5 de decembro: Domingo 2º de Advento
1ª lectura: Bar 5, 1-9. Sal 125.
2ª lectura: Flp 1, 4-6. 8-11
Evanxeo: Lc 3, 1-6
No ano quince do imperio do emperador Tiberio César, sendo Poncio Pilato gobernador de Xudea e Herodes tetrarca de Galilea, e o seu irmán Filipo, tetrarca de Iturea e máis da Traconítide, e Lisanio, tetrarca de Abilene; baixo o pontificado de Anás e Caifás, chegoulle a palabra de Deus a Xoán, fillo de Zacarías, no deserto. E percorreu toda a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión, para o perdón dos pecados, conforme está escrito no libro do profeta Isaías:
“Unha voz clama no deserto: Preparade o camiño do Señor, achanzade os seus vieiros; toda barranqueira se cubrirá, todo monte e outeiro se rebaixará, os camiños tortos hanse endereitar e os escabrosos hanse achanzar. E todo o mundo verá a salvación de Deus.
Meditación
Sabemos o importante que era para o evanxelista Lucas contextualizar os feitos de salvación que narraba: o nacemento de Xesús, a aparición profética de Xoán o bautizador, o paso mesmo de Xesús á súa actividade pública como militante do anuncio vivo da presenza nova e salvadora de Deus. Situalos na historia é moito máis ca un exercicio de erudición, moito máis ca uns apuntes curiosos dun historiador coidadoso. Pois na historia concreta de cada día é onde poden ser entendidas e collen sentido as palabras e os feitos de Xoán o Bautizador, ou do mesmo Xesús de Nazaré, que o era de Nazaré e non de calquera outro pobo ou cidade. A historia do pobo xudeu neste intre estaba marcada polo dominio asoballante dun emperador romano (Tiberio César), dun gobernador de Xudea (Poncio Pilato), dun Tetrarca de Galilea (Herodes), doutros dous Tetrarcas veciños (Filipo e Lisanias), e de sumos sacerdotes ou pontífices coma Anás e Caifás. Nese contexto de dominio e opresión das masas populares por parte de autoridades políticas e relixiosas, a palabra de Deus chegoulle a Xoán, fillo da Zacarías, no deserto.
O evanxelista, logo, invítanos a que tamén nós hoxe contextualicemos os feitos de salvación que se poden desenvolver en nós, no medio de nós, no medio da sociedade da que formamos parte. Dominando no mundo os mercados, estando fielmente representados no seu poder por case a maioría dos xefes de estado do mundo, que obedecen os seus dictados tantas veces opresores, pastoreando a Igrexa Católica o Papa Francisco, agora mesmo nunha viaxe profética de paz e reconciliación, nun momento en que a violencia, o terrorismo e a guerra se queren presentar polas dúas bandas como necesarias, estando os pobos de España –e tamén Grecia, Italia, Portugal, Irlanda...— nunha grave crise económica, social, democrática, de valores, descargándose a crise económica sobre o lombo da xente máis débil, quedando millóns de persoas sen casa, sen traballo, sen sustento, habendo no mundo –sobre todo en África— países enteiros que de tempo inmemorable veñen sufrindo situacións similares e aínda ben peores, estando cada un de nós, cada unha das nosas familias, cada unha das nosas comunidades cristiás como ben sabemos que estamos, coas nosas incoherencias e pecados, cos nosos méritos e bendicións, cos nosos soños e decepcións, chéganos a Palabra de Deus a todos e cada un, cada unha, de nós, disposta a repetir a forza de liberdade e de vida que gratuitamente ofrecera naqueloutros tempos a Xoán o Bautizador, e por el a toda a súa sociedade. En Xoán atopou eco e obediencia, seguimento, pero atoparao tamén en nós? A de posibilidades que están en xogo, pendentes do noso si, da nosa apertura e entrega á proposta do Espírito renovador de Deus!
