14 de novembro: Domingo 33º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Dn 12, 1-3. Salmo: 15, 5 e 8. 9-10. 11
2ª lectura: Heb 10, 11-14. 18
Evanxeo: Mc 13, 24-32
Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Naqueles días, pasada xa aquela grande angustia, o sol ha escurecer, a lúa deixará de alumar, as estrelas caerán do ceo, abalarán as potencias do ceo. Entón verán vir o Fillo do home sobre as nubes con gran poder e gloria. E mandará os anxos para reuniren os elixidos desde os catro ventos do cabo da terra ata o cabo do ceo.
Aprendede da comparanza da figueira. Cando lle saen os gromos e bota a folla, comprendedes que o verán está a chegar. Así tamén vós, cando vexades que pasan estas cousas, sabede que xa está pretiño, á porta. Asegúrovos que non pasará esta xeración sen que antes suceda todo isto. O ceo e máis a terra pasarán, pero as miñas palabras non pasarán.
En cando ao día e máis a hora no que isto vai acontecer, ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; sábeo o Pai soamente.
Meditación
A situación tensa, tensísima vivida polas primeiras comunidades cristiás, que houberon de afrontar conflitos serios co mundo xudeu e co mundo romano; as circunstancias de guerra e destrución vividas polo pobo xudeu co que convivían as comunidades cristiás; a tardanza da chegada do Reino de Deus cumprindo a promesa dunha volta do Fillo do Home para restablecer as cousas todas..., todo isto deu pé a este tipo de literatura relixiosa, chamada apocalíptica, que recollen os evanxeos sinópticos, e que vén representada en forma de discursos postos na boca de Xesús nos últimos días da súa vida terrestre. O evanxeo de hoxe é un anaquiño do discurso apocalíptico de Xesús, segundo o evanxelista Marcos. Que nos ofrece este evanxeo? A que nos invita? En que nos cuestiona? Que esperanzas nos abre? En que pode ser Boa Nova para nós?
Desde logo nin Deus, nin Xesús andan con ameazas. O de Xesús non foi nunca meter medo, para que a xente desde o medo reaccionaramos. O de Xesús – sabémolo ben—, o de Deus foi, é sempre, librarnos dos medos, facernos xente forte e esperanzada ante os medos. Porque os medos están aí. Tíñano, e moito, aquelas primeiras comunidades cristiás ás que en primeiro lugar ían dirixidas as palabras deste evanxeo; e témolo nós tamén. Moito máis ca noutras épocas, somos unha sociedade medrosa. Cando tiñamos moito e nos criamos moito, o medo estaba disimulado na preocupación por perder aquilo que tiñamos, e que considerabamos tan bo; o medo era a non poder chegar aínda a máis, nunha ascensión de autosatisfacción que parecía non ter límite. Agora que andamos en épocas de vacas fracas, o medo é a que esta onda de depresión nos colla tamén a nós e nos arrastre cara a unhas formas de vida que considerabamos superadas
para sempre. En moita, moita xente, o medo é xa a non ter o necesario para comer, para vestir, para curarse; o medo é a que me boten da casa, e perda, coa casa ou piso, aquelas seguridades elementais que me permiten erguerme esperanzada cada mañá.
A Palabra de Deus –era o que faltaba!— non se os dirixe para incrementar os medos ou para afogarnos neles, ou para aproveitarse deles para entrar á forza no noso interior e dominarnos. A Palabra de Deus, a Palabra de Xesús, invítanos primeiramente a ver como normal a nosa condición limitada e caduca. Son caducos os nosos corpos, as nosas familias; son caducos os pobos, as nacións, os grupos políticos; é caduca esta natureza que nos sostén; son caducos todos aqueles elementos que día a día contribúen a darnos algo de consistencia para ir tirando pola vida para adiante. Reconciliarnos coa nosa caducidade é un factor de verdade, de paz e de esperanza.
