19 xaneiro, 2023

Tempo Ordinario: 3ª semana



22 de xaneiro: Domingo 3º Tempo Ordinario

1ª lectura: Is 8, 23b—9,3. Salmo: 26, 1. 4. 13-14.
2ª lectura: 1Cor 1, 10-13. 17.

Evanxeo: Mt 4, 12-23

Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaré, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do mar, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
—“Terra de Zebulón, terra de Naftalí, camiño do mar na outra ribeira do Xordán. Galilea dos pagáns. O pobo que xacía na escuridade viu unha gran luz. Para os que habitaban no escuro país da morte brillou unha alborada.”

E desde aquela empezou Xesús a predicar, dicindo:
—“Arrepentídevos, que o Reino dos Ceos xa está aí.”

Camiñando Xesús pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e seu irmán André, que estaban largando a rede no mar, pois eran pescadores. Díxolles:
—“Vinde comigo e fareivos pescadores de persoas”.

Eles deixaron de contado as redes e seguírono.

Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e mais Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando as súas redes, e tamén os chamou.

Eles coa mesma deixaron a barca e máis a seu pai e seguírono.

Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do reino, curando canta doenza padecía o pobo.

Meditación

Nestes momentos, todos, todas, estamos sendo invitadas polo Papa Francisco a lanzarnos, con humildade e con valentía, a vivir a alegría do Evanxeo e a compartilo coas persoas coas que convivimos, nas aldeas, vilas e cidades onde vivimos, con convencemento de que ese Evanxeo de Xesús é algo que a todas, a todos nos trae alegría, luz, alento, renovación, esperanza, vigor, cousas todas de tanta necesidade sempre, pero especialmente nos tempos que estamos vivindo. Volver ao Evanxeo, descubrir e acoller o estilo de vida de Xesús que o Evanxeo nos presenta, seguro que nos ofrece as formas e as actitudes básicas para acertar a vivilo e anuncialo nós nos tempos de hoxe.

Seguímoslle os pasos a Xesús. Durante un tempo considerable, que non sabemos precisar, estivo vinculado ao grupo de Xoán Bautista. Pero houbo un momento (Mateu di que foi cando encadearon a Xoán Bautista) no que Xesús se independiza do movemento do Bautista e empeza a actuar por libre, seguindo o seu propio estilo, a súa propia maneira de ver as cousas. E empeza por algunhas decisións moi fundamentais: primeira decisión, deixa de vivir naquel lugar apartado, onda o Xordán, no que vivía e bautizaba, e establécese nun pobo mariñeiro, Cafarnaum, onde se mestura coa xente normal, onde coñece e participa do que a xente vive, traballa, sofre, espera, loita, festexa. A Xesús impórtalle moito a xente e o que á xente lle fai padecer ou gozar, e por iso se vai para onda ela. Somos nós así? É así a comunidade cristiá da que formamos parte? Preocúpanos o que á xente lle pasa, as súas vidas? Estamos atentos/as ao que Deus nesas vidas nos fala, nos ofrece, nos pide? Enchemos as nosas vidas, as nosas oracións, as nosas celebracións do que lle vai pasando á xente coa que convivimos, para poder servila no que boamente poidamos?

Segunda decisión de Xesús: non quedarse parado, vendo as cousas, laiándose quizabes polo que estaba pasando, rezando, e máis nada. Xesús intervén. Ten un proxecto e ponse a levalo a cabo. Ten o convencemento forte de que Deus está no corazón da vida da xente, no medio do que na sociedade se está vivindo; está aí coma unha forza de bendición, e todo o seu afán consiste en axudarlle á xente a que se decate diso, para que poida gozar das bendicións de Deus. O berro de Xesús é simple: cambiade, abride os ollos e o corazón, Deus está co seu poder de vida no medio de vós, abrídevos a el, facédelle caso. Temos nós este convencemento forte de Xesús? Nas nosas comunidades cristiás axúdasenos a fiarnos de Deus, da súa presenza, da súa forza de ben e de vida?

