10 novembro, 2023

Tempo Ordinario: 32ª semana



12 de novembro: Domingo 32 do tempo ordinario.

1ª lectura: Sab 6, 12-16. Salmo: 62, 2. 3-4. 5-6. 7-8.
2ª lectura. 1Tes 4, 13-18.

Evanxeo. Mt 25, 1-13.

Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábola:
—“O Reino dos Ceos parecerase a dez mociñas que, collendo os seus candís, saíron recibir o noivo. Cinco eran necias e cinco asisadas. As necias colleron os candís, pero non os encheron de aceite; as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas.

Como o noivo tardaba, pegoulles o sono e botaron unha soneca. Alá pola medio noite oíuse berrar: “Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!” Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís. Entón dixéronlles as necias ás asisadas: “Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen”. Responderon as asisadas: “Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda e que o merquedes”.

No intre que elas ían mercalo chegou o noivo, e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas e pechouse a porta.

Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: “Señor, Señor, ábrenos!” Pero el respondeulles: “Asegúrovos que non vos coñezo”.

Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.

Meditación

Esta parábola non foi contada por Xesús para nos meter medo no corpo, senón para alentar esperanzas, desexos, ansias polo encontro con Xesús, con Deus; ansias pola construción de Reino día a día, no que nós vemos e no que Deus ve, que é moito máis fondo e radical, máis fiel ao real tamén. A calquera hora, no momentos e nas circunstancias menos agardadas, aparece o noivo, é dicir, dáse a posibilidade de que algo humanamente fondo suceda en nós, diante de nós, arredor de nós, máis preto ou máis lonxe, e pode ser que nin nos decatemos, nin nos imaxinemos que ese é o momento no que Deus visita a miña vida para abastecela, para abrila a unha maior fidelidade, a unha maior solidariedade, a unha maior limpeza.

E isto pode acontecer, repetímolo, nas circunstancias máis normais da vida de cada día: cando se me vén á cabeza se a maneira de relacionarme co meu fillo ou filla nena ou adolescente, é o máis axeitado, ou se me estou desentendendo da responsabilidade que, como pai ou nai, me corresponde. Pode acontecer tamén, por exemplo, cando caio na conta de que tal veciño ou veciña o está pasando mal, e, dicíndomo ou sen mo dicir, percibo que igual algo podería facer: unha visita, unha conversa, un ofrecemento, unha incorporación do caso á miña vida, á miña oración. Pode acontecer igualmente cando, se cadra, me decato de que falo e falo da realidade social, da política, súmome con facilidade ao coro dos críticos, pero realmente non estou facendo nada para que as cousas cambien, máis ca falar, e me pregunto se non podería entrar a participar nisto ou naquilo, para que o pan e a paz, a xustiza, a legalidade colla corpo na nosa sociedade. E, coma estes tres exemplos, pode haber un montón máis; persoas e acontecementos, pequenos ou grandes, nos que Deus pasa pola miña porta, agardando atención, resposta.

Alerta, vixilancia, mentes espelidas, corazóns frescos, é o que Xesús nos demanda, é o que el mesmo quere axudar a fortalecer nas nosas vidas con esta narración que nos conta. Os tempos son recios, como dicimos frecuentemente. Os tempos son de transcendencia, como o era a voda que narra o evanxeo. Tempos para grandes encontros, para grandes amores, para grandes servizos, para grandes comezos de algo novo, que traia conforto, alegría, que abra futuros novos, distintos, mellores. Somos moitos, moitas, as que falamos ou oímos falar de que hai moitas cousas que afectan ás persoas e á sociedade no seu conxunto, que non poden seguir así, que deben cambiar, que é hora de soñar, de esperar e de crear algo novo, entre todos, con todas as armas que teñamos, tanto as persoas non crentes como as crentes. Imos faltar nós, os seguidores de Xesús, á esa cita á que o mesmo Deus nos convoca a través do clamor da xente máis deixada de lado? Imos deixar de aportar aquilo que nos temos de bo, de precioso, ese aceite santo que non é, nin máis nin menos, que o Espírito de Xesús, a novidade de Xesús, a súa maneira clara, apaixonada de estar e de vivir, de amar e de servir?