Xoán foi invitado a colaborar na tarefa concreta de preparar os camiños de Deus. Estaría ben que a Nova Evanxelización, da que falamos e tanto oímos falar nestes tempos en ámbitos eclesiásticos, a entendéramos como un preparar os camiños de Deus. E cómo podemos preparar os camiños de Deus, para que acceda á nosa propia vida, á vida da nosa familia, á vida da nosa comunidade, ao conxunto desta sociedade nosa que está como está? É algo que neste tempo de Advento nos podemos preguntar; seguro que nos traerá moito proveito. Xoán o Bautizador entendeu que iso levaba consigo un proceso de revisión persoal, de conversión, de deixar de poñer a ollada, o corazón, a vida nas persoas e circunstancias nas que normalmente as estamos poñendo, para darnos a oportunidade de abrirnos á novidade de Deus para as nosas vidas e comunidades. Que trae isto consigo para nós?
Preparar camiños para que Deus pase, entre, renove, potencie, cure, alegre. Achanzar camiños, facer limpo e libre o paso, o acceso, a entrada de Deus. Nós non somos os importantes. Nos non somos salvación. Hai salvación de Deus, e haina para todos e todas. Iso si, a través das nosas mans, grazas ao noso traballo de camiñeiros. Camiñeiros, camiñeiras de Deus para este mundo necesitado de tanta cousa boa como Deus sabe e pode e quere ofrecer. Que cada un, cada unha se saiba, se sinta invitado a este oficio sinxelo e marabilloso de facilitadores/as da salvación de Deus.
Oración
Que queres de min, meu Deus?Que queres de min?En que podo axudarche?En que podo axudarche eu,tan necesitado/a da túa mesma axuda?Ámasmee gozas véndome medrarao abeiro do teu Espírito de vida.Ámasmee gustaríache abrir todas as portasque impiden o teu acceso liberador.Amas a comunidade da que formo partee estás disposto a investir nelaas túas innumerables enerxías.Amas a comunidadee invítasme a gozar con ela,a facerme servidor/ra delaao teu estilo, coas túas maneiras.Amas o pobo do que formo parte,dóenche as súas crises, as súas carencias,como che doen xa, de moito atrás,as de todos os pobos do mundo.Amas o poboe invítasme a preparar nelos camiños do teu acceso,para que todo o mundo vexa e experimentea quentura do teu corazón,a forza do teu brazo,a solidez do teu camiñarcara ao novo insospeitadoque gratuitamente nos ofreces.Que queres de min, meu Deus,que queres de min?
Acción
No lugar concreto onde vivamos podemos pensar en algo tamén ben concreto que poderiamos facer para que a palabra, o alento de Deus entre nas nosas comunidades, no noso pobo. Algo que achanzar, algo que remediar, algo persoal, algo comunitario.
6 de decembro: luns 2ª semana de Advento
1ª lectura: Is 35, 1-10
Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
Evanxeo: Lc 5, 17-26.
Un día estaba Xesús ensinando e estaban alí sentados algúns fariseos e letrados que chegaran de todas as aldeas de Galilea, de Xudea e tamén de Xerusalén. El co poder do Señor curaba a xente.
Nisto uns homes trouxeron nunha padiola un tolleito e miraban como metelo dentro para poñelo diante de Xesús. Pero, como non atopaban por onde o meter debido á moita xente que había, subiron ao tellado e baixárono co leito apartando as tellas, ata deixalo no medio, diante de Xesús. Vendo a fe que tiñan, dixo Xesús:
—Home, quédanche perdoados os teus pecados.
Os letrados e máis os fariseos empezaron a matinar:
—Pero quen é este, que así blasfema? Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus?
Xesús, decatándose do que pensaban, díxolles:
—Que cavilades nos vosos adentros? Que é máis doado, dicir: “Perdoados quedan os teus pecados”, ou dicir: “Érguete e anda”? Pois, para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados –díxolle ao tolleito—, falo contigo: érguete, colle a padiola e vaite para a casa.
E así foi. Ergueuse no intre diante deles, colleu a padiola e marchou para a súa casa, loando a Deus. Todo o mundo quedou abraiado e cheos de temor loaban a Deus dicindo:
—Hoxe vimos cousas nunca vistas!
Meditación
No Evanxeo de hoxe vemos por onde vai a fortaleza de Xesús. Parece certamente que Xesús tiña poderes especiais para curar algunhas veces algunhas enfermidades da xente, pero sobre todo tiña moito poder para entrar no fondo das persoas e renovalas, fose cal fose o deterioro que as comese por dentro. E ese é o Xesús que se nos anuncia e ofrece no Advento.