Terceira decisión de Xesús: Xesús busca compañeiros e compañeiras para a tarefa que pretende levar a cabo. Busca compañeiros no medio da xente popular, traballadora, a xente que sofre e goza a vida. Porque o grupo que el quere non é simplemente un grupo de predicadores, non. É un grupo de vida, un grupo, unha comunidade onde se aprende a darlle aprecio a Deus, onde se aprende a pensar nos demais e a servir, onde se aprende a enrolar homes e mulleres nos camiños da solidariedade, renunciando ao poder, facéndose dos últimos, estando principalmente no medio e ao servizo dos últimos/as. Moi convencido Xesús de que non se gana a ninguén para a causa da fraternidade real polas moitas palabras, senón polo ofrecemento dunha comunidade de irmáns/ás que se mostra feliz axudando, servindo, querendo ben, apoiándose para as loitas que se nos pidan para chegarmos todos, todas, a levar unha vida digna, respectada, integrada, como Deus quere. Nas nosas comunidades cristiás estamos todos, todas, invitadas a algo semellante. Estámolo conseguindo?

E cuarta decisión de Xesús: cos homes e mulleres que o seguen empeza a recorrer vilas e aldeas, cunhas ganas tolas de compartir a nova maneira de entender a Deus poñéndose coma servidor da xente en todo. Fala, ensina, anuncia a alegría do Evanxeo, transmítelles que Deus está a tope pola xente que máis sofre pola maldade dos que rexen a sociedade ou pola maldade que foi tamén aniñando no seu propio corazón, e mobiliza o seu grupo para que sexa un grupo de acollida, un grupo solidario, un grupo de curación, un grupo que cambie as relacións, os tratos, todo o que haxa que cambiar para que quen sofre non sufra, para que quen carece de vida a consiga, para quen “habita no escuro país da morte” vexa na súa vida “brillar unha alborada”.

Todos, todas nós estamos invitados por Xesús a compartir todo isto: a súa compaña, a súa acción curadora a fondo, a súa tarefa, a súa pregaria, a súa amizade con Deus, a súa disposición total a pensar na xente veciña e axudala sen escusa ningunha. O mundo de hoxe necesita moito de Deus, pero non dun Deus calquera, senón dun Deus tal como nolo ofreceu Xesús. Para que o mundo, a nosa veciñanza poida coñecer este Deus de Xesús, a Xesús facémoslle falta nós. De Deus fálase coas palabras, pero sobre todo coa vida, coa vida da comunidade cristiá. Na Eucaristía agradecemos o don de Xesús e acollemos a súa chamada a acompañalo na tarefa liberadora da vida.

Preces

VIDE COMIGO E FAREIVOS PESCADORES/AS DE XENTE

Porque somos xente débil e pouco animosa, porque deseguida cansamos, porque nos fai moita falla o teu Espírito, o teu vigor, a túa compaña, ACOLLEMOS, XESUS, AS TÚAS PALABRAS.

Porque sabemos que podes renovar a fondo as nosas vidas, que as podes facer máis limpas, máis sinxelas, máis alegres, máis libres, ACOLLEMOS, XESÚS, AS TÚAS PALABRAS.

Porque nos atrae a proposta de facer contigo unha comunidade de irmáns e de irmás, aberta ao mundo, atenta ao que a xente vive, goza, padece, ACOLLEMOS, XESÚS, AS TÚAS PALABRAS.

Porque queremos colaborar contigo, e contigo dar o mellor de nós para que a nosa parroquia mellore, para que a sociedade cambie, para que a crise non a sigan pagando e sufrindo as persoas máis débiles, ACOLLEMOS, XESÚS, AS TÚAS PALABRAS.

Porque queremos estar loitando pola vida nas asociacións, nos partidos políticos, nos sindicatos, con honrades, coma servidores e servidoras, ACOLLEMOS, XESÚS, AS TÚAS PALABRAS.

Oración
Di o meu nome, Señor,
peta á miña porta,
coa cálida impaciencia de quen sofre
vendo seres humanos, pólas secas
da árbore da vida e da ledicia.

Que o teu lume acenda esta candea
apagada, frouxa, esmorecente,
que son eu,
para abrir contigo no que poida
no país da morte alboradas ledas.

Vés, xaora que vés e petas,
agardando o meu si, a miña entrega,
esperando ao pé das túas as miñas verbas,
as minas mans coas túas na tarefa,
os meus afectos todos en ringleira,
a miña ollada, Xesús, confiada, aberta.