Pero pode ser que, por calquera razón, nós mesmos, homes e mulleres cristiás, carezamos dese aceite; sexamos tan toleiráns/ás, nos embobemos en tantas historias superfluas, perdamos o tempo en tantas vaidades, que á hora da verdade teñamos as aceiteiras baleiras, queiramos acender a lámpada e ser luz, para nós mesmos e para a xente que nos rodea nestas horas escuras, e nos descubramos escasos, carentes do elemental que un cristián, que unha cristiá debería ter, que é abundancia do Espírito de Xesús, para dar e compartir. Que triste a persoa cristiá, a comunidade cristiá que en tal situación se atope! Non é algo disto o que precisamente nos está pasando aos membros de moitas parroquias, de moitas comunidades cristiás, que vivimos e ofrecemos vaidades espirituais no canto do humilde, valente e recio Espírito de Xesús, no canto de Xesús mesmo? Que imos facer? Dedicarnos a pedir o Espírito de Xesús a outros, na hora extrema, cando as cousas son irreversibles, ou dispoñernos con urxencia a volver aos amores primeiros e restaurar todo o que en nós temos abandonado, desasistido? A isto nos invita con urxencia Xesús coa parábola que nos conta.

Vivimos comunitariamente, complementámonos en moitas cousas, tanto na sociedade como na comunidade cristiá, os fallos dunhas persoas poden ser suplidos polas calidades doutras, pero tamén é certo –e isto recórdanolo a parábola—que a responsabilidade de cada quen é intransferible. O que cada un, cada unha, de nós pode facer e deixa de facer, de aportar, queda en branco na construción persoal, social, comunitaria, eclesial. Facémonos escuridade e privamos a outras xente do noso don persoal, do noso aceite persoal que podería ser forza, ilusión, empeño, constancia, luz, amor, paixón, fermosura, Deus.

A celebración eucarística pode ser un bo momento para decatarnos quizabes de que andamos coas aceiteiras baleiras e para enchelas na memoria de Xesús de Nazaré, morto e resucitado en sobreabundancia de amor e de servizo.

Preces

QUE NA TÚA FORZA, SEÑOR,
ATOPEMOS NÓS A NOSA FORZA

Andamos cansos/as, desilusionados/as por cousas que pasan nas comunidades cristiás e polo mundo adiante. Por iso rezamos.

Fáltanos alegría; esforzámonos, se cadra, pero cun toque de amargura, que non sabe a festa de vodas, a encontro de namorados. Por iso rezamos.

Cústanos responsabilizarnos, dar, aportar todo canto nós podemos aportar, para facernos persoas plenas, felices, para contribuír a fonda á felicidade dos demais. Por iso rezamos.

Nesta hora de crise e frustración para tantas persoas e familias, sen traballo, desesperadas, indignadas, vendo a prepotencia e o oportunismo de quen manexa o poder e a economía. Rezamos.

Para que nos animemos a construír comunidades cristiás en alerta, desprendidas, libres, dispostas, alegres, que sexan testemuño humilde da sólida alegría e xustiza de Deus. Rezamos.

Oración
Unha miguiña de aceite, Señor,
polo teu amor,
unha miguiña do teu aceite,
esvarando sobre este corpo canso,
sobre este espírito esgotado!

Unha miguiña de ilusión, Señor,
polo teu amor,
unha miguiña da túa ilusión,
para calmar amarguras e infidelidades,
para estar alerta na hora das chamadas.

Unha miguiña de paixón, Señor,
polo teu amor,
unha miguiña da túa paixón,
fecundándonos de novo o corazón
para a tarefa humilde do teu Reino.

Unha miguiña de luz, Señor,
polo teu amor,
unha miguiña da túa luz,
para alumar trampas e falsidades
—propias e alleas—
e vivir na verdade o don da túa presenza.

