18 outubro, 2023

Tempo Ordinario: 29ª semana



22 de outubro. Domingo 29 do tempo ordinario.

1ª lectura: Is 45, 1. 4-6. Salmo: 95, 1 e 3. 4-5. 7-8. 9-10a e c.
2ª lectura 1Tes 1, 1-5b.

Evanxeo: Mt 22, 15-21.

Unha vez os fariseos f´ronse reunir para veren o xeito de sorprender a Xesús nalgún dito. Así é que lle mandaron algúns discípulos deles con algúns partidarios de Herodes, que lle preguntaron:
—“Mestre, sabemos que es sincero, que de verdade ensinar o camiño de Deus e que non andas con miramentos, pois non reparas na aparencia das persoas. Dinos, logo, que che parece: Está permitido pagarlle o tributo ao César ou non?”

Xesús, que lles coñeceu a malicia, contestoulles:
—“Por que me queredes comprometer, hipócritas” Mostrádeme a moeda do tributo.”

Eles presentáronlle un denario. E el preguntoulles:
—“De quen é esta imaxe e mais a inscrición?”

Contestáronlle:
—“Do César.”

Entón replicoulles:
—“Pois logo dádelle ao César o que é do César, e a Deus o que é de Deus.”.

Meditación

Xa temos falado de que Xesús suscitaba debate, revolvía o pensamento e as vidas das persoas, especialmente das máis relixiosas, as que crían ter controlada a maneira de acceder a Deus e de vivir conforme á súa vontade. O evanxeo de hoxe recórdanos unha vez máis este feito. Por iso o primeiro que teriamos que ver é se Xesús, se o evanxeo de Xesús, nos revolve a nós tamén, se nos sacode, se produce debate nas nosas conciencias, nas nosas comunidades. Sería o normal que isto pasase. Se non é así, pódese deber a que temos “amansado” o espírito de Xesús. Máis que estar nós dispoñibles para seguilo, queremos facer que sexa el quen nos obedeza a nós. Sería cousa nada proveitosa. Sería matar o evanxeo de Xesús dentro de nós. Parémonos un pouco a pensar nisto como persoas e como comunidade cristiá.

A parte de isto, o evanxeo de hoxe sitúanos ante tres realidades importantes da nosa vida. A primeira ten que ver con como nos relacionamos, como nos falamos, como nos escoitamos, como procuramos aprender uns dos outros/as, para construír mellor a nosa mesma persoa, a nosa sociedade, a nosa comunidade cristiá, a nosa igrexa. Os fariseos, os discípulos de Herodes non son un exemplo precisamente. Van onde unha persoa que os cuestiona, pero non co ánimo de escoitar, de aprender, senón con malicia, coa intención de facer trampa, para así afirmarse no seu e non cambiar en nada. Iso segue pasando hoxe. Que é o que vemos tantas veces nos debates dos políticos, por exemplo? Non son cousas semellantes? Non é ánimo de integrar ao contrario, de aprender del para un mellor servizo do ben común. Que é o que vemos na mesma Igrexa? Non está pasando isto precisamente con ocasión do Sínodo que se celebra en Roma? Por que, senón, o Papa Francisco, insistiu na súa inauguración na necesidade de escoitarse, escoitarse, escoitarse, para aprender uns dos outros/as e servir mellor á comunidade da Igrexa, ao mundo? Cando nos achegamos ás nosas comunidades cristiás, que atopamos nelas?, que espírito se nos transmite?

