06 abril, 2022

Semana Santa



SEMANA SANTA

Desde as orixes do cristianismo os seguidores e seguidoras de Xesús percibiron que a morte de Xesús e todo o que a rodeara tiña un especial interese e significado. Por iso desde os primeiros momentos lle prestaron especial atención aos relatos da Paixón que circulaban de comunidade en comunidade.

Desde o comezo do cristianismo tamén se celebraron con especial devoción os acontecementos que Xesús viviu nos derradeiros días da súa vida ata a súa morte, e con eles o misterio da súa resurrección.

Non é que a morte e a resurrección de Xesús teñan un sentido máxico. A morte e a resurrección de Xesús hai que velas intimamente unidas a toda a súa vida, ao seu estilo de vida e ás consecuencias que ese estilo de vida lle trouxeron a Xesús. Así a súa vida, a forza de tanto amar, de tanto servir ás persoas máis débiles, marxinais e pecadoras, acabou sendo unha vida aborrecida por xentes ligadas ao poder, que o levaron á morte. Pero, por iso mesmo, a súa morte acabou sendo unha morte gloriosa para o mesmo Xesús, e unha fonte de luz, de vida e de esperanza para todos os homes e mulleres que se queiran achegar con confianza a esta fervenza de amor e de solidariedade.

A vida de Xesús orienta as vidas das persoas que o queremos seguir. A morte de Xesús fortalece a quen coma el se enfronta, servindo, cos poderes do mal. A resurrección de Xesús encabeza e esclarece a nosa propia resurrección, cando a nosa vida é unha vida que se desenvolve na busca sincera do querer de Deus no respecto e servizo á xente.

Quizais estamos afeit@s a vivir a Semana Santa con certa rutina. Unha mágoa! ¿E se intentásemos vivila a fondo, ao pé de Cristo, en comunidade, andando con el os camiños todos que o levaron do domingo de Ramos á Pascua de Resurrección? Seguro que nos había facer moito ben como persoas, como cristiás, como cidadáns.


10 de abril: Domingo de Ramos

Bendición dos ramos: Lc 19, 28-40

Daquela Xesús botou a andar diante deles camiño de Xerusalén. E cando se aproximaban a Betfagué e a Betania, ao pé do chamado monte das Oliverias, mandou dous discípulos, dicíndolles:
—Idea á aldea que tedes aí diante e atoparedes atado un burriño que ninguén montou aínda nunca. Soltádeo e traédeo. E, se alguén vos pregunta: “¿Por qué o soltades?”, respondédelle: “Precísao o Señor”.

Foron os discípulos e atoparon todo tal como lles dixera. E cando ceibaron o burriño, preguntáronlles os donos:
—¿Por qué soltades o burriño?

Eles contestaron:
—Precísao o Señor.

Levárono onda Xesús, botaron os mantos sobre o burriño e axudárono a montar. E ao pasar el, a xente estendía os mantos polo camiño. Cando se aproximaban á baixada do monte das Oliveiras, a multitude que o acompañaba de cerca, chea de alegría, comezou a loar a Deus con grandes gritos, por todas as marabillas que tiñan visto. Dicían:
—¡Benia o que vén, como rei, no nome do Señor. Paz no ceo e gloria no máis alto!

Algúns dos fariseos que estaban entre a xente dixéronlle:
—Mestre, reprende a eses teus discípulos.

Pero el respondeulles:
—Asegúrovos que se estes calan, falarán as pedras.

Paixón: Lc 22, 14—23, 56

Meditación

Lemos hoxe dous anacos do evanxeo de Lucas; o primeiro, Lc 19,28-40, abrindo a Procesión de ramos, e o segundo, Lc 22,14—23,56, dentro da Eucaristía, para narrar a Paixón do noso Señor. O feito da entrada triunfal de Xesús en Nazaré, montado nun burriño, é un xesto simbólico, profético, nos que abundaban os profetas de Israel, e dos que Xesús mesmo, respondendo ao nervio profético que o caracterizaba, deu repetidas mostras. O xesto simbólico de hoxe consiste nunha entrada triunfal en Xerusalén, ao estilo das entradas dos xerais triunfadores que naquela época se daban, pero montado nun burriño (o burro pasa a ser o símbolo principal), en paz, sen facer alarde de armas e poder, e co pobo humilde aclamando. É un xesto profético do anti-poder, do pacifismo de Xesús, dun liderado que se monta na humildade, no servizo entre o pobo, como ía montado sobre o corpo humilde dun burriño. Así é Xesús, así debería ser a súa Igrexa e as comunidades cristiás que a compoñemos. En todo isto si que hai salvación de Deus. Oxalá a saibamos vivir e transmitir á nosa sociedade.

Para aproveitarnos da lectura da Paixón, para irnos introducindo na súa fondura e que esa fondura enchoupe as nosas vidas e as faga próximas á experiencia mesma de Xesús, podemos ir con calma, collendo escena por escena, parándonos nos sentimentos de Xesús, nas súas maneiras de actuar, e tamén nos sentimentos e nas maneiras de actuar das outras persoas que van aparecendo na escena. Podemos ir pensando como iso pasa, acontece, no mundo de hoxe; ir vendo situacións actuais nas que se estean reproducindo esas mesmas cousas, e ver como nós nos imos situando ante elas. Son cousas que probablemente non se dean feito ao longo dunha celebración, pero na Semana Santa poderemos atopar tempos para esta meditación calmada e proveitosa. Facéndoo así, igual a Pascua pasa a ser para nós un acontecemento ben vivo e real, salvador.