Aquí estou, Señor,
achégate e peta,
di o meu nome como ti sabes dicilo,
soletreando silabas e letras,
poñendo ti paixón naquel
de quen forza e paixón esperas.

Aquí estou, Xesús, contigo na miña Terra,
no meu mundo revolto, que soña e que pelexa,
buscando o pan, a paz, traballo, vida digna e serena,
da man de xente honrada, servidora, fraterna,
desapegada do carto, abuso, comenencias
e das súas amargas e populares consecuencias.

Aquí estou, Xesús, na miña Galilea,
no que poida, saiba e valla,
conta comigo para todo o que ti queiras.
Acción

Por sermos persoas bautizadas, por sermos cristiáns, somos tamén persoas coas que Xesús conta para a tarefa de darlle un impulso este mundo no nome de Deus, para enchelo de máis humanidade. Para que isto vaia a máis na aldea, na vila, na cidade onde vivo, ¿cómo poderiamos colaborar con Xesús cada un, cada unha de nós?


23 de xaneiro: Luns da 3ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 9, 15. 24-28. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 5, 1-7. 10. Salmo: 88, 20, 21-22. 25-26

Evanxeo: Mc 3, 22-30

Os letrados que baixaran de Xerusalén dicían: “ten o demo no corpo; bota fóra os demos co poder do príncipe dos demos.”

Xesús chamounos e púxolles estas comparanzas:
—Como pode Satanás botar a Satanás? Se un reino está dividido en contra de si mesmo, non se pode manter en pé. Se unha casa está dividida en contra de si mesma, non pode subsistir. Así que, se Satanás está dividido e loita contra si mesmo, non pode subsistir e está perdido.

Ninguén pode entrar na casa dun home forte e roubarlle canto ten, se primeiro non o amarra; só entón poderá arramplar con canto hai na casa.

Tede por seguro que todo se lle perdoará á xente: os pecados e cantas blasfemas digan; pero a quen blasfeme contra o Espírito Santo, nunca se lle perdoará e cargará eternamente co seu pecado.

Isto dicíao porque eles acusábano de que tiña dentro un espírito malo.

Meditación

Iremos vendo como Xesús sufriu a oposición de moita clase de xente. O que pretendía era unha maneira nova de vivir o trato con Deus; o que pretendía era unha maneira nova, solidaria a fondo, de vivir o trato coa xente. Os que máis se lle opuxeron foron precisamente os líderes relixiosos do seu pobo, porque lles botaba por terra todo o enredo relixioso que tiñan montado, quizais coa mellor vontade do mundo, pero en definitiva satisfacendo os seus intereses. No canto de parar a pensar, revisar o seu comportamento e cambiar, acusaron a Xesús de todo. E non pararon ata acabar con Xesús nunha cruz.

Ninguén estamos libres de comportarnos desa maneira en moitas circunstancias e campos da nosa vida. Cando algo ou alguén pon en evidencia a nosa maneira egoísta de actuar, normalmente poñémonos á defensiva e volvémonos contra quen tales cousas nos pon diante.

Que isto non teña perdón quere dicir simplemente que é imposible que un vexa cando pecha os ollos, que un avance cando senta, que un progrese en humanidade cando lle dá as costas os seus veciños e veciñas. Así non hai quen ordene e mellore a súa vida.

Oración
Señor, Señor…
Humildade para recoñecer os meus erros.
Agradecemento con quen mos poña diante.
Esforzo para avanzar na vida.
Coidado para ser cada día mellor persoa.
Colaboración para axudar no mesmo a outras persoas.
Gozo no corpo e no espírito véndome vivo na familia, na comunidade, no pobo.
Señor, Señor…
polo teu amor.
Acción

Pensa algo na túa vida. Recordas algún momento no que alguén che puxese diante algo que fixeses mal, por pereza, por egoísmo, por abandono, polo que fose? Como reaccionaches? Se reaccionaches mal, poderías retomar o tema con esa persoa, recoñecer a túa culpa e agradecerlle o que che dixo?