E ante unha caducidade máis ou menos natural, e sobre todo ante unha caducidade producida pola malicia e o abuso de persoas e/ou de forzas sociais e políticas, a Palabra de Deus confírmanos en que esa malicia humana, persoal e estrutural, non ten a última palabra, non ten o futuro nas mans, que sería sempre un futuro desastroso. É dicir, a banca, a especulación, o afán de acaparamento –ao que case todos/as con máis ou menos gusto nos estivemos sumando en época de vacas gordas—, non teñen a última palabra. A última palabra tena sempre –iso cremos e oxalá practiquemos os crentes— o Fillo do Home, é dicir o Ser Humano auténtico, que se nos ofreceu en Xesús de Nazaré, e que se nos ofrece cada día nas persoas que cren noutro tipo de formas de ser e de relacionarse; o Ser Humano auténtico que sabe de solidariedades infinitas e de reparto cotiáns, que soña cun mundo de irmáns e irmás, non de dominadores e dominados/as.
A Palabra de Deus fálanos de invernos e primaveras; fálanos de gromos verdes, con máis veracidade do que os políticos que tamén os anuncian, aínda que os datos vaian por outra lado. Os gromos verdes que dan credibilidade á Palabra de Deus son, por exemplo, as persoas que se están rebelando contra esta crise, e contra as raíces profundas da mesma; os gromos sono os grupos sociais que estiveron protestando e protestando contra os desafiuzamentos, ata sacudir a pereza e a desvergoña dos políticos con poder; gromos verdes sono os centos e miles de persoas que agudizan a súa solidariedade e dan do seu ao tempo que cuestionan este sistema tolo que nos quixeron meter polos ollos da avaricia.
O home, a muller solidaria, crente nun mundo de irmáns, de irmás, non pasará. Nunca. Nas súas mans hai porvir, está o porvir, hai verdade, hai futuro recuperado, hai Deus.
Preces
VEÑA O TEU REINO, SEÑOR
Para que non nos deixemos arrastrar polo medo paralizante, que nos leva a encollernos no noso e a non pensar e actuar en colectivo. Oremos.
Para que abramos os ollos a todas as situacións de marxinación e abuso que se dan agora entre nós, e que se estaban dando con normalidade noutras partes do mundo desde anos e anos. Oremos.
Para que sexamos soñadores, para que non apuntemos con Xesús na construción dunhas relacións novas na familia, nos pobos, nas comunidades cristiás. Oremos.
Para que medremos na confianza sólida, fonda, total en Deus, agora e sempre. Oremos.
Para que saibamos vivir con paz o debilitamento dos nosos corpos, das nosas vidas, e saibamos mirar confiados/as o remate da nosa existencia. Oremos.
Oración
Día de Folga Xeral, Deus,folga xeral que non é folga,senón outra forma de traballar,non desde a produtividade do diñeiro,senón desde a humanidade solidaria.Ti en folga tamén, Deus,pero traballando sempre,alentando cada esforzo,abrindo a voz de cada protesta,termando de cada pancarta de solidariedade,achegando cada bocado de pan e dignidadeás mans famentas que o precisan.Ti, con todos, con todas,pero desde quen sofre e chora,desde quen se ve privado da súa vivenda amada,desde quen se ve sen traballo aos 20 ou aos 50 anos;desde quen mide o cartopara chegar a fin de mesou para empezalo con esperanza,para poder comer, estudar, curarsee simplemente vivir con dignidade.Ti con todos, con todas, Deus,berrando polas rúas,contra o absurdo dominio da especulación bancaria;xa nolo dicía o teu fillo Xesús:ollo cos cartos!,non se pode servir a Deus e ao diñeiro,non se pode soñar o futuro desde o diñeiro!Pero ninguén lle fixo caso,nin sequera aqueles, aquelas, que diciamos facerlle caso.Ti con todos, con todas, Deus,pero desde os millóns de homes e mulleresque noutros lugares do planetateñen coma sombra de cada díao que, con sorpresa e indignación,está chegando ás nosas casas e rúas.E case ninguén ata agora protestaba!Ti con todos e todas, Deus,pero desde toda a xente marxinal,ensinando a soñar co novo,botando caladamente as súas sementes,coidando os gromos de esperanzaque nace en cada corazón indignado,en cada proposta alternativa.Ti aí, Deus,en Folga Xeral connosco,en soño xeral connosco,traballando ardentemente cada día!
