura: Xer 33, 14-16. Sal 24
2ª lectura: iTes 3, 12—4,2.
Evanxeo: Lc 21, 25-28.34-36
Haberá sinais no sol, na lúa e nas estrelas, e na terra as nacións tremerán coa angustia ante o bruar do mar e das ondas; a xente morrerá chea de medo e de desacougo polo que vén enriba do mundo, pois mesmo os astros abalarán. Entón verán o Fillo do Home vir sobre unha nube con grande poder e gloria. Cando empece a suceder todo isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación.
Andade con coidado, non sexa que se vos atorde o corazón coa bebida, os vicios e as preocupacións da vida, e de súpeto caia sobre vós aquel día; porque caerá como un lazo sobre todos os habitantes da terra. Vós vixiade sempre e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir e mantervos en pé diante do Fillo do Home.
Meditación
Empezamos o tempo do Advento, tempo da chegada, tempo do Deus que chega e das cousas de Deus que chegan. Un tempo para decatarnos de que Deus e as súas cousas de vida están chegando sempre; elas están aí ofrecéndose permanentemente, en cada caso, iso si, envoltas nas circunstancias persoais, comunitarias, sociais, que van variando segundo tempos e lugares. Polo tanto, e a diferencia do que habitualmente se di e se canta e reza neste tempo do Advento, non é tanto un tempo de clamar: Ven, Señor Xesús!, senón tempo de abrir os ollos, o corazón, a casa, a vida, a comunidade, a un Señor Xesús que está chegando –el nunca falta á cita—, que se nos está ofrecendo en cada caso, xa o dixemos antes, a través das circunstancias concretas que esteamos vivindo. Por iso o Advento é un tempo especial para pararnos a ver qué é o que está a pasar, o que nos está a pasar, o que lle está a pasar aos veciños e veciñas, ao pobo do que formamos parte, e ver aí a presenza de Deus, a súa voz, o seu ofrecemento, a súa chamada.
“Haberá sinais”, di o Evanxeo. E sinais hai nos tempos que estamos vivindo; sinais da conflitivadade, da guerra real, aínda que encuberta, que estamos facendo entre o mundo occidental e parte do mundo árabe, con atentados terroristas desastrosos, con bombardeos terribles e inxerencias manifestas por intereses económicos: sangue, destrución, morte, odio, futuro incerto; sinais a nivel do planeta terra: o quecemento do planeta, a contaminación ambiental, o deterioro alimenticio, o deterioro da saúde, cánceres...; sinais a nivel das relacións sociais: concentración en poucas mans, en poucos países, do poder, dos cartos, das posibilidades de vida, alimentos, saúde, auga; desmantelamento de certos niveis de vida digna nunha maioría, para que se manteña o poder dunha minoría, cousa que nos axuda a ver, palpar, o que esta minoría xa estaba practicando coa inmensa maioría dos países do mundo, aos que sometía á mesma presión que nós hoxe estamos vivindo. Sinais a nivel persoal: xente angustiada, con medo, con desacougos fortes, polo que está vindo, polo que virá enriba das súas vidas. “Os astros abalarán”, di o Evanxeo: aquilo que parecía ter maior consistencia nas nosas vidas, en moitos casos estásenos indo das mans. A paz fonda, a esperanza forte, o amor, a solidariedade como método de relación e de compensación social, política, perden consistencia.
Sen dúbida os nosos tempos son desastrosos por moitas razóns. Aínda que é bo non vitimizarnos demasiado: houbo tempos iguales e peores de críticos ca os nosos; hai persoas e países que o están pasando bastante peor do que nós o estamos pasando. Pero é certo que moita xente está pasando momentos moi duros. Hai reaccións políticas, cidadás, importantes, que levantan o ánimo; pero hai tamén movementos políticos e sociais que nos empuxan ao pesimismo. Que facer? O Evanxeo, no medio de todo isto, dinos con claridade: “poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación”. Invítanos, logo, a unha actitude positiva, invítanos ao camiño, á loita, á dignidade, á esperanza, á indignación, á protesta, á humildade, á confianza: porque chega o día da vosa liberación. Hai saída? Hai saída! Por onde? Crendo na solidariedade, rebentando coa solidariedade efectiva moitas formas caducas de facer política, de facer convivencia cidadá; deixando que a solidariedade nas nosas mans e no noso corazón vaia inventando formas novas de vernos, de tratarnos, de atendernos, de servirnos.