Oración
(sobre a Paixón de Xesús segundo san Lucas)
Grazas, Xesús,
polas ganas que sempre tes de compartir connosco
a túa palabra, o teu pan, a túa presenza.(Lc 22,15.19)

Grazas, Xesús,
pola nova alianza establecida de sempre entre Deus e nosoutros/as,
da que ti es fiel exemplo e garantía.(Lc 22,20)

Grazas, Xesús,
por estares entre nós coma quen serve,
abríndonos así un revolucionario camiño de convivencia.(Lc 22,27)

Grazas, Xesús,
por comprendernos, tolerarnos, perdoarnos,
como fixeches cos discípulos e discípulas en xeral,
e como o fixeches en particular con Xudas e Pedro.(Lc 22,21.34)

Grazas, Xesús,
pola túa oración amarga, pero confiada, nas horas de estreitura,
coa que nos acompañas nas nosas horas mouras.(Lc 22,42)

Grazas, Xesús,
polos teus constantes bicos de paz,
a pesar das nosas traizóns e covardías.(Lc 22,48)

Grazas, Xesús,
polas túas miradas fondas e misericordiosas
coas que recolles e acendes os nosos seguimentos de lonxe. (Lc 22,61.54)

Grazas, Xesús,
porque por manterte fiel a Deus e ao pobo,
asumiches o conflito, os golpes, as burlas. (Lc 22,63-65)

Grazas, Xesús,
pola humildade valente e revolucionaria
de te confesar Fillo de Deus
e de ver a máis xente como fillos e fillas de Deus tamén. (Lc 22,70)

Grazas, Xesús,
por andares revolucionando o pobo para a súa dignidade,
por encirrares a xente contra o mal e a inxustiza. (Lc 23,2.5)

Grazas, Xesús,
polas túas mans limpas, pola túa inocencia
que te fixo sacramento dos millóns de inocentes axustizados na historia. (Lc 23,13-16)

Grazas, Xesús,
por ti e por toda a xente que axuda a levar cruces
para facer máis liviá a sorte de quen sofre inxustizas. (Lc 23,26)

Grazas, Xesús,
por estares na vida e na morte entre a xente marxinal
coma o lugar preferido polo Deus do que vivías. (Lc 23,32)

Grazas, Xesús,
por soportares o enorme suplicio dunha cruz
na que moitos querían ver o máximo desprezo de Deus. (Lc 23, 35)

Grazas, Xesús,
polas palabras de perdón para quen te crucificaba
axudándonos a entrar nas misteriosas reviravoltas do corazón humano (Lc 23,34).

Grazas, Xesús,
pola túa morte inmerecida, confiada e santa,
cando puxeches nas mans de Deus a túa existencia toda. (Lc 23,46).

Grazas, Xesús,
polo camiño de vida e de luz
que nos abriches coa túa paixón e morte e resurrección.
Acción

Nestes días da Semana Santa podemos ir lendo con calma un anaquiño da Paixón cada día. Tamén podemos achegarnos cada día a algunha persoa que estea pasando por algunha situación dolorosa. A Paixón de Xesús e a Paixón desas persoas poden axudarnos a vivir cristianamente a Semana Santa.


11 de abril: luns da Semana Santa

1ª lectura: Is 42, 1-7. Salmo:26, 1. 2. 3. 13-14.

Evanxeo: Xn 12, 1-11

Seis días antes da Pascua foi Xesús a Betania, onde estaba Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. Fixéronlle alí unha cea. Marta servía, mentres que Lázaro era un dos comensais.

Daquela María, collendo unha libra de perfume de nardo puro, de moito prezo, unxiu os pés de Xesús e enxugoullos cos seus cabelos. A casa quedou chea do recendo do perfume. Pero Xudas, o Iscariote, un dos seus discípulos, o que o había entregar, dixo:
—Por que non se vendeu ese perfume por trescentos denarios, e non se lles deron aos pobres?

Dixo isto non porque tivese interese polos pobres, senón porque era ladrón e, tendo el a bolsa, botaba man do que se metía nela.

Pero Xesús replicou:
—Déixaa estar, que o tiña gardado para o día do meu enterro; pois os pobres sempre os tedes entre vós, mentres que a min non sempre me ides ter.

Moitísimos xudeus souberon entón que el estaba alí e viñeron non só por Xesús, senón tamén para veren a Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. Pero os sumos sacerdotes decidiron matar tamén a Lázaro, pois moitos, por causa del, fuxían dos xudeus e crían en Xesús.

Meditación

Seguimos camiñando pola Semana Santa. Un encontro de amizade. Un xantar de festa e de agradecemento, como tanto lle gustaba a Xesús. Un xesto excepcional dunha muller, María, que non sabe como lle mostrar a Xesús o seu agarimo, o seu agradecemento, botando a casa pola ventá. A protesta interesada de Xudas. O presentimento dunha morte próxima, que había que acompañar.