Acción
Os feitos de solidariedade dinnos claramente que por aí anda o Reino de Deus, que o Reino de Deus está chegando, se está facendo. ¿Vemos algúns deses feitos ao noso redor? ¿Estamos metidos/as neles?
15 de novembro: Luns da 33ª semana do Tempo Ordinario.
Ano 1: 1ª lectura: 1 Mac 1, 10-15. 41-43. 54-57. 62-64. Salmo: 118, 53. 61. 134. 150. 155. 158
Ano 2: 1ª lectura: Ap 1, 1-4; 2, 1-5a. Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6
Evanxeo: 18, 35-43
Unha vez en que Xesús chegaba a Iericó, estaba un cego sentado á beira do camiño, pedindo. Oíndo o barullo da xente que pasaba, preguntou que era aquilo. Dixéronlle: “Está pasando Xesús de Nazaré.
El empezou a berrar:
—Xesús, fillo de David, compadécete de min!
As persoas que ían diante empezaron a rifarlle, para que calase, pero el aínda berraba máis alto:
—Fillo de David, compadécete de min!
Xesús parou e mandou que llo levasen. Cando se achegou, preguntoulle:
—¿Qué queres que che faga?
El respondeu:
—Señor, que volva ver.
Xesús díxolle:
—Recobra a vista, salvoute a túa fe.
E no instante recobrou a vista e foi detrás de Xesús loando a Deus. E todo o pobo, vendo aquilo, loaba tamén a Deus.
Meditación
Hai pouco, no domingo 30, ofrecéusenos este mesmo relato na versión do evanxelista Marcos. Hoxe é Lucas quen nolo conta. E Lucas ofrece algúns detalles particulares que podemos subliñar e aproveitar. O cego oe e rebumbio e pregunta que é aquilo. É importante este preguntar, este querer saber, que o podemos aplicar a moitas cousas da nosa vida: que pasa aquí, en min, na familia, na sociedade. Hai xente que lle informa: é que pasa Xesús de Nazaré; tamén é ben importante que as persoas que vivimos algo o de Xesús o saibamos anunciar, compartir con todas as persoas, maiormente con quen ande castigada pola vida. Lucas, moi amigo el de alegrías e loanzas, conclúe dicindo que o cego, xa coa vista recuperada, segue a Xesús loando a Deus, e que esa súa loanza contaxia a toda a xente que o rodea. Invítanos á ledicia, a celebrar as cousas boas que a vida nos vaia ofrecendo, a contaxiar optimismo, a recoñecer a Deus como fonte e dador de todo ben na vida. Todo o que saiba a doerse, a solidarizarse, a colaborar unhas persoas polo ben doutras, leva no seu cerne o sinal e a presenza de Deus.
Oración
Grazas pola túa misericordia, Xesús!Grazas por doerte da xente con doenzas,por facer teus os nosos mesmos sufrimentos.Grazas por implicarte no mal alleoe por poñer todo o teu empeño en superalo.Grazas porque non es inxenuoe entendes que o mal ten raíces fondas,que van máis alá dunha desgraza inoportuna.Grazas, Xesús, porque valéndolle a unha persoacuestionas un sistema relixioso indiferente.Grazas porque apostas polas persoas vulnerablese espertas nelas capacidades insospeitadas de recuperación.Grazas porque ao teu redorvólvense novas todas as cousase a ledicia e os ánimos enchen os nosos corazóns.
Acción
Podemos implicarnos como persoas cristiás en calquera acción solidaria a favor de xente enferma que haxa no noso entorno ou tamén polo mundo adiante (Medicus mundi, ou outras ONGs).
16 de novembro: Martes da 33ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 2 Mac 6, 18-31. Salmo: 3, 2-3. 4-5. 6-7
Ano 2: 1ª lectura: Ap 3, 1-6. 14-22. Salmo: 14, 2-3a. 3bc-4ab. 5
Evanxeo: Lc 19, 1-10
Un día chegou Xesús a Iericó e pasaba atravesando a cidade. Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores de impostos e moi rico, que intentaba ver quen era Xesús, pero impedíallo a xente, porque el era pequeneiro. Entón botou a correr e subiu a unha figueira para velo, porque Xesús ía pasar por alí. Ao pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
—Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.