Facemos ben en curarnos dos males do corpo, coidándonos nós, levando unha vida sa e esixindo un bos servizos sanitarios para todo o mundo. É un deber que temos como seres humanos e fillos ou fillas de Deus que somos.
Estaría ben que igualmente coidásemos o noso espírito, a nosa interioridade, o fondo do noso ser, procurando estar a ben, en paz, con nós mesmos, coa demais xente, coa natureza, con Deus. A nosa felicidade descansa na paz interior que teñamos, moito máis do que pensamos. Xesús ofrécesenos para axudarnos nesta tarefa.
Oración
Grazas, Xesús, pola xente que me fala de ti,pola xente que na vida me foi poñendo diante túa.Grazas porque te coñezo algo,porque te quero algo,porque teño experimentado algoo forte que es para facer de min unha persoa nova.Aquí estou diante de ti, Xesús,para que entres ata o fondo do meu sere me axudes a curar de todas as miñas doenzas.
Acción
Pensa se en algo estás abandonando o coidado do teu corpo ou do corpo da xente que vive contigo, e cambia.
Pensa tamén se en algo non poderías mellorar por dentro, no teu corazón, na túa paz interior, en quererte ben, no agarimo pola xente, na acollida, no respecto…, e mira o que poderías facer para mellorar.
7 de decembro: martes da 2ª semana de Advento
1ª lectura: Is 40, 1-11
Salmo: 95, 1-2. 3 e 10ac. 11-12. 13
Evanxeo: Mt 18, 12-14
Un día dixo Xesús:
—A ver, que vos parece? Se unha persoa ten cen ovellas e perde unha, non deixará as outras noventa e nove no monte para ir buscar a descarreirada? E, se a atopa, asegúrovos que se alegrará máis con ela do que coas noventa e nove que non se perderon.
Do mesmo xeito, a vontade do voso Pai do ceo é que non se perda ningunha destas criaturas máis pequenas.
Meditación
Estar en vela, preparar camiños, dísenos no Advento. Pero, quen é o que chega? Xesús, coa súa comparanza de hoxe, fainos unha foto dese que chega, debúxao, dinos como é no seu corazón, na súa vontade, na súa maneira de ser e de actuar, nos seus sentimentos, nas súas ledicias neste caso. Ese é quen peta á nosa porta e nos chama.
Que nos queda a nós? Aledarnos tamén de que as cousas sexan así, de que o noso Deus sexa así. Admitir as nosas moitas fraxilidades, que as temos, seguro, e refuxiarnos con elas no corazón de Deus, que é Pai/Mai de perdóns, que é Irmán que acompaña, que é Espírito que dá forzas para andar o camiño.
Que nos queda a nós? Home, facer outro tanto, no que poidamos, cos compañeiros e compañeiras de comunidade, de parroquia, de pobo. E que prenda a ledicia de Deus entre nós, que prenda a festa.
Oración
Grazas, Pai, por ser como es.Grazas, Nai, polas túas entrañas de misericordia.Grazas, Pai, porque cada día saes aos camiños,na busca dos teus fillos e fillas malferidas.Grazas, Nai, porque pos en nós a túa ledicia.Grazas, Pai, porque nos convocas ao mesmo,Grazas, Nai, porque queres facer de nós unha familia solidaria.
Acción
Seguro que coñezo a alguén que ande en solidariedades, buscando a algunha desas criaturas máis fráxiles que hai polo mundo. Achégome a esa persoa, pregunto, escoito, déixome ferir por ela.
8 de decembro: Solemnidade da Inmaculada Concepción da Virxe María
1ª lectura: Xén 3, 9-15. 20. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3c-4.
2ª lectura: Ef 1, 3-6. 11-12
Evanxeo: Lc 1, 26-38
Naquel tempo mandou Deus o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.
O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:
—Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel.
O anxo continuou:
—Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus; e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo ao que lle poñerás o nome de Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono do seu antepasado David; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.
María respondeulle ao anxo:
—E como pode ser isto, pois eu son virxe?