Unha segunda cousa moi preciosa que aparece no evanxeo de hoxe é a foto de Xesús que fai aquela xente que se achegaba a el con malicia. Convencidos ou non do que dicían, o que din de Xesús é marabilloso: un mestre, que é sincero, que de verdade ensina o camiño de Deus, que non anda con miramentos porque non repara na aparencia das persoas. É un orgullo para nós vivir á sombra de Xesús; dános confianza absoluta; estamos en boas, en moi boas mans; podémonos aplicar con fidelidade ao seu seguimento, que temos a garantía de que as nosas vidas irán por bo camiño; temos razóns de sobra para achegarnos a el evitando a trampa e a malicia, ao revés, indo co corazón, coa alma espida, con ganas de deixarnos envolver de todo polo seu Espírito. E de paso quizabes aprender del tamén, algo polo menos, a ter ese mesmo xeito de persoa crente: sermos sinceros na vida, na fe, fuxindo de simulacións e aparencias; andar con verdade no camiño de Deus, para tamén axudar a quen ande na súa procura; manifestarnos con humildade e valentía, con liberdade, nos nosos convencementos humanos, crentes, sen lle ter medo a quen, por ter poder –poder de cartos ou de opinión—, pode amedrentarnos. Como vivimos todo isto? Como axudamos a vivir todo isto na comunidade cristiá da que formamos parte?

E, por último, a terceira cousa ten que ver co punto central da cuestión que, con malicia, lle propoñen a Xesús: pagar ou non pagar tributo ao emperador romano. O debate era moi forte para os crentes daqueles tempos, porque pagar significaba, a parte de aceptar un dominio asoballante, recoñecer que o emperador era coma o representante de Deus ao que se lle debía obediencia absoluta. E non pagar significaba rebelarse contra todo iso, no nome do pobo asoballado, no nome da obediencia última e exclusiva a Deus. Que facer? Os entendidos din que a resposta de Xesús (que quizabes máis que a resposta de Xesús é a das primeiras comunidades cristiás que vivían no ambiente romano) hai que entendela como unha postura de resistencia pacífica: paguemos, porque non queda outra, pero manteñamos vivo o espírito de resistencia, que nos leve a loitar por facer que sexa Deus o único que mande nas nosas vidas. Tamén nós, coma persoas, coma comunidades cristiás, nos vemos envoltas moitas veces en tensións semellantes: obediencias a Deus ou a partidos políticos nos que militamos, por exemplo; obediencias a Deus ao á lóxica asoballante dunha economía neoliberal que ata as nosas vidas; obediencia a Deus ou á cultura dominante que nos quere condicionar tanto á hora de comer, de vestir, de divertirnos, de comunicarnos, de vivir a sexualidade, etc. Que facer?

Na tradición de Igrexa a resposta de Xesús interpretouse con frecuencia como que a fe tiña que ir por un lado e a vida económica, política, polo outro. Foi un error. Grazas a Deus e ao seu Espírito, hoxe vemos con claridade que crer, implicarse na fe, leva consigo implicarse nas realidades todas do mundo, na economía e na política por suposto, porque é aí onde se xogan moitas cousas importantes para a construción dunha sociedade ao estilo fraterno, como a Deus lle gusta. Pero aínda quedan en nós moitas mostras desa mentalidade pasada; por exemplo, con canta desconfianza ollamos para o político, que pouco participamos nese mundo, canto o criticamos desde fóra, que pouco nos metemos dentro con espírito crítico, construtivo, coma cristiáns! Algo fondo, delicado, pero algo que unha persoa, unha comunidade cristiá non pode deixar de lado.

Na Eucaristía encontrámonos con Xesús, coa comunidade cristiá; se o facemos con ánimo e corazón sincero, gozaremos e aproveitaranos moito para a vida.

Preces

XESÚS, MESTRE, TI ENSÍNASNOS O CAMIÑO DE DEUS

Que nos deixemos, logo, acompañar e alentar por ti, en todo, para que a nosa vida cristiá sexa tamén sincera e limpa e como o foi a túa. Oremos.

Que os misioneiros e misioneiras, que andan polo mundo adiante servindo a xente máis débil e falándolle de ti co testemuño da súa vida entregada, se sintan confortadas por ti, e valoradas e axudadas por todos nós. Oremos.