Tempos de depresión? Non! Tempos de adormecemento? Non! Tempos de fiarnos das voces xa roucas dos que sempre nos falaron dos incontables méritos dos cartos? Non! Tempos de adormecernos co fútbol, cos botellóns, coas series televisivas, ou mesmo cunha relixión apagada e rancia que se nos volve ofrecer como menciña que adormenta? Non! Tempo de “ter conta de vós mesmos”, di o Evanxeo; tempo, logo, de mirar o que valemos, de non estragar as nosas posibilidades; de non deixarse enganar, de afiar os sentidos todos, de ter o corazón a flor de pel; tempo de “vixilancia sempre”; tempos de pregar, é dicir, de vincularnos con forza á forza de vida e de amor, Deus, que nos dá luz, consistencia, forza, aguante, compaña; tempos de soñar. Xesús está aí, non para meternos máis medo aínda no corpo, senón para camiñar ao noso lado cara á creación dunha sociedade nova. É posible? Si, é posible!
Oración
Meu Deus,como poderei sentirte, vivirte, como o que es:un fogo vivo nun fogar quente,que dá paz e alento para a vida, para a convivencia?Un sunami de amor,que contaxia e arrastra todo o que encontra,con maneiras construtivas?Un punto de enerxía, un corazón plenoque dinamiza toda a miña vida?Sentirte así, vivirte así, meu Deus,quen puidese!Na miña pobreza e debilidade, a túa acollida.No meu pecado, a túa aperta.No meu desalento, o teu consolo.No meu cansazo, o teu vigor.Sentirte así en min, en todos e todas,coma o que es:reclamo dos soños,servidor dos soños,alentador dos soños,construtor dos soños.Sempre.
Acción
Co Advento empezamos o tempo de preparación para o Nadal. Podiamos facer un pequeno programa persoal ou grupal, que nos valla para ir superando o que nos rouba paz e forza e llela rouba tamén á xente do pobo.
29 de novembro: Luns da lª semana de Advento
1ª lectura: Is 2, 1-5
Salmo 121, 1-2. 3-4a. 4b-5. 6-7. 8-9
Evanxeo: Mt 8, 5-11
Ao entrar Xesús en Cafarnaúm achegóuselle un oficial do exército romano que lle suplicou dicindo:
—Señor, o meu criado está tolleito na cama e padece moito.
Díxolle Xesús:
—Eu irei e curareino.
O oficial contestoulle:
—Señor, non son merecente de que entres na miña casa; con que digas unha palabra o meu criado curará. Porque eu, aínda que son un subordinado, tamén teño homes baixo ao meu mando; e dígolle a este: vai, e vai; a aquel: ven, e vén; e ao meu criado: fai sito, e faino.
A Xesús chamoulle moito a atención oír aquilo e díxolles á xente que o seguía:
—Asegúrovos que non atopei a ninguén cunha fe tan grande en todo Israel. E dígovos que moita xente virá de oriente e de occidente para sentar na mesa de Abraham, Isaac e Xacob no Reino dos Ceos.
Meditación
Todo empeza cando o oficial romano se achega a Xesús. Moitas cousas boas nos poden suceder a nós se nos achegamos a Xesús fiándonos del. A Xesús chamoulle a atención a grande fe daquel oficial. Realmente era de admirar. Quen nos dera ter unha fe así de sinxela, así de forte! A fe do oficial romano parécese moito á fe de moita xente do campo que vai a un santuario, por exemplo, levando nas mans e no corazón a carga dunha enfermidade, dunha desgraza. Xesús non critica esa fe. Admíraa, acóllea, responde solidarizándose co oficial aquel e cos seus problemas, como fai con toda a xente que se achegue a el no medio dos traballos da vida. Gústalle acompañarnos e transmitirnos a súa enerxía.
O oficial romano non era xudeu, pero é igual. A mesa de Xesús, a mesa de Deus, a mesa da vida está sempre preparada para quen teña fame, pete e queira entrar. Deus non anda con requisitos.
Oración
Quen me dese, Xesús, crer en ti a fondo, cunha fe sinxela, forte, limpa, para gozarme, fortalecerme e curarme diariamente coa túa compaña! Creo en ti, Xesús. Con toda a xente humilde da Igrexa ou doutras relixións creo en ti.