Estas poden ser tamén as claves destes días que nos levarán á morte e a resurrección de Xesús: Estar con Xesús, acompañalo, envolvelo no recendo dun amor sincero, agradecido, coherente. Coa diferenza importante de que agora podemos xuntar os intereses de Xudas e máis os de María: non temos a Xesús fisicamente no medio de nós, pero temos a xente pobre, débil, con calquera clase de debilidade, á que podemos visitar, obsequiar, coidar, por si mesmas, por seren imaxe viva do noso Señor.

Oración
Grazas, meu Deus, por Marta,
a servidora, a que atendía a mesa,
a que satisfacía as necesidades da xente.
Grazas, meu Deus, por María,
a amante agarimosa,
que adiviñaba penas e glorias,
e se poñía en todo ao servizo do amado.
Grazas, meu Deus, tamén por Xudas,
que, sen decatarse da densidade daquela hora,
nos recorda o lugar central
que os pobres deben ter na vida cristiá.
Grazas polas Martas, Marías e Xudas do presente.
Acción

Pensando en Xesús, neste día ben podiamos visitar a algunha persoa pobre, enferma, abandonada, e obsequiala con algo, sen escatimar medidas. Por aquilo de meternos nese mundo do gratuíto que tanto ía con Xesús.


12 de abril: martes da Semana Santa

1ª lectura: Is 49, 1-6. Salmo: 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab. 15 e 17

Evanxeo: Xn 13,21-33.36-38

Naquel tempo, estando Xesús na cea cos seus discípulos, turbouse no seu interior e declarou abertamente:
—Con toda verdade volo digo, un de vós hame de entregar.

Os discípulos miraban uns para outros, sen saberen de quen falaba. Estaba recostado no peito de Xesús un dos seus discípulos, aquel a quen Xesús amaba. Entón Simón Pedro fíxolle un aceno, para que lle preguntase a quen aludía. Daquela el, así apoiado no peito de Xesús, preguntoulle:
—Señor, quen é?

Xesús respondeulle:
—É aquel a quen eu lle vou dar o pan mollado.

E, mollando o pan, deullo a Xudas, o de Simón Iscariote. E naquel instante, xunto co pan entrou nel Satanás. Entón díxolle Xesús:
—O que vas facer, faino axiña.

Ningún dos que estaban sentados á mesa comprendeu por que lle dixera isto. Algúns coidaban que, ao ter Xudas a bolsa do diñeiro, dicíalle Xesús: merca o que precisamos para a festa, ou que lles dese algo aos pobres. El, collendo o pan, saíu axiña. Era de noite.

Cando saíu, dixo Xesús:
—Agora queda glorificado o fillo do Home e Deus queda glorificado nel. Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña. Meus fillos, só un pouquiño estarei convosco. Habédesme buscar, pero, como lles dixen aos xudeus, dígovolo a vós agora: onde vou eu vós non podedes vir.

Simón Pedro preguntoulle:
—Señor, onde vas?

Xesús respondeulle:
—Onde eu vou non podes ti seguirme agora, seguirasme despois.

Pedro replicoulle:
—Por que non podo seguirte agora? Estou disposto a dar a miña vida por ti.

Xesús respondeulle:
—Que ti darás a túa vida por min? Con toda verdade cho aseguro: non cantará o galo, antes de que me negues tres veces.

Meditación

O evanxeo de hoxe vai de traizóns e abandonos. Aproxímase a cruz e con ela a morte, e con ela a hora da glorificación de Deus, da glorificación do seu fillo, porque era o momento do máximo amor, do máximo servizo, da máxima entrega. E xustamente aí, no momento crucial, anúncianse traizóns e abandonos: Xudas desde o seu particular mundo interior, que nunca coñeceremos ben, e Pedro desde unha suposta valentía aínda non confrontada cos momentos de aperto. O resto dos discípulos, incluído o amado, seguirían os mesmos pasos.

E nós que? Cales son as nosas covardías, os nosos abandonos? A cantos momentos de intimidade con Xesús lle teñen seguido pola nosa parte momentos, decisións, formas de vida que manifestan un distanciamento claro con Xesús! Canto, seguro, nos temos arredado del, do seu camiño de servizo, da súa confianza absoluta en Deus, do seu apego á xente máis débil, na que a diario se nos ofrece!

Oración
Que non me chufe, Xesús,
cando non debo.
Que aprenda a andar con paso humilde,
como ben me corresponde.
Que polo menos saiba recoñecer
os meus erros e pecados,
as miñas covardías,
as miñas traizóns,
contigo, coa xente.
Que saiba poñelas
á calor da túa comprensión,
do teu perdón,
da túa forza,
da túa capacidade de abrir camiños novos.
Acción

Podemos mirar se nalgunha cousa concreta, nalgunha promesa, nalgún compromiso lle estamos fallando á xente, á comunidade, á sociedade. Se restituímos coa xente, restituiremos con Deus.


13 de abril: mércores da Semana Santa

1ª lectura: Is 50, 4-9a. Salmo: 68, 8-10. 21bcd-22. 31 e 33-34.

Evanxeo: Mt 26, 14-25

Entón un dos doce, chamado Xudas Iscariote, foi onda os sumos sacerdotes e díxolles:
—Canto me dades se volo entrego?

Eles acordaron darlle trinta moedas de prata. E dende aquela andaba buscando o momento axeitado para llelo entregar.