Que os laicos/as, bispos e Papa que debaten en Roma no Sínodo sobre a familia o fagan con sinceridade, abertos en todo ao teu Espírito. Oremos.

Que participemos na vida social desde a política, os sindicatos, ou calquera outro movemento cidadán, para construír entre todos unha sociedade fraterna, coidadora por excelencia das necesidades da xente máis débil. Oremos.

Que no noso trato eclesial e social sexamos persoas sinceras, transparentes, sen malicia, humildes, valentes, apaixonadas polo ben, pola verdade, pola defensa de quen sofre. Oremos.

Oración
Para cando, Xesús, para cando,
para cando esa vida limpa de trampas e simulacións,
de aparencias e de comenencias?

Para cando esa busca limpa da verdade,
achegándome a ti,
achegándome á xente, á vida, aos acontecementos, ás cousas todas
con todo o meu ser nas mans,
exposto en todo momento aos aires do teu Espírito?

Para cando aceptarte coma mestre,
sen máis rodeos,
e sentarme ao teu carón
para verte e escoitarte,
para verme e escoitarme
á luz da túa transparencia infinita?

Para cando deixar de lado dunha vez
toda clase de miramentos,
todo respecto humano baleiro,
todo encubrimento de non sei que escuras reviravoltas persoais,
toda consideración medrosa con quen ten poder e influencia,
todo pavor a perder creto e nome ante a xente?

Para cando ser eu espido e transparente ante ti,
para mirarte á cara con ollos limpos, inocentes,
e para ser por ti mirado
coa túa ollada que sanda e que libera?

Para cando, Xesús, vivir así,
simplemente,
e así moverme en todo, con todos e con todas,
na casa, na parroquia, no pobo,
na oración, nas xuntas, no partido,
e así, simplemente tamén,
morrer algún día?

Para cando, Xesús, para cando?
Acción:

Non estaría nada mal organizar un encontro (máis simple: unha conversa de cociña, p.e., ou máis aberto: un debate ben organizado), no que falar do sentido da nosa participación política. Iso si, co ánimo de escoitarnos, para aprender.


23 de outubro: Luns da 29ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 4, 20-25. Salmo: Lc 1, 69-70. 71-72. 73-75
Ano 2: 1ª lectura: Ef 2, 1-10. Salmo: 99, 2. 3. 4. 5

Evanxeo: Lc 12, 13-21

Unha vez un que estaba entre a xente díxolle a Xesús:
—Mestre, dille a meu irmán que reparta a herdanza comigo.

El contestoulle:
—Home, ¿quen me nomeou xuíz ou árbitro entre vós?

E logo díxolle á xente:
—Atención: gardádevos da cobiza, que por moito que unha persoa teña, non por iso a súa vida depende dos seus bens.

E propúxolles esta parábola:
—As terras de certa persoa rica déranlle moito froito. Púxose entón a cavilar: “¿Cómo vou facer, que non teño onde almacenar a colleita?” E dixo: “Xa o sei: vou desfacer os meus celeiros e construirei outros máis grandes e alí almacenarei o trigo todo e todos os meus bens. Logo heime dicir: amigo, tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e a vivir!” Pero Deus díxolle: “Insensato, esta mesma noite váiseche reclamar a túa vida, ¿para quen será todo o que xuntaches?”

Así é a persoa que atesoura riquezas para si mesma, pero non é rica para Deus.

Meditación

O evanxeo de Xesús ofrécenos con frecuencia unha maneira de nos situar na vida moi diferente do que habitualmente acontece. Vímolo onte mesmo coa cousa de relacionarnos coa xente desde o poder ou desde o servizo. Vémolo hoxe coa maneira de nos relacionar cos bens que poidamos ter. A persoa rica da parábola que conta Xesús adquire os seus bens lixitimamente, iso parece. E lixitimamente pensa que ten dereito a facer con eses bens o que lle pete: comer, beber, folgar, vivir alegremente. Cantos, cantas de nós non faríamos outro tanto!