Acción
Se podes, establece algún contacto con algunha persoa estranxeira, inmigrante, que viva entre nós, aínda que soamente sexa cun saúdo. Lembra a Xesús co oficial romano. Acóllea, como Deus tamén a acolle.
30 de novembro: Festa do apóstolo Santo André
1ª lectura: Rom 10, 9-18. Salmo: 18, 2-3. 4-5
Evanxeo: Mt 4, 18-22
Un día, camiñando Xesús pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e André; os dous, que eran pescadores, estaban largando as redes no mar. Díxolles Xesús:
—Vide comigo e fareivos pescadores de xente.
Eles deixaron de contado as redes e seguírono. Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e máis Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando as redes. Tamén os chamou e eles coa mesma deixaron a barca e máis a seu pai e seguírono.
Meditación
Foron Pedro e André, Santiago e Xoán, irmáns entre si, pescadores todos eles, con familia e traballo máis ou menos decente; foron eles e somos nós: Policarpo e Xosé, Manolo e Lupe, Pilar e Cristina, homes e mulleres normais, con traballos normais, ou no paro, con ilusións de vida por diante. Ante todos e todas a misteriosa ollada de Deus, a través de Xesús ou de calquera outra persoa que no seu nome se achegou á nosa vida; a misteriosa elección, caer na conta de que está aí, queréndonos, compartindo connosco a súa ansia polo ben da xente, polo ben do mundo, pedíndonos colaboración para sermos nós algo as súas mans. E decidinos facerlle caso, seguilo, deixando a familia e o traballo que tiñamos, ou seguindo na familia e no traballo, pero abrindo a familia e o traballo a unha nova dimensión: sermos xente de comunidade, que non nos contentamos con facer nós vida de calquera maneira, senón que a queremos para todas e todos e dunha maneira fonda, xusta, solidaria, feliz. E aí estamos, á sombra de André no día de hoxe.
Oración
Deixárono todoe seguíronte, Xesús.Quen nos deravivir esa atracción túa tan fondasobre as nosas vidas!Quen nos deraque o corazón se nos desapegase algodo meu, do noso,e se abrise coma o teua soños solidarios!Quen nos dera serlibres de nós,do noso, de todo,para andar contigo aventuras fraternas!O revolucionario camiñocara á gran felicidade!Cando acabaremos de crerte, Xesús,cando?
Acción
Se sabemos algunha persoa que nos parece que foi cativada por Xesús para unha tarefa solidaria, podemos falar algo con ela, para ver como escoitou a súa chamada e como a vive.
1 de decembro: Mércores 1ª semana de Advento
1ª lectura: Is 25, 6-10
Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6.
Evanxeo: Mt 15, 29-37
Unha vez chegou Xesús onda o mar de Galilea. Subiu a un monte e sentou alí. E veu cabo del un mundo de xente, traendo consigo persoas coxas, eivadas, xordas e afectadas por outros males. Púñanas aos pés de Xesús e el curábaas a todas. De xeito que a xente ficaba pasmada vendo como as persoas mudas falaban, as eivadas quedaban curadas, as coxas andaban e as cegas vían. E glorificaban o Deus de Israel.
Chamou Xesús polos seus discípulos e díxolles:
—Dáme mágoa esta xente, pois hai tres días que veñen tras miña e non teñen que levar á boca. Non a quero despedir sen tomaren nada, porque poderían esmorecer polo camiño.
Dixéronlle os discípulos:
—E de onde imos sacar, nun lugar deserto, pan abondo para fartar a tanta xente?
Pero el preguntoulles:
—E logo, cantos pans tedes?
Eles responderon:
—Sete e máis algúns peixes.
Mandou Xesús que a xente sentase no chan; despois colleu os sete bolos e mais os peixes, deu grazas, partiunos e déullelos aos seus discípulos, e os discípulos dábanllos á xente. Comeu a xente a se fartar e cos anacos que sobraron encheron sete cestas.
Meditación
O querer de Deus é que a xente vivamos sen males, sen males físicos, sen males mentais. Que teñamos o necesario e suficiente para poder vivir con tranquilidade, satisfacendo as necesidades normais da vida. Iso non se consegue se hai xente que se fai con todo e, en consecuencia, outra xente queda sen nada, cousa que pasa moito no noso mundo, amargando a vida de moita xente. A felicidade humana non se acada amoreando sen pensar en que todo o mundo estea suficientemente atendido. A felicidade humana conséguese unindo mans, corazón e vidas.