El baixou deseguida e acolleuno moi contento. Pero, vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:
—Entrou a se hospedar na casa dun pecador.
Zaqueo, posto de pé, díxolle ao Señor.
—Señor, darei a metade de todo canto teño á xente empobrecida e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis.
Entón Xesús dixo:
—Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. Porque o Fillo do Home veu buscar e salvar o que estaba perdido.
Meditación
Lucas é o único evanxelista que nos conta este relato de Zaqueo. E ben que llo podemos agradecer. Sucede a cousa dentro desa viaxe que Xesús está facendo de Galilea a Xerusalén para participar na pascua xudía, onde se ía ver as caras co núcleo duro do xudaísmo, co que Xesús mantiña fondas diferenzas. Acabaríano matando. O relato de hoxe pon en evidencia, precisamente, unha desas fondas diferenzas. No caso de Zaqueo, os ollos da relixión oficial non vían máis ca un delito por parte de Xesús, polo feito de intimar cunha persoa pecadora; pois os recadadores de impostos tiñan esa fama, por formar parte da administración romana e por abusar da xente. En cambio Xesús posibilita un proceso en Zaqueo, que o leva a refacer a súa vida. Había un algo en Zaqueo, unha inquietude, unha busca, que Xesús soubo adiviñar e acompañar, para buscar e salvar o que estaba perdido. Podémonos fixar nos pasos que vai dando Zaqueo: inquedanza, busca, subir á figueira, aceptar con gusto a proposta de Xesús, deixarse cuestionar por el, refacer a súa vida rotundamente… Podémonos fixar na actitude de Xesús: decatarse da presenza, adiviñar mundos interiores, saltar a lei facéndose invitar por el, compartir co pecador, festexar o encontro… Isto si que son cousas da nova evanxelización que tanto hoxe precisamos!
Oración
Buscarte, Xesús,oír de ti e quererte ver.Aínda sabendo que non son merecentede mirarche á cara,de poñer o meu corazón a carón do teu.Buscarte, Xesús,subindo a calquera figueira,botando man de calquera medioque me leve a verme contigo.Buscarte, Xesús,e gozar sabendo que ti gozasentrando na miña casa, na miña vida,alternando comigo,abríndome o teu corazónpara que nel entre o meu corazón desasosegado.Buscarte, Xesús,deixarme tocar por ti,renovar por ti,volvendo os meus cartos á xente empobrecidapola miña causa.Buscarte, Xesús,e festexar ese encontrocoas alegrías da xente amada e reconciliada.
Acción
Podemos pensar que somos Zaqueo, e buscar hoxe un momento de encontro con Xesús, como Zaqueo o fixo. Podemos pensar que en algo somos Xesús, e, cando se nos terce relacionarnos con algunha persoa que poida ter mala fama, facelo co espírito con que Xesús tratou a Zaqueo.
17 de novembro: Mércores da 33ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 2 Mac 7, 1. 20-31. Salmo: 16, 1. 5-6. 8b e 15.
Ano 2: 1ª lectura: Ap 4, 1-11. Salmo: 150, 1-2. 3-4. 5-6
Evanxeo: Lc 19, 11-28
Unha vez propúxolle Xesús á xente unha parábola, porque estaba preto de Xerusalén e a xente pensaba que o Reino de Deus ía aparecer de contado. Díxolles:
—Un home nobre marchou a un país distante para ser coroado rei e despois volver. Chamou por dez dos seus criados, repartiulles dez onzas de ouro e encargoulles: “Negociade ata que volva”. Pero os seus súbditos, que o odiaban, mandaron tras del unha embaixada dicindo: “Non queremos que este sexa o noso rei”.