Xesús era do pobo pobre, reivindicaba pan, vida e dignidade para a xente empobrecida no nome do mesmo Deus, e por iso mesmo tamén advertía á xente rica e pobre, sobre todo á rica, que unha persoa non se constrúe só con cartos, nin medra como tal á medida das súas posesións. Ao contrario, corremos o risco grande de nos facer cada vez máis pequenos humanamente, cantos máis bens posuamos. Era un pensamento firme que Francisco de Asís mamara do Evanxeo de Xesús: cando posuímos algo, deseguida levantamos barreiras para defender a nosa posesión, deseguida establecemos distancias coa xente, deseguida esvaece en nós ese grande soño humano e divino de sermos simplemente irmáns e irmás.

Oración
Quero entenderte, Xesús,
como Francisco de Asís te entendía.
Quero facer da irmandade o meu soño diario,
e quero poñer os meus bens ao servizo dese soño.
Quero ser persoa desde o compartir
e non desde o acumular.
Ti fas nacer en min estes quereres,
ti mantelos vivos en min;
que eu non te defraude, Xesús,
que os secunde con humildade e decisión.
Acción

É normal que traballemos para gañar, para poder vivir con dignidade. Se o facemos así, estamos honrando a Deus. Pero tamén sería normal que, canda iso, traballemos tamén para facernos persoas humanas, coidar a irmandade, desenvolver calidades, aptitudes, servizos. ¿Estámolo facendo así? Seguro que poderemos mellorar en algo.


24 de outubro. Martes da 29ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 5, 12. 15b. 17-19. 20b-21. Salmo: 39, 7-8a. 8b-9. 10. 17
Ano 2: 1ª lectura: Ef 2, 12-22. Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14

Evanxeo: Lc 12, 35-38

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Tede posta a roupa de traballo e as lámpadas acesas; sédeme coma quen agarda que volva o seu amo da voda, para lle abrir axiña que chegue e chame. Ditosos os criados e criadas aquelas a quen o amo atope agardando cando chega. Tede por certo que poñerá a roupa de traballo, sentaraos á mesa e serviraos un por un. Sexa pola anoitecida ou sexa pola alborada, se os atopa así, felices eles.

Meditación

Estar coa roupa de traballo posta e coas lámpadas acesas; estar coma quen agarda que o amo da casa volva para lle abrir nada máis pete á porta; e facelo non desde a ansiedade nin desde o medo ao castigo de quen chega. Facelo sabendo que somos persoas sempre expostas ás felices sorpresas de Deus, que nos poden chegar de mil maneiras a través de persoas e de circunstancias imprevistas. Deus é así, sorprendente sempre, e gustoso de traer nas mans bens necesarios para unha vida feliz: paz, alentos, perdóns, entusiasmos, exemplos, palabras, silencios, sinxeleza, astucia da boa, apegos á xente, apegos á dignidade, apegos á natureza,… Así é Deus. Algún ousaría presentalo, se non fose Xesús, coma un criado ou criada que pon o seu mandil para que todos os homes e mulleres do mundo gocemos dunha estupenda mesa fraterna? É que iso, e non outra cousa, é Deus: o gran servidor.

Oración
Grazas, meu Deus,
porque nos queres e nos coidas sempre.
Grazas porque nos queres en vixilia,
para que nada do duro e do feliz da vida nos pase de largo.
Grazas, meu Deus,
porque te fixas en nós,
e, cando menos o esperamos, paras na nosa porta
e dis con voz fecunda e servidora:
aquí estou co que vos cómpre nas mans.
Grazas porque nos mandas sentar á mesa
—á mesa da irmandade, iso si—,
pos o mandil de quen serve
e gozas agasallándonos cos teus ricos manxares.
Grazas, meu Deus, grazas.
Así es ti,
así nos invitas a sermos nós.
Acción

Hoxe podiamos andar moi atentos/as ao que a vida nos vaia ofrecendo coa xente que se cruce connosco, coas circunstancias diversas polas que pasemos. Podemos intentar vivir alerta. Seguro que percibiremos o paso benfeitor de Deus pola nosa vida.