No primeiro día dos Ázimos os discípulos fóronlle preguntar a Xesús:
—Onde queres que che preparemos a cea pascual?

El respondeu:
—Ide á cidade, á casa de fulano e dicídelle: “O Mestre di: o meu tempo está preto, vou celebrar a Pascua cos meus discípulos na túa casa”.

Os discípulos fixeron tal como Xesús lles mandara e prepararon a Pascua.

Chegado o solpor, púxose á mesa cos doce. E mentres ceaban díxolles:
—Asegúrovos que un de vós me vai entregar.

Moi tristes empezaron a preguntarlle un por un:
—Non serei eu, Señor?

El respondeu:
—Un que meteu comigo a man no prato, ese entregarame. O Fillo do Home vaise, como está escrito del; pero ai daquel que entrega o Fillo do Home! Máis lle valía non ter nacido.

Entón Xudas, o que o ía entregar, preguntoulle:
—Non serei eu, Mestre?

Respondeulle:
—Ti o dixeches.

Meditación

“Un que meteu comigo a man no prato”, é dicir, un dos nosos, un dos íntimos, un co que tiña compartido todo, un que puido coñecer e ter experimentado de que ía todo isto, que ía de ser gratuítos, de ser solidarios, de iniciar e respectar procesos de cambio nas persoas e na sociedade, … Pero que, polo que fose, non se namorou a fondo das propostas de Xesús, ou lle asustaron, ou as acabou vendo unha parvada que non levaban a nada.

En Xudas acabou mandando o seu interese, económico ou non económico, a súa particular visión das cousas, e a distancia con Xesús e todo o de Xesús fíxose infinita. O evanxeo propónsenos, neste caso, para que nós nos vexamos no espello de Xudas. ¿Canto hai en nós de pasar polas propostas de Xesús sen entrar a fondo nelas? ¿Canto hai en nós de darlle prioridade na nosa vida aos nosos intereses económicos, de poder, de imaxe, do que sexa? ¿Con cantas persoas, en cantas ocasións podemos actuar así, esquecendo fidelidades e deixándonos levar por intereses?

Pero tamén nos podemos mirar no espello de Xesús, que afrontou infidelidades e perseverou ata a fin.

Oración
Cantas veces, Xesús,
me obsequiaches coa túa amizade,
coa túa palabra, co teu espírito!
Cantas veces me invitaches
para comer no teu mesmo prato,
intimando contigo,
intimando cos teus íntimos
no mundo da debilidade!
Cantas veces me tes proposto
vivir como persoa cristiá,
a fondo,
e ser testemuña túa
no medio desta sociedade
potente e empobrecida a un tempo!
Cantas veces!
E cantas veces eu, coma Xudas,
che dei as costas
e busquei as miñas comenencias!
Acción

As imaxes de Xesús que paseamos polas nosas rúas nestes días de Semana Santa non son a súa mellor imaxe. E mellor imaxe de Xesús no medio de nós sono as persoas máis empobrecidas e marxinadas. ¿A algunha delas lle dei as costas? ¿Podo reparar eses meus abandonos?


14 de abril: Xoves Santo

1º lectura: Is 61, 1-3a. 6a. 8b-9. Salmo: 88, 21-22. 25 e 27.
2ª lectura: Ap 1, 5-8.

Evanxeo: Xn 13, 1-15

Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara os seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.

E mentres ceaban –xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase—, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans e que saíra de Deus e ía onda Deus, Xesús ergueuse da mesa e quitou o manto; colleu unha toalla e cinguiuse con ela. Despois botou auga nunha palangana e comezou a lavarlles os pés aos discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida. Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
—Señor, vasme lavar os pés ti a min?

Xesús respondeulle:
—O que eu fago ti non o entendes agora; halo comprender máis adiante.

Pedro replicoulle:
—Ti non me lavaras os pés a min endexamais.

Xesús respondeulle:
—Se non te lavo, non terás parte comigo.

Exclamou Simón Pedro:
—Señor, daquela os pés, as mans e máis a cabeza.

Dille Xesús:
—Que se bañou non precisa máis que lavar os pés, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.

Sabía quen o había de entregar, por iso dixo: “non todos estades limpos”. Cando Xesús acabou de lavarlles os pés, vestiu a súa túnica, sentou outra vez e díxolles:
—Comprendedes o que fixen convosco? Vós chamádesme Mestre e Señor e dicides ben, porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros. Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós.

Meditación

Na cea que narra o evanxelista Xoán non hai relato da Eucaristía, pero en cambio hai o xesto simbólico, profético, de Xesús de poñerse a lavarlles os pés aos asistentes á cea, cousa que non conta ningún dos outros tres evanxelistas. Eucaristía e lavatorio dos pés veñen ao mesmo. Cando Xesús realiza estas dúas accións, intúe que está próximo o seu final, e por iso mesmo o que fai adquire unha relevancia especial para el e para todos nós; é como se nos quixese transmitir con claridade aquilo que foi o máis fundamental para a súa vida, para a súa espiritualidade, para a súa relación con Deus e coa xente. Algo así como o seu testamento espiritual. Nos dous casos, coa entrega do pan e do viño como símbolo do seu corpo e do seu sangue, e co lavatorio dos pés, dinos que para el o fundamental foi servir e dar por todo o mundo o seu tempo, as súas habilidades, a súa palabra, os seus afectos, os seus poderes, o seu espírito. Todo. E todo por todos, por todas.