Unha miguiña de ti, Señor,
polo teu amor,
unha miguiña de ti mesmo,
que só ti abondas
para os maiores soños,
para as máis limpas realidades.
Acción

Á luz desta parábola de Xesús, podemos mirar se nós, como persoas e como comunidade cristiá, estamos alerta para percibir o paso de Deus polo medio e medio do que está acontecendo no mundo. Ou se estamos como durmindo, xordas e cegas. incapaces de oír sequera a voz de Deus invitándonos á festa da vida.


13 de novembro: Luns da 32ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Sab 1, 1-7. Salmo: 138, 1-3. 4-6. 7-8. 9-10
Ano 2: 1ª lectura: Tit 1, 1-9. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6

Evanxeo: Lc 17, 1-6

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban máis de cerca:
—É irremediable que haxa escándalos, pero ai de quen os provoca! A quen escandalice a unha destas criaturiñas, máis lle valería que lle colgasen unha pedra de muíño no pescozo e que o largasen ao mar. Andade con coidado. Se o teu irmán che fai mal, repréndeo; se se arrepinte, perdóao. E, se te ofende sete veces no día e sete veces volve a ti dicindo: “Síntoo moito”, perdóao.

Rogáronlle os apóstolos ao Señor:
—Auméntanos a fe!

O Señor respondeulles:
—Se tivésedes unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: “Arríncate e plántate no mar”, e seguro que vos obedecería.

Meditación

Somos persoas que, por regalo de Deus, gustamos de acompañar a Xesús máis de cerca. E Xesús sinálanos hoxe tres maneiras propias de quen queira andar ao seu redor. A primeira ten que ver con ese convencemento seu de poñer sempre no centro das nosas ansias e coidados as persoas máis fráxiles, evitando facer calquera cousa que deteriore o seu corpo, o seu espírito, os seus soños e lles impida levar unha vida digna ante a xente, ante Deus. A segunda ten que ver coa necesidade do perdón entre nós, se queremos facer boa comunidade cristiá, boa sociedade tamén. Perdón sen límites. Non coma un xesto de fuxida ante o mal, senón como aposta esperanzada polas persoas máis fráxiles tamén, máis abocadas ao mal polas razóns que sexan. E a terceira ten que ver coa fe, como soporte que fai posible todo o anterior. A fe non como simple asentimento doutrinal ao que dicimos crer, senón como actitude vital confiada en Deus e en que o seu poder de ben, de cambio, de transformación, chega máis aló do que podemos esperar das nosas forzas. Coma sempre Xesús situándose contracorrente de moitos criterios normais, e invitándonos a nós a andar con el tamén contracorrente.

Oración
Auméntanos a fe, Xesús,
pedíanche daquela as persoas que te acompañaban.
E o mesmo desexo che presentamos nós.
Moitas son as cousas que nos desalentan,
que nos fan perder a esperanza,
que nos fan desconfiar de todo:
de nós, da demais xente,
do futuro das aldeas,
do recoñecemento da xente máis vulnerable,
de ti mesmo, Xesús,
do Deus no que ti tanto confiabas.
Que se nos abran os ollos,
para descubrir a forza do ben,
a túa mesma forza,
tirando por todo cara a arriba
e arrastrándonos cara á fe e á esperanza.
Canto o necesitamos, Xesús!
Acción

Podemos mirar se en algo desde a propia persoa ou desde a comunidade cristiá estamos sendo razón de tropezo para algunha persoa débil, nas cousas normais da vida, nas cousas da fe. Podemos mirar se en algo nos estamos negando ao perdón cara a algunha persoa concreta. Podemos mirar que cousas nos están achicando a fe. Mirar, para detectar, para dar algún paso, para cambiar. Xesús apóianos. Deus tamén con el.