25 de outubro: Mércores da 29ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 6, 12-18. Salmo: 123, 1-3. 4-6. 7-8.
Ano 2: 1ª lectura. Ef 3, 2-12. Salmo: Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6

Evanxeo: Lc 12, 39-48

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Entendede que se o dono da casa soubese a que hora vai chegar o ladrón, non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén vós estade preparados, porque á hora menos pensada ha vir o Fillo do home.

Díxolle Pedro:
—Señor, ¿a parábola que acabas de contar vai por nós ou por toda a xente en xeral?

Contestoulle o Señor:
—¿Quen é, logo, o administrador ou administradora fiel e prudente, a quen o seu señor encargará o coidado da servidume, para lle dar ao seu tempo a ración de alimento? Ditosa a criada ou criado aquel a quen o seu amo, cando chega, o atopa cumprindo coa súa tarefa! Tede por seguro que lle encomendará toda a facenda. Pero, se a criada ou criado aquel di para si: “O amo aínda non vén polo de agora”, e empeza a mallar na servidume, e a comer e beber ata se emborrachar, o día menos pensado e á hora máis imprevista, chegará o seu amo e botarao fóra coa xente que non é fiel. A criada ou criado que, coñecendo as vontades do seu amo, non ten todo preparado nin feitas as cousas como a el lle gustan, levará moitos paus; pero o que non as coñece, aínda que faga algo que mereza castigo, levara poucos. A quen moito se lle dá, moito se lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá.

Meditación

Na vida podemos funcionar desde o medo ou desde a responsabilidade. Funcionar desde o medo nin é san nin eficaz. O medo destrúe as persoas e fainos vivir na amargura máis fonda. Moitas veces vivimos a fe, a vida cristiá desde o medo: o medo ao ambiente, ao que dirán de min, se non cumpro con tales cousas; o medo a eses supostos castigos nesta vida ou na outra, se non cumpro co que Deus me manda. Pero iso non funciona. Comprobámolo no apagamento da vida cristiá, cando eses medos desaparecen de enriba de nós.

Xesús non nos invita a actuar desde o medo, senón desde a responsabilidade, por nós mesmos e polas persoas que ocasionalmente teñamos ao noso cargo da forma que sexa. Cos nosos abandonos podemos danarnos a nós e podemos danar a quen nos rodea. Isto é algo especialmente importante para quen teña responsabilidades sobre outras persoas, tanto no campo relixioso coma no civil. O cargo non é un choio, unha oportunidade para medrar, chulearse e enriquecerse, con trampas ou sen elas. O cargo implica responsabilidade sobre outras persoas; e responsabilidade quere dicir ter que responder do seu benestar ou malestar, do seu éxito ou do seu fracaso.

Oración
É a tarefa que nos pos:
velar pola xente,
coidar da xente,
que non lle falte a ración de alimentos,
a ración de dignidade,
a ración de acompañamento na vida,
a ración de Deus, co nome que sexa,
que todo o mundo precisa.
Canto máis conscientes nos fixeches disto,
máis responsabilidade temos;
canto máis ti e a vida
nos capacitastes para este labor,
máis esperas amorosamente de nós.
Que sexa o amor, a solidariedade,
repleta de humildade e confianza,
a que nos mobilice cada dia, Deus noso.
Grazas, por confiares en nós.
Acción

Máis ou menos todas, todos temos algún tipo de responsabilidade sobre outras persoas a diferentes niveis, no civil e no relixioso. Podemos ver como estamos desenvolvendo esa responsabilidade. Seguro que o Evanxeo de hoxe nos pode motivar.