O anxo replicoulle:
—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, pois para Deus non hai imposibles.
María contestou:
—Velaquí a escrava do señor; que Deus faga comigo segundo me dixeches.
E o anxo marchou de onda ela.
Meditación
O evanxeo fala de concepción de Xesús no ventre de María, e a festa que hoxe celebramos é a da concepción da mesma María no ventre da súa nai, que se chamaba Ana. Igual nos encerellamos un pouco con estas historias.
Non é algo casual que a nai de Xesús fose unha muller de aldea. Na Biblia aparece moitas veces que a xente máis débil, pequena, sen poder social, acaba levando adiante as cousas grandes e fermosas de Deus.
O relato non é para que nos enredemos en cousas de sexualidade. Non vai por aí o que o evanxeo nos quere dicir.
O de María, o de Deus en María, o de Deus en calquera persoa que lle faga caso, vai sempre de humildes e grandes propostas acompañadas da forza do Espírito para poder realizalas. Se, como María, nos fiamos de Deus, calquera de nós podemos concibir e parir cousas entrañables, boas, que saben a Deus, que aledan, que cambian as parroquias, o mundo. María confiou, foi fiel. Nós tamén o podemos ser. Algo polo menos.
Oración
Que me saiba querid@ e saudad@ por ti, meu Deus.Que non me venzan os medos, os límites que teño.Que me saiba fiar de ti, do teu Espírito.Que me deixe levar por el ata onde el queira.Aquí estou, meu Deus, conta comigo.
Acción
É moi posible que haxa algo que che gustaría facer para mellorar as cousas da casa ou da comunidade ou da parroquia ou da sociedade en xeral. É posible que teñas medos e covardías que che estean impedindo levalo a cabo. Dá un paso adiante. Identifica ese medo, esa covardía, supéraa e bota a andar o que che gustaría facer. Poñeraste na onda de María, na onda do Espírito.
9 de decembro: Xoves 2ª semana de Advento
1ª lectura: Is 41, 13-20
Salmo: 144, 1 e 9. 10-11. 12-13ab
Evanxeo: Mt 11,11-15
Un día dixo Xesús:
—Tede por seguro que non naceu ninguén meirande ca Xoán Bautista, aínda que o máis pequeno no Reino dos ceos é meirande ca el.
Desde que veu Xoán Batista ata agora o reino dos Ceos sofre violencia e a xente violenta quere acabar con el. Todos os profetas e a Lei de Moisés eran profecía, ata que veu Xoán. E, se queredes crelo, el é o profeta Elías, o que tiña que vir. Quen teña oídos, que escoite.
Meditación
Todas, todos levamos no corazón o gusto pola honradez, polo coidado da xente débil, pola boa marcha da nosa familia, parroquia, cidade e País. Ese gusto e ese desexo bo fóronnolo pasando outros homes e mulleres que nos precederon; homes e mulleres que creron nesas cousas, que as promoveron, que loitaron por elas ata a mesma morte ás veces.
Pero tamén é certo que hoxe, coma onte, tamén hai moita xente violenta que quere apagar eses desexos en nós, no mundo. E mesmo pode ser que nós mesmos ás veces reneguemos dese ben que tanto nos gusta.
Xesús invítanos a que recapacitemos, a que tomemos partido e a que o fagamos con decisión.
Oración
Son débil, Xesús,ben o sabes.Gústame o bennas súas moitas formas e cores,pero ás veces déixome levar polo male por quen o promove.Creo que a túa axudanon me ha faltar nunca.Que así sexa valentepara vencer o mal en mine en quen con violencia o promove.
Acción
Pensa nalgún feito da vida, sucedido ao teu redor, no que entendas que se amosa algo do Reinado de Deus, do gusto de Deus, algo do que Xesús nos coa súa palabra e coa súa vida. Se podes, agradécello a quen tal cousa fixo. Se podes, fai ti tamén algunha cousa dese estilo.
10 de decembro: Venres 2ª semana de Advento
1ª lectura: Is 48, 17-19
Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6
Evanxeo: Mt 11, 16-19
Unha vez dixo Xesús:
— Con quen compararía eu a xente deste tempo? Aseméllase á rapazada que se xunta para xogar nas prazas e discuten entre si dicindo: "Tocamos a frauta e non bailastes, cantamos cousas tristes e non chorastes".