Este foi o sacerdocio existencial de Xesús. O sacerdocio que nos transmite a todos os seus seguidores, homes e mulleres; sacerdocio que realizamos cando imos facendo da nosa vida un servizo na familia, na comunidade, na sociedade, no traballo polo común, e que logo celebramos cando nos xuntamos en comunidade ao redor de Xesús, o Mestre e Señor; ao seu pé poderemos ir aprendendo o custoso, marabilloso, revolucionario oficio de entender a vida como un servizo. Oxalá!

Oración
Xesús, meu mestre e meu Señor,
veño onda ti
para que me aprendas a servir.
A servir sen trampas,
de forma desapegada,
de forma libre.
de forma espléndida,
sen aforrar esforzo e disposición.
Veño onda ti, Xesús,
para aprender a servir con alegría,
sen amarguras,
non por sentirme obrigada,
aínda que ás veces pese e doia o servizo.
Que se me note este oficio e profesión,
nas cousas pequenas de cada día
nos servizos que a comunidade me demande.
Que goce coma ti servindo,
que viva servindo,
que morra servindo,
que me recorden como persoa servidora,
como a ti.
Apréndeme, Xesús.
Acción

Hoxe é un día especial para a solidariedade. O importante é vivir cada día en clave de solidariedade. Pero tamén pode ser proveitoso que hoxe fagamos un signo especial de solidariedade: visitar a unha persoa enferma, facer unha colaboración económica, reforzar a unha persoa que traballe polo común nalgún campo, renovar o teu compromiso concreto pola comunidade cristiá, pola comunidade civil.


LAVAR OS PÉS

"Logo, se eu o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros" (Xn 13,14).

Lavar os pés é amar o veciño, a veciña.
Lavar os pés é acoller e respectar, coa palabra, cos feitos.
Lavar os pés é pensar nos demais con ideas de ben.
Lavar os pés é comprender e perdoar.
Lavar os pés é facer nosas as penas e bágoas da xente que nos rodea.
Lavar os pés é servir, axudar, colaborar.
Lavar os pés é dar do que é dun para que medre o que é común.
Lavar os pés é visitar o obsequiar o veciño, a veciña.
Lavar os pés é xuntarse, unirse, organizarse, asociarse, para solucionar mellor os problemas do pobo.
Lavar os pés é falar, compartir as ideas, a vida, os traballos, as ilusións.
Lavar os pés é dar da propia alegría para que medre a alegría de todos e todas.
Lavar os pés é renunciar á propia comodidade para aliviar o cansazo alleo.
Lavar os pés é coñecer e recordar os nomes da xente e envolver no amor os seus pasos todos.
Lavar os pés é gravar a vida do irmán ou irmá no propio corazón.
Lavar os pés é dicirlle a quen nos acompaña: quérote, quérote ata a fin.
Lavar os pés é inclinarse humilde e reverente ante a súa sucidade e, sen máis, simplemente, lavarlle os pés.

"Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós" (Xn 13, 15).


DEIXARSE LAVAR OS PÉS

"Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
—Señor, vasme lavar os pés ti a min?

Xesús respondeulle:
—O que eu fago ti non o entendes agora; halo comprender despois.

Pedro replicoulle:
—Ti non me lavaras os pés a min endexamais". (Xn 15,6-8a).
—Deixarte lavar os pés por Xesús, pola xente, é deixarte aloumiñar e querer por Deus, pola xente.
—Deixarte lavar os pés é deixarte coidar por Deus, pola xente.
—Deixarte lavar os pés é ter conciencia da túa sucidade, do teu pecado, da túa debilidade.
—Deixarte lavar os pés é aceptar agradecido/a as críticas e correccións dos demais.
—Deixarte lavar os pés é querer medrar no ben, na bondade, na liberdade.
—Deixarte lavar os pés é aceptar que todos/as precisamos de todos/as.
—Deixarte lavar os pés é participar na alegría da xente pobre e débil.
—Deixarte lavar os pés é gozar sentíndote digna/o da atención dos demais.
—Deixarte lavar os pés é entender que o mellor da vida é o servizo.
—Deixarte lavar os pés é tomar conciencia, con humildade, da propia dignidade.
—Deixarte lavar os pés é ver o moito que vales aos ollos de Deus e da xente.
—Deixarte lavar os pés é admitir a irmandade como sistema de vida.
—Deixarte lavar os pés é dar e recibir confianza.
—Deixarte lavar os pés é admitir que somos familia, comunidade.
—Deixarte lavar os pés é vivir en constante agradecemento.
—Deixarte lavar os pés é algo revolucionario.
—Deixarte lavar os pés é o primeiro mandamento dunha relación sá con Deus.
—Deixarte lavar os pés é máis difícil que lavarlle os pés á demais xente.

"Xesús respondeulle:
—Se non te lavo, non terás parte comigo.

Exclamou Simón Pedro:
—Señor, daquela os pés, as mans e maila cabeza" (Xn 13, 8b-9).