26 de outubro: Xoves da 29ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1, 1ª lectura: Rom 6, 19-23. Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6
Ano 2: 1ª lectura: Ef 3, 14-21. Salmo: 32, 1-2. 4-5. 11-12. 18-19

Evanxeo: Lc 12, 49-53

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
—Lume vin traer á terra e canto me gustaría que xa estivese a arder! Hanme bautizar cun bautismo e que angustia ata que se cumpra! ¿Pensades que vin traer paz á terra? Abofé que non; vin traer división. Pois dende agora na casa onde haxa cinco persoas, estarán divididas tres contra dúas e dúas contra tres. Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.

Meditación

Podémoslle dar grazas a Xesús por abrir o seu corazón diante de nós, falándonos desas intimidades que conmoven a súa existencia: o seu desexo de que o mundo arda, pero non con lumes de violencia, senón con lumes de verdade, de solidariedade, de respecto exquisito pola xente máis fráxil; os seus medos a ter que pasar por situacións moi difíciles por opoñerse a calquera autoridade que xogaba coa honra de Deus negándolle solicitude infinita polos seus fillos e fillas; o seu convencemento de que as súas palabras, a súa vida toda sería motivo de enfrontamento e de división entre a xente, e non porque iso a el lle guste, senón pola complexidade humana, polas resistencias da xente.

Ábrenos o seu corazón, comparte connosco o que o move e conmove. ¿Cómo resoan no noso corazón esas súas vivencias? ¿Qué é o que a nós nos conmove no momento presente? ¿Andamos na onda de Xesús?

Oración
Que prenda en min, Xesús, o teu lume!
Que as túas lapas me envolvan por dentro e por fóra,
que me fagan limpo e transparente,
que me fagan arder en solidariedade,
que me fagan persoa incendiaria,
algo coma ti polo menos, Xesús!
Que os teus medos sosteñan os meus medos,
que a túa valentía alimente diariamente a miña!
Que se divido sexa á sombra da túa división,
e que a división nunca mate en min
o desexo permanente de unidade absoluta
na paixón pola xente
na paixón por Deus.
Algo coma ti, Xesús,
algo coma ti.
Acción

Podemos mirar cales son as cousas fondas que nos moven na vida. ¿Gustaríanos que algunhas cousas deixasen de afectarnos tanto, e que outras, en cambio, influísen máis no noso día a día? Seguro que, se o pensamos e queremos, podemos dar pasos ao estilo de Xesús.


27 de outubro: Venres da 29ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Rom 7, 18-25a. Salmo: 118, 66. 68. 76. 77. 93. 94
Ano 2: 1ª lectura: Ef 4, 1-6. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6

Evanxeo: Lc 12, 54-59

Unha vez díxolle Xesús á xente:
—Cando vedes que do poñente vén unha nube, axiña dicides: “Temos chuvia”, e así é. E cando venta do sur, dicides: “Vén o calmizo”, e así é. Que parvos sodes! Sabedes interpretar o cariz da terra e máis do ceo, ¿e como non sabedes interpretar o tempo presente?

E ¿por qué non xulgades en por vós o que cómpre facer? Cando vaias coa persoa contraria ao xuíz, mira de amañar as cousas con el polo camiño, non sexa que te te leve á forza onda o xuíz e este te entregue ao garda para que te meta na cadea. Seguro que de alí non saes ata que pagues o último céntimo.

Meditación

Se Xesús, tan amigo el de buscar e cumprir a vontade de Deus, nos incita a saber interpretar o tempo presente, é porque entende que no que vai acontecendo nas nosas vidas, nos tempos que vivimos, hai unha manifestación da vontade de Deus para nós. E se nos fala da necesidade de interpretar, é que as cousas non son claras e evidentes de todo; que fai falla pararse, ver, facer silencio, analizar, deixarse afectar, para descubrir esa vontade de Deus presente na vida, na historia, e implicarse con ela.