14 de novembro: Martes da 32ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Sab 2, 23—3, 9. Salmo: 33, 2-3. 16-17. 18-19
Ano 2: 1ª lectura: Tit 2, 1-8. 11-14. Salmo: 36, 3-4. 18 e 23. 27 e 29

Evanxeo: Lc 17, 7-10

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que o seguían de cerca:
—¿Quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da terra: “Entra axiña e ponte á mesa”? ¿Non lle dirá máis ben: “Prepara a cea, viste a roupa de traballo e sírveme mentres eu como e bebo; despois comerás e beberás ti?” ¿Ou é que aínda lle vai ter que agradecer ao criado que lle faga o mandado? Así tamén vós, cando fagades todo o que se vos mande, dicide: “Somos uns pobres servidores ou servidoras; non fixemos máis có que tiñamos que facer”.

Meditación

A pequeniña comparanza que emprega Xesús responde a unha práctica que se daba daquela e que, con formas máis modernas, se dá tamén nos nosos tempos. Parece como se Xesús vise ben ese funcionamento abusivo con quen serve. Polo que sabemos doutras partes do Evanxeo, non é ese o estilo de Xesús, non é ese o estilo do Deus de Xesús. Usa esa comparanza Xesús para recalcar unha cousa moi concreta na nosa relación con Deus, no noso servizo a Deus e á súa tarefa de irmandade connosco: fagamos o que fagamos, o noso servizo ante a esplendidez de Deus sempre será algo pequeno, e o normal será que o vivamos coa conciencia de sermos simplemente uns pobres servidores ou servidoras. E vaia se nos está Deus agradecido polos nosos servizos! Nisto si que Deus non casa co amo que dicía Xesús. Xesús está compartindo connosco a vivencia que el tiña ante Deus: son un pobre servo!

Oración
Son un pobre servo
—palabra de Xesús—,
son un simple servo,
que non fixen máis có que tiña que facer.
De Deus recibín o ser e a tarefa,
de Deus recibín a forza e a idea,
de Deus recibín o acompañamento diario,
sempre á miña porta,
sempre, a toda hora,
de día e de noite,
nos amenceres e solpores.
Que lle vou dicir?
De que me vou chufar?
Si,
pobre servo,
feliz de poder selo,
feliz de desfacerme en servizo
pola gloria de Deus na xente máis vulnerable.
Este, e non outro, é o meu gozo, a miña festa.
Grazas, meu Deus.
Acción

Normalmente non nos gustan as persoas que se andan chuleando do que fan ou deixan de facer. Hai que se chulea abertamente, e quen o fai de forma máis raposeira. Podemos mirar se en algo entramos neste tipo de comportamentos tan pouco construtivos. E cambiar, claro.


15 de novembro: Mércores da 32ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Sab 6, 1-11. Salmo: 81, 3-4. 6-7
Ano 2: 1ª lectura: Tit 3, 1-7. Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6

Evanxeo: Lc 17, 11-19

Unha vez, indo de camiño a Xerusalén, pasaba Xesús entre Samaría e Galilea; ao entrar nunha aldea, saíronlle ao paso dez leprosos. Pararon ao lonxe e suplicáronlle berrando:
—Xesús, mestre, ten compaixón de nós.

El, ao velos, díxolles:
—Ídevos presentar aos sacerdotes.

E aconteceu que, cando ían de camiño, quedaron limpos. E un deles, ao se decatar de que estaba curado, volveu loando a Deus con grandes voces. E prostrándose, rostro en terra, aos pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano. Xesús dixo:
—¿Non foron dez os que quedaron limpos? ¿Onde están os outros nove?

E engadiu:
—Érguete e vaite; salvoute a túa fe.