HORA SANTA

Oración da noite, acompañando a Xesús

Signos: Os da Última Cea: un mantel, un pan, unha xerra das de viño, unha toalla, unha almofía (palangana), un mandil.

Breve explicación do que imos facer:
Coméntanse os signos, que nos recordan a Última Cea e os signos que Xesús fixo nela. Queremos acompañar a Xesús, como un amigo/a acompaña a un amigo/a cando o ve pasando por unha situación tensa. Acompañar, para deixarnos arrastrar por el nas súas opcións de vida, no seu estilo de vida, na súa decisión firme de chegar ata a morte, se fixese falla, antes de renunciar a ser persoa de amor e de servizo. Entrar no mundo de sentimentos de Xesús, asociarnos a el, deixarlle a el que conmova a nosa existencia toda. Imos facer iso parándonos en cinco momentos especiais que Xesús viviu con especial intensidade, antes, durante e despois da Última Cea.

Actualizar este momento. Xesús está vivo no rostro da persoa pobre, marxinal, débil... Escollemos cada un unha persoa destas, ou un grupo de persoas, un grupo social, para identificala con Xesús e introducila tamén; oramos con ela, con ese grupo, escoitámola tamén a ela, adoramos nela a presenza de Xesús, dispoñémonos a servila...

Canto:
Nesta tarde de gloria e de festa
recordamos o amigo Xesús,
na súa cea cos seus compañeiros,
pouco antes de morrer por nós.

Cos seus feitos, coas súas palabras,
ensinounos a todas Xesús
que servindo e amando os veciños
faise aquí a vontade de Deus.

Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer” (Lc 22,15).

Dínolo tamén hoxe a cada un de nós. Dínolo Xesús e dínolo esa persoa débil, oculta, que temos no corazón con Xesús. Acollemos a fondo este sentimento de Xesús. Coñéceme ben, e por iso mo di. É unha proposta de amor, de amizade; é unha busca de afecto, de apoio, de axuda. É a súa ansia por estar na comunidade nova, de irmáns e irmás, ao redor da mesa do pan compartido, dos dereitos compartidos tamén. Xesús necesitado de min, de nós, da comunidade. O amigo/a oculta necesitada de min, da comunidade.

Acollo e oro. Contesto en privado ou en público o que lle queira contestar a Xesús que me di iso.

Canto: Déixate querer, déixate querer, déixate querer por Deus. (por Xesús, pola persoa oculta)

Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min.(...) Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós” (Lc 22,19b.20b).

Comer xuntos/as como sinal de fonda intimidade, compenetración, comuñón de sentimentos e de vida: entregarse, pensar nos demais, desfacerse para que outros/as tivesen vida, medrasen, recuperasen dignidade, ganas de vivir, alento, paz, alegría. Que forte ser comensal con Xesús e co amigo/a oculta que o acompaña. Que lle tes que dicir a Xesús por iso? Estás disposto a acoller tanto don? Asústate iso? Dillo a Xesús, dillo ao amigo/a invisible que o representa.

Ora. Se queres, comparte algo do que ores. Podes erguerte e bicar o cáliz, o copón.

Canto: Xuntiños o pan dos amigos hemos comer. Xuntiños o viño do encontro hemos beber.

Pois, quen é máis importante, quen está sentado á mesa ou quen o serve? Acaso non é quen está sentado á mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve.” (Lc 22,27). E por iso, durante a cea, “botou auga nunha palangana e comezou a lavarlles os pés aos discípulos/as e a secarllelos coa toalla que levaba cinguida” (Xn 13,5).

Imaxínome a Xesús diante de min, lavándome os pés. Así era Xesús, así é Xesús, así é Deus. Deus ao meu servizo. “Tamén vós debedes larvarbos os pés uns a outros/as.”(Xn 13,14b). Ser servido, servida por Xesús, por Deus, de tantas maneiras. Asústame servir? No servizo está a túa liberación. No servizo está a liberación da sociedade, do mundo; non no poder, no mando. Cres isto? Pregúntacho tamén o amigo/a oculta que acompaña a Xesús, en representación dos centos de persoas que esperan algo de ti.

Ora. Comparte. Podes erguerte e bicar o mandil, a toalla, os pés dun compañeiro/as...

Canto: Douvos un novo mandato(2), que vos amedes (2), como eu vos teño amado.

Xudas, cun bico entregas o Fillo do home?”

Todos/as levamos dentro de nós un Xudas, un covarde, un violento que non cre na forza do servizo, un desilusionado que abandona o camiño, a tarefa común. Un inconsecuente, que semella andar en amizade, pero que non se deixa conmocionar pola túa vida, pola vida da túa xente máis querida: a xente que por calquera razón non conta. Igual queres bicar a Xesús, pero sen bicar ao amigo/a invisible que o acompaña. Que fácil é ás veces bicar a Deus, cando nos desentendemos da xente débil. Eses son bicos de traizón. “Ten por seguro –dicíalle tamén Xesús a Pedro—que hoxe, antes de que o galo cante, negarás tres veces que me coñeces”. Que pena, cando os máis amigos, as máis amigas, dan as costas!

Ora. Comparte.

Canto: Levanto os meus ollos cara os montes / na procura da túa axuda, meu Deus, pois de ti vaime vir a miña axuda ( de ti que fixeches o ceo e máis a terra.