Cando volveu xa coroado rei, mando chamar polos criados aqueles, aos que lles dera as onzas de ouro, para saber canto gañara cada un. Presentouse o primeiro e dixo: “Señor, a túa onza produciu outras dez”. El contestoulle: “Ben, criado cumpridor; xa que fuches fiel en cousa pequena, gobernarás en dez cidades”. Chegou o segundo e dixo: “A túa onza, Señor, produciu outras cinco”. Contestoulle tamén a este: “Ti tamén serás gobernador de cinco cidades”.
E chegou outro, dicindo: “Señor, aquí tes a túa onza; tíñaa gardada nun paniño, pois sabía que eras home esixente, que colles o que non pos e seituras o que non sementas”. El contestoulle: “As túas palabras condénante, criado inútil. Así que ti sabías que son home esixente, que collo o que non poño e seituro o que non semento. Pois logo ¿por qué non deixaches os meus cartos nun banco? Así ao chegar, eu podería recoller os intereses”. E díxolles aos presentes: “Quitádelle a onza e dádella ao que ten dez”. Eles replicaron: “Señor, ese xa ten dez onzas!” El seguiu: “Asegúrovos que a todo o que ten háselle dar; pero ao que non ten, aínda o que ten se lle ha de quitar. E a todos eses meus inimigos, que non me querían por rei traédeos aquí e degoládeos na miña presenza”.
E dito isto, botou a andar diante deles camiños de Xerusalén.
Meditación
Unha parábola forte, que mesmo bota para atrás. Quizabes froito do momento de tensión que Xesús viviu cando se achegaba a Xerusalén, onde había atopar unha forte oposición dos poderes xudeus. Unha parábola que nos axuda a situarnos no tempo presente, un tempo de construción na vida, na historia, dos soños de Deus, que Xesús puxo ao noso dispor; un tempo no que tamén contemplamos como moita xente rexeita a proposta de Xesús. Unha vez máis témolo que percibir así: o evanxeo non é para meter medo. En todo caso, axúdanos a decatarnos de que os soños de Deus para a humanidade pasan polas nosas mans fráxiles, trementes, pero capaces, grazas ao mesmo Deus, de ir facendo que a inxustiza se faga xustiza, que a indiferenza se faga solidariedade, que o abuso do débil se converta en fraternidade real. E non vale engruñarse, por medo, por desconfiar das nosas propias capacidades. Perdémonos nós e pérdense, se cadra, as persoas que do noso bo facer poidan depender. Ao final, con todo, o que nos agarda é sempre, sempre, un Deus de misericordia, que sabe compensar as nosas fraxilidades.
Oración
Se tes dez,pon dez enriba da mesa da vida,non te aforres inutilmente.Se tes cinco,pon cinco fiándote de ti mesmo,fiándote do Deus que de ti terma.Se tes un, ou medio, ou case nada,que non te encollan os medosnin a túa mesma insignificancia:tamén ti es necesariopara os soños de Deus sobre este mundo.Busca, traballa, pon esforzo,remove ceo e terra con empeño,e confía,sobre todo confía:nin un vasiño de auga dado con amorquedará sen recompensa,ao xeito inimaxinable de Deus.
Acción
¿Vémonos con algunha calidade persoal ou comunitaria que estamos agochando por calquera medo, por calquera outra razón? Xa sabemos a que nos invita o Evanxeo de hoxe.
18 de novembro: Xoves da 33ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Mac 2, 15-29. Salmo: 49, 1-2. 5-6. 14-15
Ano 2: 1ª lectura: Ap 5, 1-10. Salmo: 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b
Evanxeo: Lc 19, 41-44
Daquela, cando Xesús se achegou a Xerusalén e viu a cidade, chorou sobre ela e dixo:
—Ai, se ti tamén coñeceses neste día o que che podía traer paz! Pero os teus ollos non o dan visto. E virán días nos que os teus inimigos te rodearán de trincheiras; asediarante e apertarante por todas partes. Esnaquizarante contra o chan a ti e máis os teus fillos, non deixarán en ti pedra sobre pedra, por non recoñeceres a oportunidade de cando te visitaron.