Xesús fixo canto ben puido. Con milagres ou sen eles. De nós ninguén espera milagres. Ou si. Porque é un milagre limpar o corazón de avaricias, e abrilo ao ben da comunidade. É un milagre participar na vida comunitaria, social, política, para que as parroquias, os Concellos, os Países, o mundo se goberne tendo en conta que a ningunha persoa pobre lle falte pan, escola, menciñas, traballo, un teito, a alegría de vivir.
Oración
Noso Pai que estás no ceo, fágase a túa vontade. Xesús Cristo, noso Señor, que nos doia a xente, como che doía a ti, que agradezamos os teus cidados, que colaboremos contigo para que a ninguén lle falte nada do esencial para vivir con humor e esperanza.
Acción
Hai moitas maneiras de traballar polo común, polo pan e a felicidade doutra xente. Podes visitar hoxe a unha persoa enferma. Se non o estás facendo xa, pensa na posibilidade de integrarte nalgún grupo, ONG, asociación, Cáritas, Sindicato, Partido Político, desde o que che parece que se traballa ben polo pan de todo o mundo.
2 de decembro: Xoves 1ª semana de Advento
1ª lectura: 26, 1-6
Salmo: 117, 1 e 8-9. 19-21. 25-27a
Evanxeo: Mt 7, 21.24-27
En certa ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:
—Non entrará no reino dos Ceos quen me diga: “Señor, Señor!” , senón quen faga a vontade do meu Pai celestial.
Así pois, quen escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma a persoa asisada que edificou a súa casa sobre rocha. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa, pero non se derrubou, porque estaba asentada na rocha.
Mais quen escoita as miñas palabras e non as leva á práctica pórtase coma un toleirán que edificou a súa casa sobre area. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa e derrubouna, e a desfeita foi terrible.
Meditación
As vidas, as persoas, as comunidades son coma unha casa. Non tería xeito construír unha casa sobre area ou nun sitio veiguento. Unha casa necesita ante todo uns bos cimentos. E as persoas tamén, e as comunidades cristiás da parroquia tamén. Non vale, non chega con moito dicir “Señor, Señor”, se non botamos man de todo aquilo que nos permite ser persoas formadas, sólidas, humildes, animadoras, comunitarias, loitadoras, alegres. O trato con Deus deberíanos levar a aproveitarnos de todo canto Deus puxo ao noso alcance para consolidarnos como persoas e como comunidade.
Tanto as persoas como as comunidades sufrimos moitos envites na vida. Estar ben cimentado fainos capaces de resistir, de non perder a serenidade, a esperanza a pesar de todo. Deus ofrécese sempre a poñernos cimentos sólidos na nosa vida. O Espírito bo de Deus é o mellor sostén da nosa vida.
Oración
Son persoa fráxil, Señor, ben o sabes. Cústame afrontar con serenidade as dificultades da vida. Póñome na túas mans fortes e agarimosas. Confío en ti, meu Deus, confío en ti.
Acción
En que me vexo unha persoa fráxil? En que vexo que a miña comunidade é unha comunidade tamén fráxil? Segundo cal sexa esa fraxilidade, penso nalgunha tarefa que a poida curar. Por exemplo, se non comparto as miñas penas con ninguén, empezo a facelo. Ou se critico a xente da comunidade por tras, dispóñome a dicir as cousas á cara con respecto e agarimo.
3 de decembro: Venres 1ª semana de Advento
1ª lectura: Is 29, 17-24
Salmo: 26, 1. 4. 13-14
Evanxeo: Mt 9, 27-31
Unha vez ían seguindo a Xesús dous cegos que berraban:
—Fillo de David, compadécete de nós.
Cando Xesús entrou na súa casa, os cegos achegáronselle. Preguntoulles Xesús:
—¿E vós credes que eu podo facer isto?
Responderon:
—Cremos.
Entón tocoulles os ollos e díxolles:
Fágase conforme a vosa fe.
E abríronselles os ollos. Logo avisounos moi serio:
—Mirade que non o saiba ninguén!
Pero, axiña que se foron, falaron de Xesús por toda aquela zona.