Porque veu Xoán, que nin comía nin bebía, e din que ten o demo no corpo; veu despois o Fillo do home, que come e bebe, e din que é un larpeiro e bebedor, amigo da xente pecadora e dos que cobran os impostos para Roma. Pero a sabedoría de Deus quedou acreditada polas súas obras.
Meditación
Xesús atopouse no seu tempo cunha xente que, entraran por onde lle entraran, sempre tiña escusas para non facer nada, para non implicarse en nada, no persoal e no social. Somos nós tamén así nos tempos de hoxe? Pois igual si. Vemos con frecuencia a xente queixándose de todo, pero, cando se lle propón participar nalgunha acción, nalgún grupo, nalgunha asociación para buscar remedios, cean para atrás, poñendo pegas a todo.
E a sociedade pode ir máis ou menos mal, pero ao mesmo tempo cantas cousas ben boas non se nos ofrecen para poder aproveitalas, gozalas e mellorar con elas! Compañas, libros, actos culturais, educadores, guías espirituais, espazos naturais, música e un longo etcétera. Quen tivese todo isto noutras partes do mundo! Non nos deixamos levar por unha soberbia e por unha desgana destrutivas?
Oración
Xesús,ti es a gran oportunidade da miña vida,para facer e refacer a miña persoa,para aprender a situarme na sociedade e no mundo.Que saiba acollerte, Xesús,que saiba abrirche de par en paras portas do meu corazón, da miña vida toda.E que así ti fagas en min e a través de mintodo o que ti es capaz de facer.Grazas, Xesús.
Acción
Repasa a túa vida. Hai algunha cousa á que te esteas negando por que si, por ser turrón, por preguiza, por non querer baixar do burriño? Hai algunha posibilidade de crecemento á que te esteas negando? Ofrécenche algunha oportunidade de medrar no coñecemento e na intimidade con Xesús e co seu espírito e estaste negando a iso? Pénsao. Fai algo.
11 de decembro: Sábado 2ª semana de Advento
1ª lectura: Eclo 48, 1-4. 9-11
Salmo: 79, 2ac e 3b. 15-1º6. 18-19
Evanxeo: Mt 17, 10-13
Un día preguntáronlle os discípulos a Xesús:
—Por que din os mestres da lei que primeiro ten que vir Elías?
Xesús respondeulles:
— Si, Elías tiña que vir para volver poñer todas as cousas en orde. Pero eu asegúrovos que Elías xa veu, e non o recoñeceron, senón que fixeron con el o que quixeron; do mesmo xeito o Fillo do home padecerá nas súas mans..
Entón comprenderon os discípulos que estaba falando de Xoán o Bautista.
Meditación
Segundo como tratamos a xente, así tratamos tamén a Deus. Se á xente non lle prestamos atención, non a escoitamos, non a valoramos, non a queremos, non a servimos, non pensemos que podemos escoitar, valorar, querer e servir a Deus, por moito que o digamos coas nosas palabras, cos nosos rezos, coas nosas cancións. A medida do divino en nós é o humano.
Tamén pasa que ás veces aparecen na nosa vida persoas que teñen un don especial, persoas que rompen con rutinas de sempre, que propoñen cousas novas en calquera campo: no político, no social, no ensino, na relixión mesma. Son coma unha presenza divina especial no medio de nós. Frecuentemente estas persoas son mal vistas de entrada e sofren críticas e persecucións. Disto todos temos experiencia. Pechándonos a esa xente acabamos pechándonos ao Deus que nos visita.
Oración
Xesús, ti ensínasme a acollertenas persoas que me acompañan na vida,e que demandan de min atención, escoita, servizo,cambio na miña maneira de ser.Ensínasme a acollerte nelase dásme forzas para facelo.Que non me negue, Xesús, que non me negue.Que non te defraude.
Acción
É moi posible que teña deixado de lado a algunha persoa ou grupo que, cunha demanda ou con outra, se ten achegado á miña vida ultimamente. Penso en como atender ben esa demanda como sinal da miña vontade de acoller a Xesús polo seu Nadal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.