Meditación

Ser persoas agradecidas. Parece, en principio, algo normal, doado de facer e de vivir, pero non o é tanto. Non o foi para aqueles nove leprosos que non volveron onda Xesús, e non o é para nós, que con frecuencia andamos pola vida coa sensación de que todo se nos debe coma un dereito e non coma unha graza que se nos fai. A mesma existencia, a familia que nos criou foi un regalo. As atencións de todo tipo que recibimos na vida (escola, saúde, servizos múltiples) son o froito do esforzo de moita xente anterior a nós que os loitou e posibilitou; o sentirme querido, valorado, integrado en grupos diversos son cousas posibles porque hai outras persoas que me fan sentirme así. E non digamos xa Deus, que é ese dinamismo de vida cara á unión solidaria, cara á liberdade, cara á felicidade, que desde o noso nacemento se fixo presente na nosa vida con vontade de servizo absolutamente gratuíto. Podemos cultivar esa condición humana tan preciosa, que é ser persoa agradecida, afacéndonos cada día, momento a momento, a vivir todo canto vivimos co seu fondo de graza e de regalo, do que son axentes directas moitas das persoas que conviven connosco na vida, por non dicir todas.

Oración
Grazas, meu Deus,
por todo canto son e canto teño,
cruzado de arriba a abaixo polo gratuíto.
Grazas pola auga, polo vento, pola terra, polo sol,
grazas pola mantenza diaria,
morea de criaturas ao servizo do meu ben.
Grazas polos agarimos e tenruras
que tanta xente tantas veces me amosa.
Grazas polos dons e calidades que teño,
sempre, sempre froito dos servizos e atencións
de tantísima xente que me precedeu e acompañou na vida.
Grazas por ti mesmo, meu Deus,
envolto en todo isto,
suscitando todo isto do que fuches creador,
loitando por facer deste mundo
un mundo de dons e agradecementos
do que ningunha persoa quede nunca excluída.
Acción

Hoxe podemos pensar nalgunha persoa á que lle debemos algún favor, algún servizo, para agradecerllo da maneira que consideremos máis expresiva.


16 de novembro: Xoves da 32ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Sab 7, 22—8, 1. Salmo: 118, 89. 90. 91. 130. 135. 175
Ano 2: 1ª lectura: Flm 7-20. Salmo: 145, 7. 8-9a. 9bc-10

Evanxeo: Lc 17, 20-25

Unha vez uns fariseos preguntáronlle a Xesús cando chegaría o reino de Deus, e el respondeulles:
—O reino de Deus chegará sen facerse sentir, de tal xeito que non se dirá: “Velaquí ou velaí está”, porque a verdade é que o reino de Deus xa está entre vós.

E díxolles ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Virán tempos nos que cobizaredes pasar un só día co Fillo do Home e non poderedes. E diranvos: “Mirádeo aí ou aquí”, pero vós non vaiades nin corrades detrás. Porque como o lóstrego brilla refulxente dende un extremo ao outro do ceo, así será o Fillo do Home no seu día. Pero antes é preciso que padeza moito e que esta xeración o rexeite.

Meditación

As primeiras xeracións cristiás estaban moi dominadas polo sentimento de que axiña, moi axiña, ía chegar o reino de Deus na forma dunha irrupción poderosa por parte de Deus que amañaría o mundo e inauguraría unha nova época de xustiza e paz. Pouco a pouco fóronse decatando de que as cousas non eran así, e foron chegando ao convencemento simple, pero ben cativador, de que o reino de Deus xa está entre nós, e nós somos, con Deus, quen o facemos presente e quen del podemos gozar. O mundo é tarefa de Deus e máis nosa; e o mesmo a familia na que estamos, o pobo no que vivimos, a comunidade cristiá da que formamos parte, o estado, España, no que estamos integrados, as relacións que mantemos día a día con homes e mulleres diversas,… todo, todo é o espazo do reino de Deus, e ante el temos unha responsabilidade, e dentro desa responsabilidade podemos percibir tamén a Deus mesmo como compaña maior que nos alenta e que nos promete un final feliz, aínda que sexa despois de pasar por loitas e padecementos, como a Xesús mesmo lle pasou.