24 de xaneiro: Martes da 3ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 10, 1-10. Salmo: 39, 2 e 4ab. 7-8a. 10. 11
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 6, 12b-15. 17-19. Salmo: 23, 7. 8. 9. 10

Evanxeo: 3, 31-35

(Estando Xesús falando cos letrados) chegan súa nai e máis os seus irmáns, e mandárono chamar desde fóra. Era moita a xente que estaba sentada arredor del e fóronlle dicir:
—Aí fóra están túa nai e máis teus irmáns, que te veñen buscar.

El preguntoulles:
—Quen é miña nai e quen son meus irmáns?

E, mirando a xente que estaba sentada arredor del, dixo:
—Velaí a miña nai e máis os meus irmáns, pois o que cumpra a vontade de Deus, ese é o meu irmán, a miña irmá ea miña nai.

Meditación

A nai e os irmáns de Xesús véñeno buscar, seguramente porque consideraban, como vimos hai poucos días, que perdera algo o sentido, polas cousas nas que se andaba metendo, desafiando incluso os líderes relixiosos do pobo. A súa nai, María, parece que tamén ela pasou por esta desconfianza respecto do seu fillo Xesús. Tivo que ser unha situación complexa para Xesús.

Xesús tíñao moi claro: vale, hai a familia de sangue que cómpre respectar: convivimos nela, aportámonos moito, gozamos moito no seu seo; pero para Xesús as persoas non nos podemos quedar pechadas nese cativo círculo familiar. As persoas gañamos en fondura e felicidade cando nos poñemos á escoita dispoñible de Deus, que é esa presenza maior que nos chama a establecer vínculos abertos, libres, solidarios, con toda a xente, coa comunidade, coa natureza. Estaría ben que a familia de sangue fose unha aprendizaxe para introducirnos nestoutra familia de quen escoita e cumpre o querer de Deus.

Oración
Grazas pola miña familia, meu Deus,
por todas as persoas que a compoñemos,
cada unha coa súa graza e coas súas fraquezas.
Grazas polos coidados que nos dámos,
polos apoios que nos ofrecemos,
polo perdón que nos regalamos.
Pobriña a xente, meu Deus,
que non conta con familia
ou que a ten rota e malpocada!
Tamén esa xente, disme ti,
tamén esa xente é a túa familia.
Grazas, meu Deus, pola miña familia así ampliada.
Acción

Podes revisar como te estás levando coa xente da casa, por se necesitas mellorar en algo a relación con algunha persoa da casa. E fas algo por integrarte nesa familia maior que Xesús nos propón a todas e todos? Poderías avanzar algo por aí? Pénsao.


25 de xaneiro: Festa da conversión de San Paulo

1ª lectura: Feit 22, 3-16. Salmo: 116, 1. 2

Evanxeo: Mc 16, 15-18

Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Ide polo mundo enteiro anunciando a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e se bautice, salvarase; quen non crea, condenarase. As persoas que crean irán acompañadas destes sinais: no meu nome botarán demos, falarán linguas novas; collerán serpes coas mans e, se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporanlles as mans aos enfermos e estes curarán.

Meditación

Paulo cambiou na noite para a mañá, pasou de ser un perseguidor das persoas que se dicían cristiás e converterse nun namorado de Xesús e a falar del en todo momento e lugar. Todo isto cóntase no libro dos Feitos dos Apóstolos cunha linguaxe algo milagreira, pero o certo é que Paulo vese iluminado, cae na conta do significado da persoa de Xesús, dedica un tempo a contrastar e madurar a súa experiencia, e logo dedica a súa vida a espallar o nome de Xesús. Algo marabilloso, pero dentro da normalidade de calquera vida humana. Por iso tamén nós podemos aspirar a esa iluminación que o Espírito facilita gratuitamente.

Os sinais das persoas crentes das que fala o Evanxeo poden entenderse así: loitarán contra todo o que destrúa e rebaixe a xente; o seu falar é un falar que sabe a novo, a alternativo, a soños creativos; son ousados, non se encollen ante as dificultades máis bravas; teñen capacidade para pasar por horas escuras sen fundirse; teñen vida, forza, e capacidade de transmitila a quen dela carecen.