Meu Pai, se queres, arreda de min este cáliz. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa. E, cheo de angustia, pregaba con máis intensidade aínda, mentres suaba coma pingas de sangue que esvaraban ata o chan” (Lc 22,42.44)
camiño de Xesús non foi un camiño de rosas. Angustiado, abandonado, cheo de pavor, buscou axuda nos máis amigos, buscouna tamén en Deus. Xesús na hora do aperto busca axuda en ti, na comunidade. O amigo invisible busca axuda en ti. Os apóstolos quedaron durmidos. Non caeron na conta do drama que alguén vivía ao seu redor. Estás viva, esperta, para acompañar a Xesús e á xente máis débil nas súas angustias?

Xesús totalmente disposto a cumprir a vontade do Pai, que coincidía co seu empeño por estar cheo de valentía e de tenrura do lado de quen tiña a vida máis hipotecada. Deus non lle fallou, deulle conforto. Deus tamén che ofrece a ti todo o conforto do mundo. Fíaste del algo polo menos coma Xesús?

Ora, comparte.

Canto: Aquí estou, Señor, pra facer a túa vontade, veño renovar diante de ti a fidelidade.

Final

Coas mans unidas, rezamos o Noso Pai con Xesús, que nolo ensinou, e con esas persoas débiles que levamos escondidas no corazón, con todas as persoas máis débiles do mundo, que hoxe prolongan na historia a Paixón de Cristo e tamén son obxecto da súa solicitude extrema.

Despedímonos de Xesús. En silencio ou mediante unha palabra agarimosa, como cando nos despedimos dun amigo, dunha amiga.



15 de abril: Venres Santo

1º lectura: Is 52, 13—53,12. Salmo: 30, 2 e 6. 12-13. 15-16. 17 e 25.
2ª lectura: Heb 4, 14-16; 5, 7-9.

Evanxeo: Paixón segundo san Xoán: Xn 18,1-19,42
(Breve: Xn 19,16b-41)

Crucifixión de Xesús

Entón colleron a Xesús. Cargando el mesmo coa cruz, saíu para o lugar chamado da Caveira, que se di Gólgota en hebreo. Alí o crucificaron, xunto con outros dous, un a cada lado e Xesús no medio.

Escribiu Pilato un título e púxoo na cruz. O escrito era: Xesús o Nazareno, o rei dos xudeus. Moitos dos xudeus leron este título, porque o sitio onde Xesús foi crucificado estaba cerca da vila e estaba escrito en hebreo, latín e grego. Os sumos sacerdotes dixéronlle a Pilato:
—Non escribas “O rei dos xudeus”, senón que el dixo “Son rei dos xudeus”.

Pilato respondeu:
—O escrito, escrito está.

Entón os soldados, cando crucificaron a Xesús, colleron a roupa del e fixeron catro partes, unha parte para cada soldado, e máis a túnica. Era a túnica sen costura, tecida dunha peza de arriba abaixo. E falaron entre eles:
—Non a rachemos, sorteémola a ver a quen lle toca.

Así cumpriuse a Escritura que di:
—Repartiron entre eles a miña roupa e sortearon a miña túnica.

Tal fixeron os soldados.

Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e máis María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
—Muller, velaí o teu fillo.

Despois díxolle ao discípulo:
—Velaí a túa nai.

E dende aquela hora o discípulo acolleuna con el.

Morte de Xesús

Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaba acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo:
—Teño sede.

Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre, dixo:
—Está cumprido.

E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.

Entón os xudeus, como era o día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado –pois era grande aquel día de sábado—, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen. Viñeron, logo, os soldados e rompéronlle as pernas ao primeiro e máis ao outro que crucificaran con el. Pero, ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza, e no instante saíu sangue e auga.

Quen o viu dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: “Non lle crebarán óso ningún.” E noutro lugar di: “Han mirar para quen traspasaron”.

Sepultura de Xesús

Despois disto, Xosé o de Arimatea, que era discípulo de Xesús –aínda que ás agachadas, por medo aos xudeus—, rogoulle a Pilato que lle deixase retirar o corpo de Xesús. Pilato accedeu. Foi e retirou o corpo. Foi tamén Nicodemo –aquel que primeiramente viñera onda Xesús de noite—, levando unha mestura de mirra e áloe de case cen libras. Colleron o corpo de Xesús e, segundo é costume sepultar entre os xudeus, enfaixárono en panos, con aromas. No sitio onde crucificaron a Xesús había un xardín e no xardín un sepulcro novo, que aínda non usara ninguén. Puxeron alí a Xesús, por mor da Preparación dos xudeus, pois o sepulcro estaba cerca.

Meditación

Pódenos parecer que a vida de Xesús foi un fracaso, porque acabou impoñéndose a xente de poder que se opoñía ao estilo de Xesús que buscaba crear irmandade desde abaixo, dando preferencia sempre ás persoas máis fráxiles e pecadoras. Pódenos parecer que na historia sempre se repetiu o mesmo: homes e mulleres que quixeron acabar coas situacións de abuso, no corpo e no espírito, e que acabaron esmagadas polo poder. Pódenos parecer, daquela, que é inútil vivir en honradez, en solidariedade, buscando unha comunidade cristiá e unha sociedade digna, construídas desde a irmandade.