Oración
Non á angustia que encolle e que destrúe
e si á paz máis fonda en nós, en ti, meu Deus.
Non á desesperación ante o mal que van as cousas
e si á confianza segura de que para todo hai final feliz.
Non aos medos polo que nos pode vir enriba
e si á tranquilidade de quen se sabe en boas mans.
Non ao desinterese e á nugalla (preguiza)
e si á implicación humilde na tarefa da vida.
Non ao “sálvese quen poida” egoísta
e si aos soños comunitarios solidarios.
Non a un mundo machucado en mans duns poucos
e si a un mundo coidado, libre para ben de todas as criaturas.
No teu nome, meu Deus,
coa túa paz, coa túa forza.
Acción

Podemos vivir este día coa conciencia de que, a través do que falamos e facemos, dunha maneira humilde estamos construíndo, ou non, o reino de Deus, os soños de Deus para toda a humanidade.


17 de novembro: Venres da 32ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Sab 13, 1-9. Salmo: 18, 2-3. 4-5
Ano 2: 1ª lectura: 2 Xn 4-9. Salmo: 118, 1. 2. 10. 11. 17. 18

Evanxeo: Lc 17, 26-37

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—O que pasou no tempo de Noé pasará tamén no tempo do Fillo do Home. Comían, bebían e casaban, ata o día no que Noé entrou na arca; logo veu o diluvio e acabou con todo o mundo. O mesmo pasou no tempo de Lot: comían, bebían, mercaban, vendían, plantaban, construían; pero cando saíu Lot de Sodoma, choveu lume e xofre do ceo e acabou con todo o mundo. O mesmo pasará cando se manifeste o Fillo do Home.

Aquel día quen estea na azotea e teña as cousas dentro da casa non baixe por elas; e quen estea na leira tampouco non volva atrás. Lembrade o caso da muller de Lot. Quen intente salvar a súa vida, perderaa, e quen a perda salvaraa. Asegúrovos que nesa noite estarán dúas persoas nunha mesma cama; levarán a unha e deixarán a outra; estarán dúas persoas moendo xuntas; levarán a unha e deixarán a outra.

Eles preguntáronlle:
—¿Onde, Señor?

Respondeulles:
—Onde estea o cadáver xuntaranse os voitres.

Meditación

Na Igrexa durante anos, séculos, empuxóusenos a ser boas persoas cristiás coa presión de dous medos: o medo social, o ambiente, o que dirán, que nos levaba a facer o que había que facer máis por temor ca non por convencemento; e o medo interior, sobre todo o medo a vivir e morrer en pecado, cousa que derivaría en condena eterna e en mil castigos eternos. Hoxe estes medos, grazas a Deus, impórtannos moito menos. Podemos quedar aí, liberándonos deses medos e nada máis. Ou podemos liberarnos deses medos e como persoas cristiás ver o que realmente nos constrúe como persoas, como cidadás ou cidadáns, como membros dunha comunidade cristiá; e facer o que fagamos por convencemento. Por suposto que sempre estamos abocados a ese momento final, tanto de cada unha das nosas persoas, como do conxunto do mundo. Forma parte da condición caduca de todo o creado; pero coma crentes nun Deus de vida e non de morte e acabamento, podemos sintonizar con ese momento apostando pola vida limpa, honrada, digna en todo, para nós e para quen nos rodea. Así poderemos chegar ao final da nosa existencia con paz e con esperanza. Daquela comeza unha nova vida, e que vida!

Oración
Cando queiras, meu Deus,
peta á miña porta e entra.
Pero, que digo?
Se estás petando e petando,
día si e día tamén!
Se o teu é provocar encontros,
soster amizades,
garantir eternidades.
Cando queiras, meu Deus.
Acepto ser pouca cousa, caduca,
chamada a desaparecer aos ollos deste mundo,
pero, grazas a ti, aberta ao inimaxinable,
como ante o inimaxinable está
a criaturiña no ventre da súa nai.
Cando queiras, meu Deus,
sei que, cando iso sexa,
estarás aí coas mans abertas,
co corazón aberto,
como parteira de comunidade eterna,
acolléndome no teu colo de Pai maternal
no fogar dos amores absolutos.
Cando queiras, meu Deus,
cando queiras.
Acción