Oración
Grazas por Paulo, meu Deus,
grazas por todas as persoas honestas;
grazas pola xente que actúa conforme ás súas conviccións;
grazas polas persoas abertas ao Espírito,
e capaces, polo tanto, de renunciar ao que crían sagrado;
grazas pola xente que cambia,
de coherencia en coherencia;
Grazas polo teu Espírito, meu Deus,
capaz de facer en nós cousas marabillosas.
Acción

Paulo estaba obcecado, cego, coa súa maneira de entender a Deus. Logo cambiou. Non estarás tamén ti obcecado, cego, nalgunha cousa relixiosa ou non relixiosa? Non te estarás resistindo á luz do Espírito, que é sempre vivo, creativo, innovador?


26 de xaneiro: Xoves da 3ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Hb 10, 19-25. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 7, 18-19. 24-29. Salmo: 131, 1-2. 3-5. 11. 12. 13-14

Evanxeo: Mc 4, 21-25

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban:

¿Acaso se trae un candil para metelo debaixo dun ferrado ou debaixo da cama? ¿Non será para poñelo enriba do candeeiro? Pois nada hai oculto, que non se descubra; nin nada hai secreto, que non chegue á luz pública. Quen teña oídos para oír, que escoite.

Dicíalles tamén:

Atendede ben ao que estades escoitando. Coa medida coa que midades seredes medidos, e ben sobrado. Pois ao que ten daráselle, pero ao que non ten, aínda o que ten se lle quitará.

Meditación

Dúas substanciais achegas nos ofrece Xesús neste pedaciño de Evanxeo. A primeira é que levamos luz en nós, somos fillos e fillas da luz, somos luz; e non é do caso agochar esa luz que somos e que levamos. A luz é para expoñerse, sen vaidade, porque nós non somos amos da luz; pero sen vergonzas parvas, porque grazas á luz duns e doutros, facéndonos reflexo da luz maior de Deus, podemos facer as nosas vidas, o mundo enteiro algo máis luminoso e fraterno.

E a segunda é a tan sabida cousa de que conforme midamos, conforme tratemos á demais xente, ese mesmo trato recibiremos; e por parte de Xesús non é unha ameaza, como se Deus fose actuar connosco coa cativeza ou maldade coa que nós actuamos cos demais –só faltaría!—; é a confirmación de que, cando tratamos con desprezo, abuso, inxustiza á xente, metémonos nese mundo de mal e nós mesmos estragamos a nosa vida. E así é como o que actúa sen bondade e sen xustiza, a pouca que teña váiselle achicando; e quen actúa con bondade e con xustiza, verá como esa bondade e xustiza se multiplican na súa vida.

Oración
Grazas pola luz que son, Xesús,
grazas porque o teu Espírito me fixo capaz
de animar a alguén,
de devolverlle a esperanza,
de alegrarlle a vida,
de envolvela algo en luz.
Grazas pola túa advertencia simple
de medir e tratar a xente que me rodea
co metro xeneroso de Deus,
coa mestura humanizadora da tenrura e da xustiza.
Grazas, Xesús, polo teu Espírito
que día a día me vai facendo nova criatura.
Acción

Podemos mirar hoxe como tratamos a xente da casa que convive connosco, as persoas veciñas que máis diariamente tratamos. ¿Podemos mellorar algo ese trato á luz de Xesús?


27 de xaneiro: Venres da 3ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 10, 32-39. Salmo 36, 3-4. 5-6. 23-24
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 11, 1-4a. 5-10z. 13-17. Salmo: 50, 34. 5-6a. 6bc-7, 10-11

Evanxeo: Mc 4, 26-34.

Díxolles tamén Xesús:
—O Reino de Deus é coma unha persoa que bota a semente na terra, e, estea durmida ou esperta, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. A terra vai dando froito por si mesma: primeiro herba, logo espigas e por último o gran ben abundante na espiga. E cando xa está achegado o froito, deseguida se lle mete o fouciño por ser o tempo da seitura.

E tamén dicía Xesús:
—Con que compararemos o Reino de Deus? É coma o gran de mostaza que, cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes, pero despois de sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas pólas tan grandes que na súa sombra poden aniñar os paxaros.

E así con moitas comparanzas coma estas íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender. Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas aos seus discípulos.

Meditación

Xesús falaba con comparanzas, porque era unha maneira popular de falar que a xente podía entender ben; e tamén porque, para nos aproximar á vida e ao misterio de Deus nas nosas vidas, as comparanzas, os símbolos, a linguaxe poética case sempre é máis apropiada ca non os razoamentos refinados. O símbolo, a comparanza, abre un campo e deixa o espazo aberto para que por el camiñemos con entusiasmo, con liberdade, con humildade.