Meditación
Este pedaciño de evanxeo recolle e xunta, moi posiblemente, por unha banda a vivencia dolorosa de Xesús chegando a Xerusalén e ventando o rexeite que alí había recibir por parte das autoridades relixiosas, e pola outra o sucedido máis de trinta anos despois, cando a cidade foi asediada e derruída polo exército romano. Non sabemos o que lle houbese pasado ao pobo xudeu cos romanos, se houbesen acollido a proposta fondamente pacificadora de Xesús. Sabemos, desde logo, que as persoas serían outras, que a sociedade funcionaría doutra maneira, que a xente máis débil estaría sempre no centro, que a relixión empregaríase para integrar a xente e envolvela en trazos de dignidade. O evanxeo invítanos hoxe a que non ignoremos nin desaproveitemos o paso de Deus, de Xesús, polas nosas vidas. Pois segue vindo, segue pasando, séguenos ofertando paz verdadeira, segue empuxando cara a unha convivencia fondamente fraterna, co que isto significa no diario vivir en aldeas e cidades. Que mágoa, se tamén nós pasamos de Xesús, pasamos de Deus!
Oración
Ensínanos a chorar, Xesús!Chorar por nós mesmos,polas nosa mesma indiferenza ante ti,ante as túas propostas renovadoras.Chorar pola nosa Igrexa,polas nosas comunidades cristiás,tan frouxas e arredadas dos teus soños.Chorar polo pobo,pola xente máis empobrecida do pobo,que descoñece amparos e acompañamentos,que tanto sabe de duras frustracións.Ensínanos a chorar, Xesús,con bágoas que amolezan os propios corazóns,e lles abran as portascara a unha convivencia inocente, solidariano teu nome,no nome do teu Deus,do noso Deus.
Acción
Os medios de comunicación asómannos diariamente a moitas situacións inhumanas, incluso na mesma Igrexa. ¿Cómo reaccionamos? ¿Dóennos esas cousas? ¿Lévannos a implicarnos ou soamente a criticar o que outra xente fai mal?
19 de novembro: Venres da 33ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Mac 4, 36-37. 52-59. Salmo: 1 Cro 29, 10. 11abc. 11d-12a. 12bcd
Ano 2: 1ª lectura: Ap 10, 8-11. Salmo: 118, 14. 24. 72. 103. 111. 131
Evanxeo: Lc 19, 45-48
Cando Xesús chegou a Xerusalén, entrou no templo e empezou a botar fóra os tendeiros, dicíndolles:
—Está escrito: “A miña casa ha ser casa de oración”; pero vós convertéstela en “cova de bandidos”.
Ensinaba todos os días no templo. Daquela xa os sumos sacerdotes, os letrados e máis os notables do pobo buscaban o xeito de acabaren con el, pero non vían como facelo, porque todo o pobo estaba moi atento ao que dicía.
Meditación
O templo, calquera templo, tanto o de Xerusalén daqueles tempos, coma os nosos de hoxe, deberían ser espazos onde a xente crente –e non crente— se sentise obsequiada mediante palabras, silencios, signos, co regalo dun Deus próximo, amante, gratuíto, que nos comprende e nos quere acompañar na vida de cada día. Xesús indignouse porque as cousas non eran así; armou aquel espavento e dixo aquelas palabras que explicaban o seu feito. A casa do encontro estábase convertendo na casa do non encontro, por mor dos intereses dun clero que facía do templo o niño do seu poder. Xesús atendía o pobo, que atopaba nel o que non atopaba nos responsables do templo. Os xerifaltes deciden acabar con el. ¿Onde nos situamos nós? ¿De aprendices de Xesús, dese Xesús que non condescende coas trampas nas que pode caer a relixión? ¿De aprendices dese Deus simple e total, que se nos amosa nos signos e ritos relixiosos, pero que tamén pode ser traizoado e ridiculaizado por eles? ¿De aprendices deses xefes relixiosos que atopan na relixión un lugar de poder e de dominio sobre o corpo e a alma da xente, e defenden ese poder con calquera tipo de medidas? ¿De aprendices de quen oe as cousas que se lle poñen diante, recapacita e reordena a súa vida?