Meditación
A humanidade, cada un de nós, homes e mulleres que a formamos, podemos vernos reflectidas neses dous cegos que andaban tras de Xesús, á procura da súa iluminación, da súa clarificación, da súa curación. Podemos andar pola vida pletóricos, créndonos sabedores de todo, incluso de todo aquilo que ten que ver coas fontes do noso ser, da nosa persoa, e das cousas sas e fondas que nos permiten vivir con verdadeira humanidade, abertos, abertas ao misterio da vida, ao misterio da nosa convivencia solidaria. É difícil vivir e aproveitar o Advento se nos situamos nesta clave de sobreabundancia. O Evanxeo invítanos a descubrir ese lado frouxo que está tan presente na nosa vida persoal e social. Canto nos cómpre ver a fondo como persoas, para atinar co noso desenvolvemento persoal na vida! Cantos nós cómpre ver como sociedade, para darlle a volta a tantas cousas ao revés que están amolando a vida de tantas persoas, de tantos pobos! Na nosa fe cristiá entendemos que Xesús nos pode iluminar a fondo. Por iso nos achegamos a el. Por iso nos dispoñemos a abrirlle as portas da vida.
Oración
Eu ante ti, Xesús de Nazaré, ante o Deus que ti nos ofreces, son tamén persoa cega, que precisa a túa iluminación. Sei, creo que o teu pracer é tocar os meus ollos para que se abran á luz, para que se abran á condición de filla, á condición de irmá. Que eu non impida, Xesús, o que ti queres facer en min. E falarei de ti con orgullo e humildade.
Acción
A luz énos dada, pero tamén hai que buscala. Para Xesús andar no medio da xente empobrecida, compartir as súas vidas e penalidades, e tamén as súas alegrías, é unha preciosa e misteriosa maneira de acceder á luz, á verdade da vida. Podemos facer algo que nos permita entrar no mundo da xente empobrecida.
4 de decembro: Sábado 1ª semana de Advento
1ª lectura: Is 30, 19-21. 23-26
Salmo: 146, 1-2. 3-4. 5-6
Evanxeo: Mt 9, 35—10, 1.6-8
Xesús percorría todas as vilas e aldeas ensinando nas sinagogas, anunciado a Boa Nova do Reino e curando toda enfermidade e doenza. Vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque a xente toda estaba derreada e esmorecida coma ovellas sen pastor. Entón díxolles:
—A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros para o traballo que cómpre facer.
E chamando os doce discípulos, deulles poder para botaren os espíritos malos e curaren toda enfermidade e doenza.
E díxolles:
—Dirixídevos máis ben ás ovellas perdidas da casa de Israel. E no voso camiño proclamade que o Reinado de Deus está preto. Curade enfermos, resucitade mortos, limpade leprosos, botade os demos fóra.
Meditación
Moita xente de aldea –seguro que tamén da que non é de aldea— neste momento sentirase ben retratada nesa frase do evanxeo: “xente toda derreada e esmorecida”. Así parecen ser as nosas parroquias rurais hoxe.
Tamén é certo que, vendo o campo, a súa riqueza, a súa fermosura, a súa capacidade produtiva; vendo o corazón de cada persoa, tamén podemos dicir co Evanxeo: “A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos”.
Sería ben fermoso que a comunidade cristiá da parroquia, fose cal fose o seu número e o seu poder, se puxese con Xesús a botar espíritos malos e se sumase a todas aquelas persoas que desde calquera lugar e pensamento estea pola labor de poñer vida e esperanza entre nós.
Canto podemos nós aprender de Xesús, da súa ollada fondamente solidaria, do seu saber estar ao pé da xente con toda a forza do seu ser nas mans!
Oración
Igual somos chulos, Señor, demasiado chulos dentro da nosa pobreza, como para necesitar acompañantes para o noso camiño.
Igual somos tamén demasiado ovellas, demasiado submisos, demasiado torpes.
Para cando abrir os ollos, fiarnos de quen nolos axuda a abrir?
Para cando fiarnos de ti, Xesús?
Lévanos da túa man polos camiños da vida nos días de hoxe.
Acción
Se ves que hai algo na túa vida que te achica e entristece, dá o paso de compartilo con alguén do que esperas comprensión e axuda.
Se ves que hai algunha asociación, sindicato agrario, comunidade cristiá que traballa honradamente polo ben da aldea, apúntate, participa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.