Non. A morte de Xesús dinos outra cousa. Porque nos fala da fortaleza da xente débil, que non se prega a quen a quere facer calar. Porque estas mortes sempre acaban sendo semente da que xermolan persoas, comunidades renovadas, valentes, arriscadas: a persoa así morta prolóngase no tempo, ata a eternidade, nas persoas que admiran, agradecen e procuran imitar o seu exemplo. Curiosamente estas mortes, a de Xesús a primeira, son as que sosteñen a dignidade da humanidade enteira, e nos permiten soñar que o amor, a solidariedade fonda e real, acabe conducindo os nosos corazóns, as nosas vidas. Contemplar a Xesús morto na cruz non deprime, ao contrario, pacifica, reforza, alerta os ánimos, anima á resistencia, consolida a vontade de ser homes e mulleres consistentes, fieis. Deus está totalmente da nosa parte. Ata a morte. Deus non é inútil.

Oración
Adórote, Xesús,
cravado na cruz.
Adórote, Xesús,
sedento na cruz.
Adórote, Xesús,
todo paixón.
Adórote, Xesús,
machucado, espido.
Adórote, Xesús,
entregado, cumprido.
Adórote, Xesús,
morto por amor.
Adórote, Xesús,
refugallo humano,
gloria de Deus.
E contigo adoro
a todos os homes e mulleres,
individuos e pobos
que sofren cruz e escarnio,
humillación e esquecemento.
Adórote, Xesús,
no silencio da cruz.
Acción

A parte de que dediquemos un tempo a contemplar a paixón de Xesús, o Cristo, podemos aproximarnos hoxe a algunha persoa ou grupo humano ou pobo que estea sendo na historia unha prolongación da morte de Cristo. Se podemos facelo persoalmente, mellor. Senón, podemos valernos de calquera medio de comunicación que nos permita esa aproximación e coñecemento.


16 de abril: Sábado Santo.Vixilia Pascual

Evanxeo: Lc 24, 1-12

Á madrugada do primeiro día da semana as mulleres foron ao sepulcro, levando os perfumes que tiñan preparados. Pero atoparon quitada a lousa, arredada do sepulcro. Entraron e viron que o corpo do Señor non estaba alí. Entón, mentres fiaban todas perplexas por aquilo, apareceron dous homes con vestidos resplandecentes. Cheas de medo, miraban para o chan, pero eles preguntáronlles:
—¿Por qué buscades entre os mortos a quen está vivo? Non está aquí, resucitou. Recordade o que vos dicía en Galilea: que cumpría que entregasen o Fillo do Home nas mans dos pecadores, que o crucificasen e que resucitase ao terceiro día.

A elas acordáronlles aquelas palabras súas, e, volvendo do sepulcro, anuniciárono aos once e a todos os demais. Eran aquelas mulleres: María Magdalena, Xoana e María a de Santiago; e tamén as outras que o acompañaban lles dicía o mesmo aos apóstolos; pero eles non lle daban creto; parecíalles un desatino das mulleres.

Mesmo así, Pedro ergueuse e foi correndo ao sepulcro; abaixándose, viu as vendas soas, e todo abraiado polo acontecido, volveu para a súa casa.

Meditación

É un día de moito silencio. Cristo está calado no sepulcro. O seu evanxeo non resoa nas palabras. Resoa misteriosamente naquel corpo silenciado, que no silencio de Deus pasa da morte á vida. Un corpo morto que recende ao amor que, coa palabra e cos feitos, foi compartindo con cantos homes e mulleres se atoparon con el na vida. Un corpo morto ao que ninguén ousaría negarlle a vida. Un corpo que zumega vida.

Así é un milagre natural, normal, que poidamos falar de Xesús, o Cristo, resucitado. Que o adiviñemos arredando lousas, saltando os lindeiros da morte, para reencontrarse nas fontes da vida, en Deus, e seguir pensando en cousas de vida neste mundo, empuxando para iso os seus discípulos e discípulas de sempre, de onte e de hoxe. Xesús, o Cristo, resucitado. Vivo entre nós, para nós. Vivo para crear vida nos nosos corazóns, nas nosas comunidades, nos nosos pobos. Invitándonos á vida, que dunha vez sexa digna, sa, irmandada, feliz.

Un día de moito silencio, de moita espera. Ao pé de quen agarda en silencio e amargura que o sol alume a súa vida.

Oración
Aplaudímoste coas nosas mans, meu Deus,
polo inmenso caudal de vida que ti es.
Aplaudímoste cos nosos corazóns, meu Deus,
polo prodixio de Xesús
na súa vida, na súa morte, na súa resurrección.
Aplaudímoste co noso silencio, meu Deus,
porque caladamente revolucionas o mundo
e o convertes en terra de esperanza.
Aplaudímoste coas nosas vidas, meu Deus,
asentada felizmente en ti, fonte de vida.
Aplaudímoste coa xente máis fráxil deste mundo, meu Deus,
porque en ti teñen porvir asegurado
e en nós, no que poidamos e saibamos, unha man amiga,
unha man crucificada, unha man pascual.
Acción

Festexemos a Pascua. Celebremos, comamos, bebamos, bailemos en comunidade. Botémoslle o ollo a algunha persoa ou situación social apoucada e vaiamos cara a ela compartindo vida.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.