Andamos para arriba e para abaixo, sen concedernos apenas tempos para estar a soas con nos mesmas, simplemente para tomar conciencia da nosa existencia, do que somos, daquilo polo que loitamos, das nosas esperanzas, dos nosos soños. Para tomar conciencia tamén da fonda vinculación que Deus quere establecer connosco. Hoxe podémonos conceder media horiña para contactar co noso propia ser, ante nós, ante Deus.


18 de novembro: Sábado da 32ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Sab 18, 14-16; 19, 6-9. Salmo: 104, 2-3. 36-37. 42-43
Ano 2: 1ª lectura: 3 Xn 5-8. Salmo: 111, 1-2. 3-4. 5-6

Evanxeo: Lc 18, 1-8.

Nunha ocasión Xesús, para ensinarlles ás persoas que o acompañaban de cerca a necesidade de orar sempre, sen cansar, propúxolles esta parábola:
—Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba a xente. Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: “Faime xustiza fronte ao meu adversario”. El durante moito tempo non lle fixo caso ningún, pero despois cavilou:”Aínda que non temo a Deus nin respecto a xente, como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida”.

E o Señor continuou:
—Fixádevos no que di o xuíz inxusto. ¿E logo Deus non lles vai facer xustiza ás persoas que el mesmo elixiu, que chaman por el día e noite?; ¿ou tardará en atendelas? Asegúrovos que lles fará xustiza sen demora. Pero cando chegue o Fillo do Home, ¿el atopará fe sobre a terra?

Meditación

Orar sen cansar. Que non quere dicir importunar e importunar a Deus, ata que, canso de nós, nos acabe dando o que de primeiras se resistía a dar. Iso era o que facía o xuíz inxusto, precisamente porque era inxusto, porque non se doía da debilidade da viúva, porque andaba ao seu e ás súas comenencias. Pero Deus non é así. Deus escoita sen demora, atende sen demora, fai xustiza sen demora, porque non é un xuíz inxusto e desinteresado de nós, senón un Pai maternal que devece máis ca nós mesmas polo noso ben.

Orar sen cansar. Que quere dicir estar co corazón permanentemente aberto ante Deus, dispoñibles a acoller os seus ofrecementos, cunha confianza absoluta en que el si está totalmente da nosa parte, e co seu espírito bo nos quere acompañar en todos os momentos da nosa vida: nos malos momentos dándonos paz e forza para levalos con esperanza, nos bos momentos dándonos serenidade e contento para vivir con agradecemento, en disposición de ser para a demais xente unha persoa atenta e considerada, como Deus o é connosco.

Oración
Non me fan xustiza, meu Deus!,
oraba o labrego pobre de Castelao,
en representación dun mundo rural castigado
que nin na mesma Igrexa atopaba atención.
Non me fan xustiza, meu Deus!,
din hoxe os milleiros de persoas refuxiadas,
que cruzan África ou Centroamérica
na procura de traballo, teito e dignidade.
Non me fan xustiza, meu Deus!,
rezan hoxe os meniños e meniñas abusadas
por clérigos dominantes, por señores da guerra
ou polos amigos da trata máis desapiadada.
Non me fan xustiza, meu Deus!,
berran hoxe con berros colectivos
persoas desafiuzadas, vellas, pobres, abandonadas,
que deben dobregarse aos intereses do capital.
Non me fan xustiza, meu Deus,
berra a xente que de nós espera atención e consideración
e atopa en nós portas pechadas,
desinterese e abandono.
Acción

É moi posible que coñezamos o caso dalgunha persoa que estea sufrindo algún tipo de soidade, de desamparo, de abuso, de inxustiza. Podemos visitar esa persoa, escoitala, animala, a Deus e acompañándoa no que vexamos oportuno facer.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.