Oración
O meu corazón, o meu corpo,a miña mente, todo o meu ser,son o teu templo, meu Deus.E podo facer delunha casa de pregaria,de encontros apaixonados,transformadores,un simplemente unha casa de negocio,onde falar contigode méritos e esixencias,de premios e castigos,de min, por min, para min.E o que viva no meu servivireino tamén nos innumerables templos da vidaque son cada persoa que me atope.Por iso, Xesús,colle a xostrae bota do meu corazóna todos os tendeiros.
Acción
¿Observamos na nosa parroquia, ou en calquera templo ao que acudamos, algunha práctica relixiosa que non nos parece apropiada, porque nos soa tamén a negocio? ¿Poderiamos facer algo por axudar a corrixir iso, por exemplo, falando coas persoas responsables ou mandándolles algún escrito coa nosa opinión razoada?
20 de novembro: Sábado da 33ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Mac 6, 1-13. Salmo: 9, 2-3. 4 e 6. 16b e 19
Ano 2: 1ª lectura: Ap 11, 4-12. Salmo: 143, 1. 2. 9-10.
Evanxeo: Lc 20, 27-40
Un día achegáronse a Xesús algúns saduceos, que negan que haxa resurrección, e preguntáronlle:
—Mestre, Moisés deixou escrito: “Se lle morre a alguén seu irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia”. Pois unha vez había sete irmáns. O primeiro casou e morreu sen fillos. Despois casou con ela o segundo, e logo o terceiro, e así os sete foron casando coa viúva, e morreron todos sen deixar fillos. Ao cabo morreu tamén a muller. Pois ben, cando resuciten, ¿de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?
Xesús contestoulle:
—Neste mundo os homes e máis as mulleres casan entre si, pero as persoas que sexan dignas da vida futura e da resurrección de entre os mortos non casarán, nin eles nin elas, pois non poden morrer. Son coma anxos e son fillos ou fillas de Deus por naceren na resurrección. E que resucitan os mortos ben o deixou indicado Moisés no episodio da silveira, cando chamou ao Señor “o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacobe”. E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para el toda a xente está viva.
E nisto algúns dos letrados dixéronlle:
—Ben falado, mestre.
E xa non se atrevían a preguntarlle máis nada.
Meditación
Do que será a vida no máis alá non podemos imaxinar case nada. Por moito que se nos anuncien glorias ou condenas pintadas de mil maneiras, o certo é que é ben pouco o que podemos afirmar; e son cousas máis de crer que de asegurar. Iso si, o que aseguramos pola fe son poucas cousas, pero ben cheas de esperanza.
As persoas cristiás cremos que despois da morte todo o mundo resucita nas mans dun Deus de vida, amante da vida; cremos tamén que, á luz clarificadora dun Deus amor, a nosa existencia eterna refarase na unión, na compenetración total; e cremos tamén que carecerá de sentido todo criterio posesivo, sexa cal sexa, incluíndo, xaora, o de pretender que a muller sexa a “miña” muller. O amor en anacos particulares, que igual nos serve para unha vida tamén en anacos como é a presente, non vale para o eterno en Deus, onde todo será de todos e todas, para gloria do Deus da vida total.
Oración
Grazas, Xesús,polo Deus da vida que nos anuncias.Deus de vida,potente para creala,para dala,para compartila,para aumentala.Deus de vida,potente tamén para coidar a vida,para sandala,para restituíla,para fortalecela.Deus de vidaneste tempo fráxil que nos envolvee no tempo sen tempo que nos agarda.Deus de vidaque en vida é sempre gratuíto.¿Quen podería pagar, merecer, reivindicaro don marabilloso da vida?Grazas, Xesús,polo Deus da vida que nos aseguras.
Acción
Podemos e debemos apostar pola vida contra a morte. En moitas ocasións diariamente apostamos pola vida. Podemos facelo hoxe dunha maneira expresa sobre todo con persoas ou grupos sociais que leven, ou levemos, enriba algún sinal de morte ou apagamento. ¿En que podemos facer consistir esa aposta?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.