Nos tempos presentes hai unha serie de feitos significativos, algúns de aspecto positivo, outros de aspecto negativo, nos que Deus nos está falando: o feminismo, a ecoloxía, os movementos autoritarios en política, o dominio das finanzas, as emigracións, a xente refuxiada, a crispación en España, a violencia contra o diferente, o empobrecemento de moitísima xente, os movementos solidarios, a visibilización da pederastia na Igrexa etc.

Xesús invítanos a amañar estas cousas mentres imos de camiño, antes de que sexa tarde, e o ben se nos vaia das mans e o mal nos destrúa. Que todo pode ser.

Oración
Critícasnos, Xesús, por sermos parvos,
por sermos hipócritas, xente de pouco xuízo.
Invítasnos a fuxir do rebumbio da vida,
onde todo se enzarapalla e escurece;
para calmarnos e facer silencio,
para escoitar voces fondas que nos falan
desde a vida que vai e vén,
desde o que os nosos ollos contemplan, admirados ou temerosos.
Disnos que ás veces a maior revolución é calar,
ollar, escoitar, deixar que os acontecementos nos batan
e nos conmovan
cara á solidariedade máis completa.
Son as horas, os tempos, de xuntar intelixentemente
a astucia das serpes coa sinxeleza das pombas.
Antes de que todo acabe en desfeita.
Grazas, Xesús. Oxalá acollamos a túa advertencia!
Acción

Se nos está pasando algunha cousa importante na nosa vida, na nosa comunidade, parroquia ou cidade, na nosa sociedade, podemos pararnos sos ou en grupo para escoitar, pensar, discernir, rezar, acoller, actuar en consecuencia. Seguro que nos fará ben.


28 de outubro: Festa dos santos Simón e Xudas, apóstolos

1ª lectura: Ef 2, 19-22. Salmo: 18, 2-3. 4-5

Evanxeo: Lc 6, 12-19

Por aqueles días Xesús foi orar ao monte e pasou a noite orando a Deus. Cando se fixo de día, chamou os seus discípulos e escolleu doce entre eles, aos que nomeou apóstolos: Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e seu irmán Andre; Santiago, Xoán, Filipe, Bartolomeu, Mateu, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o Zelota, Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.

Baixou con eles e detívose nunha valgada cun bo grupo de discípulos e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón, que viñan escoitalo e a que os curase das súas doenzas. Os atormentados por espíritos inmundos quedaban curados, e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba a todo o mundo.

Meditación

A elección dun apóstolo sempre nos remite á nosa propia elección. Se estamos no de Xesús, atraídos/as pola súa figura histórica, pola súa palabra, polos seus feitos de vida, pola súa maneira de entender a persoa e as relacións entre as persoas,…, se estamos niso, é porque dalgunha maneira, misteriosa e real, fomos afectados/as e nos deixamos afectar pola súa elección. Xesús escolle de entre a xente e para o servizo da xente. Nunca nos escolle para arredarnos da xente, do pobo, coma un grupo selecto, privilexiado, colocado aló arriba; e menos aínda nos escolle para que acabemos tendo a xente ao noso servizo. Xesús escolle para facernos máis radicalmente da xente, para debernos á xente en todo, para facer da nosa vida un constante empeño por compartir con quen o necesite a forza de curación que de Xesús recibimos.

Oración
Grazas, Xesús,
por ter batido contigo,
por ter experimentado, algo polo menos,
a fortaleza da túa palabra,
a consistencia do teu xeito de vivir.
Grazas, Xesús,
por terme así escollido,
pola vía da máis completa normalidade,
para testemuñarte
coas miñas palabras,
coa miña maneira de vivir.
Que quen me vexa
descubra en min
polo menos unha liviá memoria
do teu paso humilde e vigoroso,
servidor,
polas entrañas deste mundo.
Acción

Seguro que na nosa historia persoal hai algunha persoa que axudou a espertar en nós o interese por Xesús e a súa causa. Podemos falar con ela e agradecerllo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.