Outra vez a comparanza da semente, pero agora para nos invitar á confianza, á esperanza. É unha semente miúda, pequerrecha, case desprezada, pero, por estar nas mans de quen está, ten un vigor incrible que a fai medrar por moito que nós durmamos, e que a converte en acubillo para quen ande baleiro e sen amparo. Iso era necesario consideralo cando Marcos escribía o seu Evanxeo e os grupos cristiáns eran unha insignificancia; e iso é necesario consideralo tamén nos nosos tempos, cando, a forza de abuso e rutina, parece que temos reducido o Evanxeo a cousa de nada.

Oración
Eu mesmo son, Xesús, contigo
semente miúda, pequerrecha,
que medra pola noite, polo día,
estea ou non estea eu esperta.

Eu mesmo son, Xesús, contigo
agora gromo, agora verde herba,
agora espiga que oufana engorda
chea de grans para o día da colleita.

Eu mesmo son, Xesús, contigo,
do teu Reino humildísima presenza,
irmán, irmá dun mar de testemuñas
que acolle o refuxiado en cega aperta.
Acción

Pensa un pouco: aínda que sexas unha persoa ben normal e humilde, veste medrando pouco a pouco nas cousas de Xesús, nas cousas do Reino de Deus? Aínda que a túa comunidade cristiá sexa unha comunidade cativa, vela medrando pouco a pouco nas cousas de Xesús, do Evanxeo, do Reino? Se non é así, poderías remedialo en algo?


28 de xaneiro: Sábado 3ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 11, 1-2. 8-19. Salmo: Lc 1, 69-70. 71-72. 73-75
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 12, 1-7a. 10-17. Salmo: 50, 12-13. 14-15. 16-17

Evanxeo: Mc 4, 35-41

Un día, á caída da tarde, díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Imos para a banda de alá do lago.

Eles deixaron a xente e levárono no bote no que estaba sentado; outras barcas os seguían. E formouse un temporal tan grande que os salseiros caían enriba do bote e enchíano de auga. El, entrementres, estaba na popa durmindo sobre un cabezal. Fórono espertar berrándolle:
—Mestre, seica non che importa que afoguemos?

Entón el espertou, increpou o vento e díxolle ao mar:
—Silencio, acouga!

O vento amainou e veu unha gran calma. Despois díxolles:
—Por que tendes tanto medo? Seica aínda non tendes fe?

Eles, cheos dun medo enorme, comentaban entre si:
—Pero quen será este, que mesmo o vento e o mar o obedecen?

Meditación

Non sabemos exactamente que puido suceder naquel anoitecer durante aquela viaxe perigosa sobre un lago embravecido. Sabemos, si, o que o evanxelista Marcos nos quere transmitir co seu relato tan aberto ao simbolismo. A barca é a propia vida e tamén a vida da comunidade cristiá, da parroquia, da Igrexa no seu conxunto; a barca é tamén, por que non, a vida de calquera persoa ou comunidade humana, mesmo a vida do mundo enteiro. Sacudidas e perigos non nos fallan. Xesús está sempre presente, aínda que pareza ausente, aínda que pareza durmido e alleo ás nosas angustias. A fe permítenos ollalo ao noso carón, transmitindo tranquilidade, confianza, ousadía. A fe permítenos envolver a nosa debilidade, sexa cal sexa, na fortaleza de Xesús. Para sentilo, hai que vivilo, como o viviron naquela tarde escura as persoas que o acompañaban.

Oración
Quen serás ti, Xesús,
pois invocándote
amainan os nosos medos?
Quen serás ti, Xesús,
que, sen evitarnos o esforzo,
énchelo de paz e de ousadía?
Quen serás ti, Xesús,
que convertes as noites recias
en amenceres de luz en calma?
Xesús,
presenza misteriosa de Deus na nosa vida,
creo en ti.
Acción

Pon en práctica a túa fe. Mira se hai algunha situación na túa vida, ao teu redor, na que as cousas vos produzan medo e esteades tentadas de fuxir. Pensa en Xesús, acolle a súa forza e transmítella ao grupo como mellor saibas e poidas.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.